lunes, 27 de junio de 2016

SIGAMOS SENDO PAILÁNS


            Vale. Xa está. España quedou eliminada da Eurocopa. E que? Ós que nos gusta o fútbol seguiremos vendo fútbol. Merece a pena. Chéganme dous partidos para comulgar con este deporte. O de Bélxica-Hungría e o de Italia-España. Vendo a Bélxica e vendo a Italia. A ver, mordes as uñas vendo a impotencia de España e desexando que gane, pero ante o xogo dos espaguetis, polo menos no primeiro tempo, non queda outra que darlle grazas a Deus por non meternos máis. Que forma de xogar! Xogaban tan ben que ata te alegrabas de que xogaran ben. Polo menos eu. E seguía querendo que pasase España, incluso de chorra.
            Nada. Tranquilos. Aquí paz e despois gloria. Aínda que a gloria española... vai ti saber cando volverá. Ó mellor xa nin a recordarei. Digo gloria porque os seguintes partidos que boten por aberto, e se non hai ningún inconveniente, este paisa porase unha vez máis diante da televisión para ver a 22 tíos correndo detrás dun balón. Si, ese chamado deporte de masas no que os intelectuais seica non teñen cabida. Seica non. Non procede ler un libro ou asistir ó teatro ou ó cine ou a un museo se tes a pouca intelixencia de ver fútbol. É igual, sigamos sendo pailáns, pero gozando co fútbol dos oito equipos que quedan na Eurocopa. Malo será que non vexamos algún que outro partido bo.


            Finca Fierro. Luns, 27 de xuño de 2016

viernes, 24 de junio de 2016

ENCERRADOS NA NOSA ESCRAVITUDE


            Ó mellor, cando saian publicadas estas liñas, seguimos, politicamente, como estabamos, é dicir, sen que ninguén nos goberne asta que pacten uns cos outros. Cando as escribín, o típico: farto de tanta campaña electoral na que se dixo, se berrou e se prometeu, para que? Para estar como hai meses? Para estar coma sempre? Ou sexa, para que os pombos traballemos para os corruptos.

            Ó mellor, cando saia publicado este recuncho, a selección española de fútbol pode estar a tan só unhas horas de facer as maletas e virse para España ou para izala (á selección), unha vez máis, ó pedestal das grandes heroicidades. No noso país nunca houbo termo medio. Nunca. Real Madrid ou Barcelona. PP ou PSOE. Heroe ou infame. Cando lle ganamos a Turquía, unha marabilla!. Ó perder contra Croacia, uns vendidos! Ó principio, De Gea tiña que empezar, xa!, a relevar a Casillas. Logo do de Croacia, maldita sexa a súa estampa! Cando Sergio Ramos marcou aquel penalti ó estilo Panenka, un fenómeno!. Cando fallou contra Croacia, que carallo pintaba el co balón nas mans! Aquí axiña buscamos un culpable, só un. Neste caso, a política é distinta: moitos culpables e ningún condenado. Para que? Se para isto chegamos os pombos. Os pombos vivimos encerrados na nosa escravitude.
            Ó mellor, cando saian estas liñas, un servidor anda pola Costa da Gándara baixando nas ramas das vides ou atando ou esfollando; porque hai pombos que teñen que adiantar as vacacións para coidar do froito que chegará ás mans dos listos, sen que estes levaran a cabo ningún esforzo. Así é que, a traballar, paisano!, para que uns vivan á costa dos outros.


            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Venres, 24 de xuño de 2016

NUNCA AGACHARON A CABEZA


            Hai tempo cheguei a sentir compaixón polo equipo de fútbol modesto Os Chaos, porque un día lin que levaban non sei cantos partidos (ata creo que incluso temporadas, falo de memoria) sen ganar, sen tan sequera empatar. Pero chegaba o momento en que me dicía que... “vale, pobriños!, pero son adultos e andarán tan só a divertirse”. Ó mellor ata poden ter máis moral có Alcoiano. Non obstante, se esas mesmas circunstancias se traspasan a uns nenos, aí creo que cambia moito o asunto. Os nenos, a maiores de divertirse, gústalles ganar e ganar. Xa sabemos que a inocencia dun neno, ás veces, é efémera, que se pode rillarlle os ósos a outro neno faino sen pestanexar. É dicir, calquera neno goza, chouta, berra, ri e vólvese tolo cando gana algo no que participa, no que compite.
            O equipo júnior de baloncesto do ABO tirouse toda a temporada 2015-2016 sen ganar ningún partido. Nin tan sequera tiveron o consolo de empatar algún porque no baloncesto ou matas ou morres. Os júnior, quéirase que non, aínda son nenos. Quero poñerme na pel deles para coñecer o sabor desa frustración, mais non me saen as palabras e o único que consigo é que me embargue unha emoción tan forte que chega un momento en que non sei se é de pena ou de auténtica heroicidade. Si, digo ben ó dicir heroicidade.
            Porque, algunhas veces, ser heroe é case fácil; pero ser heroe en todas as derrotas é moi pero que moi difícil. E creo sinceramente que os júnior do ABO foron e son uns auténticos heroes. Porque derrota tras derrota nunca agacharon a cabeza, e asistían ó seguinte partido coa intención de comerse o mundo, aínda que, moitas veces, xa sabían de antemán que acadarían unha derrota máis. Pero eles dálle que dálle: ós partidos e ós adestramentos. Ninguén foi capaz de lle minar a moral.
            A todo adulto lle gusta ganar. Imaxinade a un cativo, a un mociño. Por iso ten o seu mérito que non decaeran nunca, que tomaran incluso a competición como unha obrigación seria pero cun fondo nostálxico porque a derrota sempre deixa un mal sabor de boca. Pero eles seguían e seguían. Aínda sabendo que non tiñan nadan que facer, deixaban a alma nas canchas, os cotobelos nas paredes e as patadas nos bancos... porque aquel lanzamento non entrou ou porque aquela xogada non saíu. Algún ata pensou que a camiseta lle aguantaría a súa impotencia, o seu cabreo ante un fallo que lle ocorre a calquera. Pero a camiseta non aguantou. Rachou, verdade Xoel?
            Heroes anónimos. Para máis aquel, nun deporte minoritario. Para máis inri, pouco máis que uns nenos. Heroes anónimos dándolles leccións á afección, ós pais porque vían que estes, que nós, máis dunha vez, sufriamos máis ca eles. Houbo partidos que se vía ás leguas que se podían ganar, pero por unhas e outras circunstancias, non se conseguía e a rabia, a impotencia facíase dona e señora da afección. O típico: “para unha vez que se podía ganar”. A desilusión era enorme. Pero aí estaban eles... apuntándose ó seguinte adestramento, comparecendo ó seguinte partido con ganas de... agora si, este ímolo ganar, hoxe machacámolos. Así, un partido detrás doutro.
            Heroes por constancia, por perseveranza, porque as ansias de ganar son moito máis fortes que todas as desilusións. Heroes anónimos que espero que a partir de hoxe xa non sexan tan anónimos, porque ata os perdedores teñen os seus méritos (lembrade ó ciclista Raymond Poulidor), ata os perdedores merecen unha recompensa: unha lectura afectuosa e aloumiñeira, e, por favor, unha ollada á foto con agarimo de pais para que deixen de ser anónimos e pasen a ter os nomes de (de pé, de esquerda á dereita): Samuel Ferro (2), Andrés Campos (22), Víctor Vilar (5), Xosé Anxo Sánchez (adestrador), José Ramón Martínez (13), Enrique Osorio (16), Pablo Varela (18) (de xeonllos, de esquerda á dereita): Xoel Rivas (9), Iván Pintor (23), Rubén Rodríguez (14), Martín Conde (1), Joel Martín Domínguez (24) e Pablo Montes (21). Falta na foto Adrián Rodríguez.
            Grazas, rapaces. Grazas, fillos, por facernos gozar incluso coas derrotas. A nós chéganos cunha tripla de Pablo Varela e unha “virguería” doutro calquera. E sobre todo... con que non vos manquedes. É o sempiterno desexo de todo pai.

            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Venres, 10 de xuño de 2016


Publicado en La Región o venres, 24 de xuño de 2016

jueves, 23 de junio de 2016

OS BERROS DA MEMORIA


            Aí están. Os berros da memoria que se esparexen por entre as airas de Baños de Molgas e os montes de Pinouzos, por entre os regos do millo e as gadañas nos Lamas. Aí están. Os partidos de fútbol por entre os carballos da Carballeira e o xogo do marro pola aira de Arriba.
Aí están os recordos que nunca se van. Nunca. Nin se irán os soños de ser home cando se era neno, nin o de ser neno cando xa se é home. A vida ás veces ten tal contraste que ata este se volve fermoso co paso do tempo. Tampouco se irán os berros dos carros nin o árdelle o eixe! das almas. Que tempos! Tempos que non volverán. Quizais sexa mellor así, pero, ás veces, a nostalxia é coma unha bágoa de emoción que esvara moi devagariño pola cara. Aí están. Os berros da memoria de cando un escribía poemas sobre un corazón escachado ou de cando un quedaba coa ollada perdida e... soñando, soñando, soñando. Canta dozura teñen hoxe os recordos da infancia, incluso da adolescencia. Son coma o compás jazzístico dun tema de Miles Davis ou de John Coltrane. É igual; as mañás en Sudalomba deixábanlle paso ás tardes en Barricobos, ou na Porfía. Eran tempos de música sen orquestra, de bailes sen parella, pero coa festa a rachar a base de berros da memoria. A memoria, moitas veces, é tan melancólica que non queda outra que plasmala nun papel ou deixar que a mirada siga perdida no círculo dos soños. Aquí quedan. Os berros da memoria.


            Finca Fierro. Xoves, 23 de xuño de 2016

OS OVOS DA RULA


            No primeiro día das vacacións madrugamos para marchar á Costa da Gándara a baixar nas vides, e atar, e quitarlle os fillos, e arrincarlle algunha que outra herba. Madrugamos porque sabiamos que, logo, o patrón da nosa galaxia faría das súas. E tanto! Aínda non eran as doce do mediodía cando vin como unha rula puña o seu par de ovos e en menos que canta un galo xa oín e vin como se fritían. Manda truco en Baños de Molgas!, como o digo! A min xa me picaban as costas. Menos mal que pasei a mañá baixo a influencia da música que teño gardada no móbil. Se non fora pola música eu morrería de aburrimento na Costa da Gándara. Recoñezo que os traballos da viña non son aqueles traballos brutos da miña infancia e xuventude: arar coa vertedera ou con calquera outro arado da época, rozar con fouciños que pesaban máis ca min, segar con gadañas que abarcaban uns cabañóns que tiraban do peito, cavar no millo ou nas patacas cos sachos pesados e cos mangos mal feitos.
Pero os da viña son moi monótonos e moi lentos. Mátanme dos pés. Aínda llo dixen o outro día á muller e ós sogros: prefiro limpar co fouciño os balados que arrodean a finca (terei que facelo) antes que enramar ou atar. Incluso prefiro sulfatar. Sulfatando, ando. Atando e enramando: dou un paso, quedo quieto; dou outro paso, quedo quieto. Sufro dos pés. Ó que ía: que vendo os ovos da rula dixémonos: que se asen os paxariños. E marchamos. Pola tarde xa nin fomos.


            Café Paladium da Valenzá. Mércores, 22 de xuño de 2016

domingo, 19 de junio de 2016

O UNIVERSO DO SILENCIO


            Queda aí. Só. Co silencio. Non fales. Non fagas ruído. Ou escoita. Non sei. Fai o que queiras. O que queiras non, que senón fas ruído. O bonito é estar en silencio, quedar en silencio. O silencio é bonito, verdade? Sempre foi bonito. Ata a propia palabra é bonita: silencio. De todas formas, a algúns sempre lles gusta máis a o ruído. Entón, para estes, o ruído tamén é bonito. Si, pero onde estea o silencio...
            Para min, o silencio está na lúa. Alá arriba. Tan lonxe. Sen ruídos. Que marabilla! Cada vez me repito máis a miúdo que quero ser astronauta. Para ir alá arriba. Para viaxar polo silencio. Sería como meterme nun embarazo, nunha preñez de silencio. E neste caso xa me dá igual a lúa que Mate ou Plutón. O caso é viaxar (en silencio) por entre as estrelas ou as galaxias ou os universos.
Quero ser astronauta, me cago no mundo! Cala, rapaz. Non desvaríes. Queda aí. Só. Co silencio. Sen facer ruído. Pum! Pum! Pum! Non hai maneira! Quero emigrar de astronauta ó universo do silencio. Alá, tranquiliño, só, sen ruído. Sen ruído. Sen ruído. Oxalá puidera viaxar sen casco. O casco é molesto. É igual, o caso é estar en silencio. Marcho a Cabo Cañaveral a ver se me admiten. De astronauta! De que vai ser! Non quero ruídos no universo do silencio!


            Café Paladium da Valenzá. Domingo, 19 de xuño de 2016

TEÑO UNS MINUTOS


            Teño uns minutos para rezar tres avemarías e un nosopai.. Polos que andan perdidos por entre as carballeiras da memoria. Polos que loitan contra as adversidades que lles presenta a vida diante dun espello. E hai espellos que desvirtúan as imaxes. Polos que morren ante o impacto dunhas balas que dispararon uns polo simple pracer de ver caer sangue sobre as beirarrúas da existencia. Tres avemarías polas que reciben golpes dunha media laranxa que, co tempo, podrecéronlle as ideas do bo comportamento. E pensan que o matrimonio é unha simple sinatura nun papel, ou que a convivencia son os primeiros sorrisos ó cruzar a porta dunha felicidade que non tarda en escachar. Un nosopai polos que pensan que a lúa está ó alcance de calquera sentimento. Pobres inocentes!
            Teño uns minutos para pensar no que recei e chego á conclusión de que máis alá dun verso escrito hai un poema pensado, ou de que o camiño máis curto non é o que vai en liña recta. Ás veces arrodeamos para evitar o enfrontamento cun recanto da memoria, no que está escrito que non todos os soños son bonitos. De cando en vez asoman pesadelos que van e veñen por entre as pingas de suor dunha conciencia que non sabe acougar na curva da nostalxia. Rematei os minutos. Quedo en silencio.


            Finca Fierro. Sábado, 18 de xuño de 2016