jueves, 4 de agosto de 2016

DE PASEO POLA FEIRA


            Ela sabía que era complicado andar pola feira. Xeila Antiga Boibicho sabía que era a mellor feira do ano, pero aínda así botoulle valor e dispúxose a dar unha volta polo recinto no que se situaban os ambulantes. Xusto cando saía, zas, unha fina marmañeira fixo acto de presenza. Será posible!; máis dun mes sen caer unha maldita pinga de auga e van caer xusto agora!, pensou. Retrocedeu e meteuse de novo na oficina. A ver!, non é que a Xeila Antiga Boibicho lle preocupase moito o ir ou non ir dar unha volta pola feira, pero... por aquilo de se se atopaba con alguén coñecido, por aquilo do ambiente ou por aquilo de porque si.
Non obstante, Xeila non se deu por vencida e tan axiña como viu que xa escampara un chisco, saíu de novo á rúa. E botoulle valor. Logo recoñeceu que fora unha trapallada, que quen a mandaría meterse nesa turba, nesa barafunda; porque era imposible dar dous pasos sen chocar con alguén ou sen recibir algún que outro empurrón. Pero seguiu. Coa man apertando o bolso, por se acaso. Non tardou en atoparse cunha veciña á que levaba tempo sen ver. Alegrouse de vela. Alegrouse unha barbaridade. Porque era máis que veciña. E máis que amiga. Era uña e carne. Botaron un cacho latricando. Como se lle fixera tarde, regresou á oficina. A maiores de que estaba desexando abandonar ese ir e vir de xente, esa feira que sabía que cansaría, pero... as ansias de ver coñecidos.


            Café Brétema da Valenzá. Xoves, 4 de agosto de 2016

miércoles, 3 de agosto de 2016

A PREPARACIÓN DO ALMORZO


            Pola noite intento deixar todo preparadiño. Collo o cazo e póñoo na vitro, collo a cunca e bótolle un nadiña de azucre e déixoa á beira do cazo. Ás sete e dez o espertador toca diana. Ergo coma un foguete. Lávome. Vístome. Abro a neveira e saco a botella do leite. Cisco o que teña que ciscar no cazo que xa está preparado. Arréolle candela, é dicir, lume. Aproveito o tempo: estendo un pano de mesa sobre esta para que caian nela os migallos ó cortar no pan e así non limpar logo a mesa. Bótolle olladas ó cazo, por se fumega. Non me gusta o leite moi quente. Nin a comida en xeral. Como aínda non o fai, pillo a barra do pan e póñoa sobre o pano, collo un coitelo e póñoo á súa beira. Como o leite segue sen fumegar, aproveito para calzarme. Xa está. Xa me calcei. Xa fumega.
Boto o leite na cunca, póñoa na mesa, sento e mígolle o pan. Atugo os cachiños unha e varias veces. Empezo. Gloria bendita! Sempre deixo leite. Porque desde que me operaran alá polo 1980, moita cantidade non a admite o meu estómago. Vai polo vertedoiro abaixo, claro. Neste deixo a cunca. Recollo o pano e cisco no lixo os migallos que caeron nela. Sobre as sete e vinte e cinco, o molgués que subscribe sae pola porta coa ansia de poñer a radio do coche e escoitar as novas do día. Pillo camiño do traballo. Ás veces os funcionarios facemos que traballamos. Bo día a todos.


            Finca Fierro. Mércores, 3 de agosto de 2016

martes, 2 de agosto de 2016

O CONDUTOR QUE SE SENTE PERFECTO


            Constantino Yuste Curro dixo que tiña que ir a Xinzo, polo que colleu o coche e marchou. Constantino (Tino, para os amigos) cando pillou a autoestrada, acelerou. El sempre dixo que por esas vías tan rápidas non se pode ir a 60. Pero Constantino Yuste Curro intentou non pasar dos 120. Non quere que se vaia lento, pero tampouco quere cruzar os límites. Tino é moi cumpridor. E moito máis desde que lle calcaron xa máis dunha multa... por correr. Pero, coidadiño!, ir a 80 non é correr moito que digamos. Agora que, iso si, se vas a 80 nunha zona limitada a 50, pois pasa o que pasou. Doéronlle as multas, pero nunca culpará ós axentes da seguridade viaria. El é o primeiro en recoñecer que non podía ir a máis de 50. E pasou a 80.
Constantino, é dicir, Tino, a pesar da súa obediencia, houbo un tramiño no que tivo que poñer ó seu Filiberto a 130 porque tivo que adiantar a un que o estaba poñendo nervioso. Constantino Yuste Curro, cando se pon nervioso, badúa, desbarra xeralmente contra algún condutor ou contra moitos ou todos os condutores. Tino sabe que non é perfecto, pero séntese perfecto. A ver, el sempre se escaquea con aquilo de... vai ti saber como me poñerán a min. O noso amigo Tino, ou Constantino para asuntos oficiais, chegou a Xinzo sen ningunha novidade. Tampouco a tivo no seu regreso á casa. Cumpriu coas normas, dentro do que cabe, e, por que non, sentiuse perfecto.


            Finca Fierro. Martes, 2 de agosto de 2016

O LANGRÁN QUE DOMABA O BALÓN



            Segundo hoxe son un antimadridista declarado, total, profundo, ó cen por cen, a morte; nas mesmas proporcións e durante a infancia, incluso a adolescencia, na década dos 70 do século pasado, fun tal fanático do Real Madrid que sabía todo dos seus xogadores e da súa historia. Este fanatismo, e debido ó aburrimento que ás veces tiña no monte cando andaba coas vacas (algunhas veces cansaba de ler tanto), fixo que na tarde do 27 de xullo de 1976 (o mércores cumpríronse precisamente 40 anos, que xa son anos) se me metese na cabeza gravar, esculpir o escudo do equipo merengue nun penedo de Barricobos, no monte de Pinouzos de Baños de Molgas. Foi pensalo e foi poñerme á labor. Remateino na tarde seguinte.
Ó rematalo tamén levei a cabo a idea que se me ocorrera ó inicialo: labrar á súa beira o nome daquel xogador máis destacado de cada ano. Empecei co de Pirri porque este era practicamente o mellor de todos en todos os anos e, como non, porque era fácil de esculpir, tan só cinco letras. Pero tamén sabía que non tardaría en gravar o nome de Del Bosque. Eu con Del Bosque alucinaba. Dentro do meu pobre entendemento futbolístico (por rapaz, pola idade), non sei por que, pero ver a aquel home que semellaba un langrán, con aquela melena rizada, que seica non corría, pero que eu ben vía como facía correr o balón, como o tiña domado, como distribuía o xogo, digo que vendo a ese xogador cría que tamén merecía un lugar no olimpo do penedo de Barricobos.
            Mais nin naquel fanatismo meu se me deu por pensar que algún día chegaría incluso a chocarlle a man a ese monstro de xogador (e hoxe de adestrador, por moito que se acabe de retirar) E non digo xa unha foto con el, co tímido que eu era, que aínda son. Pero logo de 40 anos, conseguino. E fíxeno sendo antimadridista a morte. E que?, acaso non traballo, tamén a morte, unha viña e son abstemio? Pois entón!
            O día que lle choquei a man e que saquei a foto á súa beira (vencendo a timidez grazas a que alguén empezou primeiro coas sesións fotográficas) aconteceu en Maceda, cando a este concello se lle deu por homenaxealo (imaxino que polos seus éxitos como adestrador e como persoa) dedicándolle unha das rúas máis principais da vila. E xa que eu “pasaba por alí”...
            Por certo, non cheguei a esculpir o seu nome ó lado do escudo do Real Madrid porque todo pasa e todo cambia, e hoxe en día, un, a estas idades, xa non está para eses sentimentalismos. Digamos entón que con esta reportaxe cumpro un chisco con esa homenaxe granítica que non chegou a ser. Esta si é unha homenaxe escrita a un home, a un xogador que sempre lembrarei con cariño, a pesar do meu antimadridismo. Sigo sen meter polo medio o de adestrador e o da súa bondade como persoa. Ata creo que un culé o catalogará como unha personalidade inmensa.
            Vicente Del Bosque González naceu en Salamanca o 23 de decembro de 1950. Vai para 66 anos. Xogou na posición de centrocampista un total de 441 partidos oficiais. Debutou no fútbol nacional nas filas do Club Deportivo Salmantino (filial do Salamanca), onde foi máximo goleador con só 17 anos. Pasou ó Castela, cedérono un ano ó Córdoba e dous ó Castellón (aínda lembro un daqueles famosos cromos coa camiseta deste club), para pasar definitivamente ó Real Madrid, sendo titular do primeiro equipo durante 11 temporadas, ata 1984, e ganou con este último club cinco títulos de Liga e catro da Copa do Rei. Foi internacional con España en 18 ocasións, xogando a Eurocopa de 1980.
            Quitando ós vellos carrozas coma un servidor, hoxe en día todo o mundo coñece a Del Bosque polos seus éxitos como adestrador. Normal; a ver quen ten este palmarés: 2 Copas de Europa, 1 Copa Intercontinental, 1 Supercopa de Europa, 2 Ligas, 1 Supercopa de España, e 1 Mundial e 1 Eurocopa como seleccionador. E para un servidor tamén foi o home que nos abriu os ollos ante o xogo e a posición de Busquets. É o home que nos emocionou co seu fillo. É o home que si terá o seu espazo, a súa estampa, a súa talla, a súa gravación nesta miña memoria.
Don Vicente Del Bosque, o langrán que domaba o balón para poñerllo en bandexa a Netzer, a Velázquez ou a Pirri. Aí é nada! Coa sombra do antimadridismo polo medio: grazas, señor marqués.

Café Brétema da Valenzá. Domingo, 10 de xullo de 2016

Publicado en La Región o venres, 29-07-2016

OS ESPELLOS DO NOSO PATRIMONIO



            Unha vez máis é o feisbuq o que me pon en contacto cun... personaxe? curioso e auténtico. O feisbuq e a veciñanza, claro. Un día vin nesa rede social a foto dun libro que estaba a piques de presentarse no centro social O Cruceiro de Ponte Ambía. Arre demo, nunha aldea do meu Baños de Molgas! Quen presenta aí? Quen é? E aí empezou todo. O libriño, se non recordo mal, titúlase “Petróglifos inéditos das comarcas de Ourense e Allariz-Maceda”. O seu autor é un tal José Antonio Gavilanes Blanco. Si, os Gavilanes sei que tamén son de (ou polo menos andan) por esa zona, coma os Rivas. Así é que non houbo outra que lanzarlle a correspondente solicitude de amizade por medio do feisbuq. Aceptada esta, axiña me mandou unhas fotos duns petróglifos que estaban nese libro. Os máis antigos serán petróglifos, pero o escudo do Real Madrid serao cando o mundo deixe de ser mundo, máis ou menos. José Antonio mandoume o escudo porque el ben sabía que eu era o que o esculpira nun penedo de Barricobos. Seica o puxo no libro (tamén me amosou algún máis doutros equipos) para explicarlle ós paisanos cómo se iniciaría un petróglifo auténtico. É un dicir.
            Sempre se dixo que as desgrazas nunca veñen soas. Pero ás veces ás amizades ou alegrías pásalles o mesmo. Porque 49 anos (a ideade del) sen saber nada del, en poucos días coincidimos no feisbuq e nun pavillón deportivo (á presentación do seu libro, o 29 de agosto, non puidera asistir). Resulta que un día un dos seus fillos ía enfrontarse a un dos meus, Alán, no pavillón Pompeo, do instituto Otero Pedrayo. Falamos e xa entre uns partidos e outros, e máis o feisbuq, pois o normal: que a amizade, a comunicación foise e vaise agrandando. Ata o punto de lle facer esta reportaxe. Pero si, é verdade, non lla fago porque sexa un simple coñecido ou xa un amigo nin porque sexa de Ponte Ambía, senón porque a súa afección non é peixe podre, non é un pasatempo calquera nun país onde só adoita haber afeccionados ó fútbol, e punto.
            Pero José Antonio Gavilanes tampouco é un afeccionado calquera nisto dos petróglifos, polo menos segundo as palabras de Ambrosio Borrajo (o mestre que xa tivo o seu protagonismo noutra reportaxe miña e ó que tamén lle gusta o estudo dos petróglifos), pois case se pode dicir que os cheira desde a distancia e que ve liñas sobre as rochas ou pedras sobre as silveiras ou matogueiras que ninguén ve. Cando atopa as rochas e as liñas xa se converte nun can de presa, que non as solta nin a sol nin a sombra.
            José Antonio Gavilanes Blanco é o seu nome oficial, pero nas aldeas sempre hai un extraoficial. O seu é “o fillo do Piepito”. Naceu un 9 de abril e aínda que os seus estudos non foron pola rama da arqueoloxía, hoxe é un dos máis e mellores coñecidos catalogadores do Patrimonio Galego. Di que herdou dos seus devanceiros o respecto e a curiosidade polo patrimonio que hai por toda Galicia, en xeral, e pola nosa comarca, en particular. E hai moito.
            A pesar de non ser un profesional da arqueoloxía, el, sempre que pode dispoñer dalgún momentiño, sobre todo cando visita a aldea (vive en Ourense desde hai xa varios anos), intenta dar un dos seus habituais paseos recompilando todo aquilo que lle parece digno de mención, principalmente petróglifos e muíños. Normal, é familiar e fillo de muiñeiro desde que o mundo é mundo.
            José Antonio é colaborador habitual da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e leva publicados diversos artigos sobre petróglifos inéditos na revista “Caderno de Campo”. Tamén é autor do traballo “As herdanzas do tempo: Guía de petróglifos inéditos en Xunqueira de Espadanedo e Esgos”, que saíu á luz no 2013.
            O fillo do Piepito colle a súa cámara, patea os monte, atopa os penedos, enche as súas fichiñas con notas e, logo, descubrimos todo un mundo antecesor, devanceiro por medio dunhas simples liñas ou debuxos que, como se verá, non son ningunhas liñas e debuxos calquera. Son os mapas ou toda unha estampa da nosa vida pasada. Tanto as pedras como o fillo do Piepito son, hoxe en día, os espellos do noso patrimonio, que como se dixo, é moi rico. Só hai que descubrilo. José Antonio Gavilanes anda niso.

            Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 26 de xuño de 2016

Publicado en La Región o venres, 22-07-2016

domingo, 31 de julio de 2016

A EXPERIENCIA DOS FEITOS


            Bo estaba e morreu. Quen morreu? O que bo estaba. Así de simple e así de sinxelo. Non hai porque buscarlle tres pés ó gato. A ver, por que dicimos tres pés se o gato ten catro?
Sempre andamos buscando complicacións. Se a vida é a cousa máis sinxela que hai: vívela, e punto.Tes que vivila, senón... malo! Morres, non si? A ninguén lle gusta morrer. Creo que nin ós suicidas. Penso que estes, no derradeiro suspiro, xa están arrepentidos. Pero, claro, o problema é ese derradeiro suspiro. O derradeiro, entendedes? Xa non hai volta atrás. Ou volta de folla, tamén se di. Veña, veña, a vivir que son dous días! Son algo máis de dous días, mais, xa sabedes, as frases feitas... A frases feitas son o demo. Serán, pero é certo que teñen o seu aquel. É coma os refráns, case nunca fallan. Eu creo que os refráns son o día a día da xente, son a experiencia dos feitos. Se dás un paseo todos os días ás oito da tarde no verán e da noite no inverno, o normal é que os seguintes todos os días fagas o mesmo, non si? Que ten que ver iso cos refráns? Ah, non sei; quizais o da experiencia dos feitos. Vou na procura dun gato para mirar se ten tres ou catro pés. Sei que ten catro, pero... Cada vez estou máis convencido de que nos complicamos a vida porque nós mesmos somos un pouco complicados. Ou un moito retorcidos. Aquí tamén entra a experiencia dos feitos. A experiencia éche o demo!


            Café Brétema da Valenzá. Domingo, 31 de xullo de 2016

NON ENTENDO NADA


            Non entendo nada. Por iso nunca me gustou a política. Porque non entendo nada. Vaia trapallada que estamos a vivir. Que si, pero non. Que non, pero si. O señor Rajoy ante o Rei. Que si, pero non. Que non, pero si. Aquel si pode presumir de galego; que nin sobe nin baixa, nin arre nin xo. Que si, pero non. Que non, pero si. E os outros? Os outros, depende. Ou mellor dito, primeiro non e despois depende. De que depende? Será de se o señor Rajoy se atreve a subir ou baixar. Non entendo nada. E politicamente non entenderei nunca nada.
            Non entendo nada. Quen deu o golpe en Turquía? Os militares? Ou, agora, Erdogan? Aquí ata poida que entenda algo: que se foi real o golpe dos militares, ó señor Erdogan cadroulle ó xeito. Agora está facendo tal limpeza que nin Os Cazafantasmas. Así, coma quen non quere a cousa, leva camiño de facerse dono e señor do país. É dicir, ditador. A ver se a mesma xente que o apoiou no presunto golpe, lle para agora os pés.
            Non entendo nada. Todo un ano esperando que chegue o ambiente estival ás aldeas e ás vilas, e cando chega, ós dous días, xa estamos cansos e desexando que volva o inverno para quedar os de sempre. Somos raros de carallo. Non entendo nada. Hai un mes, moitos diciamos que xa estaba ben de tanto fútbol, e agora xa temos o mono encima de nós. Cando diaño empeza a Liga! Non entendo nada. Hai dez minutos que estaba angustiado porque non sabía con que encher este Recuncho e, agora... Agora doulle grazas ós cóbados. Planteinos sobre a mesa e levántoos ó poñer o punto final.


            Café Brétema da Valenzá. Venres, 29 de xullo de 2016