jueves, 1 de septiembre de 2016

ARSENIO LIXEIRO ANDOU LIXEIRO


            Arsenio Lixeiro Cortapisa deixou ó rapaz no instituto e quixo facerlle honor ó seu primeiro apelido: ir andando á biblioteca municipal na rúa Concello desde o Paco Paz de Ourense. E tiña que ir lixeiro porque o rapaz podía saír do exame en calquera momento. Pegoulle ritmo ás súas pernas e pasaba o tempo coa música nos oídos e contemplando as matrículas dos coches. Arsenio Lixeiro sempre tivo un non se sabe que polas matrículas dos coches. A proba é que coñece a xente coa que se cruza moitas veces nas estradas polas matrículas. Incluso a aqueles que son descoñecidos. Chega con verlle a matrícula unha ou dúas veces para quedarse con ela para sempre.
En media hora xustiña, Arsenio Lixeiro entrou na biblioteca, e foi ó buscar nos libros que quería coller cando se deu de conta do que realmente andou, pois axiña asomou á súa pel, a toda a súa pel gotas de suor de caían a chorro. E iso que Arsenio Lixeiro nunca foi moito de suar. Claro que ás catro e pico da tarde a temperatura pasaba bastante dos 30 graos na cidade das burgas. Non escolleu moito porque as présas eran enormes. Así é que case os tres primeiros libros que mirou foi os que levou. E volta para o instituto Ferro Couselo. Vendo que intuía que chegaba a tempo, minorou a marcha, máis polo propio cansazo que polo tempo (se o rapaz saía, que esperase). A volta levoulle un chisquiño máis de media hora. Despois aínda tivo que esperar outra media hora máis. Xa esperou lendo e chorreando aínda suor e máis suor. Arsenio Lixeiro Cortapisa andou lixeiro.


Finca Fierro. Xoves, 1 de setembro de 2016

miércoles, 31 de agosto de 2016

EN SILENCIO E DEVAGARIÑO


            Seica aumentou o turismo que nin o demo. E porque a inmensa maioría non coñece Baños de Molgas. Que se o coñeceran xa veriades vós! O problema de Baños de Molgas é que está mal publicitado. Nunca destacou por saír nos medios. Asoma nos xornais de Pascuas a Ramos e, para máis aquel, cando asoma... ás veces non é para ben. Certo, o caso é traballar ben, facer cousas na vila e nas aldeas da vila, pero, quen sabe diso? Andar de boca en boca non é tan rápido coma, por exemplo, na prensa escrita.
Hai concellos que só que se varra un cacho dunha beirarrúa, xa se pregoa o asunto por todos os medios escritos e falados. O noso, con toda a potencia turística que ten, camiña en silencio e devagariño polas corredoiras dos medios de comunicación. Houbo arranxos no casco vello e souben deles cando remataron e mo contaron. Hai concellos que publicitan con moito bombo a simple limpeza dun metro cadrado de tal ou cal xardín ou parque. Nós temos o mellor parque do mundo mundial e universal e, si, claro que se limpou, pero se saíse nos xornais con algunha que outra fotiño, eh, que vos parece? Ai, ai, ai, que non sabemos vender o noso concello. Eu xa procuro iniciar as miñas cousiñas no feisbuq cun titular rechamante: “Desde Baños de Molgas para o mundo universal”, por aquilo das amizades feisbuquianas espalladas por toda a xeografía, pero hoxe en día tan só me len catrocentos e pico. Un xornal dá para máis, para moito máis. Sería bonito que alguén se encargase das relacións públicas.


            Café Paladium da Valenzá. Mércores, 31 de agosto de 2016

martes, 30 de agosto de 2016

ASÍ PASARON A TARDE


            Clotilde Araújo díxolle ó seu home que pola tarde tiña que ir ó centro da cidade, que se a acompañaría ou non? E logo a que vas?, quixo saber Salustiano Garapato. Ó médico. Ai, muller, pois claro que te acompaño, pero aínda hai tempo para botar unha sesta, verdade? Si oh; se ata as sete menos cuarto non teño a cita. E Clotilde Araújo marchou a estomballarse no sofá para ver a Telecinco, mentres que Salustiano Garapato fun correndiño para a cama a dar unhas cabezadas. Á cidade marcharon no autobús porque no coche empezaron a pensar no aparcamento e deulles pereza o andar buscando, e se o tiñan que meter nun aparcadoiro... vaiche boa!, sae moito máis barato o autobús.
Colleron o das seis, baixo un sol de moitos raios. Mais tan axiña como entraron no bus, raio!, daba gusto: o aire acondicionado a tope. Como lles sobraba tempo para a cita médica, foron moi devagariño, é dicir, Clotilde Araújo ollando escaparate tras escaparate e Salustiano Garapato desesperándose en cada escaparate. Aínda tiveron un bo cacho para sentar nunha praza da cidade, a que lindaba co lugar da consulta. A tal consulta semella que foi vento en popa, xa que axiña baixaron á rúa de novo. E como tampouco tiñan moita présa, fixeron a metade do percorrido andando polas vellas rúas da cidade. Despois si, despois xa colleron de novo o autobús para trasladarse ó seu barrio, que está ás aforas. Así pasaron a tarde Clotilde e Salustiano.


            Finca Fierro. Martes, 30 de agosto de 2016

domingo, 28 de agosto de 2016

CO LUSCOFUSCO


            Cae o sol por detrás do outeiro, pero a calor segue a ser compañeira da nugalla. Non hai ganas de nada. Nin tan sequera de lanzar un asubío nin de chiscar o ollo esquerdo. Tan só unha pequena nube asoma polo horizonte. Unha pequena nube branca. Nin tan sequera é negra. Cruza de súpeto unha pega e quedo un tempo coa boca aberta, porque, agora, xa é raro incluso ver as pegas. Que tempos nos que en media ducia de amieiros había dous ou tres niños de pegas! Si, que tempos! Queda a claridade acochada por detrás do outeiro e, por diante, a sombra nocturna empeza a ganar espazo. Ata aquí tamén o tempo pasa e todo cambia. Pouco a pouco, pero cambia.
A noite gánalle terreo ó día e este déitase nos confíns do máis alá. Co luscofusco chega, mansiñamente, o silencio. Co luscofusco amortece, paseniñamente o ruído. Pero non así a calor. Esta segue a impregnar a pel de humidade e á nugalla de máis nugalla. Tan só a música do derradeiro mohicano fai posible que menee, que abanee a cabeza con ansia, con degoiro. Aquí, agora si, agora sae o asubío ó compás dos trebellos de Trevor Jones e case me dan ganas de chiscar os dous ollos. Miro para o outeiro e xa non vexo ningún resplandor. Tan só noto como o ruído se volveu silencio, e sinto como, a calor, pouco a pouco, dálle paso á calma, á pachorra dun fervello parsimonioso.


            Finca Fierro. Domingo, 28 de agosto de 2016

UNHA BULEBULE DO TEMPO


            Nin guerras. Nin terremotos. Nin deportes. Nin corrupción. Nin política. Nin eleccións. Hoxe o escrito, o recuncho é familiar. Porque, por unhas ou por outras cousas, por uns ou por outros acontecementos, asomaron nos meus escritos as miñas sobriñas. Falta unha; a que, de nena, era a máis carota e, agora, de moza, é a máis responsable. A Noa. Acaba de atarse a un bo rapaz. Sei que será para ben. Ultimamente, cada vez que penso na Noa, penso na súa nai. Porque... sabedes aquilo de que sempre dicimos que os fillos son igualiños o pai ou a nai? Pois Noa é igualiña, cuspidiña (nos feitos) á súa nai. Segundo esta estaba en todo; Noa está en todo e con todos. É unha bulebule do tempo! Porque dispón de tempo para todo e para todos. Sempre pendente do pai, da irmá, dos seus, da miña muller. Claro que xa de pequena era unha saltimbanqui de moitos quilates. É que a coñezo ben. Case podo dicir que a criei; a ela e á súa irmá. Cando alguén me preguntaba a diferenza entre as dúas, eu sempre puña e poño o exemplo dunha cola no cine. Iria, como unha coitadiña, facía cola; mentres que Noa, como puidese (e por arte de encantamento case sempre podía) colábase e aparecía coas entradas nun chiscar de ollo. Que era unha boa peza, a condenada.
            A vida, dígoo eu sempre, é unha bágoa e dous sorrisos. A bágoa pasou hai cinco meses. Polo que agora tocan eses sorrisos. O primeiro tamén acaba de asomar ós seus beizos diante dun rapaz que a quere e diante dunha familia inmensa que tamén devece por ela. O segundo sorriso non pode ser outro que algún carrouchiño que apareza na súa vida, nas nosas vidas pasado o tempo. Porque seguro que chegará.
            Neniña, quixen escapar do sentimentalismo porque, agora, de vello, axiña se me empanan os ollos. Así é que confórmate co que hai, con isto. Ti sabes ben, os teus saben ben o que sinto por ti, por vós. Mamei do voso cariño, do da túa nai, e iso penetra, enche, que carallo, emociona. Biquiños.


            Café Brétema da Valenzá. Venres, 26 de agosto de 2016

viernes, 26 de agosto de 2016

CON CÓDIGO XENÉTICO TEATRAL



            A pesar de que xa vai para medio ano que os vin actuar na casa da cultura da Valenzá, aínda hoxe os teño metidos na memoria, tanto ó dúo protagonista como a propia obra: “Rosalías: Unha vida de luces e sombras”.. O dúo protagonista da compañía Teatro Antroido son nai e fillo. O nome da nai, Laura Ponte, quizais sexa para algún algo engañoso, porque con ese mesmo nome tamén anda por aí unha famosa modelo galega. Este molgués que escribe, a maioreas de coñecer á modelo, si sabía que esta tal Laura Ponte que nos ocupa era actriz, aínda que, ó mesmo tempo, recoñezo que descoñecía a súa relación con Roberto Vidal Bolaño, o dramaturgo galego ó que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2013, que xa é dicir. E o fillo de Laura Ponte máis Roberto Vidal Bolaño é Roi Vidal.
            Os dous xa sobre o escenario empezaron a representar unha morea de textos de e sobre Rosalía de Castro para intentar espallar unha imaxe renovada na que a autora padronesa non é esa muller sensibleira e romanticona co0mo se lle coñece, senón unha intelectual feminista comprometida coa análise da sociedade do seu tempo.
            A compañóa Teatro Antroido naceu no xaneiro de 1974 da man de Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos. Axiña, nese mesmo verán, xa entrou a formar parte da mesma laura Ponte. Catro anos máis tarde estrean, como primeira compañía profesional en galicia, a obra “Laudamuco, señor de ningures”. Despois seguirían unha ducia delas dirixidas por Roberto, cunha estética particular e renovadora baseada na utilización teatral de diferentes tradición e xéneros, realizando espectáculos diversos formatos e públicos, incluído o infantil.
            Pasado o tempo, Teatro Antroido propón un teatro de reflexión e de forte imaxinería visual no que se normalice a cultura galega. E así pon especial interese na aparición de novas voces e tendencias para enriquecer a tradición teatral autóctona.
            Volcándome xa na nai e no fillo, nos dous actores que tiven diante min na Valenz´ña, direi que Laura Ponte Santasmarinas naceu no outro lado do charco, máis en concreto en Bos Aires no 1958, e que é moito máis que unha cara bonita. Empezo como creo que empezan todos os actores que acaban sendo bos: con pequenos papeis no teatro a mediados da décado dos 70 e así, pouco a pouco, converterse nunha habitual nas montaxes do Centro Dramático Galego. No ano 1980 protagonizou o telefilme “Cristian” producido polo ministerio de Asuntos Exteriores de Alemaña. Desde mediados dos 80 ata hoxe traballou en diferentes curtametraxes en Galicia e algunhas longas, das que coñecemos principalmente, “Urxa”, “A noiva de medianoite”, “León e Olvido” e “Todo é silencio”.
            Ó seu fillo, a Roi Vidal, é normal que lle saíra a veta dramática, tendo de pais a eses dous mestres teatrais. Naceu en Santiago en 1982, onde viviu ata a adolescencia. Pasaba case todas as fins de semana na casa da súa avoa maternal, porque os seus pais adoitaban traballar e non podían facerse cargo del (e xa sabemos como son os traballos das pequenas compañías teatrais: de aldea en aldea e de praza en praza). Nesas fins de semana xa mamaba da súa afección e montaba escenas cos bonecos de Playmobil. Confesa que o que máis recorda da infancia son os carteis, bonecos e máscaras que enchían a súa casa( a ver!...) ou a música que Emilio Cao compuxera para o “Touporroutou da Lúa e do Sol”.
            Fixo EXB no colexio Pío XII e empezou a participar moi activamente na actividade de Teatro de Ferradura Aberta, que era un campamento urbano organizado polo concello da capital de Galicia e que enchía de actividade as tardes de verán na Alameda. Coa nai non lle quedaba outra que compartir intensas xiras nas que, confesa, que o pasaba divinamente. Licenciouse en filoloxía galega e estudou dirección de escena na ESAD. Leva escritas e dirixidas varias obras. Quizais o seu mellor mérito está en que, a pesar de ser fillo de quen é, el soubo buscar o seu sitio propio. Como debe ser.

            Café Brétema da Valenzá. Domingo, 31 de xullo de 2016
            Finca Fierro. Luns, 1 de agosto de 2016

Publicado en La Región o venres, 26-08-2016

jueves, 25 de agosto de 2016

OS SUCOS DA LEIRA


            Anda a pomba furgando por entre as mesas da terraza, mentres o aire fai bailar a melena dunha muller morena. Tamén baila a dunha rubia, pero non me rimaba con melena. A ver!, as rimas ben escritas, ben quedan ditas. As cousas ben feitas, ben parecen. Aseguro que é verdade.
Cando vexo unha leira arada e os sucos están dereitiños, dá gusto vela. Cando os regos van torcidos axiña pensamos, ou no labrego que suxeitaba o arado ou na xogada das vacas que fixeron o que lles deu a gana. Moitas vacas, ó arar, fan o que lles dá a gana. Principalmente cando ven que chega a fin dos regos. Polo menos as que eu tiña. As moi condenadas cando vían ou intuían que a fin do rego estaba aí xa, zas, aceleraban de tal maneira que, moitas veces, custábame manter o arado en pé e, por suposto, dereito para que non se torcese o rego. Pensarían que rematando o rego xa remataban a leira. Pero había leiras que tiñan unha tira de regos e máis, había leiras nas que te eternizabas nelas. E se para máis aquel eras un rapaz, imaxinade. A vida do labrego amolaba de raio. A maioría das veces, nin domingos nin festas de gardar. E iso sen contar o de levar as vacas ó monte, que había que facelo todos os días. Segue a mesma pomba furgando por entre as mesas e o aire fai bailar o parasol porque a morena da melena xa marchou. Os sucos da leira, grazas a Deus, seguen dereitos.


            Café Paladium da Valenzá. Xoves, 25 de agosto de 2016