viernes, 7 de octubre de 2016

POLOS INTERESES CREADOS


            Teño un pé pisando na ansiedade dun soño. Dun soño que non é tal. Porque hai soños que nunca foron. Pero de algo ten que valer o esculpir a señardade na talla dun castiñeiro, ou a morriña no toro dun amieiro. E non todo vale na conciencia dun neno. Un neno o que ten que ter é infancia, e punto. Agora mesmo acórdome deses nenos que non teñen infancia. Aínda hai moitos nenos sen ela.
Porque vivimos nunha sociedade que pecha os ollos para non poder ver. Vivimos nunha sociedade que vai e vén polos intereses creados, pero non compartidos. Non sabemos cando a auténtica vida roula polos carreiros estreitos de cada un. Non sabemos nada de nós mesmos, e por iso pensamos que somos únicos e auténticos. Teño o outro pé pisando na candidez dun pensamento. Dun pensamento que erra ante a realidade da propia vida. Esta, ás veces, é dura, é egoísta, é interesada, é miserable, é cruel...


            Café Oren Express da Valenzá. Venres, 7 de outubro de 2016

BLUES RETRANQUEIRO POLA N-120



            Por sorte ou por desgraza (no meu caso, e por esta vez, creo que por desgraza) hai xa moitos anos, máis de trinta, conseguín gravar nunha casete un tema musical de Los Latinos, que era unha versión da famosa “Balada de Bonnie and Clyde”. Tan axiña como a escoitei, o pensamento que se me veu á cabeza foi “de xulgado de garda”, “isto é pasarse da raia”. Como se pode gravar un espantallo coma ese? Pois gravouse e, claro, rechían os dentes, perdón, zumban os oídos ó escoitalo. Que para que a escoito? Pois para lembrar que algúns deberían ir de cabeza ó cárcere, e moito máis aqueles que atentan desa maneira contra a arte musical.
            Todo isto vén ó caso porque hai pouco máis dun mes conseguín ver a actuación de Blues do País, un dúo que se dedica a transformar temas clásicos do blues e do soul en cancións, con referencias galegas e, no seu caso, con moita retranca. Veña xa! E isto non é de xulgado de garda? Como se pode versionar en plan retranqueiro a deusas e deuses do Olimpo musical como Etta James, Bobby Rush, Nina Simone, Nancy Sinatra, o inmenso James Brown, Muddy Waters, Led Zeppelin, Otis Redding, B. B. King, Bob Dylan e algún que outro máis? Efectivamente, podía ser de xulgado de garda, pero Bieitta James e Pepe King fano ben. E moi ben!. Con moita alegría, con xeito, con máis desenvoltura e con todo o cariño do mundo cara esas iconas musicais. Fano tan ben que aí están xa na rúa dous discos seus. E só levan dous anos xuntos!
            O primeiro disco que gravaron foi “Bateas do Mississippi” e nel escoitamos o famoso “Sittin´ on the dock of the bay” como “Sentadiña no pantalán”... moi mal hase dar a troita eiquí / Eu só vexo iates de Madrí / que cante! Non che hai sentidiño / ningún ( Ai, Ouréns, meu Ourén! Tamén asoma Janis Joplin co seu “Mercedes Benz”, que Blues do País titulou, faltaría máis, co famoso “Chimpín”. Toda unha declaración de intencións. A ver se iso é retranca ou non é retranca. “Bon Dios, non terás de sobra un chimpín / Aquí todos teñen un Ebro 3000 / Anque esfole os riles, fan ben máis ca min / Bon Dios, que che costa mercarme un chimpín”. Así canción tras tema e retranca tras sorna, tras raposería. Pepe King pon os instrumentos e Bieitta James a voz, a preciosa e marabillosa voz que ten.
            Segundo os ianquis teñen a famosa Ruta-66, Blues do País pensou que nós non podiamos ser menos e lanzaron ó mercado a non menos famosa “Ruta 120”, ou o que é o mesmo, a que nós coñecemos como a de Monforte a Vigo ou viceversa. Nesta, en vez de asomar Bobby Rush con “Garbage man”, asoma Blues do País co seu “Camión de lixo”... haberá alguén nesta terra / que estea pior ca min? / A muller deixoume por un prea: / o que leva o lixo co camión por aquí.. En vez de asomar Nina Simone co seu “See Line Woman” aparecen as famosas Marías de Santiago baixo a voz de Bieitta James. Nancy Sinatra puña as botas para camiñar pola Ruta 66 e Bieitta, que carallo!, pon os zocos para andar pola ruta 120. A ver cales son mellores! Nin punto de comparación!
            Bieitta James, na realidade, chámase Iseo Agilda e naceu o 25 de abril de 1983. Ela mesmo me aforrou as contas: 33 aniños. Que seica foi nunha clínica de Betanzos, pero tan axiña como lle deron a alta (a ela e á súa nai) marcharon para Oza dos Ríos a pasar a nenez, porque axiña colleron camiño de Ourense, da que, a súa nai, seica se namorou. E claro, cando alguén se namora de algo, adoita non deixalo. Os estudos, chamémoslle pequenos, levounos a cabo polo barrio das Lagoas e os grandes, máis en concreto Filosofía, fíxoos en Santiago. Sempre lle gustou cantar e usa as cancións, a música como terapia “para manterme en min pase o que pase”. Entrou en contacto, para empezar, co grupo Sacha na Horta, do que Brais, é dicir, Pepe King era o seu fundador. Co tempo, coas inquedanzas dun e doutro e a pesar dos atrancos formaron o dúo Blues do País. O dos atrancos vén porque viven lonxe entre eles e para gravar e compoñer xúntanse onde poden e como poden, aínda que quen leva as de ganar seica é o guasap. Que somos hoxe sen o guasap?
            Brais das Hortas é o nome de Pepe King e naceu en Camos, no concello de Nigrán. É polifacético de raio; compón, arranxa, grava, mestura, masteriza e tocando instrumentos é o conto de nunca acabar: guitarras acústicas, clásicas e eléctricas, batería, darbouka, kalimba, frautas, acordeón, etc. Empezou na música no verán de 1996 tocando a guitarra e pasou por diversos grupos locais do Val Miñor. A verdade é que non teño espazo para nomear todos os grupos e bandas nos que participou. Logo, para máis aquel, a partir do 2006 combina a súa actividade musical coa de narrador oral contando contos por institutos e por onde lle cadra. O dito, un tipo polifacético e versátil.

            Café Brétema da Valenzá. Mércores, 31 de agosto de 2016
            Maceda. Venres, 9 de setembro de 2016

Publicado en La Región o venres, 07-10-2016

FALAN SEN CANCELAS E POLOS CÓBADOS



            Díxose sempre que a mellor terapia para o ser humano é a risa. Eu tamén engadiría o sacho ou o fouciño, aínda que recoñezo que esta terapia custa moito levala a cabo. O da risa é verdade que deixa a un liberado de todos os problemas, de todas as dores e aflicións. Máis, coidadiño!, facer rir é moi difícil, quizais o máis difícil que existe. Pero aínda así hai xente que te fai rir a cachón e de continuo, que aínda é moito máis difícil. Hainos que lles chega cun simple xesto para que sintas formigas na barriga e bágoas nos ollos. E hainos que, se saben unir os xestos ás palabras, entón é que xa te tiras polo chan porque non aguantas máis. Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz son destes últimos. A maiores de poñer expresións que xa te fan choutar, usan a verborrea para que pases uns marabillosos momentos na súa compaña.
            Tiven a sorte de velos representando “Falar sen cancelas”. Sen cancelas, sen arames, sen atrancos e sen muros; falan a Deus dar e falan con esa retranca tan famosa nosa que as indirectas son máis que directas e sen deixar cousa con cousa ou torre en pé. Xa a propia introdución que se adoita facer cando actúan en algún lado o di todo:  “Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ó conto. Mesturan o allo co bugallo. Fan de cada palabra un espectáculo e, en definitiva, falan sen cancelas”.
            “Falar sen cancelas” é un espectáculo de “humor galego apocalíptico”, unha “comedia pesimista” que produce Culturactiva SCG, que dirixe Diego Rey e que protagonizan eses tres cómicos excepcionais, por todos xa coñecidos grazas ós seus 15 anos de experiencia e ós seus espectáculos televisivos..
            O director Diego Rey naceu en Moaña o 20 de novembro de 1982 e realizou a súa formación teatral con diversos mestres, destacando a súa preparación en Commedia dell´Arte. Hai dez anos que se uniu á compañía Talía Teatro coa que desde entón ven desenvolvendo a súa actividade.
            Isabel Risco. Isabel Martínez-Risco Valdivieso é un caso á parte. Xa hai bastantes anos que, gozando dunhas pequenas vacacións alá por Louro (as miñas sempre foron e son pequenas... e cando as teño), na praia de San Francisco, atopámonos coa actuación dunha rapaz que parolaba sen parar, que era unha fervellasverzas cuspindo palabras e que facía co seu corpo un bulebule de escándalo. Xa aquela noite rin a cachón. Pasou o tempo e, pouco a pouco víaa de cando en vez na televisión. A moi condenada seguía nas mesmas: usando esa linguaxe do oeste galego que ten o seu aquel e que, a min, polo menos me fai escachar coa risa.
            Actriz, clown (ou pallaso) e pedagoga teatral. Comezou no teatro universitario en 1997. Para nomear os seus mestres cumpriríame xa o resto da reportaxe; entón basta con nomear a Leo Bassi e Manuel Lourenzo, que serán os que máis coñecedes. Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais e no ámbito do audiovisual traballa como actriz secundaria e protagonista en series como “Padre Casares”, “A vida por diante”, “O Nordés” ou “Air Galicia” e diversos programas máis da TVG. Tamén realiza curtas, publicidade e algunha que outra longametraxe. Leva anos interpretando un personaxe recoñecible por todos vós, Nabiza Girl, a nosa heroína galega que saca os poderes do sulfato (a chamala xa para que me sulfate a viña nun amén!). Ollo ó dato!, acadou o premio Mestre Mateo de 2014 á mellor intérprete feminina de reparto por “Era visto!!, que non é cousa de pouco.
            Outro que tamén botou man de Leo Bassi, entre outros, foi Pedro Brandariz, hoxe xa bastante coñecido grazas á súa participación habitual en “Luar”, xunto a Fran Rei, compañeiro tamén de “Falar sen cancelas”. Brandariz é un gran contador de historias que, á pesar de proceder do mundo do clown, tamén traballa en compañías de teatro máis clásico e teatro infantil.
            O seu citado compañeiro Fran Rei xa é santo da miña devoción tan só por haber actuado en Baños de Molgas (a ver!, cada un tira do seu...), pero é que, a maiores, é cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía Os Sete Magníficos máis Un. Por algo se di que é o 50% da mesma. Desde o ano 2001 leva participado con ela nunha ducia de espectáculos. Formouse baixo a vixilancia dos mellores mestres do panorama internacional. Monitor de dramatización, teatro e clown, dirixe varias escolas de formación teatral. Especialista en clown, desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento desta técnica. Véndoo en “Falar sen cancelas” aseguro que pode impartir moi ben e moi perfectamente eses obradoiros.

Publicado en La Región o venres, 30-09-2016

miércoles, 5 de octubre de 2016

O LATEXO DUN AUTOR


            Aí están, preparadiños os dous para que os forre mañá. Sobre a mesa da cociña descansan dous libros que saquei en préstamo hoxe da biblioteca de Barbadás. Mañá hai que forralos. Para que non se luxen. Son un fanático dos libros ben conservados. Exemplos: vou por aí a ler, andando, e só que caia unha pinga de auga, zas, xa meto o libro entre a barriga e a roupa para que non se me molle; entro nun café e antes de pousalo sobre o mostrador –aínda que estea forrado-, boto primeiro unha visual a ver como está a barra, non vaia ser que se atope mollada.
As miñas sobriñas sábeno ben: que pasa cos libros, neniñas? Que son sagrados!!!, contestan ó unísono. É que un libro non é tan só unhas follas cosidas ou pegadas cunhas pastas máis ou menos duras con bonitos ou menos bonitos deseños. Un libro é algo así coma un soño que mentres o les volvese a realidade máis pura. Un libro é o latexo dun autor.


            Finca Fierro. Mércores, 5 de outubro de 2016

domingo, 2 de octubre de 2016

TIROLIRO A SETE VOCES


            É tempo de soñar cun tiroliro a sete voces e que cada pau aguante a súa vela. Hai xente que aguanta as velas de todos os santuarios e hai xente que leva paus a carradas, a vurullóns. Tamén están os que cospen para arriba e lles cae o cuspe na cara. Estívolle ben! Co bonito que é soñar esperto aínda que esteas durmido, ou ó revés, hai xente que soña durmida estando esperta. Como se adoita dicir, todo hai na viña do señor. E na Costa da Gándara xa non che digo! Alí teño de todo, a maiores da viña.
Co bonito que é soñar co tiroliro a sete voces, por moito que á miña muller lle amole tal expresión. Só por iso, porque sei que lle amola, cada dous por tres, zas: tiroliro a sete voces. Menos mal que leva a ben a broma. Hai xente que non sabe captar as indirectas e seguen pola vida coma se o camiño fose todo sinxelo. Outros atopan un atranco e amosan caras de ferreiro que mellor é non dicirlles nada. Nada lles digo. Cada quen que navegue polos seus soños.


            Finca Fierro. Domingo, 2 de outubro de 2016

O PODER REVIRA A ALMA DE CALQUERA (Corrixido)


            Estes días non fai falta marchar ó Alepo, a Siria para ser testemuñas dunha guerra cruel e mortal. Hoxe témola no noso país. É certo, aínda que si é cruel, non é mortal. Por agora. O PSOE anda en guerra. Nunha guerra fratricida. Porque o poder revira, confunde, trastorna a alma de calquera. E o poder político moito máis. Ata as eleccións galegas pódese dicir que os coitelos estaban tan só desenvaiñados; mais desde o outro domingo tales utensilios xa se afiaron de verdade. E cortan de carallo. Cada día semellaba que lle querían quitar un bisté a Pedro Sánchez. Ata que lle quitaron a asadura por completo. Eu, que queredes que vos diga: estaba con el. Quizais porque o atacaban a morte e sempre defendín ó máis asoballado. Pero a miña maior defensa era para que non deixase gobernar “ó outro”. Non puido ser. Unha pena.
            Tamén creo que se lle deu moita pompa ó tuit de Fernán Vello. Non sexamos hipócritas e admitamos que algunhas veces ou incluso moitas veces –e nestes casos de eleccións- pensamos o mesmo que pensou o poeta lugués. Fallou na súa declaración en voz alta, ou mellor dito, en voz escrita, pero acertou no pensamento de moitos. Verdade que si?
            Sigo pensando no cambiachaquetas que somos nos bares, nas redes sociais, nos parladoiros: todos imos en contra do PP. Logo... acadan a maioría absoluta. E cada vez semella que máis grande. Rematadas as eleccións, volves falar por aí e resulta que ninguén os votou. Negámolo tanto e votamos o contrario que ás veces ata me pregunto se eu mesmo non votaría ó PP. Me cago no mundo!, xa me está entrando a dúbida.


            Café Paladium da Valenzá. Venres, 30 de setembro de 2016

viernes, 30 de septiembre de 2016

O PODER REVIRA A ALMA DE CALQUERA


            Estes días non fai falta marchar ó Alepo, a Siria para ser testemuñas dunha guerra cruel e mortal. Hoxe témola no noso país. É certo, aínda que si é cruel, non é mortal. Por agora. O PSOE anda en guerra. Nunha guerra fratricida. Porque o poder revira, confunde, trastorna a alma de calquera. E o poder político moito máis. Ata as eleccións galegas pódese dicir que os coitelos estaban tan só desenvaiñados; mais desde o outro domingo tales utensilios xa se afiaron de verdade. E cortan de carallo. Cada día semella que lle queren quitar un bisté a Pedro Sánchez.
Eu, que queredes que vos diga: que estou con el. Quizais porque o atacan a morte e sempre defendín ó máis asoballado. Pero a miña maior defensa é porque non deixe gobernar “ó outro”.
            Tamén creo que se lle deu moita pompa ó tuit de Fernán Vello. Non sexamos hipócritas e admitamos que algunhas veces ou incluso moitas veces –e nestes casos de eleccións- pensamos o mesmo que pensou o poeta lugués.
Fallou na súa declaración en voz alta, ou mellor dito, en voz escrita, pero acertou no pensamento de moitos. Verdade que si?
            Sigo pensando no cambiachaquetas que somos nos bares, nas redes sociais, nos parladoiros: todos imos en contra do PP. Logo... acadan a maioría absoluta. E cada vez semella que máis grande.
Rematadas as eleccións, volves falar por aí e resulta que ninguén os votou. Negámolo tanto e votamos o contrario que ás veces ata me pregunto se eu mesmo non votaría ó PP. Me cago no mundo!, xa me está entrando a dúbida.


            Café Paladium da Valenzá. Venres, 30 de setembro de 2016