domingo, 11 de diciembre de 2016

COMO CAMBIAN OS TEMPOS!


Como cambian os tempos! Antigamente, con dezaséis ou dezaoito anos non saiamos "de cans" nin a tiros. E se por un casual os pais te deixaban saír (no meu caso, a miña nai, que era a que realmente mandaba), tan axiña como acabase a película, para a casa correndiño. E pobre de min se chegaba máis tarde!
Agora ás doce da noite é cando saen. Manda truco en Baños de Molgas! O regreso, a volta xa nin quero dicilo. De escándalo! E coidadiño con negarlle ós rapaces a saída... pode haber os seus maís e os seus menos, as súas cousas; ata poden coller un "mosqueo de aúpa". Como cambian os tempos! Antigamente é que nin se che pasaba pola cabeza dicirlle os pais que te levasen a tal sitio. Polo que non quedaba outra que ir da casa ó bar, e menos mal! Agora telos que levar e telos que ir buscar a esa hora que ata dá vergonza dicir. Molgués que escribes, quen te viu e quen te ve!

Finca Fierro. Sábado, 10 de decembro de 2016

viernes, 9 de diciembre de 2016

QUE TODO SEXA POLO CONSUMISMO


Que bonitas din as cidades cos iluminados, cos luminosos do Nadal! Ata as vilas que teñen luminosos están bonitas! Ata semella que nelas tamén hai ambiente natalicio! Hai ambiente de Nadal en todos os lugares que hai marabillosos e fermosos e bonitos e refulxentes e radiantes e escintilantes iluminados. Ambiente de Nadal no mes de novembro! Aí é nada! Porque, señores lectores, en algúns lugares xa nese mes se acendeu ese ambiente coa cor do ceo ou do centeo ou do fento ou do paporroibo ou do granito ou da lareira ou da herba seca ou da palla mollada.
Millóns de bombillas alumeándolle a millóns de parroquiáns durante ben máis de 30 noites. E outros cantos millóns de parroquians se luz nas súas casas. Veña, por favor, nin tanto nin tan pouco. Non chegaría con iniciar a fermosura noitébrega das rúas a partir de, por exemplo, o día 15. E que a cousa vai ir máis alá dos Reis. Case dous meses de gasto superfluo porque si, porque entendo que ós comercios lles interesará, pero non sei como lles sentará ós petos dos cidadáns de a pé. A esta marcha, en cinco anos, vexo empalmar ó Nadal coas Novenas á Virxe dos Milagres, que rematan o 8 de setembro. Que bonitas están as rúas! Si, pero... canto gasto! Que todo sexa polo consumismo. Despois cada quen que faga chispa nun ollo.

Finca Fierro. Venres, 9 de decembro de 2016

jueves, 8 de diciembre de 2016

O QUE FOI E XA NON É


Agapito Silbido Subela senta entre os canastros da Aira de Arriba e deixa que a nostalxia sente á súa beira para contemplar os anos sesenta e setenta. Agapito, agora mesmo, non é un rapaz; é un home feito e dereito, pero dun tempo para acá a súa vida retrocede uns cincuenta anos. Vese xogando por entre os canastros dos veciños e tirándose contra os palleiros de palla, uns, e de herba, outros. Xeralmente de palla. A herba aínda lembra que se gardaba máis nas palleiras.
Desde a posición na que está, Agapito Silbido Subela olla para o campanario da igrexa de Baños de Molgas e desexa subir con el á lúa. Sempre imaxinou a súa torre como un foguete cara á lúa. Pecha os ollos e pensa nas tardes de xogar ás chelas ou ó marro. Abre os ollos e ve eses pés dos canastros que xa están sen canastros. Nesa imaxe está a contemplar o paso do tempo, o que foi e xa non é.

Finca Fierro. Xoves, 8 de decembro de 2016

domingo, 4 de diciembre de 2016

A TRANGALLADA DO CLÁSICO


Nunca reneguei do fútbol. Pero hai cousas que me rebentan do propio fútbol. Principalmente toda a trangallada que se trae consigo. Toda unha semana, que digo!, máis dunha semana falando do clásico e despois resultou que o tal clásico foi un total despropósito de xogo e de xogadores. De xogo porque en vez dun partido de fútbol semellaba máis unha guerriña de patio de colexio. E de xogadores porque os dous grandes cracks (un de cada equipo) dedicáronse a deambular polo terreo de xogo e, imaxino, a pensar nas evasións fiscais.
Máis dunha semana a prensa dálle que dálle para que, logo, á hora da verdade, o espectador desexando de corazón que o árbitro pitase o final do encontro. Ó seguinte día decátaste de que, por exemplo, o Betis-Celta foi máis alá dun gran clásico e a prensa segue falando das repercusión que "o clásico" poderá teñer para a liga de campións. Os demais pequenos clásicos que se busquen un oco nos xornais locais. E van que chutan.

Finca Fierro. Domingo, 4 de decembro de 2016

sábado, 3 de diciembre de 2016

UN NÓ NA GORXA


Así, da man para o pé, o primeiro que se me vén á cabeza é o accidente de aviación do club de fútbol Chapecoense. Unha auténtica traxedia. Rabia. Dor. Desconsolo. Despois chega a emoción. Si, ó principio, ó decatarte da noticia pensas na desgraza, pero despois, horas despois, cando xa empezan as declaracións, as homenaxes é cando realmente se che pon un nó na gorxa e cando as bágoas queren asomar ós ollos. E asoman. Polo menos a este molgués.
Sempre fun un sentimental, e a idade estame a poñer peor. Foi ler ou escoitar (xa non lembro ben) ó capitán do equipo rival co que ía xogar o Chapecoense declarando que se lle dese o camiponato ó equipo brasileiro para, zas, os meus ollos converterse en algo así coma nun val de lágrimas. Foi ler ou escoitar que equipos arxentinos lles cedían xogadores ó Chapecoense (e, coidadiño!, lembremos a rivalidade existente entre arxentinos e brasileiros, futbolisticamente falando) para que os ollos deste molgués, dálle que dálle, algo así como a lagoa de Almoite. Foi ver as homenaxes dos equipos de fútbol de todo o mundo, cos seus minutos de silencio ou cos seus aplausos interminables, para que os ollos deste paisano que escribe, pobriño, se inundasen como a lagoa da Antela. Case dá un pouco de vergonza confesar este sentimentalismo practicamente senil, pero, que queredes, aínda o prefiro ante a suba de impostos e a evasión fiscal de 150 millóns de euros do "gran" Cristiano Ronaldo. Por iso creo que acabo de contribuír un chisco á gran homenaxe a esas vítimas do desastre aéreo. Coas miñas bágoas, con este escrito e co meu máis sincero recordo ou sentimentalismo. Descansen en paz.

Finca Fierro. Sábado, 3 de decembro de 2016

viernes, 2 de diciembre de 2016

LOS MISMOS, PARTE DA MIÑA INFANCIA



            Creo que a estas alturas xa todo o mundo coñece as miñas paixóns culturais: música, cine, lectura e escritura. Coa música estou sempre ou cun tema na boca ou cos auriculares nos oídos. Aínda que hai unha canción que me toca o violo, que me consume os folgos: Voy a pintar las paredes con tu nombre, de Los Mismos, porque adoito facer uso dela cada vez que pinto algún cuarto na casa e é un dos traballos que máis me amola facer, que máis odio. Claro que a pobre e bonita canción non ten a culpa. E moito menos Los Mismos, con Helena Bianco á cabeza.
            Aquí quería eu chegar!, a Helena Bianco e a Los Mismos. Porque corenta anos despois -máis ou menos- de iniciar esta canción o seu percorrido coñezo, por fin, á causante de que eu empezase contento unha habitación e a rematase... xa non tan contento. O de pintar é case como a vendima; que empezas contento e rematas... cansado.
            O pasado 22 de outubro, hai pouco máis dunha semana, coñecín persoalmente a Helena Bianco (en realidade Elena Vázquez Minguela) por motivo desta reportaxe e da súa actuación co famoso trío pasado mañá, domingo día 4, no Auditorio de Ourense, conmemorando os 50 Anos de Los Mismos. A ver, 50 anos non é cousas de rir!; é practicamente máis de media vida. E sempre con éxitos baixo as súas voces. Poucos poden presumir no noso país dunha carreira e dunha profesionalidade tan lonxeva, que, para máis aquel, e como se verá o domingo, segue adiante.
            Cando me atopei con Helena no vestíbulo dun céntrico hotel da nosa cidade, non me asombrou pola súa cara bonita (que a ten, pero que xa coñecía de fotos), senón pola amabilidade e polo cariño con que me recibiu. De verdade, coma se fose o encontro duns amigos de toda a vida. Despois, pobriña, en vez de falar ela, falaba eu coma un latriqueiro. Penso que se debía a que non me collía unha agulla por aquel sitio a causa da emoción. Los Mismos! Que carallo, toda unha institución musical na miña infancia e xuventude!
            Helena Bianco naceu en Valladolid o día de Reis de 1948. Creo que ese mesmo día xa recibiu o regalo da súa voz e da súa música porque, oito anos máis tarde, a moi condenada, xa empezou a participar en festivais infantís que celebraban as emisoras locais e algúns teatros, ó mesmo tempo que se formaba no Conservatorio de Valladolid. Alguén viu axiña o seu potencial (sempre hai xente espelida polo mundo) que lle concederon unha bolsa de estudos para preparar canto no Conservatorio de Milán, que xa son palabras maiores. Mais ela pensou que xa sabía abondo e lanzouse á aventura, á fermosa aventura de formar o grupo Los Jolly´s cando quedaron ganadores do festival da canción de Valladolid. E aí empezou todo. Acadaron o seu primeiro éxito cunha versión do famoso Supercalifragilisticospialidoso e, despois, ai amigos!, con A Santiago voy. Así é que moito coidadiño con darlle todos os méritos desta canción a Los Tamara!
            No ano 1968 e en pleno éxito de popularidade co selo Belter cambian o nome e pasan a denominarse Los Mismos. Xa está... historia pura da música española! A proba é que os consideraron os líderes da música pop nas décadas do 60 e 70. Empezaron a acadar premios a esgalla, entre eles, ollo ó dato!, o conseguido no Festival do Miño de Ourense coa canción Una vez (Paréntese para dicir que, por se alguén non o sabe, este festival da cidade das burgas, nos seus tempos, era un dos mellores que se celebraban no noso país; e chegoume así coma un ruxerruxe de que, seica, se quere recuperar. A ver se é verdade). Pechada a paréntese, unha recomendación moi recomendada pola propia Helena: "recalca, Chito, recalca nuestra vinculación a Galicia... las canciones A Santiago voy, El afilador, Una vez, Mi tierra gallega, el festival del Miño, las veces que pasamos por Luar y por todos los puntos geográficos de esta maravillosa tierra. Ya casi me siento tan gallega como pucelana". Recalcado queda, e confirmo ese cariño no pouco tempo que tivemos de conversa.
            Agora toca resumir con trazos moi simples e moi rápidos porque o espazo non dá para máis. O seu maior éxito quizais sexa El puente, composta a causa de que ela tíñalle pavor ó avión e ó barco, así é que para ir de Valencia ata Mallorca que mellor ca unha ponte. En 1980 Los Mismos disólvense. De 1981 a 1984, Helena iniciou unha carreira en solitario chamándose Jara. No 1996 Los Mismos reaparecen de novo con Guillermo Antón (hoxe, seu home) incorporado ó grupo. A maiores, Helena Bianco tamén actuaba pola súa conta en espectáculos musicais e en programas televisivos, entre eles, ¡Qué tiempo tan feliz!, xunto a María Teresa Campos.
            Repito: non tendo máis espazo, éme imposible nomear todos os seus éxitos, tanto dela coma de Los Mismos, que foron moitos. A solución: achegádevos pasado mañá ó Auditorio para velos en directo e seguro que non vos arrepentiredes (por certo, no repertorio incluirán temas máis actuais e moi coñecidos de grandes cantantes do noso país). Teño entendido que as entradas son aptas ata para as carteiras máis furadas. Este molgués pensa asistir. Porque Los Mismos forman parte xa da miña vida.

            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 24 de novembro de 2016

Publicado en La Región o venres, 02-12-2016

jueves, 1 de diciembre de 2016

POLO FÍO DUNHA NAVALLA


Noite escura nunha cociña quente. Ferven os miolos dun ir e vir polas corredoiras embulleiradas. Música de jazz nunha noite escura. Perna dereita marcando un ritmo musical nunha cociña quente. Ferve o desexo dun andar e correr polo fío dunha navalla.
Quizais Fats Waller cante sen querer cantar. Quizais este molgués que escribe berre nesta noite escura. Quzais o berro non vaia máis alá destas catro paredes dunha cociña quente. Fóra vai frío. Na vida sempre ten que haber contrastes. Que monotonía se todo fose unha liña continua! Silencio nesta noite escura. Pero o ruído musical fura nos bofes dun forno que lampexa. Ás veces custa alternar o silencio coa inspiración duns versos. Claro que onde hai un poema, hai uns latexos que botan e rebotan nas baldosas dunha cociña quente. Ó mellor é porque a noite é escura. Hai nubes e non loce o firmamento. Mal momento!

Finca Fierro. Xoves, 1 de decembro de 2016