domingo, 8 de enero de 2017

CATRO GOLPES DE AIXADA


Catro golpes de aixada e o soño dun rego que se cría dereito fíxose cachizas. Todos sabemos que nada hai dereito nesta vida que se torce. Sempre se torce. A bomba que ía caer nun arsenal de armas, cae nunha escola de nenos. A velocidade dun coche para presumir ou para chegar axiña, rebenta contra un valado, contra un carballo ou contra un poste de formigón que estaba alí, naquel punto concreto.
Catro golpes de aixada e un ril escarallado. Porque hai golpes que fan escachar cousas, incluso o ritmo dun suspiro ou o golpe dun latexo. Sábese que hai aparellos de labranza que che len a cartilla en dúas chantadas e que son capaces, si, de endereitar os regos, pero tamén de torcelos. Como esa vida feliz. Como esa vida escarallada. Catro golpes de aixada e a melancolía dun tempo que xa foi. Agora, a nugalla, torce o sentimento de calquera. A aixada debuxa regos sobre a extensión dunha finca e sobre a pel dunha vida.

Finca Fierro. Domingo, 8 de xaneiro de 2017

viernes, 6 de enero de 2017

COAS BOTAS CHEAS DE SOÑOS


Que bonito é soñar cos Reis Magos! Canta ilusión fai pensar nos Reis Magos! A noite do xoves ó venres deixeille as dúas botas xunto á porta a ver se caía algo, se caía a bicoca. Deixeille as dúas, por se acaso, por se non querían deixar algo na esquerda que o deixasen na dereita. Deixeillas ata as doce da mañá, por aquilo de se se atrasaban, xa que entendía que tiñan unha noite de moita trasfega. Nin ás doce da mañá, nin nas dúas había nada de nada. Non hai dereito, me cago no mundo! Os Reis Magos é unha quimera!
Lembro que de rapaz non recibía nada porque non quererían pasar pola corte. Igual luxaban os mocasíns. Agora non recibo nada de nada porque vivo nun piso sen ascensor e, os moi cabritos, non quererán subir escaleiras. E iso que vivo nun primeiro. Estou convencido de que se nunca recibín agasallos foi por eses dous inconvenientes. Porque creo que son un bo molgués, coas botas cheas de soños e con toda a ilusión do mundo posta neles. Pero non hai tu tía. De rapaz incluso era tan inocente que todo o que ganaba cantando os reis, de parviño, dáballo á nai. Xa non vía unha cadela, claro. Había algún ano que, sabendo que logo non vería un can, mentres os cantaba, mercaba un paquete de Celtas ou de Peninsulares e fumábao enteiro, non fose que logo o atopase a nai. Era o único agasallo que recibía deses Reis Magos que son tan cómodos que non se luxan nunha corte nin se cansan ó subir unhas escaleiras. O peor de todo é que aínda sigo crendo neles. Para o ano que ben déixolle unhas sandalias, a ver...

Finca Fierro. Venres, 6 de xaneiro de 2017

jueves, 5 de enero de 2017

AS ESCALEIRAS DA ROLA


Ola. Chámome Salvador Cristo Rupérez, O Chancas, e quero sentar nas escaleiras de pedra de Zoraida Graciosa Caraseria, A Rola. Fágoo no terceiro banzo, precisamente no terceiro, porque o segundo queda libre e no primeiro deixo caer ou meu 42 de chancas de madeira. Son o derradeiro habitante de toda a vila que calza chancas, que non é cousa de pouco.
As escaleiras da Rola están moi ben situadas; miran cara ó leste e polo mediodía, se non fora porque son de pedra, case se derretían. A ver, o de derreterse é no verán. Entenderedes, non si? No inverno xa non falaría delas porque... calquera se senta na pedra con ela medio xeada. Nas escaleiras da Rola dei o primeiro bico, precisamente a unha rula que aterraba á miña beira. A moi condenada non se asustou un carallo. Lembro que a mirei de esguello, baixei a cabeza e planteille un bico no pico. Puido aterrar na aira, pero non, fíxoo nas escaleiras da Rola. Alá ela. Ganouse un bico, o meu bico.

Finca Fierro. Xoves, 5 de xaneiro de 2017

lunes, 2 de enero de 2017

BUSCAR NIÑOS Á PILLAMADOIRA


Pasa o río Arnoia, calmo, por debaixo da ponte vella e Salustiano Salud Sanado contempla os amieiros da marxe dereita e soña con aquelas tardes nas que buscaba niños na Pillamadoira. Moi pouquiñas veces. Porque a súa nai non o deixaba "andar de can" e porque, tamén, o traballo agrícola e gandeiro non llo permitía. Aínda que era neno, con tal de que puidese cun sacho xa chegaba. Calquera neno labrego que puidese cun sachou ou cunha aixada ou cunha fouce xa a tiña clara, é dicir, unha vida escura de traballo e, por que non, de miseria.
Agora Salustiano Salud Sanado deixa escapar un sorriso; pero sabe que na súa infancia o que escapaba dos seus ollos eran bágoas de impotencia. Impotencia ó ver como outros nenos saían correndo para buscar niños pola, por exemplo, Pillamadoira. Salustiano observa a ponte vella e pensa nas veces que cruzou por ela para ir segar o centeo a Tallós. Era o traballo que máis odiaba: a seitura.

Finca Fierro. Luns, 2 de xaneiro de 2017

domingo, 1 de enero de 2017

A PRIMEIRA QUE QUEDARÍA NO PASADO


Á pesar de durmir ben ou incluso moi ben pola mañá, Gabriel Sarallo Garmendia tivo que botar a sesta; un pouco porque é costume que ten (cando pode, claro) e o outro pouco por matar a tarde. A tarde era unha tarde dominical e, para máis aquel, de ano novo; o que significaba estar practicamente todo o tempo na casa, xa que a maioría das cafetarías non abrían. Lémbrese que as resacas da noitevella adoitan ser de moito pendello. Logo da sesta, púxose a ler durante un tempiño, pero non tardou en tentalo de novo o sono. A verdade é que ler deitados é unha auténtica tentación para que os llos vaian dicindo: basta!
A Gabriel Sarallo ocorréuselle entón largar a ver a parte da súa familia e así tamén felicitarlles o ano. Falou coa súa dona Lucrecia Sálvora Salvada e alá marcharon andando. Soubo entón de verdade que entre ida, parolas e volta, a tarde do primeiro de xaneiro sería a primeira do 2017 que quedaría xa no pasado.

Finca Fierro. Domingo, 1 de xaneiro de 2017

CO QUE EU LLE QUERÍA


Alá marchou o ano 2016. E acaba de subírsenos á chepa o 2017, un novo ano que todos desexamos que veña cargado do típico de sempre. Polo de agora os que tamén se subiron á chepa foron uns cantos impostos e semella que van subir uns cantos xuízos pola corrupción. Non sei, non sei; non sei se non será unha inocentada que nos están metendo. Seguro que subirán tamén os conflitos bélicos... porque non interesa que diminúan. Volverán subir os incendios... porque tamén interesa que os haxa; por unhas ou outras causas, móvense moitos cartos. Por subir, a algúns, estes días, ata lles subiría o colesterol. Agora durante outras cantas semanas dedicaranse a esprintar por entre as corredoriras da suor.
Alá marchou o ano 2016. Un ano que, a este molgués, lle deu un pau alá polo mes de marzo e que, aínda hoxe, doe de carallo. Como non vai doer, co que eu lle quería, co que representou para min e co que nos unía, co que nos une. Non houbo un maldito día dese ano que non pensara nela. Seguirei pensando nela neste 2017 (porque o farei sempre), pero sabendo que a vida ten que seguir e que ela mesma sería a primeira en dicirme que... adiante! Así que, benvido 2017, ano no que o teu pipioliño de neto será a táboa de náufrago na que aboiaremos, na que flotaremos todos. Vai por ti, cuñada.

Finca Fierro. Sábado, 31 de decembro de 2016

viernes, 30 de diciembre de 2016

ULISES BÉRTOLO, CON ESTILO DE BEST-SELLER



            Cando estaba á espera de que se iniciase a presentación do libro "Orthodoxia", do avogado-escritor Ulises Bértolo, e vin entrar na libraría Eixo á maioría da plana maior do PP de Ourense recoñezo que me asustei un chisco, e non porque se presentase un libro político -que non era o caso-, senón porque... veña, Chito, non sexas argalleiro e deixa a política a un lado. E deixándoa a un lado, axiña desconectei para prestarlle atención ó propio autor e ós dous acompañantes que se sentaron á mesa para falar do libro: Alejandro Rubín, que aínda que en Ourense o recoñecemos máis por ser o director xerente de Expourense, nesta ocasión asistía como vicepresidente da Fundación de Interese Galego Orde do Camiño de Santiago, porque, o libro, como comentarei, versa un pouco ou un moito sobre o Camiño. O outro acompañante era Roberto Bustillo, catedrático de dereito administrativo e tamén escritor.

            Estes dous foron os que abriron a presentación, o debate sobre a obra, e tanto Rubín coma Bustillo gabaron a novela de Ulises, chegando a comparala incluso cun estilo literario moi semellante ó do gran escritor de best-sellers John Grisham. Porque "Orthodoxia" é un thriller cargado de suspense e historia que non lle dá tregua, non lle dá respiro ó lector. A novela tece unha trama policial enigmática en torno ó Camiño e de varios personaxes e acontecementos históricos. A verdade é que Ulises Bértolo escribiu un trepidante relato sobre a megalomanía de certas ambicións relixiosas e o valor do compromiso por defender unha crenza a través dos séculos.
            Cun principio trepidante, a novela engancha desde xa. Porque, a maiores, os rápidos diálogos axudan e, ademais, nótase que fuxiu Das conversas máis intelixentes "porque todos, ás veces, dicimos trapalladas", segundo o propio autor. Como semella unha trapallada, pero non o é, a forma que ten de escarvar, de escaravellar na orixe do mal. O mesmo  Ulises Bértolo comentou que "Orthodoxia" construíuna tomando de exemplo a un malo. O autor non é parvo. De todos é sabido que o mal sempre atrae de carallo. A proba témola ben no cine: que os personaxes máis ricos en matices adoitan ser os malos. Bértolo escribiu e conseguiu unha moi boa novela baixo un misterio sanguento.
            "Orthodoxia" é a súa segunda obra. A primeira, "A substancia invisible dos ceos", xa chegaron a comparala coma un Código Da Vinci musical. Tamén é un thriller trepidante que, coa base do mundo académico, formula cuestións de actualidade. Esta tamén engancha grazas a unha ambientación fantástica, unhas poucas doses de romance, unha trama con fondo, con motivo histórico e, iso si, moito misterio.
            Ulises Bértolo naceu o 5 de xuño de 1967 na capital do Imperio, en Madrid, e logo de residir en varias cidades, incluídas en algunhas de Estados Unidos, acabou recalando en Santiago de Compostela, onde exerce a súa auténtica profesións: avogado e profesor de Dereito. Ó mesmo tempo colabora en proxectos de promoción deportiva e cultural, coma por exemplo, o Club Náutico de San Vicente do Grove, do que acaba de deixar a propia presidencia, e a pesar de que aínda lle quedaban dous anos máis nese cargo.
            Confeso devorador de libros (rapaz, ti e máis eu somos dous!), ós que lle dá lectura de "tres en tres". Acostumado a escribir documentos monotemáticos de carácter xurídico e a participar en mediáticos procesos xudiciais, Ulises Bértolo confesa que na ficción atopa unha vía de escape. Normal.
            A afección pola escritura tívoa sempre. Como avogado dedícase a escribir todos os días escritos de carácter legal ou xurídico. E xa nese momento un intenta contar algo, convencer ós demais do que conta, co cal esa é unha forma de desviar despois ese tipo de escritura cara á ficción. E creo que o consegue de marabilla. Non poucos autores poden presumir de que as súas dúas primeiras obras as comparen xa con best-sellers de fama.

            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 29 de novembro de 2016

Publicado en La Región o venres, 30-12-2016