martes, 28 de febrero de 2017

A BASE DE...


Donald Trump incrementou o presuposto de Defensa. Vai atacar! Vai atacar! Aumentouno de tal maneira que non lle quedou outra que sacar doutras partidas, doutras áreas da Administraciónm. Porque xa se sabe que neste mundo mundial o que contará sempre é o poder. Este acádase a base de hostias, tiros, bombas e mortes. Foi sempre así. Será sempre así.
E non importa que te eduquen para asimilar que a curota, a culminación da existencia é o ser humano. Será. O que pasa é que o propio ser humano vólvese lobo e ataca. Donald Trump é un ser humano. Donald Trump xa hai tempo que se volveu lobo. A Donald Trump tócalle atacar. Seguro que ó primeiro que lle bote un chisco de fume ante o seu nariz... la cagaste, Burt Lancester! Polo de agora, empeza a armarse, e a armarse ata máis non poder! Vai ser que os seus exabruptos, as súas baballocadas van ir máis alá da verdade, da propia realidade. Hostias, tiros, bombas e mortes.

Finca Fierro. Martes, 28 de febreiro de 2017

lunes, 27 de febrero de 2017

SENTIDIÑO NOS ERROS ORTOGRÁFICOS


As redes sociais choutaron coma cans de presa sobre o erro ortográfico do rótulo que anunciaba o Hospital Univesitario de Ourense. Eu fun dos que nin comentei nada nin me burlei de tal erro, porque sei que unha palabra mal escrita asómanos a calquera nun ou noutro comentario.
Pero cando días despois me atopei cunha nova foto na que nos ensinaban unha Cuna de Transpote, aí xa asimilei que ó mellor o erro en Univesitario non era tal. Ó mellor o paisano que escribiu os letreiros non daba para máis. Ou é dos que se comen as "erres" por problemas de linguaxe oral ou porque ten fame. Outra das opcións, por que non, tamén puido ser que o paisano pensase que estaba escribindo nun móbil. Creo que xa todos sabemos como se escriben os guasaps. A min con todo o que me gusta ler, paso as de Caín para saber o que che poñen ás veces. Deixando a mofa á parte, hai que ter un poquiño máis de sentidiño cando se escribe algo para obras desta envergadura, principalmente tan expostas ó público.

Finca Fierro. Luns, 27 de febreiro de 2017

domingo, 26 de febrero de 2017

DOCE MENOS ALGO DA NOITE


Doce menos vinte da noite. Unha estrela quere ensinar as súas puntas, pero unha nube negra interponse e dille que se largue para outra feira. A lúa vella, que está a velas vir, sorrí e chíscalle un ollo ó molgués que escribe. Hai cousas no ceo que non semellan deste firmamento. Agora cada quen que entenda o que lle pareza. Doce menos cuarto da noite. Ella Fitzgerald dille a Louis Armstrong que xa está ben de tanto actuar xuntos. Que iso eran outros tempos. Que agora xa vai sendo hora de que cada un actúe por outros universos. Hai artistas que che son ben raros.
Non son as doce menos dez porque aínda só pasaron dous minutos das menos cuarto. Así é que a outra leira, molgués. A que un moucho pousou fronte a miña casa e mírame coma se non me mirara. Pero eu ben sei que me ve. É bonito de carallo! Hai paxaros noitébregos que che asubían un vals para que e e máis eu quedemos contentos. Quedamos.

Finca Fierro. Domingo, 26 de febreiro de 2017

sábado, 25 de febrero de 2017

POR SORTE, VOU MARCHAR


Primeiro foi a sentenza e agora andamos coa absolución a voltas. É dicir, de mal en peor. O da sentenza xa alporizou ás masas; imaxinade agora o da absolución. Pois nin así; o fiscal de Murcia vai e denuncia "intimidacións e desprezo" e ve absurdo que "os perseguidos sexamos os fiscais por diante dos corruptos". Señor López Bernal, a ver, home, por que non fai a pregunta desta outra maneira: "por que somos perseguidos?" Por algo será, digo eu. A min paréceme normal que os persigan; é que mesmo semella que en vez de acusar (creo que é este o cometido dun fiscal), defenden, que fan máis de avogados defensores que de fiscais acusadores. Veña, home, non se queixe; que ó mellor merecen algo máis ca uns insultos ou uns desprezos. Lembre que temos moita paciencia.
É verdade, vou pasar olimpicamente do caso Nóos e de toda a trapallada que leva consigo. Porque, por sorte, vou marchar e non vou saber nada máis do que acontece neste país corrupto e neste planeta podrido. Vou marchar para un deses planetas que seica se detectaron nun sistema estelar que está aí, á volta da esquina, "a tan só 40 anos luz", como dicía este mesmo xornal. Nada, algo así como 40 leguas que as pateo eu nun dicir amén. A proba é que vou adestrar un chisco os pulmóns para acoplarme a esas atmosferas estratosféricas e nun chiscar de ollo póñome ó camiño. Aínda que xa se pode dicir que vou para vello, espero arribar alá, no quinto planeta, por exemplo, antes de que o derradeiro suspiro escape do meu corpo, da miña personalidade. E por min xa poden soltar a todos os culpables e condenar a todos os inocentes!

Finca Fierro. Sábado, 25 de febreiro de 2017

viernes, 24 de febrero de 2017

A ROMANA DA XUSTIZA


Cando pensas que o aloumiño dun verso borda todo o poema? Os pensamentos non sempre riman coa nostalxia dos anos infinitos, dos anos que non acababan nunca, pero que pasaban coma un lóstrego. Ás veces as ironías da vida dan reviravoltas coma os monicreques. Adoitamos bailar para non quedarnos quietos. E os que non sabemos facelo, caemos. Ou tropezamos. Menos mal que a vida sempre tirou para adiante. Pobre daquel que lle fora para atrás! E hainos!
Cando pensas que a báscula dun sentimento se inclina para un lado ou para o outro? Pensamos que as romanas marcan a imparcialidade da xustiza, pero, ai!, case sempre se ladean para un lado. Para o puto mesmo lado! Ás veces a neutralidade nas decisións xustas é unha auténtica quimera. Ás veces, non... a maioría das veces! E non obstante, volvemos enfociñar contra a mesma pedra. Para que non digan que somos parvos! Cando pensas que o poema remata nun sentimento? De que valen os sentimentos!

Finca Fierro. Venres, 24 de febreiro de 2017

jueves, 23 de febrero de 2017

QUEN DIXO CALISTAS!


Xa estou listo. Xa quitei o calo do pé e xa me atopo coma Deus. Primeiro metín o pé nunha almofía con auga con sal. Aí o tiven para que abrandase ata que arrefriase a auga. Mentres, abrín o feisbuq e o iutube, subín tres versos dunha poesía de Fermín Bouza Brey e colguei o jazz de Chris Botti (agora mesmo acompañado por ese portento chamado Sting).
Cando arrefriou a auga, larguei para o baño, collín o cortauñas e coa lima do mesmo empecei a furgar, a escaravellar, a fozar... coma un primitivo, con xestos de dor, con algún que outro ai e, por suposto, uns cantos carallos. Cada vez que saco desa maneira o calo adoito suar un chisco. É porque doe de raio! Pero aguanto coma os heroes e sigo furgando e escaravellando e fozando. Nun momento dado, choutou! Decontado xa sentín o alivio. Erguinme, calquei un pouco sobre a planta do pé esquerdo e... coma Deus! Quen dixo podólogos nin calistas nin rabo de gaitas. Para que están as limas dos cortauñas! Furgar ó besta, e punto.

Finca Fierro. Xoves, 23 de febreiro de 2017

martes, 21 de febrero de 2017

DAQUEL TEMPO QUE FOI


Aínda tremen os vagalumes de cando a terra deu voltas sobre si mesma e de cando as nubes navegaron por un mar de dúbidas. Aínda vai o cabalo do demo polos argazos dun paraíso que xurdiu máis alá do silencio. Ou máis acá do barullo. Quedan as sinais do pobo marcando un tempo que xa foi e que practicamente é imposible que volva. Claro que, a quen lle importa! Se por debaixo dun ceo negro corre a memoria dun compás clásico ou acouga o pálpito dun sentimento eterno.
Aínda sorrín as lavercas do Medo ó ver como unha xesta baila un tango cun codeso. Xa quixera Carlos Gardel poñerlle voz a ese instante, precisamente a ese momento. Pero non todos os días un pode contemplar á paxarela pousada sobre un toxo ou ó lagarto choutando de carqueixa en carqueixa. Quizais o camiño máis curto sexa aquel no que non se dá ningún paso. Quizais. Así é que, o mellor é voar cos soños daquel tempo que foi.

Finca Fierro. Martes, 21 de febreiro de 2017