viernes, 31 de marzo de 2017

O VETERINARIO DA VENECIA OURENSÁ

Moitos pensarán que as adversidades políticas separan ou segregan. Depende. Hai xente que si toma a peito ó adversario, sexa na condición que sexa. Pero tamén hai xente que canta máis adversidade nota, máis intenta achegarse ó contrario, incluso ata pode chegar a sentir agarimo por el. Eduardo Laherrán de la Sota e este molgués que escribe eran rematadamente contrarios nas cuestións políticas. Non obstante, hai un algo, un aquel no que noto un certo cariño, un certo achegamento polo que foi un dos alcaldes máis lonxevos de todo o territorio español. Incluso en plan, chamémoslle, de traballo coincidín con el durante un tempo, de cando me fixera cargo da biblioteca pública de Baños de Molgas. E teño que recoñecer que comigo portouse sempre moi ben. Non había tarde na que, como tivese que asistir por calquera motivo á Casa Consistorial,. non abrise a porta da biblioteca e se interesase por min e pola miña labor. Aínda que unha vez case me rifou. Pero foi unha rifa cariñosa: "por Deus bendito, deixa de pedirme tantos libros!", chegou a manifestarme.
Cada vez que asomaba pola biblioteca algún representante das editoriais ou algún vendedor de libros, eu, ante a fascinación e o amor que sentía (e sinto) por estes, sempre os remitía ó señor alcalde con informes moi favorables. Que carallo, eran sempre favorables! O caso era conseguir libros para a vila. Ata que me dixo basta! Non lle fixen moito caso, esa é a verdade... o próximo vendedor que entrou: ale, sube arriba e dille que esta colección é imprescindible para a biblioteca. En momentos así, confeso que non desexaba que abrise a porta para despedirse de min, por se me botaba unha bufiñada. pero, repito, fóra daquela reprenda cariñosa, comigo sempre se portou ben. Incluso en tempos máis actuais, e cada vez que me vía, sempre me comentaba algo de que me seguía por La Región; "pero es que usas ese gallego...". Nunca deixou de saudarme, nin por adversario nas ideas políticas nin por aquela distinción de clases que había antigamente entre a xente ben e os labregos; no caso de Baños de Molgas, entre a xente "da carretera" e "os outros" ou os do casco vello ou os da Aira de Arriba ou os do barrio da Igrexa.
Aínda que, a este último respecto (o de saudar ós labregos), case o vexo normal. Porque Eduardo Laherrán de la Sota tratou toda a súa vida con labregos. este é quizais o auténtico motivo desta reportaxe. Cando pensei nel para un Testemuñas sempre o fixen baixo o prisma, a perspectiva da súa actividade como veterinario e non como alcalde ou político. Porque é verdade que don Eduardo foi alcalde, e foi director da Caixa Ourense, e foi o director e un dos donos do balneario da vila molguesa, pero para Baños de Molgas e para toda a contorna foi, ante todo, veterinario, O Veterinario. Segundo as referencias que teño, fóra xa da nosa vila, seica foi un moi bo veterinario.
Un veterinario que non rexeitaba enzoufarse nunha corte chea de merda aínda que levase zapatos de charón (e lembrade que estamos a falar das décadas anteriores á dos oitenta, cando a división de clases era máis que patente e cando "esas clases", algunhas veces, facían e desfacían ó seu antollo). Un veterinario ó que non lle amolaba que o espertasen ás tres ou catro da madrugada porque tal becerro estaba agonizando. Lembro os domingos, cando saía da misa, que o esperabamos como auga de maio para asaltalo e que lle botase unha ollada a cal vaca ou a tal porco porque lle asomaba un vulto alí, no bandullo, por exemplo. El, cos zapatiños baixos, entraba na corte ou no cortello e aquí paz e despois gloria.
Eduardo Laherrán de la Sota naceu en Puente Arce, Santander, o 20 de xaneiro de 1923. Estudou a carreira de veterinario na Facultade de León. Chegou a Baños de Molgas no 1951 para exercer de veterinario titular. Chegou, como diría el, "no Villalón, onde coñecín á mestra María Dolores Cachalvite que me recomendou o hotel Evangelina para aloxarme". Dous anos máis tarde acomodou noutro lado... coa súa dona María Luisa González Salgado, filla de don Samuel González Movilla, médico titular de Baños de Molgas. Foi en concreto o 17 de xuño de 1953 ó casar con ela no santuario dos Milagres. Tiveron unha filla, que é farmacéutica na cidade das Burgas desde 1972.
Como o espazo das Testemuñas é o que é, hai que simplificar a grandes trazos. Tomou posesión como alcalde de Baños de Molgas o 13 de maio de 1958 e presentou a súa dimisión o 30 de abril de 1993. Aí é nada, 35 anos de alcalde! E antes era antes, pero lémbrese que, en plena democracia, varreu en todos os comicios por maioría absoluta, se non recordo mal. Foi deputado provincial durante varios anos. Solicitou, abriu e foi director da oficina da Caixa Ourense da vila balnearia desde 1969 ata a súa xubilación. Fixo seu o alcume que un correspondente deste xornal, Sindo Froufe, usou para Baños de Molgas cando lle chamou á vila a Venecia ourensá. E ben sabía por que. Nós tamén o sabemos.
Tivo condecoracións, recoñecementos, homenaxes a darlle cun sacho por practicamente todas as súas facetas. Ata o pleno do concello de Baños de Molgas (rexido hoxe polo BNG) recoñece a labor de Eduardo Laherrán de la Sota, que faleceu o pasado 17 de xaneiro, ós 93 anos, fixo xa dous meses. Descanse en paz, señor veterinario.


Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 21 de febreiro de 2017


Publicado en La Región o venres, 31-03-2017

miércoles, 29 de marzo de 2017

MOMENTOS PARA TODO


Cómpre o tempo. De facer cousas antes de ver a típica película noitébrega. É que ata agora estiven lendo para poder rematar co libro "Todo canto fomos", do escritor morañés Xosé Monteagudo. Foron 523 páxinas que me gustaron moito. A verdade é que non me esperaba atoparme cun libro así. A novela percorre máis dun século da historia galega cuns acontecementos que enganchan.
E xa teño sobre a mesa "A festa do Chivo", do premio Nobel Mario Vargas Llosa que me deixou o meu compañeiro. Non empezo xa a lelo polo dito: porque me cómpre o tempo para escribir este relatiño e así poder ver a película da tele. Canto me gusta ler e ver cine! E iso que son futboleiro, moi futboleiro. Polo que sigo insistindo que o fútbol non ten por que amoucar á cultura, non ten por que apaiolar, idiotizar o intelecto ou o raciocinio. Se organizamos ben o tempo, temos ocasións, momentos para todo; para comungar de cando en vez coa "masa" e para darlle estopa ás palabras cultas e ás imaxes gratificantes.

Finca Fierro. Mércores, 29 de marzo de 2017

lunes, 27 de marzo de 2017

CANTO CUSTA DECIDIR!


Ás veces custa unha barbaridade tomar decisións. Se dis que é boi, tes medo de que sexa vaca. Se dis que vas, ó momento xa pensas que é mellor quedarse quieto. Se acordas algo, quédache a conciencia dálle que dálle por se o acordo debería ser outro. Canto custa decidir! Cando por un casual o fas... e mira que se era da outra maneira. Estás nun lugar e decides desprazarte a outro porque hai máis sombra, por exemplo. Ó pouco a maldita sombra xa te fai arrefriar.
Se confundes o touciño coa velocidade tes que chegar á conclusión de que es parvo. Emporiso, mentres non chegas a esa conclusión, a esa dedución, o teu pensamento vai e vén por todos os recantos da indecisión. Se chamas polo gato e aparece o can. Se dis a ollo que de aquí a alá hai 20 metros e resulta que son outros 20 máis, definitivamente es parvo. Así de simple e así de sinxelo. Canto custa tomar unha decisión ou quedar coa conciencia tranquila! En efecto, se tes conciencia non es tan parvo.

Finca Fierro. Luns, 27 de marzo de 2017

SOBRE O PODER DO DESTINO

Ó mellor pode parecer fácil que un médico escriba novelas versadas sobre a medicina, un avogado desenvolva o tema de xulgados ou un policía use o fondo ou o transfondo dun thriller ou novela negra. Pode parecer fácil, pero non o é. Todo precisa dunha linguaxe, dun estilo, dun ritmo, dunha trama que ten que ir máis alá dos simples coñecementos que se teñan sobre esas actividades ou sobre eses traballos. É certo que a experiencia en tal ou cal emprego axuda; pero así calquera veterano valería para escribir unha ducia de novelas. E non valemos calquera.
Fernando Hernández González si vale. A maiores da experiencia como policía local do concello do Barco de Valdeorras (leva máis de 20 anos alá), soubo darlle ritmo a unha novela de intriga que se apodera páxina a páxina do lector. “Juguetes de lo desconocido” é unha novela negra que nos fai reflexionar sobre o poder do destino para transformar as nosas vidas. Nela contrastan a luminosidade, que está representada polo protagonista, e a escuridade, que, como non, encárnaa o malo, o peor do ser humano, que sabemos que é moito, que todos temos ese demo que levamos dentro.
Fernando Hernández ten outro valor engadido ó da escritura da novela: o da súa publicación. Agora está contento, pero tal como me contou, necesitou valor, Deus e axuda para ver impresa e publicada “Juguetes de lo desconocido”. Semella que o deixou esgotado. Por iso conta que as únicas “sorpresas negativas” protagonizáronas os voitres que se atopan no mundo editorial en forma de falsos editores e que se aproveitan de escritores noveles, deses pobres escritores que o único que desexan é dar a coñecer os seus traballos e os seus coñecementos. Claro que estes representan á cultura, mentres que os voitres só van detrás da carnaza, do negocio. E enganan a “Cristo y Dios padre”.
Ó autor non lle quedou outra que autopublicarse, darse a coñecer percorrendo libraría tras libraría, espazo tras espazo, vila tras vila, polo que confesa, e con razón, que é unha tarefa dura, moi dura. Non é un prato de gusto ir de porta en porta, practicamente mendigando. Arríscaste a recibir contestacións que ata poden partir a alma, ata poden botar por terra as túas ansias de escribir. Incluso che poden romper o nariz coas portas.
Parece que non foi o caso da libraría Eixo da nosa cidade, que llas abriu de par en par fixo xa un ano, o 14 de xaneiro do 2016. Alí a presentou ante unha ducia de fieis lectores e debullou un pouco as 400 páxinas das que consta “Juguetes de lo desconocido”. Dividida en tres partes, na que, na primeira, preséntanos ó protagonista, un policía ourensán cun abaneo na súa vida persoal que o leva da perfección á esgazadura por culpa dun terrible suceso familiar. A segunda parte da trama corresponde cunha viaxe polos delirios sanguinarios dun psicópata con sede de posesión e sangue que o levan a terras galegas onde os avatares do destino fan que os dous protagonistas coincidan. No último terzo, o duelo psicolóxico entre ambos, ese choque entre o ben e o mal, a luz e a escuridade, pode ter consecuencias mortais para unha estudante monfortina da USC e para eles mesmos. Como se ve, a trama engancha.
A narración que buliu na cabeza do policía barquense ten numerosos escenarios, entre os que figuran Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra, así como Ourense e incluso outras localidades de fóra de Galicia. O espazo temporal vai desde finais do século pasado ata unha época futura. Fernando Hernández confesa que lle deu traballo, pero aínda así seica xa está enfrascado noutra novela.
O autor, como dicía ó principio, leva xa 20 anos de policía local no Barco, pero nacer naceu e vive en Monforte de Lemos vai para 48 anos, cúmpreos agora no mes de marzo. Casado e con dous fillos. Estudou, por suposto, en Monforte e uns aniños na Carballeira, aquí en Ourense. Despois xa se graduou en Ciencias Criminolóxicas na Universidade de Santiago e tamén acadou o grao de Criminoloxía na UNIR, ou o que é o mesmo, a Universidade da Rioxa. De neno case foi coma todos con respecto ás afeccións deportivas: fútbol e baloncesto. O case ese débese ó tenis, polo que sente unha verdadeira paixón.
O escritor monfortino ou o novelista barquense confesa que non é un devorador de libros, que le o esencial, pero si quere que o del o lea todo o mundo. Normal. E eu bótolle un cable dicindo que si merece a pena lelo, que moito ánimo co novo, que seguro que superará a “Juguetes de lo desconocido”, e que para a próxima xa lle abrirán as portas carrais a maioría das librarías.


Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 7 de febreiro de 2017


Publicado en La Región o venres, 24-03-2017

domingo, 26 de marzo de 2017

CO BEN QUE SE ESTÁ FÓRA!


O aire fungaba fóra  e pingas de chuvia querían caer, caían sobre a miña cabeza. Pouquiñas, esa é a verdade. Pero intúo que, logo do aire, virá a auga. A tarde do domingo está gris, triste.
Non se vía unha alma pola rúa. A miña si. Porque a miña non é capaz de aguantar toda unha tarde pechada na casa. Xa o dicía miña nai: "en ti non cae a casa, oh". Por agora non caeu. A ver!, é que tampouco son parvo; estar ó mellor de papafilloas esperando a que caia a casa. Vaiche boa! Xa sei que fóra pode matarme unha chispa, un alustro, pero que che caia a casa enriba... Co ben que se está fóra; respirando aire puro, oíndo os paxariños, vendo como os caracois atravesan o atallo que vai cara á Valenzá. A tarde está triste, pero un paseo por entre esa tristura é coma sentar nunha aira coa morriña aniñando na alma. Máis ou menos. Agora xa estou de novo na casa e, oxalá!, non se derrube. Que tristura, meu Deus, morrer esmagado co ben que se está fóra!

Finca Fierro. Domingo, 26 de marzo de 2017

sábado, 25 de marzo de 2017

O PEOR DÍA DA SEMANA


Non habendo película hoxe para ver, non queda outra que manipular no ordenador ata que canse. Xa estou a piques de facelo. Porque xa hai tempo que navego polas entrañas da Internet. Tanto como que xa escoitei todo un álbum jazzístico de Duke Ellington, Charles Mingus e Max Roach, e xa levo unhas cantas cancións dos Ilegales, do seu álbum de 1982 "Ilegais". Agora imaxino que ó rematar este relato pecharei o portátil e dedicareille uns minutos á lectura... ou a marchar para a cama.
Estou canso. É sábado. E como todos os sábados é o peor día da semana para este molgués. Xa se pode dicir que me empezou a etapa de andar na viña un sábado si e outro tamén. E axiña pasarei a un día sí e o outro tamén. Ós Ilegales gústalles ver a televisión. A min tamén, pero hoxe cheguei tarde e xa empezara a película. Nunca me gustaron as películas empezadas. Normal, en moitas a primeira escena xa o di practicamente todo.

Finca Fierro. Sábado, 25 de marzo de 2017

viernes, 24 de marzo de 2017

MÁIS ALÁ DO DESPROPÓSITO


Xa sei que o atentado en Londres é un asunto que quizais mereza máis atención que a nevarada da pasada semana na nosa provincia. Pero é que esta deu tanto de si, que non sería eu se non me meto con ela. A ver!, entendámonos; non me vou meter coa propia neve, senón con toda a trangallada que trouxo consigo. O día antes de que caesen do ceo esas tan ansiadas folerpas brancas e cristalinas, semellaba que, a pesar da súa fermosura, ía acabar o mundo. E a Xunta de Galicia actuou. Vaia se o fixo! Puxo tanto celo, tanto esmero na súa previsión que fixeron que case todo o país noso quedase medio paralizado... para, practicamente, nada.
As folerpas fixéronse tanto de rogar que o mércores, pola contorna de Maceda, polo mediodía, aínda non caera ningunha. Alá foi o primeiro día de clases ó carallo! Pola noite si, pola noite seica xa lle arreou de raio, xa as fotos de todo "mobilista" que se prece empezaron a bombardear o feisbuq, o guasap e demais chafalladas internáuticas que hai por aí soltas. Véndoas, eu mesmo prometíamas moi felices pensando que ó día seguinte, de madrugada, a ver quen era o chulo que cruzaba o porto de Piúca. E foi peor aínda cando ás sete e media da mañá vin que xa no mesmo Polígono había neve. Me cago no mundo!, a que a Xunta vai ter razón! Non obstante, creo que foi a primeira vez que, habendo neve, circulei pola estrada OU-101 sen que o asfalto acumulase unha pobre falopa. É dicir, que tantos achaques, tantas precaucións para nada. Perdón, rectifico: a paisaxe estaba máis fermosa ca nunca; toda branca e radiante... como as noivas. Pero as medidas que se tomaron para "catro folerpas" foron máis alá do esperpento, do despropósito.

Finca Fierro. Venres, 24 de marzo de 2017