domingo, 30 de abril de 2017

SEMPRE A MÚSICA


Sento na cadeira de catro patas para escribir. Abro o ordenador. Conecto os auriculares. Meto o jazz de Greg Osby. Fochico, primeiro, un chisco polo feisbuq. E alá vou: Escribo sobre a conciencia dun mosquito, que nin tan sequera sei se a ten. Escribo sobre o son dunha gaita que toca máis alá da nosa terra, quizais naquel planeta onde, seguro!, xa hai un galego. Escribo sobre o sorriso dunha bubela, porque, hai que ver!, como se pon a condenada cando atopa as bostas das vacas.
Disimuladamente, fago que o meu corpo, principalmente a cabeza, se mova ó ritmo da música de Greg Osby. Escribo sobre a música, que racha a tristura por uns acontecementos da natureza que non puiden evitar, que amansa a impotencia que quere rañarme a alma e que me inspira para dicir que sigo escribindo, xa co ordenador aberto, sentado nunha cadeira de catro patas. E escoitando música, claro. Sempre a música poñéndome no lugar que me corresponde: o da calma, o do sosego, o do acougo.

Finca Fierro. Domingo, 30 de abril de 2017

BESTAS SEN CONCIENCIA


Somos como animais para as guerras. Somos bestas paras as pelexas. Somos malnacidos para os insultos. Somos cafres, máis ben monstros, para nós mesmos. Pois ben, todo isto ata chego a soportalo e aguantalo. Pero o que sempre se me pon costa arriba, ou aínda máis, o que non soportarei nunca son al maldades contra os nenos. Sei que verteremos sempre frascos de veleno nos vasos da súa inocencia.
Está aumentando a desaparición de nenos que chegan sós a Europa. Tal desaparición é porque caen en redes de trata de persoas. Ó ler isto sempre exclamaremos aquilo de "por Deus, que só son nenos!". Moitos dos que exclaman isto pertencen a esas redes. É lei de vida que esa maldita hormona que temos chea de pezoña se descargue sempre contra o máis inocente, contra o indefenso. E non digo nada se tal trata de persoas vai acompañada de maletíns de diñeiro, que por suposto que vai. Ó haber diñeiro por medio, hai mafias. Negocio lucrativo para bestas sen conciencia.

Cafetaría Perla 3 de Ourense. Venres, 28 de abril de 2017

sábado, 29 de abril de 2017

XA CASE DÁ IGUAL


O venres pola tarde escribía encol das redes sobre trata de persoas, máis en concreto de nenos, coa intención de mandar o escrito a este Recuncho Hebdomadario; algo que tiña intención de facer pola noite. Pero, non sei por que, dei pé a que chegara o sábado. Este día, ata a noite, non podo facer nada (nin escribir nin tan sequera acender o ordenador para mandar escritos ó xornal), porque hai que marchar para a aldea ou o que é o mesmo ir traballar á viña. Xa ía sobre aviso (os sogros estiveran comigo o venres pola tarde) da desfeita que a xeada do xoves pola mañá fixera na viña.
De camiño pensaba en que ó mellor non era para tanto, que en tal caso atrasaría o crecemento das vides, pero nada máis. A proba é que ía armado coas "grampadoras" coa intención de atar, xa que a rama, en cada día que pasa, medra e medra a máis non poder. Cando a muller e máis eu, incluso xa antes de entrar na viña, a uns 50 metros da mesma, vimos unha negrura inmensa, axiña notamos como a alma se nos caía ós pés. E foi entrar na finca para darse de conta de que os sogros se quedaran curtos coa análise da catástrofe. Non esaxero se digo que a puta xeada liquidioume a viña toda, queimouma enteiriña. Absolutamente toda. Non se salvou ningunha cepa das máis de 3.000 que ten a Costa da Gándara. Catástrofe incrible! Ruína total! Logo de xemer coa impotencia, non quedou outra que largar a mercar algún sulfato especial para mirar a ver se hai opción de recuperar algo; que non creo. Acababa de sulfatar cinco días antes. Volvina sulfatar xa pola mañá con Sipfol Max e Orthocide. A ver que pasa. Pero xa case dá igual; a tristura, a amargura, a consternación e a carraxe déixanme totalmente apático.

Finmca Fierro. Sábado, 29 de abril de 2017

jueves, 27 de abril de 2017

ACTUAR DE OFICIO


Acabo de ver pola televisión, por dúas veces, unhas imaxes dun presunto afeccionado do Betis golpeando en Bilbao a unha persoa porque si, porque lle deu a gana. Había tres mongoloides (non se merecen outro nome) actuando nos feitos: o que zoupaba, o que se ría e o que gravaba desde un móbil.
A Ertzaintza xa sabe quen son, pero seica non poden facer nada porque o golpeado non denunciou. Manda truco en Baños de Molgas! Ó mellor non denuncia pois, por exemplo, por medo (xa sabemos que o medo é libre) ou porque non quere verse envolto en tales barafundas. Pero hai certas actuacións, certos actos nos que, aínda sen delacións, a fiscalía tiña que actuar de oficio e meterlle un castigo exemplar a eses energúmenos, incluso meténdoos no presidio. Primeiro meténdolle man á economía de cada un (que é onde máis nos doe) e, logo, a polos a rezar de xeonllos na praza da cidade ata que se quedaran sen nos ósos. É que se non se lles fai nada, volverán actuar. Polo que dicían, creo que o atacante xa actuara máis veces. Así, normal.

Finca Fierro. Xoves, 27 de abril de 2017

martes, 25 de abril de 2017

MOEDA Ó AIRE


O Silabario Bendito dubida entre coller á dereita pola pista da Lama ou das Pedradracas ou seguir de fronte pola estrada que vai a Os Milagres. Queda parado un bo cacho. Dá un paso para un lado. Dá un paso para o outro lado. Opta por botar unha moeda ó aire. Botouna con tanta forza, tan arriba que temos tempo para dicir que O Silabario Bendito non é outro que Filemón Garrido Cangallo.
Ninguén sabe de onde lle veu o de Silabario. E menos o de Bendito, porque de Santo, Filemón non ten moito. Mais tampouco imos quitarlle a conduta, é dicir, poñelo coma unhas nabizas. A ver!, chega ben con que sexan os veciños os que saiban de que pé coxea, polo que tampouco é para pregoar os defectos de Filemón. Quen non ten carencias? Pois mira que tarda en caer a moeda! Este Silabario... Aínda nos vai caer a nós na cara. Por se acaso ímola vixiar, non vaia ser o demo. Aí vén! Aí vén! Aí vén! Chapouna ó voo. Mirou e viu que saíra cara. Pero claro, cal sería o desexo do Silabario Bendito? Debeu dicir: se sae cara, collo á dereita. Porque o noso amigo púxose a andar cara ás Pedradarcas. Boa viaxe, Silabario.

Finca Fierro. Martes, 25 de abril de 2017

lunes, 24 de abril de 2017

NO DÍA DO LIBRO


No día do libro a xente asomou polas redes sociais coas típicas felicitacións e desexos dun bo día á beira, por suposto, dun libro. Eu recoñezo que tamén puxen algo, é máis, puxen isto: "O mellor desexo deste día do libro é coller un e poñerse a lelo. Eu téñoo enriba da mesa e mentres se prepara a muller para ir tomar o cafeciño domingueiro, vou a abrilo pola páxina 266 e a seguir...". Iso fixen. Ó volver do cafeciño seguín de novo con el ata que me chamaron para xantar.
Logo da típica cabezada ou pequena sesta que me gusta botar, baixei para a rúa para seguir lendo andando, unhas veces, e sentado nun banco, outras, ata que o rematei. Subín para a casa, tombeime na cama e, zas, iniciei xa a lectura dun novo libro de case 700 páxinas ata que chegou a hora do clásico. É dicir, gran parte do día lendo; o que entendo que é a mellor felicitación ou celebración deste día tan importante. Tamén entendo que souben compaxinar o fútbol coa cultura. Pódese, vaia se se pode!

Finca Fierro. Domingo, 23 de abril de 2017

sábado, 22 de abril de 2017

ESQUECENDO AS MISERIAS CORRUPTAS


Xa sei que non se fala doutra cousa que non sexan as detencións dunha morea de pepeiros madrileños (de quen?) ou das bágoas de crocodilo de Esperanza Aguirre (por certo, a eses reptís nunca os oín, pero sei seguro que choran moito mellor, moito máis convincentes), digo que non se falará doutra cousa, pero eu hoxe só teño a cabeza no Celtiña. Tanto Madrid, tanto Barcelona, nin que nabo de Lugo! Xa está ben! No noso país hai outros equipiños que, si, fan un xogo moito máis bonito cós grandes, pero fáltalles o aquel, é dicir, o euro para poder fichar unha ou dúas estreliñas que, hai que recoñecer, adoitan marcar a diferenza. Non obstante, sen estreliñas nin andrómenas, o noso Celta aí está, percorrendo Europa cun fútbol máis que bonito. Desde os tempos daquel Súper Dépor, os galeguiños, futbolisticamente falando, andabamos de canga baixa polos campos extranxeiros, ou sexa, non andabamos. Mais aquí está xa este Celta que, por uns momentos, é capaz de facernos esquecer as miserias corruptas que estamos a vivir.
Aínda que o de miserias é un dicir, pois sigo repetindo que temos a corrupción tan metida nos fígados que xa a asumimos como compañeira diaria, algo así pois coma o propio fútbol, que te metes nun bar e falas do partido tal ou do equipo cal. Agora falamos do Canal Isabel II e dos políticos corrompidos entre xogada e xogada futbolística, ou sexa, coma se fora unha xogada máis: mira que ben regatean á xustiza!; a falta que Esperanza Aguirre lle fai a Francisco Correa é clamorosa (coma se non o coñecera); aí vai!, que golazo acaba de marcar o PP! E o público, todo o estadio posto en pé para aclamar o gol! Coma no fútbol: defendendo ó equipo aínda que faga un partido noxento.

Finca Fierro. Sábado, 22 de abril de 2017