lunes, 29 de mayo de 2017

DE PURO CANSAZO


Tan só teño ganas de rañar os ollos. De puro cansazo. Pero hai que botar peito, coller aire, engurrar o fociño e tirar para adiante. É dicir, que unha palabra vaia detrás doutra ata cambiar de liña para que sigan máis palabras en fila india e a darlle cun sacho.
Hai veces que non importa que o pensamento se deteña calmosamente en tal ou cal xuízo ou opinión ou noticia ou trapallada, con tal de que unhas liñas e máis outras formen un parágrafo ou un relato. Estes relatos adoitan ser de parágrafo único. É que se a 12 liñas de Word lle metemos un ou dous parágrafos, alá vai o burro coas noces, ou sexa, non contar nada en nada. Así é que ó dito: único parágrafo para este relato. Agora raño a fronte mentres se me abre a boca. De puro cansazo. Creo que as ansias de escribir están soñando tan só cun leito de flores ou con sabas brancas de tergal. Pero non queda nada aínda!: un cacho de lectura, unha película enteira e que a canseira se acomode á miña beira. Seguirei rañando aínda que non me proia.

Finca Fierro. Luns, 29 de maio de 2017

domingo, 28 de mayo de 2017

CHOVE SOBRE A NOITE


Chove sobre a conciencia dunha beirarúa e sobre os faros abertos dun coche. Chove sobre un disco de Grant Green e sobre os auriculares negros dun oínte que está aí porque si. Algunhas veces estamos porque hai que estar e a maioría das veces porque nos puxeron aquí. A vida é así. Como? Un sen vivir, por exemplo. O un viva-la-virgen, tamén. A vida é como esa gota de auga que cae porque non lle queda outra. A vida é vida porque tira para adiante. E se non tira para adiante... malo!, moi malo! Quedaches no camiño.
Chove desde unha nube negra ata o asfalto (negro) dunha rúa. Chove sobre a sensibilidade dun mosquito e sobre o esguello do ollo dereito dun tal Evaristo. Non todos miramos de fronte; a moitos mirámolos de esguello. A ver!; a felicidade, moitas veces, vai por camiños distintos. Non é o mesmo un carreiro cheo de bulleiro que unha pista asfaltada con cemento. Chove sobre unha cabeza que desbarra e sobre unhas liñas escritas que non din nada. Chove sobre a noite que entra.

Finca Fierro. Domingo, 28 de maio de 2017

O OUTRO MUNDO


Pouco se levaron os atentados de Manchester e o de Exipto. O de Manchester aconteceu o luns pasado e morreron 22 persoas. O de Exipto foi o venres e foron asasinados 28 cristianos coptos. Sobre o de Manchester falouse toda a semana del en varias páxinas cada día. O de Exipto é certo que asomou ós medios de comunicación, pero fíxoo tan só ó día seguinte, sábado, e ocupou pouco máis alá de media páxina en cada xornal que lin. Non todos os mortos son iguais. Os de Manchester houbo días nos que asomaban polos xornais para que o lector soubera dos seus traballos, das súas familias, das súas afeccións. Sobre os mortos de Exipto tan só sabemos que foron 28, e menos mal.
O mundo civilizado non é o mesmo có outro mundo. O outro. Que máis dá que sexa árabe, negro, mulato, cafre ou indio. O outro mundo está aí por estar. Antes estivo para que o foramos espoliar. Rillada a carne, aí quedan os ósos e que podrezan. Doen todas as mortes. A min tamén me doeron as de Manchester; porque a gran maioría eran practicamente nenos aínda. Pero tamén no autobús de Exipto había bastantes nenos, e destes non nos acordamos para nada; nin sabemos os seus nomes, nin onde estudaban, nin se lles gustaba o Messi ou o Ronaldo. Tampouco os nenos son iguais. Un neno europeo pode chegar a ser un político corrupto, que xa é chegar. A un neno exipcio (e pobre para máis aquel), non lle queda outra que morrer na miseria, esquecido ás veces polos propios pais, que llo teñen que vender ó civilizado, o europeo que, antes, lles chupou a alma. Nacer no outro mundo é estar condenado de antemán.

Finca Fierro. Sábado, 27 de maio de 2017

viernes, 26 de mayo de 2017

PINTAR A MONA


Dous ou tres espirros ó aire. Estarei a arrefriarme? Coiro de pita. Jazz de Duke Ellington. E a noite que está pecha. Porque é noite e porque está moi nubrado. Tantas canles televisivas, e non teño ningunha película para ver! Das tres ou catro que botan, xa as vin; algunhas incluso máis dunha vez. Manda truco en Baños de Molgas!
E con todo o cine mudo que hai por aí. E con todos os clásicos dos anos 30 e 40. Xa non espirro.  Doulle no youtube a "saltar anuncio" para seguir escoitando a Duke Ellington. Hoxe tocou Duke Ellington. Mañá tocará, por exemplo, Bud Powell ou outro calquera. Polas noites, primeiro, jazz e, despois, se sigo co ordenador, outra música calquera. O caso é escoitar música mentres escribo os relatiños para Pingas de Orballo e mentres fochico pola internet, é dicir, polo feisbuq. Como diría aquel; que todo sexa por pintar a mona. Por certo, ás veces non vos é nada fácil pintar a mona. Hai que ter arte para dicir trapalladas e quedar tan pancho.

Finca Fierro. Venres, 26 de maio de 2017

TETO, UN MAGO CON MOITAS LUCES

O símil máis coñecido dos soños quizais sexa o cine (e de aí vén a famosa expresión “fábrica de soños”); non obstante, a realidade é que quen nos transporta ó mundo dos soños é a maxia. Ata creo que a propia palabra o di: maxia, é dicir, soño real aínda que sexa mentira ou a imaxinación pasada á realidade, á verdade. Como non vai soñar un se estando todo tranquilo sentado nunha butaca dun auditorio alguén che toca na cabeza e desta, de súpeto, saen luces de cores! Como non vai soñar un se, sen ser neno e estar arrodeado de nenos, alucinas coma un neno ante a maxia do Mago Teto! Os soños son pura maxia! A maxia é un soño continuo!
Cando o Mago Teto sacou esas luces da miña cabeza souben ó momento que tiña luces para unha reportaxe, para esta reportaxe dese mozo que nos fixo soñar un pouco ou un moito a todos, tanto ós ananos, coma ós adultos e coma ós máis indiferentes.
Presentouse o tal mago o venres 21 de abril na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás e dentro do evento do que xa falei tamén o día que escribín sobre a distribuidora Culturactiva, o de Terra Máxica. A maiores desa maxia que fixo brotar, que fixo abrollar da miña cabeza (e da de moitos máis espectadores, todo hai que dicilo), axiña meteu no peto a todo o aforo (completamente cheo) do salón de actos, máis en concreto, claro está, ó público infantil. Xa é sabido que os nenos son os que máis e mellores soños teñen..., o que pasa é que ás veces, se se lles dá moita confianza (que axiña a collen pola man), sóbense á chepa nun chiscar de ollo e, como se adoita dicir, alborotan o galiñeiro. Pero que todo sexa polo seu divertimento.
Os magos non son magos se non fan participar ós nenos, en particular, e a todo soñador, en xeral. O Mago Teto probou, primeiro, con nenos e, logo, en sorte, o maldito avión de papel que lle lanzou ó público foi dar, maldita sexa!, á derradeira fila da sala, o que demostra que tal aparello estaba ben feito ou tocado coa variña máxica, e non como aqueles que faciamos nas aulas dos Milagres que aterraban ás primeiras de cambio, ou sexa, nas primeiras butacas. O del non, o del voou, voou e voou coma os soños ata a derradeira fila. Definitivamente aterrou ante o servidor que escribe. Manda truco en Baños de Molgas! Porque o asunto era tal que, a quen lle caese, tiña que participar no xogo, na maxia. Lembro que desde cativiño, de cando os magos ían polo Café da Rosita, non volvera subir a un escenario. O Mago Teto primeiro fíxome participar desde a propia butaca berrando de cando en vez “aquí está o avión!” e, logo, xa me fixo subir ó escenario para viaxar, os dous, ata o Xapón. Alá nos fomos ata o Imperio do Sol Nacente. Aí é nada! Non é por gabarme, pero creo que no “numerito” do avión gozou o mago, gocei eu, riu a escachar o público e soñamos todos.
Non, o mérito non foi meu. O mérito foi e é dese mozo que na realidade chámase Héctor Guerra, nado en Viana do Bolo, o día 2 de maio de 1977. Acaba de cumprir os 40. Segundo confesión propia, sentiuse atraído pola maxia desde xa moi pequeno e realizou a súa primeira actuación pública o Día das Letras Galegas de 1992. A partir de aí xa foi un correr e non parar: máis de 500 actuacións por todas as táboas do país, do mundo e parte do estranxeiro: desde París ata Bilbao, desde Madrid ata o teatro Principal de Ourense, pasando por Lisboa e a Praza da Quintana, participando en programas televisivos de distintas canles, en vodas, bautizos e festas de gardar; asistindo a congresos de maxia de ámbito, nacional e internacional, para rematar facendo o imposible, ou sexa, maxia, como conducir ás cegas un coche, chapar unha bala cos dentes (sen efectos especiais dos ianquis nin rabo de gaitas), liberarse coma un paxariño dunha camisa de forza nas condicións máis adversas (non imaxinedes unha película porque é aínda peor) e, a bomba xa!, predicir, adiviñar os titulares de prensa cunha semana de antelación. Pura maxia! Auténtico crack!


Café Oren Express da Valenzá. Venres, 5 de maio de 2017


Publicado en La Región o venres, 26-05-2017

jueves, 25 de mayo de 2017

HEROE DE PAPEL


Quen me ía dicir que se dou un paso para adiante non podo dar dous para atrás. Non é plan de retroceder, de recuar. Xa o di aquel (quen sexa): retroceder nunca, renderse xamais. Eu nin retrocedo nin me rendo. E non son un valente. Claro que así levo labazadas a darlle cun sacho. Ás veces incluso era mellor levar un sopapo cun sacho (ó mellor o golpe da aixada é máis lene, vai ti saber) que, por exemplo, un simple reproche. É que hai recriminacións que mancan, non si?
Pero aínda así hai que esquivar o atranco e seguir o camiño. Tamén podemos coller un atallo. O caso é chegar. Aínda que sexa baldado, pero chegar. Aínda que sexa con mazaduras, pero chegar. Sempre un paso cara adiante! Coma os heroes de papel! Si, porque os da realidade, algunha que outra vez, tamén retroceden. Por iso eu son un heroe de papel: retroceder nunca, renderse xamais. Non retrocedo, non me rindo, levo moquetadas, chego escarallado, pero aí estou. Aquí estou.

Finca Fierro. Xoves, 25 de maio de 2017

miércoles, 24 de mayo de 2017

UN CERO Á ESQUERDA


Chámome Saratoga Baby e son a quintaesencia da sexta emenda, é dicir, un cero á esquerda. Aínda que ó mellor son o bulebule do centeo ou o axóuxere do vento. Nacín de Dentes de Cabalo e de Laverca Sentada, meus pais arapahoes de cando os indios aínda non eran ianquis. Nacín no cabo dunha pradaría baixo a sombra dunha serra. A serra era moita serra; estaba chea de picos e nubes mestas.
A miña escola estaba nas pegadas das rodas da dilixencia, onde aprendín que esas marcas ían case sempre en liña recta. O meu pai Dentes de Cabalo bisboume ó oído: pilla a metáfora. Eu, claro, non a pillei; tan só vía uns reguiños rectos. A miña nai, Laverca Sentada, sorríame a pasábame a man pola cariña. Canto amor había nese agarimo! Cando subía ó alto da serra, ó outro lado estaba o home branco, que seica xa eran palabras maiores. Claro que a Saratoga Baby ninguén o acovardaba. Mais, por se aquel, baixaba axiña para a pradaría para seguir sendo a quintaesencia da sexta emenda, ou o que é o mesmo, un cero á esquerda.

Finca Fierro. Mércores, 24 de maio de 2017