viernes, 14 de julio de 2017

O HOME QUE CONTEMPLABA O MAR



            O home que contemplaba o mar desde o alto do outeiro non quería ir para a aldea de Chirigota porque aquela inmensidade azul tíñao hipnotizado xunto con aquel ruxerruxe das ondas na distancia. O home que contemplaba o mar colleu entón camiño de Lucera, porque para esta aldea ía sempre vendo e sentindo o mar; non polo camiño real pero si polo carreiro das Alondras.
O home que contemplaba o mar andaba devagariño. Os seus longos 90 anos non daban nin para moitas aventuras nin para moitas présas. A súa face era un auténtico mapa do tempo. O brillo da súa ollada empezaba a ser coma un libro ó que se lle borran as letras. Aínda que mirando máis alá das meniñas dos ollos, apreciábase unha novela inmensa ou un poema eterno. O home que contemplaba o mar nin chegou a Chirigota nin a Lucera; acabou na aldea de Sandalias, perdido polos sendeiros dunha vida que foi e polos camiños dunha vida que se lle vai. Acouga ó lado da fonte. Alí, espera.

            Finca Fierro. Venres, 14 de xullo de 2017

MELLOR CICLISMO QUE FALSA POLÍTICA


    A semana pasada, tanto nos medios de comunicación como nos bares como nas oficinas como nas alturas como nas praias como nos carreiros como nas casas non se falou doutra cousa que non fose a homenaxe ou os actos que se levaron a cabo polo 20 aniversario do asasinato por ETA de Miguel Ángel Blanco. Todo ese estrondo púxome nerviosísimo. Como sigo nervioso (e estando neste estado adoito dicir barbaridades), o mellor é falar doutro ou doutros asuntos. A tranquilidade acostumo atopala sempre na música, a lectura, o cine e o fútbol. Hoxe vou falar de ciclismo. Ale, para que vexan algúns que non todos os cebros se atrofian co fútbol. O meu, hoxe, recoñézoo está completamente aparvado co ciclismo. Sempre o confesei: este deporte incluso me gusta máis có fútbol. O que pasa é que ó televisalo tan pouco (dous ou tres meses ó ano), porque non é tan masificado coma o deporte rei (isto si o recoñezo), pois é normal entón que se lle preste máis atención a Iago Aspas que a Alberto Contador.


    Aínda non perdín ningunha etapa. Certo que en directo vexo poucas (a maldita viña!), pero si consigo velas en diferido por Teledeporte a altas horas da noite, que para min é como velas en directo, xa que procuro non fochicar no teletexto mentres estou coa película para non saber quen ganou a etapa do día. E vendo as etapas en diferido ou en directo, a adrenalina do meu corazón acelera cuns cantos latexos máis tan axiña como vexo esas pernas que pedalean, esas bocas abertas, esas pingas de suor que, esteticamente, baixan claras e gordas dun esforzo sobrehumano e descomunal. Gozo máis coas etapas de montaña, pero o outro día vin como o alemán Marcel Kittel, estando practicamente encerrado no pelotón e lonxe dos de cabeza, en pouco máis de 500 metros, semellou un auténtico panzer para plantarse vencedor e con moita diferenza. Que forma de esprintar! Así é que... mellor ciclismo que falsa política.

    Finca Fierro. Venres, 14 de xullo de 2017

lunes, 10 de julio de 2017

EVARISTO, O LISTO


    Non sei que dicir cando vexo que o neno de Filiberto Gómez Saltón vai de aquí para alá por entre os palleiros da Aira do Pombal. Ó mellor é porque está buscando a alguén, a algún outro neno ou ó gato de Ludivina Salamandra Suárez, que todas as tardes sae da chabola das pitas e vai tombar a barriga nun buraco que xa ten ex profeso no palleiro de herba seca de Dionisio Lamelas Lamas.

O neno de Filiberto responde ó nome de Evaristo, O Listo. Así mesmo lle chaman. Intúo eu e intuímos todos que o rapaz debe ser listo. Non se adoita poñer alcumes así porque nos peta. E sigo sen saber que dicir porque, o rapaz, arre demo!, segue de aquí para alá coma se andase un pouco guillado. Ó mellor ata lle afecta o sol. Porque a calor é grande de verdade, é case coma se foras na metade do camiño ó inferno. Evaristo, O Listo, frea en seco porque escoitou (eu tamén) o berro da súa nai chamando por el. E cando a súa nai berra, moito coidadiño!, que non berre por segunda vez. Evaristo, O Listo, dálle unha patada a unha pedriña e, zas, naquilo que miaña o gato de Ludivina Salamandra. O neno ri e bota a correr.

    Finca Fierro. Luns, 10 de xullo de 2017

domingo, 9 de julio de 2017

SENTIMENTOS DE HAI UN TEMPO


Hai ansiedade na folla dun carballo e momentos de dozura no abaneo dunha xesta. Quizais as tardes de verán por Detrás da Lomba chegan agora en ondadas de recordos, porque alá, na parcela de Olegario Sandiós Rusendo, a soidade xogaba ó tute entre catro vacas do país e un burro castrado. E cando o sol acochaba polo outeiro de Brandín un paspallás entoaba un concerto cos sentimentos cheos de nostalxia por un niño que alguén desfixo sen querer. Ou querendo.
Hai sensibilidade entre lusco e fusco dunha tarde que se vai e unha noite que chega. Olegario Sandiós Rusendo sobe ó burro, tangue as vacas, pero aínda decide facer algo máis de tempo en Sudalomba. Quere que a noite pecha o acompañe polo camiño da señardade ou polo carreiro da melancolía. Ás dez da noite colle ese camiño e empeza a cantar quizais para escorrentar o medo ou para pensar que as lembranzas poden viaxar nun pobre animal e que a sentimentalidade se ve nos enormes ollos das catro vacas. Son momentos para soñar cos sentimentos de hai un tempo.

Finca Fierro. Domingo, 9 de xullo de 2017

CANDO CHEIRAN A TINTA


Osorio Castañuela Langrán baixa do coche ó mesmo tempo que lle di adeus a súa dona. Métese no café Dos Yemas, pilla o xornal de Ourense, senta nunha mesa e pide un café. Osorio Castañuela sempre pide un café. Le as primeiras páxinas e non se decata de nada. Porque xa é tarde, sobre as nove da noite, e a estas horas non lle apetece ler o periódico. Osorio Castañuelas, O Cura, sempre di que os xornais hai que lelos á primeira hora, cando ó abrilos aínda cheiran a tinta.
Osorio Castañuelas Langrán non é cura; pero el sabe que lle chaman O Cura e non sabe por que. Ata llo pregunta a algún que outro amigo, e ninguén lle sabe responder; nin por que lle chaman así nin quen lle puxo ese alcume. É igual, a el dálle igual. Sempre asumiu os alcumes porque sabe que practicamente todo o mundo ten o seu. É lei de vida, digo, das aldeas. Detense un tempo na derradeira páxina porque se pon a estudar a programación da televisión. Engurra o fuciño. Non debe ter nada para ver. O Cura, sen dirixirse a ninguén en particular, lanza un "ata logo" e sae. Vai andando para a súa casa.

Finca Fierro. Sábado, 8 de xullo de 2017

viernes, 7 de julio de 2017

A NOITE É LONGA


Non hai unha película decente para ver. Non queda outra que escribir. Xa o fixen. E sigo escribindo. Ó mesmo tempo, claro, coa música nos oídos. Esta que non falte nunca! Grazas a Deus non me falta. Agora mesmo son Radio Futura co seu álbum "La canción de Juan Perro". Antes fora o jazz de Charlie Byrd e Stan Getz. Dentro dun cacho volverá o jazz de Ben Webster. Porque aínda queda moita noite. A noite é longa. Incluso ata penso que teño tempo para uns minutos de lectura.
Remata Radio Futura. Imos con Ben Webster e, por exemplo, co seu álbum "King of the Tenors". E como empeza, Deus! Como para flotar nesta noite longa. Nesta noite na que a mesa sobre a que escribo está cheíña de papeis, e carpetas, e dicionarios, e libros. Cada vez que me poño a escribir co ordenador lévame unha tira de tempo e máis o colocarme, xa que como o fago sobre a mesa da cociña (axéitome moi ben a ela), teño que espallar sobre ela todo iso que digo e, ás veces, algunhas cousas máis. A tira de tempo volve ser a mesma cando chega a hora de recoller. Que todo sexa polo pracer de escribir, de contar.

Finca Fierro. Venres, 7 de xullo de 2017

SOLIDARIEDADE CON XUNQUEIRA DE AMBÍA


A ver agora que din e que fan aqueles que falan mal dos funcionarios, cando dentro duns meses se presenten, a maioría deles, ás 20.000 prazas que se acaban de convocar para este ano e ás 4.000 para o ano que vén. Porque se presentarán. Moitos deses que badúan, que esbardallan unha e outra vez daranse, agora, labazadas para acadar unha praza e así soster ó país mercando xornais polas mañas e tomando cafés a esgalla, ás moreas. Moita crítica, moita crítica pero seguro que se presentan máis de 100.000. Despois, xa, se aproban, caerán da burra e verán que non todo o mar é peixe, principalmente nos soldos dun simple auxilar administrativo. Sobre o traballo, hai de todo; uns é verdade que rañan un chisco a barriga, pero outros tamén é certo que nin poden respirar. De todo hai na viña do Señor.
Sempre criticando que Galicia tal e que Ourense cal (xa sabedes, o de o cu do mundo e o ollo do cu), cando na realidade, en algunhas cousas, estamos por enriba da media española. Por exemplo, os carburantes. Custan en Galicia un 4% máis que no resto de España. E Ourense lévase a palma. Ai logo! Por fin en algo somos os primeiriños. A ver!, tanta miseria, tanto abandono... e resulta que pagamos o petróleo a prezo de... petróleo! Ufff; moitísimo máis cara có ouro. Para que despois digan que somos uns coitadiños, uns apoucadiños!
O derradeiro parágrafo deste Recuncho vai para os de Xunqueira de Ambía. Este molgués solidarízase completamente coas súas xentes ante a desfeita que levou a cabo o pedrazo do outro día. Sei o que é perder toda unha colleita. Por H ou por B, pola xeada ou pola saragana o labrego sempre é o máis prexudicado nas hecatombes naturais. Agora alguén choutará por aí dicindo: ah, que as tiveran aseguradas... coma se che puxeran fácil asegurar as colleitas. E non lle boto a culpa a ninguén porque se me emperrenchan algúns xefes. Aquí, en Galicia e en España, a culpa sempre foi, é e será do cha-cha-cha. Ánimo, veciños!

Finca Fierro. Venres, 7 de xullo de 2017