viernes, 25 de agosto de 2017

OS DOUS BADULAQUES



            Quixen falar con Deus para pedirlle explicacións sobre a inercia dunha troita cando remansa nunha parte do río Arnoia no cruce, ou mellor dito, na desembocadura do río de Tiora e nin tan sequera se dignou mirarme. Iso chegoume ó corazón. Ou a alma… por aquilo de se é algo máis espiritual. Recoñezo que me amolou, que me doeu a súa indiferenza. Claro que onde as dan, as toman. Ai si!, pois largo a ver ó teu gran opositor, ó teu gran antagonista.
E sen andar con días santos baixei ás profundidades do averno e, como non, alí me atopei co gran satánico. Quixen pedirlle explicacións sobre a claridade do ollo birollo de Rosita, A Petancas, cando intentaba mirar o reloxo do campanario da torre da igrexa de Baños de Molgas. Que dis, oh?! Tal cal me soltou o diaño. Eu xa empezaba a botar fume. Que me quixeran mangonear os dous badulaques do universo espiritual xa me empezaba a notar o verme no corpo. Non lle cuspín a satanás na cara porque tiven medo a apagar as súas lapas. E no profundo do meu ser, sei que tamén é necesaria a maldade neste mundo de misericordia.

            Finca Fierro. Venres, 25 de agosto de 2017

miércoles, 23 de agosto de 2017

HAI SECA. MOITA SECA



            Pasan os coches. Quenta o sol. A fonte da rotonda onde remata a rúa da Saínza pinga auga para arriba. Non, non é complicado; porque axiña baixa. Espero, confío e desexo que a auga desta fonte vaia para algún lugar, é dicir, que sexa de utilidade. Sería un crime perdela neste verán. Pola seca. Pola seca desta estación. Pola seca de todo o ano.
Hai moita seca. Seino ben. No traballo estou a cargo dunha estación metereolóxica que hai no Toural de Maceda, á que lle teño que instalar e recoller unhas gráficas todos os luns e, aseguro, que as do puvliómetro non se moven un carallo, ou sexa, liña continua durante semanas. Hai seca. Moita seca. Xa vedes que os concellos empezan a tomar medidas. A verdade é que semella raro que nun país coma Galicia, cheo de ríos, regatos, lagoas, regueiros, caldeiras, fontes, incluso pozos, teñamos esta seca. Un dos remedios podía ser que, eses afeccionados a cuspir polas rúas, se citasen por medio das redes sociais e cuspisen, por exemplo, na lagoa da Antela e, así, os da comarca da Limia xa terían auga. Auga tratada, claro. A ver quen bebe da…

            Café Babalú de Mariñamansa, Ourense. Mércores, 23 de agosto de 2017

lunes, 21 de agosto de 2017

XA ME SINTO CHEO


    Así, sen parar mentes, podo dicir que xa empezou a liga de fútbol. Así, da man para o pé, recalco tamén que empezou a volta ciclista a España. Xa está. Xa é abondo para, deportivamente, sentirme cheo... de moral.

É certo que lle tiña ganas á liga. Que si, que xa tiña mono de fútbol. Nos veráns que non hai Mundial nin Eurocopa deberían de inventar algo, outro trofeo importante para seguir enganchados ó fútbol. Xa sei que para moitos está mal visto tanto fútbol, tanto fútbol. Pero tamén están moi mal vistos os funcionarios e, non obstante, que bonito é ser funcionario! E que ben se vive, carallo! O que vive ben, claro. É verdade que reitero moitas veces que o ciclismo aínda me gusta máis có fútbol. Certo. E procuro ver todas as etapas. Porque alucino cos esforzados da ruta; coas súas escapadas, cos seus abanicos, cos seus golpes dos cadrís cando soben montañas que nin as cabras. Agora mesmo recoñezo que estou na gloria. A pena é que O Celta e o Dépor empezaron perdendo. Claro que xa se sabe que a alegría na casa do pobre dura pouco. Pero hai fútbol para darlle cun sacho.

    Finca Fierro. Luns, 21 de agosto de 2017

BAILAR SOBRE A TÚA TUMBA


    Quero bailar sobre a túa tumba e deixar que as pingas de orballo bañen os tremores da túa ollada. Desa ollada morta e baleira. Desa ollada que mira pero non ve. Quero bailar sobre a cabeceira da túa tumba e deixar que o abaneo dunha folla vaia e veña polas airas da túa adolescencia. Desa adolescencia morta e baleira. Desa adolescencia que quixeches vivir e non viviches.

Quero bailar sobre os pés da túa tumba e deixar que unha cagada de mosca emborralle a inocencia do teu tempo. Desa inocencia morta e baleira. Desa inocencia que nunca tiveches. E  non vale que a túa vida estivese aquí e alá para contemplar a idiosincrasia dun soño. É moi difícil que os soños sexan unha realidade. Quero bailar sobre o espazo corporal da túa tumba e deixar que un salouco pouse na punta da cruz. Desa cruz que significa morte e baleiro. Desa cruz que levaches desde que a vida che deu dúas voltas e catro meneos. Quero bailar sobre túa tumba para que te sintas humano e para que eu me sinta vivo, para que te sintas útil e para que eu me sinta íntegro. Deixo de bailar sobre a túa tumba.

    Finca Fierro. Domingo, 20 de agosto de 2017

sábado, 19 de agosto de 2017

TODO TEN UN POR QUE


    Entendo que a traxedia de Barcelona sexa dura de asimilar, pero cada día que pasa estámoslle aplanando o camiño ós yihadistas a base de sacala nos medios unha e outra vez, unha e cen veces. É o que eles queren, o que eles querían. Penso que ante estas situacións deberiamos dar tan só a noticia, e punto. Houbo un atentado, tantos mortos e xa está. Iso por un lado. Agora vou coas incongruencias, e aínda que levante vinchocas. Porque toda acción, toda situación ten un por que. Por que o terrorismo?, por que os atentados? Fartámonos agora de chorar, de insultar, de baduar, pero non somos capaces de pensar, só que sexa un pouquiño, nos pés de Aznar sobre a mesa de Bush. "Aquellos polvos traen estos lodos", non di así o refrán?

Tamén, por que agora estades todos cos cataláns cando cinco minutos antes os odiabades porque se querían independizar? Si, xa sei; a solidariedade. Pero como dicía alguén na tele: en Europa van máis de 100 mortos, pero fóra de Europa hai que colocar dous ceros máis e ninguén pon crespóns negros, nin garda minutos de silencio, nin realiza actos de homenaxe, e a pesar de que tamén son persoas, ata pode que incluso mellores persoas porque, lembrade, cinco minutos antes odiabades ós cataláns, non eran boas persoas. O mesmo día do atentado, nun café oínlle a un home dicir que el tiña a solución: uns tiros na caluga e listo. Iso pensarían tamén os yihadistas cando medio mundo lle bombardeou a súa terra. Ollo por ollo, dente por dente, non di así a Biblia? Estou contra todas as mortes violentas habidas e por haber, estou coas vítimas e coas familias das vítimas, coas vítimas e as familias das vítimas de todos os lugares do mundo, incluso o mundo árabe. E sigo dicindo por que hai mortes violentas? Todo ten un por que. Este atentado, coma os outros levados a cabo polos yihadistas tamén teñen un por que. Para min, un por que que se fraguou entre uns cantos países poderosos por uns certos intereses que todos intuímos. Así de simple. Agora páganas os inocentes polos delincuentes.

    Finca Fierro. Venres, 18 de agosto de 2017

viernes, 18 de agosto de 2017

MO96, O PINTOR ETERNAMENTE LIBRE

Son as cinco e cuarto da tarde do venres 11 de agosto. Agora mesmo acaba de marchar da mesa da terraza do café Brétema da Valenzá Pablo Vázquez, con quen acabo de tomar un café e de palicar durante algo máis de media hora. Por se alguén non coñece a Pablo Vázquez por Pablo Vázquez, ó mellor coñéceo por MO96. E se alguén non o coñece dunha maneira ou da outra, este molgués vai procurar descubrir un chisquiño o artistiña que leva dentro para que, na próxima exposición que faga das súas obras, vaiades a darme a razón ou a quitarma. Creo sinceramente que gozaredes coas súas creacións.
Eu xa o coñecín o 3 de marzo pasado, cando asistín á inauguración da súa exposición “40-20 = MO96” na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás. Ó velo ese día tamén caín na conta de que xa o coñecía de vista; máis dunha vez o vira fumando á porta do lugar no que traballa, xusto tamén na mesma rúa desta Casa da Cultura. Claro que ó velo aí mal pensaba eu que me cruzaba cun auténtico creador, facendo bo o dito de que a vida dá moitas voltas. E tantas.
Como tamén as deu a súa propia vida. Porque aínda que é galego de pura cepa, de boa caste, naceu case na outra parte do país, en Logroño, o día 2 de xaneiro de 1977. Conta entón con 40 anos xustos. Ós tres meses xa se veu para Celanova. Logo estivo 17 anos en Portugal (polo que tamén se considera portugués) e aínda que agora vive na cidade de Ourense (por xunto á residencia sanitaria) el segue a ser celanovés ó cento por cento. Como chegou a confesarme, “mira, xa podo ir para a fin do mundo que toda a miña vida cultural, deportiva e social foi, é e será sempre en Celanova”. Así de categórico. Outra das probas do seu apego á vila é que cando realizou a última exposición (precisamente hai tan só uns días, na ponte da Asunción), revolveu o ceo coa terra para que os seus cadros e obxectos colgasen nestas datas tan turísticas, tan emigrantes e tan especiais na vila celanovesa. Non tendo ningún lugar deses que son típicos para as exposicións (porque seica estaban todos ocupados) el, bule que bule, furga que furga, deu cunha casa particular que, prometo, é espectacular. Acaba de amosarma en vídeo e deume envexa; co seu patio, co seu balcón de madeira, coas súas paredes de pedra-pedra... nin a mellor sala de exposicións lle fai sombra.
Pablo Vázquez ou MO96 empezou a ser artista xa desde pequeniño, desde que o seu pai (garda civil) esculpía as raíces brancas das uces. Por certo, empezoume a falar marabillas do seu proxenitor en plan artístico. E con tanta admiración que un dos seus soños (ó que xa lle está dando forma) é unha exposición en conxunto coas súas obras. Coma todos os nenos, quixo imitar ó pai, pero vendo que non lle chegaba nin á altura do calcañar, empezou a desviarse, a virar cara á pintura, cara á unha pintura de aparencia escultórica pero pintura.
MO96 ou Pablo Vázquez ten os mesmos tics ou hábitos ou xestos ca un servidor para empezar coa súa afección: os panos de papel das cafetarías. Eu escribo moitos relatiños neles e el é onde fai os seus primeiros bosquexos. E dunha forma bastante orixinal. Amosoume un exemplo: colleu os restos do café que eu acababa de tomar, mollou a culler e pringou o pano de papel sobre o que acababa de facer uns garabatos co bolígrafo. Aí estaba a súa forma de pintar. Xa digo, un exemplo. Porque a realidade é que o meu café, ó ser o chamado manchado (pouquiño café), non lle valía, non lle marcaba tan intensamente coma o café negro. E confesou que para esta técnica, o mellor era o café portugués.
Pablo Vázquez ou MO96 non me soubo dicir moi ben a cantidade das súas exposicións. Normal. Desde a primeira que fixo en 1996 no instituto de Celanova (onde, se non!) ata esta que clausurou o día 15 nunha preciosa casa particular de Celanova (onde, se non!), percorreu practicamente toda a provincia de Ourense e boa parte do norte de Portugal, así como tamén no mosteiro de Monforte de Lemos. Na exposición de Chaves sempre conta a anécdota do gran susto que se levou cando chegou alá para recoller os 40 cadros que expuxera e se atopou con tan só catro. Coa cariña branca coma a neve a causa do susto, farfallou, tatexou algo de se llas roubaran ata que viu rir ó encargado da mostra e este lle ensinou un sobre cheo de diñeiro. Nunca vendera ningunha obra!
As súas pinturas mostran, revelan unha certa obsesión polas caras e os ollos. Vense nelas versos retorcidos que, en conxunto, forman un poema cheo de vida. En cada verso vai unha idea e en cada mostra que fai colle todo un mundo. En cada poema hai centos de sentimentos e en cada exposición hai toda unha obra, quizais abstracta, pero sempre simbólica e, iso si, desenfadada e eternamente libre. Sinceramente, estade atentos á súa propia exposición ou mostra. Paga a pena e xa veredes como descubrides, como detectades a un auténtico artista.


Café Brétema da Valenzá. Venres, 11 de agosto de 2017


Publicado en La Región o venres, 18-08-2017

miércoles, 16 de agosto de 2017

PAXARIÑOS NA CABEZA


    Quero voar por entre as carballeiras de Baños de Molgas pero deixei as ás na Tapada Nova e a esperanza posta nun niño de rula nas Lagoas. Non queda outra que subir ó burro de Salustiano Monsergas e percorrer o camiño de ida e volta ata o monte Medo. Alí, xa coas ás postas, collo velocidade pola chaira de Vide e desde o borde mesmo do Outeiro do Corno emprendo o voo para sucar, para fender as leiras de Tras das Poulas. Á altura dos Lamas soño con tres vacas e unha infancia, a miña infancia. Dicir os Lamas é dicir tardes de partir o lameiro a cachos para que o outono durase e perdurase.

Ó pasar polos Poulos vexo os momentos nos que oito ou nove simples regos te mantiñan baldado durante un anaquiño de tempo. Intento aterrar na Pitediña para que o ruxerruxe do río Arnoia me amodorre e suspire para pasar ás Mestras e, alí, observar os carballos centenarios nos que se pousan os paxariños que teño na cabeza. Houbo nenos que, en tempos moi pasados, viviron grazas a que se inventaron uns soños. Paxariños na cabeza.

    Finca Fierro. Mércores, 16 de agosto de 2017