sábado, 23 de septiembre de 2017

DEMASIADOS MORTOS



            O proceso soberanista de Cataluña, e por moito que digan algúns, non ten marcha atrás. Se non é hoxe é mañá. Aínda que peor foi e peor é o terremoto de México. Demasiada xente sen fogar. Demasiados mortos. Como a cantidade de mortos podería ser moito máis extensa se Donald Trump e Kim Jong-un seguen coas súas fanfurriñadas, coas súas xactancias: ti lanzas un mísil e eu desfágote, desintégrote cunha bomba nuclear. A verdade é que neste mundo no que estamos a vivir hai mortos por todos os lados. Mortos por atropelos; porque moitos inconscientes cruzan por onde non deben e outros tantos atoleirados corren a demasiada velocidade. Mortos pola violencia de xénero; na que tamén están comprendidos moitos suicidios. Si, maldita sexa, pero porque non se suicidan antes de armar a falcatruada.
Ciclistas mortos porque non os respectamos un carallo. Si, xa sei que alguén estará a pensar que, ás veces, eles, tamén andan como Pedro pola súa casa. Para min teñen o mesmo dereito que os coches, pois a ver se nos entra na cabeza que as estradas non son tan só para os coches, que son para circular por elas. Por que non nos espetamos contra un tractor, que vai moito máis lento ca eles? Mortos causados por un tractor; porque a estes bichos adoitan conducilos, por desgraza, xente bastante maior e, quéirase que non, os reflexos xa non son os mesmos. A maiores de que a eses bichos os metemos por sitios intransitables, escarpados. Demasiada confianza. Mortos por accidentes de tráfico; polo dito nos atropelos: que corremos moito e distraémonos aínda máis. O dos móbiles conducindo xa é un alucine. E non hai multas que vallan. Confiemos en que estes días e nos vindeiros non haxa mortos en Cataluña. Que estamos nunha democracia e somos un país libre. Xa sei, é un dicir.

            Finca Fierro. Sábado, 23 de setembro de 2017

viernes, 22 de septiembre de 2017

ISGA COLLECTIVE, MÁIS ALÁ DA MÚSICA FOLK

Dúas tardes seguidas sulfatando non dan para moitas alegrías, pero aínda así, cando volviamos para a casa a segunda tarde, a do 3 de agosto, díxenlle á muller que me deixase ante o parque da Solaina da Valenzá, porque ás nove da noite actuaban alí ISGA Collective. Como non os coñecía de nada e como me imaxinaba algo así como música roqueira (quizais polo nome do grupo), pensei que pouco aguantaría e que axiña trataría de que a miña canseira se estomballase no sofá da casa vendo unha película. O meu espírito non estaba para festas. Non obstante, foi oír a primeira canción e... quieto parado!; isto semella que empezan a ser palabras maiores. Aquilo non era rock. Aquilo semellaba música seria, moi seria e moi ben feita.
E tan pronto como vin no grupo a dous compoñentes coñecidos (Isaac Garabatos e David Outumuro), souben ó instante que alí había moito material e moi bo. Porque a eses dous artistiñas xa os vira actuar con Xardín Desordenado, ós que, como non, lles fixera unha reportaxe no mes de novembro, vai xa para un ano. Despois aínda os vería outra vez máis, o que demostra a súa categoría.
Pois ben, eses dous compoñentes ou artistiñas participaban tamén neste ISGA Collective, que nos descobre unha música das máis atractivas e orixinais da escena galega. Aínda que semellan temas de corte intimista, sorprenden pola súa vitalidade e frescura, amosando unha Galicia que vai máis alá do típico folclore, unha Galicia moderna e bastante actual, chea de jazz, de post rock, minimalista ou incluso oriental.
O grupo ISGA Collective formouno o propio Isaac Garabatos polos anos 2004-2005 cando, por encargo da compañía Druída Danza (na que habitualmente traballa de compositor) lle pediron algo con aderezos galegos. Como quen non quere a cousa, compuxo “A Redeira”, na que conxuga a súa música absolutamente contemporánea coas cantigas de Martín Códax do século XIII. As críticas foron tan boas que non lles quedou outra que dar a coñecer o seu traballo polos escenarios de medio mundo; desde Liverpool a Múnich e de Edimburgo a Frankfurt. Entre uns e outros lugares estranxeiros metíanse polo medio escenarios do noso país nacional e autonómico.
Axiña lle meteron o dente ó seu segundo álbum, “Etheria”, un traballo se cabe máis orgánico que o anterior e onde seguen coa súa investigación na mestura de diferentes correntes musicais e dándolle tal sabor galego que confirma ó grupo como unha nova e fermosa xoia da nova música galega. Por certo, a maiores dos sete músicos de ISGA Collective, aportaron o seu talento na gravación deste disco a violinista e cantante Patricia Moon, o pianista Xavier Bertolo, a chelista Susana Blanco e o técnico de son Tino Álvarez.
O día que ISaac GArabatos me mandou unhas letras para esta reportaxe, fíxoo de tal maneira que captei o nome do grupo, o de ISGA. Ah, que pillo! Falar aquí dos sete compoñentes sería o conto de nunca acabar e o espazo, xa se ve, é o que é. Por exemplo, vénseme de súpeto á cabeza a cantante Mónica de Nut, e creo que ela soa enchería moi perfectamente outro Testemuñas (que todo pode ser); pola súa voz tan portentosa que ese día, na Valenzá, deixoume máis que abraiado. Canta ópera, jazz, música experimental e participa en montaxes operísticas e teatrais. Nunha ópera actúa con Luís Tosar.
Cecilia Martínez toca o violín. Naceu en Ourense no 1981, pero desde moi cativa tivo que marchar para Vigo. Profesora do Corpo de Educación Secundaria na especialidade de música desde o ano 2008 e profesora de artes escénicas na especialidade de linguaxe musical desde este 2017. Participou como instrumentista en agrupacións como Druadán e Roi Casal, así como formacións de pop e rock como Portrait e MCarballo Band e en formacións clásicas como a Orquesta Clásica de Vigo.
Jesús Andrés Tejada participa no grupo coa guitarra eléctrica e o ukelele. Deseñador gráfico, músico e videocreador. Pasou polos grupos Patricia Moon, Los Deuteronistas, Los Suizos, Gloomy House, Indo Palo, Lassa, etc.
Jean Marc van Loo toca o baixo eléctrico, instrumento que manexa desde os 16 anos. Naceu en Holanda pero vive en Vigo desde 1999. Ten 44 anos e a súa formación musical foi autodidacta ata que realizou un curso intensivo dun ano nos Ánxeles.
Lorena Freijeiro é a que lle dá á gaita e ás frautas. Tamén de Vigo. Titulada superior na especialidade de instrumentos de música tradicional e popular galega polo Conservatorio de Vigo. Empezou a súa andaina musical en 1990 na Escola de Gaitas de Coruxo (Vigo). Recibiu clases de gaita do gran Carlos Núñez. Chegou a colaborar con Rosa López, Rosa Cedrón e Hevia. Profesora do Conservatorio Profesional de Ourense. E tocou con The Chieftains e o propio Carlos Núñez. Palabras maiores.
Deixo fóra (querendo e por falta de espazo) a Garabatos e David Outumuro porque deles xa falara na citada reportaxe sobre Xardín Desordenado. Así é que remato: ISGA Collective, do mellorciño que teño escoitado en anos.


Café O Chicote da Valenzá. Martes, 19 de setembro de 2017


Publicado en La Región o venres, 22-09-2017

jueves, 21 de septiembre de 2017

A RADIO QUE NON É DE TODOS



            Cacho cabreo o que me collín o mércores tan axiña como estaba aparcando o coche, logo de ver o partido Real Madrid-Betis. Resulta que, de camiño, viñan falando no programa radiofónico de RNE Tablero Deportivo sobre o citado partido e xusto, na despedida do propio programa, fixérono ata a fin de semana, ou sexa, ata o sábado e domingo, que é cando volven radiar os partidos.
O cabreo vén porque, claro, o xoves houbo xornada de Liga (entre os partidos que había, un era o do Celta) e o venres xa se iniciaba unha nova xornada. Pero, faltaría máis!, como nin o venres nin o sábado xogaban nin o Madrid nin o Barcelona, para que perder o tempo radiando os outros, como se a radio pública pertencera só a eses dous equipos, a esas dúas provincias. Hai motivos ou non hai motivos para cabrearse? O martes houbo Tablero Deportivo porque xogaba o Barça. O mércores houbo Tablero Deportivo porque xogaba o Real Madrid. O xoves e o venres non houbo Tablero Deportivo porque non xogaban ningún dos dous. A verdade é que algúns medios de comunicación dan noxo.

            Finca Fierro. Xoves, 21 de setembro de 2017

martes, 19 de septiembre de 2017

MARAÑADA MUSICAL



            Que marabilla! A música de Charles Mingus. Ritmo nesta noite que xa empeza a ser fresca. O verán empeza a darlle paso ó inverno. Si, porque, por aquí, tanto a primavera como o outono aparecen pouco, climatoloxicamente falando. Pasamos do moito ó pouco, ou viceversa. De corenta graos a dez. De doce a trinta e oito.

De Manolo Escobar a Charles Mingus. Hoxe toca o jazz de Charles Mingus. Non, de Manolo Escobar nunca porei un álbum completo; do músico de jazz, si. De Manolo Escobar non me importa escoitar algúns. A proba é que teño a música no móbil tan mesturada que podo choutar de Camilo Sesto a Mozart, de Jerry Goldsmith á Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, de Vangelis a Justin Bieber, de Bisbal a Blues do País. O tanto por cento máis grande está nas bandas sonoras, pero non me importa escoitar un ou dous temas de ópera ou de zarzuela ou folclórica.
O que boto de menos son as músicas de Discópolis e de Cuando los Elefantes Sueñan con la Música, ambos programas de Radio 3. Do primeiro consigo escoitar media hora á saída do traballo. Do segundo, de cando teño que ir traballar á viña, que me pillan de camiño pouco máis de vinte minutos. A música amansa. Charles Mingus non digamos.

            Finca Fierro. Martes, 19 de setembro de 2017

LAMBIDO COMO UNHA VACA MARELA



            O sol acochaba polo outeiro de Brandín e Gervasio Matamá Ribadeo saíu da casa coma se o lambese unha vaca marela. Ía máis peiteado que unha estrela de cine. Claro que o fillo da Ramona, A Peseta, e de Olegario, O Peso, saía sempre moi peiteado, ata cando ía coas vacas para o monte. A ver, era presumido, e punto. A Gervasio Matamá Ribadeo chamábanlle… como lle ían chamar: O Lambido.
Colleu pola rúa da Igrexa abaixo e acabou sentando entre catro mozas que estaban á beira da burga de Baños de Molgas. O Lambido non era parvo. Antes das mozas estaban de parola dous amigos, ben amigos, seus; pero o moi carallán liscou para xunto as mozas. Ó sentar pasou aquela súa man dereita pola cabeza e amosoulle un sorriso quilométrico ás mozas. Unha das mozas, a filla de Sagrario, muller de Sebastián, O Toupeiro, non se cortou un carallo cando lle soltou que estaba máis lambido que unha vaca marela. Gervasio fixo oídos xordos e arrimou a súa nádega esquerda á nádega dereita da moza. Quieto parado, Lambido, quieto parado; non te me aceleres!, recriminouna a filla de Sagrario. Ó Lambido non lle quedou outra que achegarse ós dous amigos.

            Finca Fierro. Luns, 18 de setembro de 2017

lunes, 18 de septiembre de 2017

CAÍDAS MORTAIS



            Hai caídas e caídas. Hai caídas mortais e hai caídas nas que te levantas e segues camiñando como se nada. Alá polo mes de maio, un neno de seis anos caeu desde un cuarto piso e tan só rompeu unha perna. Incluso houbo xente que caeu desde moito máis alto e saíron completamente ilesos. Pola contra, a veciña Margarita Salgado de Calvelo de Lama Má, de Baños de Molgas, caeu desde unha cerdeira e quedou morta no acto. Aconteceu no século XIX, máis en concreto no mes de xullo de 1897, segundo unha nova coa que me atopei fochicando pola Internet.
Agora mesmo tamén estou pensando que, naquel tempo, como te lesionases de gravidade, púñase “chunga” a cousa. Tamén é verdade que, naquel tempo, os médicos e curandeiros valían tanto para un roto como para un descosido. A ver!; nin había medios nin estaban os camiños como para desprazarse urxentemente cuns lesionados graves. No caso da señora Margarita Salgado ata eu me deixo influenciar pola sorte (para min, a sorte non existe; as cousas son ou non son, pasan ou non pasan), porque xa é mala sorte matarse desde unha cerdeira. Certo, caeu, matouse e non houbo maneira.

            Finca Fierro. Luns, 18 de setembro de 2017