miércoles, 6 de diciembre de 2017

A GRAN IDENTIDADE DUN POBO


 
            Arrefrían os xeonllos. É igual. Hai que aguantar coma os heroes. Como certos heroes. Hai que dicir que hai moito heroe por aí solto que é heroe de pouca monta, de cagar entre o millo, falando claro. Por certo, antigamente facíase iso, o de ir baixar o pantalón ás leiras do millo. As follas do millo eran boas para aquilo. Outro por certo, o de baixar o pantalón hai que recoñecer que quedaba así como máis fino. Claro que chocaba un pouco. O de oírlle iso a uns pobres labregos acostumados a esbardallar a base de, por que non, insultos e palabras mal soantes contra as vacas ou o burro, contra o fouciño ou a gadaña, contra a vida mesma.
Non obstante, esa besta que levamos dentro, en certos momentos, sabemos controlala. Ás veces, naqueles tempos, tamén imperaba a educación contra a barbarie. Que carallo, a alma, o celme, o sentimento do pobre labrego si merece o substantivo de heroe. O labrego antigo nunca foi un heroe de pacotilla. Foi algo máis que heroe. Foi a esencia, a gran identidade dun pobo, dun país que nunca soubo mirar por el. Aínda hoxe non sabe mirar por el. Nunca saberá mirar por el.

            Finca Fierro. Martes, 5 de decembro de 2017

lunes, 4 de diciembre de 2017

UN CADÁVER NA PRESA DA LAXE


            Desde que o mundo é mundo, o veleno humano asoma cada dous por tres e facemos falcatruadas que, aínda que nos arrepintamos máis tarde, xa están feitas. E hai moitas falcatruadas que non teñen volta de folla, que non teñen remedio. Por exemplo, a dos asasinatos. E o que é peor, que desde que o mundo é mundo nin tan sequera respectamos ós nenos.
O 13 de outubro de 1900 aparecía na prensa escrita unha nova que dá grima, que dá terrexío.. No sitio chamado a Presa da Laxe, que encora as augas do río Tioira, no termo municipal de Baños de Molgas, atopouse o cadáver de José García Incógnito, de tan só 15 anos de idade e veciño de Foncuberta, do concello de Maceda. No momento da noticia estaba a instruírse a oportuna causa na verificación dos motivos da súa morte. Falo eu de asasinato porque, é raro que fose de morte natural a esas idades. Certo que iniciado o século XX aínda morría xente ben nova, pero tamén é verdade que desde o inicio dos tempos os nenos morrían (e por desgraza aínda morren) a causa dese veleno que levamos dentro. Eu tal como lin a noticia, pensei máis no asasinato que na morte natural. Non conseguín rastrexar máis.

            Finca Fierro. Luns, 4 de decembro de 2017

TEATRINO, GRUPO CON CONTIDO SOCIAL

Pode unha situación extrema converternos en monstros? Pode. Vaia se pode! Ou o monstro latexaba xa no noso interior agardando a que se lle abrise a porta? Ás veces chega con abrir tan só uns milímetros dun ventanuco de mala morte. Xa o teño confesado moitas veces: que levamos o demo dentro.
Algo moi semellante ó que lles acontece ós actores da obra teatral “Os carniceiros”, que a compañía Teatrino representou na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás o sábado, 21 de outubro, e que nas táboas teatrais amósannos unha traxicomedia ambientada nun campamento militar encabezado por un equipo médico que navega entre o horror e a tolemia.
Segundo amamos, matamos. Segundo matamos, sentímonos inocentes nun mundo que, no fondo, non ten nada de inocente. Ou ten moi pouco. Algunhas veces é tan cruel que nos supera por completo. Menos mal que o mundo dese día, precisamente dese día, era puro teatro. Pero puro teatro con moito contido social que saíu da cabeza de José Vaquero, adaptando un texto de Antonio Morcillo.
Vaquero naceu no barrio dos Rosais da nosa cidade no 1977. Estudou bacharelato no Otero Pedrayo e diplomouse en traballo social no campus universitario das Lagoas. Pero como non sempre nos gusta o que estudamos (aínda que haxa veces que non queda outro remedio que agarrarse ó que se poida), a el, polo que parece, tampouco lle gustou moito, xa que fixo o que fan moitos, principalmente en Ourense (polo menos é a fama que temos): oposición que te criou! Fincou os cóbados e desde o ano 2000 traballa de bombeiro para o concello. Grazas ós horarios laborais seica picou de aquí e de alá en cuestión de máis estudos, “porque me gusta aprender”, ata que no 2004 todo cambiou. Inscribiuse nun obradoiro de teatro que impartía Mónica Sueiro na Casa da Xuventude. E xa sabemos o que significa o “gusanillo da interpretación, do teatro”.
Empezou a participar na fundación de diversas compañías teatrais e a facerse un chisco máis profesional, polo que durante seis anos viaxou practicamente a diario ata Vigo para estudar na Escola Superior de Arte Dramático.
A compañía Teatrino fundouna, xunto con dúas persoas máis, no 2009. Como calquera outro grupo de teatro afeccionado, os seus membros van e veñen segundo as circunstancias da vida. Polas táboas da Casa da Cultura da Valenzá movéronse con desenvoltura cinco actores que non daban a impresión de que fosen afeccionados; máis ben notábaselles ás leguas que xa tiñan nos seus pés moito pateo sobre os escenarios teatrais.
Javier Octavio é o único que non é de Ourense. Naceu en Toledo hai 34 anos. Empezou nesta fermosa arte no último ano do instituto e colleuna xa a peito na Universidade co grupo Luna Teatro. Mestura o teatro profesional co afeccionado. A nivel audiovisual participou na curtametraxe “O Rebelde”, que está incluída na ópera rock “The Rebel”.
Patricia Figueiras naceu en Ourense no 1980 e hoxe é fisioterapeuta, que, a ela, si lle gusta, pero ese citado “gusanillo”... Empezou con Marañao (asociación cultural fundada por José Vaquero, por quen se non) e agora anda con Teatrino. “E que dure”, confesa chea de ledicia.
Semella que o máis extravertido do grupo, o máis churrusqueiro é Luis Iglesias; e non pola actuación en si (pois xa digo que a obra tiña máis de traxedia que de comedia), senón polo que me escribiu cando se decidiu a mandarme algo para esta reportaxe, e que cito textualmente: “Nacín en Ourense, sendo a metade da primeira parella de xemelgos que naceron no acabado de inaugurar Hospital Materno Infantil (1969). De profesión bohemio, estudei electricidade pero nunca exercín nin para cambiar un enchufe. Cando non vagueo, escribo teatro e poesía que aínda non me decidín publicar”. Pois faino, amigo, que seguro que son boas.
Tania González naceu hai 30 anos en Calvos de Randín. Profesora. Leva no teatro desde os 11 anos, é dicir, desde o colexio e actuando, claro está, no instituto, na Escola Municipal de Teatro e na Aula Universitaria. Claro que no de empezar cedo gánalle incluso a súa compañeira de obra Vicky Álvarez, que empezou ós nove anos e “para min é algo fundamental e que non podería quitar da miña vida por todo o que me aporta a nivel persoal”. Está estudando Ciclo Superior de Animación Sociocultural. É de Ourense. É a máis noviña: 27 anos.
Estando esta reportaxe aínda en borrador, un día chégame un correo de José Vaquero que dicía: “sinto bastante curiosidade polo feito de que te intereses por un grupo de teatro afeccionado”. É sinxelo: porque cando os vin non me pareceron tan afeccionados e porque, como xa teño confesado noutras reportaxes, gústame axudar un chisco dándolles un pequeno ou pobre empurrou a eses que empezan, polo detalle de que, a moitos, por unhas ou outras circunstancias, élles moi difícil asentarse. Estou por apostar que á maioría dos que son hoxe famosos tamén lles custou chegar a onde chegaron. E ós famosos de hoxe pois xa os coñece todo o mundo. Hai que descubrir zumes novos. Hai que buscar eses heroes anónimos que andan por aí soltos e que, sen practicamente querelo, alégrannos a vida ou énchennos de emoción os sentimentos. Teatrino fai pensar moito, polo menos coa obra “Os carniceiros”. E que alguén te faga pensar é bo, moi bo.


Café Parderrubias de Celanova. Venres, 27 de outubro de 2017


Publicado en La Región o sábado, 02-12-2017

domingo, 3 de diciembre de 2017

A CABEZA DUN FURAFOLLAS


 
            Unha historia que vai é vén. Unha súper lúa que non se ve. E Uxía cantando “Cantos na maré”. Así transcorren ás veces as noites de inverno na cabeza dun furafollas que está porque ten que estar. Moitas veces non estamos aínda que esteamos. Non, non é tan difícil a adiviña; simplemente que estamos de corpo, de presenza, pero de mente atopámonos completamente ausentes. Ó mellor estamos pensando nos biosbardos. Máis seguro. Hai moita xente que pensa nos biosbardos. Unhas veces é bonito pensar nos biosbardos, pero outras non tanto. Polo dito: porque estás e non estás. Todo ten o seu aquel.
Thelonious Monk e John Coltrane cando se xuntaron no ano 1961 sacaron un álbum que dá gusto escoitalo. Estouno facendo, claro. Mentres escribo, escoito música. Sempre estou escoitando música. Cando camiño, levo música. Cando ando na poda, escoito música. Cando subo a Correos, escoito música. Cando traballo, escoito música. Unha historia que vai e vén. Que historia? Ningunha; ou acaso precísase algunha historia para que a cabeza dun furafollas esbardalle nas noites de inverno. Pois entón!

            Finca Fierro. Domingo, 3 de decembro de 2017

sábado, 2 de diciembre de 2017

ESPÍRITO DA CONTRADICIÓN



            No ser humano aniñará sempre o espírito da contradición. Sempre. E temos exemplos para darlle cun sacho. Baduamos, esbardallamos continuamente contra as medidas dos Gobernos e á hora da verdade dámoslles maiorías absolutas. Non podemos ver ós cataláns e, non obstante, non deixamos que se larguen. Non podemos ver ós ianquis e estamos asumindo todas esas festas de consumismo coas que nos bombardean. Dicíao o outro día: non podemos ver ós musulmáns e durante este mes ímoslles pedir o voto en Cataluña (si, é verdade, isto case non é espírito da contradición; isto é espírito da comenencia). Anda polas redes sociais unha viñeta ou como lle queirades chamar na que se di que a luz sobe polos catro costados, ou sexa, porque chove, porque non chove, porque vai sol, porque non vai sol, porque vai frío, porque non vai frío, porque hai crise, porque hai superávit, e resulta que á hora da verdade, imos de paspáns á Praza Maior (si, vale calquera praza maior) a aplaudir o acendido da luz de Nadal, ou da árbore natalicia un mes antes (ou máis) do 24 e 25 de decembro.
Cada vez estou máis convencido de que non tardaremos moito en inaugurar o acendido da árbore ó acabar as Novenas dos Milagres, é dicir, o día 9 de setembro. A gastar luz, que é barata! E se non é barata, facemos unhas manifestacións e ó acabar gabamos a fermosura das rúas das vilas e cidades. Pero, que nos está a pasar! Ríllannos as asaduras e nós aplaudimos, róubannos os cartos descaradamente e nós sacamos fotos todos contentos. Espírito da contradición. Acaso non chegaba con alumear as cidades unha semana antes do Nadal? Pero que dis, home; iso é ir en contra da lóxica. Pois xa que os iluminados se adiantan tanto, eu tamén me vou adiantar (por se me esquezo en días vindeiros): bo Nadal a todos.

            Finca Fierro. Sábado, 2 de decembro de 2017

jueves, 30 de noviembre de 2017

FELIZ DE POR VIDA


 
            Se algunhas veces ou moitas veces quero que chegue o inverno, non é porque xa estea farto do sol ou por esta chuvia que tanto se fai de rogar. Que va! Se quero que chegue o inverno é para poder cear o caldo. Ai o caldo! E dá igual que sexa da verza do país, da verza branca ou de repolo; o caso é que sexa caldo de verduras, destas verduras nosas, das do inverno.
A ver, o caldo pode ou poderase comer cando nos pete, pero é certo que meter algo quentiño no estómago nestas noites de cero graos ou menos é algo que te deixa algo así como feliz de por vida. E unha sopa non é o mesmo que o caldo. Vaiche boa! Acabo de cear un bo prato del. De aí este relato. Agora estou co ordenador, pero antes rematei de ler o libro “O desxeo”, de Lize Spit, e tiven que facelo paseando pola cociña, para que me baixara un pouco a barriga. Antes do prato de caldo comera outras cousas, o meu estómago é máis pequeno que o de outra persoa normal e, entón, claro, se lle ataco despois hai que baixalo, para non suar toda a noite, por moito que esteamos moi cerca dos cero graos. Iso si, o sabor do caldiño aínda o noto na miña boca.

            Finca Fierro. Xoves, 30 de novembro de 2017

miércoles, 29 de noviembre de 2017

O ÚNICO PASAXEIRO


 
            A Xudas Pallés Cazpacho non lle asenta o cu no mazadoiro da burga. Cada dous por tres, ergue, dá uns pasos e volve sentar. Ó pouco, ergue, contempla a burga de Baños de Molgas e volve sentar. Nun arrinque de rabia, ergue e sobe coma un lóstrego cara á estación do ferrocarril. El mesmo soltou ós catro ventos, coma se o oíra alguén, que ía recordar tempos.
E en voz alta empezou a numerar as veces que collía o expreso para ir á capital do Imperio. Case sempre subía só cargado coa súa maleta, porque como o tren non chegaba ata pasadas as doce e media da noite, non quería que os seus pais estiveran a velas vir na plataforma da estación, cando á mañá seguinte tiñan que madrugar. Os pais de Xudas Pallés madrugaban sempre. Antigamente, os labregos madrugaban sempre. Agora tamén. Sacaba o billete e, como sempre ía coa suficiente antelación (non fora o demo…), non lle quedaba outra que ou sentar ou pasear. El, como diciamos ó principio, non lle asentaba o cu en ningún lado, polo que non lle quedaba outra que pasear, e pasear, e pasear. Porque, para máis aquel, Xudas Pallés, o fillo do Tristeiro, era o único pasaxeiro que subía ó tren na estación de Baños de Molgas.

            Finca Fierro. Mércores, 29 de novembro de 2017