martes, 30 de enero de 2018

NON CABER NUN FOL

Ezequiel Forzas Meno e Icía Forzas Meno son irmáns e residentes na aldea que tan só ten dous veciños: el e máis ela. Logo, para máis aquel, están a rifar continuamente ou o que é o mesmo, non caben nun fol. A ver, lévanse ben pero case nunca están de acordo en nada e acaban discutindo. Cando acontece isto, Ezequiel marcha para a súa casa, que está nunha punta da aldea, e Icía para a dela, que está na outra punta, claro.
O peor é que a aldea é tan pequeniña que, aínda na distancia, seguen sen caber nun fol. Óense os berros desde a fonte que está á volta da curva en dirección a vila. Cando cansan (porque discuten tanto que, realmente, acaban esgotados) fan as súas tarefas na casa e logo de xantar ou de cear convídanse un ó outro a café. Pero antes de entrar xa pola porta, os irmáns Forzas Meno, emprenden a ladaíña recriminatoria e entre sorbo e grolo míranse de mala maneira, berran, rifan, pero atúranse. Sepáranse porque se teñen que separar. O gando está na corte e hai que levalo ó monte. Con tan mala sorte que coinciden as cabezas todas na pequena praza da aldea. Aí xa hai coma un batifondo: eles berrando e rifando, e os animais pelexando e bruando. Ninguén cabe nun fol.

Finca Fierro. Martes, 30 de xaneiro de 2018

lunes, 29 de enero de 2018

OS CANASTROS DA AIRA D´ARRIBA

Aí están. Os canastros da Aira d´Arriba. Aí está a infancia. Aí está a adolescencia. Aí están os recordos e a memoria. De cando, por exemplo, a miña nai e máis eu nos pechamos no canastro ata as dúas da noite para vixiar os palleiros. Había días que se iniciaran unha serie de incendios nas airas e nos palleiros de Baños de Molgas.
Precisamente empezara nun de palla noso que tiñamos na Aira do Trono, xunto ó forno. E detrás do noso foron seis ou sete que nos meteron o medo no corpo. Precisamente este medo foi o que me fixo exclamar ante a Lola da Amparo que que pintabamos alí metidos no canastro? Se aparece o pirómano, que facemos?, berrámoslle? E ó verse descuberto, como reaccionará? E se trae un coitelo? E se trae unha escopeta ou unha pistola? O medo é libre. E moito máis cando aínda es un cativo. Así é que non quedou outra que deixar o acubillo do canastro e que Deus ou a Virxe dos Milagres resgardasen o palleiro da herba. E quedaron os canastros da Aira d´Arriba de novo en silencio. Como en silencio quedaban todas as noites, logo, iso si, de que nos cansaramos das risas, das présas, dos acochos, dos nervios, dos medos, de xogar por entre eles. Hoxe, por desgraza, xa só quedan tres ou catro en pé. Unha pena.

Finca Fierro. Luns, 29 de xaneiro de 2018

A FEBRE TIFOIDE EN PRESQUEIRA

O día 6 de setembro de 1905 asomaba en algúns xornais galegos a nova de que a invasión de febre tifoide que con caracteres alarmantes se presentara na aldea de Presqueira do concello de Baños de Molgas, decreceu totalmente, e os enfermos atacados nesas datas seguían mellorando notablemente.
Á febre tifoide tamén se lle coñecía como febre entérica, que é unha enfermidade infecciosa, que a súa forma de contaxio é fecal oral, a través da auga e dos alimentos contaminados con dexeccións. Non se pode confundir co tifos, que este transmítese por parasitos externos, principalmente os piollos. A febre tifoide ingresa por vía dixestiva, chega ó intestino e pasa ó sangue para armar as de do demo e a mona, é dicir, para contaxiar ós pobres veciños de Presqueira. O período de incubación adoita durar entre 10 ou 15 días e produce trastornos xerais, desde moita febre ata cefalea, estupor, tumefacción da mucosa nasal, lingua tostada, úlceras no padal e ás veces diarrea. Naqueles anos imaxino as carreiras ou camiños de Presqueira cheos de xente que foron “baixar o pantalón”. Algún chegaría ata o San Vitoiro. En España a última gran epidemia desta enfermidade foi no 1914. Menos mal.

Finca Fierro. Domingo, 28 de xaneiro de 2018

domingo, 28 de enero de 2018

A TARDE ESTABA ESPLÉNDIDA

A tarde estaba espléndida. Así é que Paciano Pacífico Ruleta optou por botarse fóra da casa e marchar para ler pola marxe dereita do río, dun río calquera. A tarde estaba espléndida. Tanto que axiña lle sobrou o chaquetón que levaba posto. Pero tivo que aguantalo, porque bastante tiña con levar sobre as súas mans o volume “Un libro de mártires americanos”, de 814 páxinas, que é moito peso de cristo.
Non lle quedou outra que suar e aguantar. Aínda que, Paciano Pacífico é de pouco suar. Ata traballando non adoita suar moito. É un pouco seco. Coma el. Aclaremos: seco en volume, en peso, en gordura, non en carácter. Paciano, no fondo, é un bo rapaz; simpático, amigable, melancólico, algo tolo, si, pero cun bo corazón. El mesmo di que ten moitas veces un corazón de ouro. Claro que iso xa é moito dicir. A tarde estaba espléndida e Paciano Pacífico Ruleta seguiu lendo polo paseo dese río calquera. Pasaba as páxinas con parsimonia e de cando en vez ollaba o número da páxina para angustiarse un chisco ó ver o que aínda lle quedaba. Seica vai pola 190 e ata a 814 xa podedes imaxinar. O número da páxina díxomo así inconscientemente, coma quen que non ía ó seu lado. Pero ía. Aínda estou ó seu lado. É un bo rapaz.

Finca Fierro. Domingo, 28 de xaneiro de 2018

SAMUEL GÓMEZ, O POETA ANARQUISTA

O meu pensamento furga na memoria buscando o momento exacto no que me atopei cun libriño titulado “Posío”. Sei que aínda era un rapaz. Sei que o tiven nas miñas mans. Sei que era meu, pero, agora mesmo, xa non o atopo por ningún lado. Ó mellor extraviouse definitivamente ou, simplemente, se consumiu. Porque creo recordar que o exemplar que tiña nas miñas mans xa estaba abondo escaralladiño. Tamén me chega a un recanto da memoria que, aquel libriño, non facía constar os datos do autor, máis alá do nome. Polo que non imaxinaba eu que na pequena aldea do meu pai houbese un escritor, un personaxe que alcanzou certa fama na Guerra Civil Española e, seguiu, na posguerra.
Hai pouco, fochicando coma sempre pola Internet na procura de noticias interesantes de ou sobre Baños de Molgas (nótaseme moito que son de Baños de Molgas?) atopeime cun tal Samuel Gómez González, que escribira varias obras poéticas e que dirixira un periódico desde o 1937 ó 1939, en plena Guerra Civil. Que xa ten o seu mérito e, para máis aquel, non comungando Samuel co réxime fascista.
Como curiosidade, comentar que se me deu por publicar polo guasap os preparativos desta reportaxe e axiña me saltou un curmán do País Vasco dicíndome que o pai do tal Samuel (Antonio; a nai era Hermelinda) era irmán da miña avoa Josefa, ou o que é o mesmo, que Samuel Gómez González era curmán do meu pai. Demóstrase unha vez máis que se buscas, atopas. Hai uns días non sabía nada dese homiño e, hoxe, descubro que me é parente.
Samuel Gómez González naceu en Nocelo (Baños de Molgas) o 20 de xullo de 1913 (hoxe contaría con 104 anos). Con tres aniños marchou cos seus pais para México e alá estivo ata 1928, ata os 13 anos. Ó volver do outro lado do charco, estudou bacharelato en Ourense e no ano 1933 matriculouse no primeiro curso de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e ó ano seguinte marchou para Madrid para continuar coa carreira. Na capital do Imperio desenvolveu o seu profesorado no último bienio da Segunda República.
Axiña empezou a escribir poesía e algúns dos seus poemas apareceron publicados no xornal El Compostelano, periódico que se publicou en Santiago de Compostela entre 1920 e 1946. Periódico conservador, que durante a Guerra Civil declarouse abertamente partidario do bando franquista.
Como dicía ó principio, durante a Guerra Civil, Samuel Gómez dirixiu o xornal Galicia Libre, de inspiración anarquista, editado en Madrid entre 1937 e 1939. Órgano da Agrupación de Gallegos Libertarios, apareceu o 20 de setembro de 1937. Publicación, primeiro, decenal e, despois, quincenal. A partir do número 22, ou sexa, a partir do 15 de maio de 1938 pasou a subtitularse Órgano de la Federación de Agrupaciones de Gallegos Libertarios. A comezos de 1939, o xornal trasladouse a Valencia, onde se imprentaron os dous últimos números.
Entre os colaboradores de Galicia Libre estaban José Ledo Limia, Miguel Vázquez Valiño, Luís Chamorro e Manuel Pita Armada, entre outros. Tamén contaron coas ilustracións do gran Manuel Crestar. E, como non, así mesmo chegaban colaboracións desde a emigración galega de América. A ver!, sempre fomos, somos e seremos (por desgraza) un país emigrante.
Cando rematou a guerra, Samuel Gómez volveu a Galicia para completar os estudos de Dereito en Santiago. Alí montou unha academia (Enseñanzas Gelmírez), pero axiña exerceu a avogacía na nosa cidade das Burgas, onde acabou falecendo nos anos 90. De Nocelo seica tivo que fuxir nunha furgoneta porque algúns fachas (máis seguro que veciños) querían ir máis alá dunha inimizade política, e os “paseos” empezaban xa a imperar por todas as carrilleiras do país.
Deixou para a posteridade os libros “En las orillas del Miño” (1956), o citado “Posío” (1956), ó que lle deron o Premio de Poesía Galicia, 1955; “Saudades de Compostela” (1957), “Fe de vida. Poesías” (1977), “Mensaje de paz” (1978), “Sonetos a Carballino” e “Márgenes Atlánticas”. Ó mesmo tempo colaboraba en diversas revistas literarias.
Caída Galicia en xullo de 1936 en mans fascistas, foron numerosos os confederais e libertarios os que conseguiron alcanzar terras republicanas e axiña apareceron batallóns formados esencialmente por anarquistas galegos nas terras máis próximas e a constitución en Asturias da Agrupación Confederal Galaica, que tivo un núcleo forte e organizado en Madrid, ó que pertenceu o noso protagonista.
Empecei a reportaxe deste parente e veciño molgués coa intención de publicitalo como persoeiro literario ou poético, pero segundo fun “perseguindo” a súa vida, a súa carreira descubrín que Samuel Gómez González foi máis alá duns simples poemas, principalmente no plan político. Moito máis alá. Pero iso xa quedará para eses autores que saben moito máis da historia que un simple escritor de relatos curtos.
E xa para rematar, confeso, desde o meu humilde parecer, que Samuel Gómez González ben merece un certo “redescubrimento” de xente que soubo e que sabe furgar na vida cotiá de moitos españois durante o confrontación civil do 36 e da posterior posguerra, case aínda peor que a propia guerra. Tivemos en Baños de Molgas un gran personaxe literario e político e nós sen practicamente sabelo.

Café O Chicote da Valenzá. Mércores, 27 de decembro de 2017

Publicado en La Región o sábado, 27-01-2018

sábado, 27 de enero de 2018

A COPA: CONTRA A DITADURA DOS GRANDES

Que bonita é a Copa! A Copa do Rei de fútbol, se entende. A Copa é o trofeo, a competición na que os pobres se poden erguer contra a ditadura futbolística de tan só dous clubs españois, na que os modestos lles poden levantar a voz ós todopoderosos, na que os pequeniños lles poden mirar ó ombreiro a eses xigantes económicos ou cheos de estrelas ou galácticos. Na Copa penso que ata aquel afeccionado que non é moi fanático do seu equipo non lle parece mal que este quede eliminado por un equipo modestiño. É o cariño que lle se ten á Copa. A maiores de que se xoga doutra maneira; nesta competición non se especula, hai que meter goles se queren pasar á seguinte rolda.
Na Copa vaise co débil. Seguro que o outro día a moitos madridistas non lles importou que os eliminase o Leganés. O mesmo lles pasa ós balaugranas cando os elimina, por exemplo, o Novelda ou o Figueres. Na Copa, o 90% do público está cos máis pobres. Porque sabemos que é a única competición na que poden dar a sorpresa. A Liga é tan longa que, ó final, pon a cada un no seu sitio, é dicir, ó poderoso arriba e o pobriño á segunda división. Pero na Copa, ah, ó ser eliminatoria, nun partido que che poida saír algo ben, pois igual te lle atragoas ó que gana os partidos sen baixarse do autobús. E aínda deberían ter máis vantaxe da que teñen. Por exemplo, a que as eliminatorias foran a partido único, no campo do peor clasificado. Xa veriades como os grandes non xogaban co plan B e como os pequenos tiñan algunha opción máis de seguir na única competición na que poden facer algo. Fan de comparsas, de sparrings todo un puto ano; así é que xa vai sendo hora de que se lles suban ás barbas ós grandes púxiles. Como me gustaría que ganase a Copa o Leganés ou o Sevilla ou o Valencia. Ánimo, Leganés!

Finca Fierro. Sábado, 27 de xaneiro de 2018

viernes, 26 de enero de 2018

ALÁ ESTABA A CLARIDADE

Isto é un sen vivir. A vida. A vida é o que é; é dicir, un bambán que vai e vén, que sobe e baixa, que corre e se para. Máis ou menos. Todo o día traballando e máis seguro que para nada. Algúns non rañan bola e viven na opulencia. Outros fan que traballan e asubían cara ó infinito e máis alá. Menos mal que a música de “O último mohicano” viaxa con parsimonia polas asaduras dun corpo cansado que Trevor Jones está suavizando. A vida tamén é coma o silencio. Ás veces queda quietiña e sen facer ruído. Ou aínda que se bote a correr, algunhas veces tampouco fai ruído. Cantos pasamos por esta existencia en completo silencio! É verdade que outros, cunha simple frase, meten máis barullo que unha treboada chea de alustres.
Estou cansado de tanto traballar e, non obstante, asubío unha canción que non ten letra, aínda que haxa alguén que a cante a pleno pulmón. Asubío por entre a néboa desa conciencia que semella escura pero que ós dous centímetros asoma a esperanza dun mundo que estaba perdido e que acabo de atopar. Se buscas, encontrarás. Eu busquei a vida por entre as brumas dun sen vivir, e alá estaba a claridade.

Finca Fierro. Venres 26 de xaneiro de 2018