lunes, 2 de abril de 2018

NON ENTRAR NIN O FERRO

O sol pegaba con forza sobre o palleiro de herba de Iago Vilamelle. Eran as catro da tarde cando, á sombra do palleiro, se sentou Ladislau Eslavo Imperial. Por certo, o segundo apelido deste íalle como anel ó dedo, porque Ladislau era, como se adoita chamar, un bicho, un auténtico besta de home. Era máis cadrado que alto, máis forte que fraco. Que carallo, era duro coma un penedo. A el non lle entraba nin o ferro.
Tamén é certo que a súa inmensidade o facía suar a chorro. Ademais, a aquelas horas. Pero a Ladislau Eslavo Imperial non lle quedaba outra que acubillarse á sombra do palleiro. Acababa de botalo da casa a súa muller Fabia Soleta Feliz. Por unha mexericada de nada empezaron con tal barafunda que deu con Ladislau na carreira. O asombroso do asunto é que Fabia é unha cousiña de nada; pequena, fraca, miúda. Pero o carácter, ai o carácter! Que llo pregunten a Ladislau, ese home que é tan duro fisicamente que non lle entra nin o ferro. Pero hai palabras e miradas que amansan ata ó máis besta. Pasados uns bos minutos, cando xa non aguantaba máis a calor, Ladislau volveu para a casa e entrou coa cabeza gacha. Nin se dignou mirarlle á cara a Fabia. Por un se acaso.

Finca Fierro. Luns, 2 de abril de 2018

domingo, 1 de abril de 2018

DÉIXATE LEVAR...

Déixate levar polo ronsel do avión que se dirixe ata os confíns do universo, é dicir, ata o aeroporto máis a man. Despois, aterra coa parsimonia dun instante e busca entre os habitantes do planeta Terra aquel que sorrí nun aceno, nun xesto de benvida. Ponte a camiñar polos carreiros da harmonía e aparta as silvas que che queren rabuñar a alma. Quizais non saibas quen es ou quen te segue. Quizais non esperes un saúdo ou un abrazo. Pero aí, á volta daquela carballeira, está a túa infancia. Aquela na que perseguías os avións por entre as aberturas das gaias. Aquela na que deixabas que un simple asubío de pardal te espertase dun sono tranquilo e sosegado.
Déixate levar polo zigzag dunha serpe que busca un simple agocho, porque o medo é libre. Ti arrodea a toxeira e segue o camiño que te levará ás noites de ver arder o lume na lareira. Senta na banqueta de castiñeiro e por entre as lapas contempla as sombras que xogan coa señardade dun tempo. Daquel tempo no que as noites eran eternas e os recordos, simplemente, fluían en cada brasa que refulxía para alumear a vida, unha vida normal e sinxela.

Finca Fierro. Domingo, 1 de abril de 2018

sábado, 31 de marzo de 2018

O ESPELLO DO TEMPO

Fotos. Hai fotos que fan asomar os recordos. As fotos son o espello da memoria. Fotos que emocionan. Fotos que asombran. Fotos que fan rir. Fotos que enchen de nostalxia. As fotos son o espello do tempo. Fotos vellas. Belas fotos. Fotos en branco e negro. Fotos daqueles tempos. Daqueles nos que practicamente ninguén tiña unha cámara. As que vas atopando de rapaz foi porque alguén “do estranxeiro” chegaba á vila cunha cámara e se lle caías ben, retratábate. Fotos en cuadrilla. Fotos en familia. As fotos son o espello da lembranza.
Fotos en color. Fotos nas que asoman xente que xa non está. Bagullas nos ollos. Fotos que amosan as modas dos anos 60 e 70. Fotos de bebés regordechos. Fotos de mozos melenudos. Fotos de coletas por enriba das orellas. As fotos son o espello da morriña. Fotos de xente que queres. Fotos de persoas que amas. Que amaches. Que amarás. Fotos bonitas. Fotos raras. Fotos, agora, a darlle cun sacho. Porque agora si queda todo retratado. Parece unha loucura. Pero, co tempo, esta loucura tamén será bonita. Porque amosarán o pasado, amosarán os recordos, amosarán os soños. As fotos son o espello dos anos. O espello do tempo.

Finca Fierro. Sábado, 31 de marzo de 2018

viernes, 30 de marzo de 2018

O METÍLICO EN BAÑOS DE MOLGAS

Din que a avaricia rompe o saco. A avaricia de Rogelio Aguiar Fernández, natural de Rebeño (Pontevedra), pero dono de Bodegas Aragón de Ourense rompeu vidas humanas. Por culpa do alcol metílico. O alcol metílico ou metanol ou alcol da madeira ou alcol de queimar é un líquido volátil, incoloro e soluble en auga e outros disolventes. Trátase dun produto de uso industrial para a elaboración de disolventes, líquido limpaparabrisas, lacas, vernices, produtos plásticos, explosivos, etc. Rogelio Aguiar mercouno a 9 e 12 pesetas para, ó mesturalo co alcol etílico de 96º ou vínico, vendelo a 15 e a 16, cando na realidade este último estaba a 30. Negocio redondo. A primeira noticia descubriuse no marzo de 1963 na poboación de Haría, en Lanzarote, cando unha doutora farmacéutica sospeitou que algo non cadraba na morte de tres veciños e doutros dous que quedaron cegos. En Galicia, bastante antes xa houbera varias mortes que os profesionais sanitarios e as autoridades non relacionaran ou non investigaran ben.
Unha desas mortes caeu no concello de Baños de Molgas, máis en concreto, en Santa Eufemia. Foi a de Aníbal Capelo Sobrino, que faleceu o 12 de maio de 1963, deixando viúva e catro fillos menores de idade. En total seica foron 51 falecidos (13 na zona do Carballiño) e 9 persoas cegas, aínda que a cifra real pode contarse incluso por millares. Porque... estaba visto!, o ministro de Información e Turismo, don Manoliño Fraga, axiña tratou de diminuír o impacto mediático contra o réxime franquista, póndolle máis que pegas ás publicacións en prensa e na radio. Logo, para máis aquel, no xuízo que tivo lugar en 1967 contra 11 procesados, caeron unhas penas ridículas, entre 1 e 20 anos de prisión e indemnizacións que alcanzaban case 20 millóns de pesetas. E como a xustiza no noso país sempre foi como foi (sempre é como é), ningún dos condenados cumpriu máis de seis anos de cárcere, e como se declararon insolventes, ningunha vítima ou familiar recibiu nada de nada. Como se adoita dicir, marcharon coma se tal cousa, marcharon coma o peido do cu.

Finca Fierro. Venres, 30 de marzo de 2018

MATRIOSKAS CHEAS DE HISTORIAS E SOÑOS

As historias, xeralmente, cóntanse nos libros. As historias, antigamente, contábanse xunto ás lareiras ou nos lavadoiros ou nas burgas, coma por exemplo na de Baños de Molgas. As historias, hoxe en día, tamén se poden contar sobre un escenario e... e con música. Con música hai que recoñecer que quedan incluso máis lindas. Tanto que, segundo che van degrañando o argumento, o ritmo musical lévate sobre nubes de algodón nas que caen sempre con delicadeza os soños que che producen a propia historia.
O venres, 16 de marzo, ás oito da tarde/noite, e sobre o escenario da Casa da Cultura Manuel María de Barbadás, dúas mulleres, Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, subíronnos a esas nubes de algodón co seu espectáculo “Matrioskas”, que, como supoñeredes, versa sobre esas historias que a Marta se lle deu por debullar e a Sofía por marcar o ritmo das mesmas coa súa guitarra. Por certo, cunha simple guitarra e unha voz melosa ás veces, retranqueira outras, e simpática sempre, encheron o salón de actos con soños que nos fixeron soñar.
Non obstante, quen empezou a falar realmente foi a guitarrista Sofía Espiñeira cunha historia que nos levou a Bergondo, onde, seica, nas noites de San Xoán hai a costume de queimar prendas obsoletas e as máis vellas do lugar, retranqueiras elas, queiman as bragas. Emporiso, Sofía fixo unha canción para queimar os pensamentos vellos. Pero prometo que a súa canción nunca se converterá en cinsa; é bonita de verdade.
No segundo tema xa é Marta a que toma a palabra e descubrimos unha historia fermosa pero co seu aquel profundo cando fala da emigración dos seus, da súa nai, desde Andalucía ata Terrassa. Usaba o acento andaluz para adxudicarlle diversión ó conto, aínda que a emigración non sexa un tema para dar saltos de alegría. Axiña chegou outro conto, perdón, outra historia, porque “na miña casa non se contaban contos, pero na miña casa había historias”. A que pasou a contar nin era retranqueira nin tan sequera simpática, usase os acentos que usase. Era unha historia dura que, grazas á burra da súa bisavoa, acabou sendo fermosa, pero polo medio houbo que pagar un prezo moi alto: a "marcaxe" do típico señorito daqueles tempos. Ai aqueles terratenentes!, que, aínda que non tivesen dereito, cobraban ben cobrado; cobraban o dereito de pernada. E o que era peor, ás veces coa complicidade incluso familiar da “marcada” e non digamos xa da propia sociedade. Moi triste e moi duro.
As matrioskas gardan historias caladas e moitos desexos. Pero Sofía e Marta, Marta e Sofía abren esas matrioskas e espallan ó mundo esa riqueza acochada, escondida para que saibamos que as hai grandes e pequenas e cheas de cores. Sen as cousas máis pequenas xamais fariamos as cousas máis grandes.
A pesar de que toda a súa familia é andaluza, Marta Ortiz naceu en Terrassa (Barcelona). No 2005 chegou a Galicia por unha bolsa de estudos e dous anos máis tarde volveu para quedar definitivamente na nosa comunidade. O de quedarse hai que agradecerllo a Brais das Hortas (deste xa falei no Testemuñas co que homenaxeei a Blues do País), que foi o que primeiro lle puxo notas musicais ás súas palabras. Axiña formaron Tropa de Trapo e patearon escenarios con contos e con música.
Sexa en compañía, sexa soa, Marta Ortiz non para e realiza diversas actividades de animación á lectura e obradoiros de teatro, expresión corporal en Barcelona e na nosa terra, principalmente en escolas de infantil, primaria, en bibliotecas, nas feiras de libros e onde lle cadre. É unha bule bule que busca contos nas historias da súa familia, nos que mestura realidade e ficción practicamente a partes iguais.
Sofía Espiñeira naceu en 1986 na vila de Mugardos, A Coruña, e na que pasou toda a súa infancia e adolescencia. Xa desde pequena tivo auténtica devoción pola música polo que axiña se meteu no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol para empezar co clarinete. De seguido pásase á guitarra e a cantar. Anos máis tarde cursa estudos de xornalismo na Universidade de Santiago para rematalos en Rennes, Francia. Ó rematar a carreira pasa un ano na Escola Navarra de Circo Oreka, en Pamplona, que lle dá os coñecementos necesarios para comezar a súa andaina profesional nas artes escénicas. Instálase en Santiago no 2010 para empezar a traballar na compañía de teatro e monicreques Titereficciós.
O mesmo que Marta, Sofía Espiñeira buliu polos escenarios da nosa terra con proxectos de danza, teatro e música. No mes de abril de 2015 gana un certame de canción de autor en Teo e iso permítelle gravar o seu primeiro disco. Empeza así, realmente, a súa carreira de cantautora. Un ano máis tarde xúntase con Marta e con Brais para formar a citada Tropa de Trapo. “A hora azul” é o seu primeiro espectáculo de contos e música para o público adulto. E na Casa da Cultura de Barbadás acaban de deixarnos un feixe de historias e melodías, de soños e de realidades, de medos e desexos, de liberdades e de represións. Un feixe cheo de matrioskas vestidas de cores.

Café América de Celanova. Mércores, 21 de marzo de 2018

Publicado en La Región o venres, 30-03-2018

jueves, 29 de marzo de 2018

SEN PRÉSA PERO SEN PAUSA

Sen présa pero sen pausa camiño pola carreira do esquecemento. Non quero esquecer. Quero gardar na memoria todo o que fixen e que non valeu para nada. Cantas cousas facemos inutilmente! Quero bailar un tango sobre a cancela dun portelo e unha muiñeira ulindo a flor do salgueiro. Pensaba que se collía polo camiño do medio todo iría ben e que ó final do mesmo atoparía a nostalxia sentada na rama dun castiñeiro. Alí tan só estaba o silencio e unhas enredadeiras rabuñando na pel dun sabugueiro. Que difícil é buscarlle os tres pés ó gato. Pero que bonito cantar desde o alto dun campanario. Sen présa pero sen pausa vou pola raia dereita dunha entelequia, dunha quimera. Sei que todo chegará. Todo chegará. Cansado de dar un paso detrás doutro deixo que toda a miña conciencia sente sobre o mazadoiro, sobre o asentadoiro dos soños. Que bonito é soñar esperto! Tan bonito como aboiar por entre as liñas dun pensamento. Queren algúns pensamentos saltar ó aire para que os leve o vento. Co quentiños que están dentro! Sen présa pero sen pausa cheguei, por fin, á meta dunha realidade que foi, que é: a de vivir. E vivo en min. E son feliz.

Finca Fierro. Xoves, 29 de marzo de 2018

miércoles, 28 de marzo de 2018

QUE BONITO É O UNIVERSO!

Quero que o universo se pare para poder contar as estrelas. Xa sei que me levará tempo, pero teño todo o tempo do mundo. Quero que a realidade se mesture coa ficción dun conto real. Sabemos que hai contos que maman da realidade e que crecen dos ruxerruxes que se soltan nos faladeiros. Non hai como vivir en silencio; alá, na fin do universo. Teño que subir, entón, á realidade dunha nave espacial que viaxa impulsada por un ascensor de latexos compartidos dun soño eterno... e bonito.
Quero seguir o ritmo dunha trompeta que non soa, pero os meus pés non paran de bailar cando aterran nos planetas, en todos os planetas. Quero sentir o silencio que sei que está moito máis alá do universo. Dáme silencio e un sorriso para alcanzar a gloria eterna. Aí está xa a nave espacial que me levará polos outeiros dos meteoritos e polas cores do arco da vella. Que bonito é o universo! Ese universo irreal que se debuxa unha e outra vez cando deixo caer a cabeza nunha almofada chea de morriña e de nostalxia. Quero que a realidade pouse nese mazadoiro da memoria que, logo de chegar ó derradeiro planeta, se volva un recordo real para sementalo en todas as estrelas. Que bonito é o universo!

Finca Fierro. Mércores, 28 de marzo de 2018