lunes, 30 de julio de 2018

HAI QUE PROHIBIR O CINE!

Mal asunto para o cine. Unha espectadora seica se queixou da emisión da película “50 sombras de Grey” porque “promove a violencia explícita e, sobre todo, violencia machista”. Nin vin nin penso ver tal película. Nin lin nin penso ler tales libros. Pero creo que aínda así, penso que se pasou un chisco a espectadora esa.
Por esa regra de tres habería que eliminar da cinematografía as de Rambo, por exemplo, porque nunha delas liquida a todo ruso e afgán que se lle pon por diante. E as de James Bond? O axente con licencia para matar eliminaba, antes, a todo ruso que estivese de pé e, agora, mata a todo árabe con pinta de árabe. As películas do Oeste... pobres indios! Nas de Alien ata tería que ir en contra da miña amada Sigourney Weaver por liquidar ou intentar liquidar ó bicho, co bonita que é tal criatura. Deberíase prohibir esa obra mestra chamada “Psicosis” porque Anthony Perkins asasina na ducha (na ducha!, ese recanto de intimidade para o ser humano) e con toda a saña do mundo nada máis e nada menos que á protagonista. Habería que prohibir “Los santos inocentes” porque a un salvaxe se lle deu por pegarlle un tiro á gralla de Azarías, a “milana bonita” de Paco Rabal. A ver se nos decatamos de que o cine é todo mentira, de que o fai real a conciencia humana. E moitos ben sabemos como temos a conciencia: negra e co demo dentro.

Finca Fierro. Luns, 30 de xullo de 2018

sábado, 28 de julio de 2018

O USO DO MÓBIL E DOS INMIGRANTES

Segundo unhas veces ataco á Fiscalía porque vai en contra ou a favor de quen non debe ir, hoxe toca darlle un voto de confianza ante a petición de que se investigue a fondo o uso do móbil dun condutor logo dun accidente grave. Paréceme ben. Paréceme moi ben. Como teño que viaxar todos os días empezo a ver xa case máis móbiles que volantes. Incluso sen os ver, notas a leguas se tal ou cal condutor está facendo uso do móbil. Pola forma de conducir. Pola forma de reducir. Ás veces ata dubido se será o móbil ou se será que ás sete e pico da mañá un xa vai borrachiño perdido. O uso do móbil seica xa é primeira causa de mortalidade nos accidentes de coche, máis incluso que o alcohol e a velocidade. Así é que a Fiscalía xa está tardando en actuar. E non vale bombardear con publicidade para que a xente se conciencie da gravidade do asunto. Todos sabemos xa que unha simple distracción pode mandar ó traste unha ou varias vidas humanas. Un simple guasap. Unha simple ollada ó móbil que vai á beira dun porque acaba de emitir un son de chamada ou de aviso de correo. A mellor ensinanza para tomar conciencia é a de fortes multas e penas de presidio. O ser humano só aprende cando lle tocan a carteira ou cando o privan de liberdade. É certo, algúns nin así. E por culpa destes algúns, outros van para os cemiterios.
Sempre dixen e sempre direi que a peor desgraza dun país é a emigración. Galicia é un país emigrante (para min, tan emigrante é o que está en Madrid ou o País Vasco como o que vive en Suíza ou en Alemaña). Galicia sempre foi emigrante. Pois ben, dáme unha rabia inmensa ver como emigrantes ou fillos de emigrantes atacan con saña, con xenreira a eses pobres inmigrantes que están facendo o mesmo que fixeron eles: buscarse a vida. De que nos veñen comer o pan. De que nos veñen sacar postos de traballo. Eses traballos que nós nunca quereremos. Eses traballos que moitos malnacidos lles ofrecen porque saben que son man de obra barata. Para min é moi triste ler comentarios de xente que se botou por outros mundos para poder subsistir. Por iso odio tanto as fronteiras. Porque todo ser humano ten dereito a vivir onde poida. Quen somos nós para dicir que este cacho de Terra é noso?

Finca Fierro. Sábado, 28 de xullo de 2018

viernes, 27 de julio de 2018

A BATA BRANCA

Tempo de que un piollo se meta pola maraña duns pensamentos que van e veñen entre a terra e o mar, entre o mar e a terra. Tempo de analizar, ou mellor dito, de debuxar unha bata branca; a cor inmaculada. Como ela. Como a palabra que se di, que se entende, que se explica. A bata branca que vai camiño de historias que doen, de sorrisos que sofren, de vidas que se amosan coitadiñas ante a esperanza.
Tempo de que un “tolete” se meta por entre os versos dun poema ou por entre os capítulos dunha novela. Tempo de coller dúas pedriñas e debuxar nelas nomes con cualificativos cariñosos. Despois todo consiste en adornar un soño que vai máis alá do infinito ou máis alá de Fisterra. Detrás de cada epíteto está a bata branca que mira, sorrí e fala. Fala con palabras de orballo para completar unhas frases que enchen o baleiro dun sentimento. Sempre haberá historias coas que soñar. Sempre haberá ondas que van e veñen polo mar. Ese mar que calma. Ese mar que arrodea á bata branca de pura poesía. Tempo no que un alento vai metido no peto esquerdo da bata branca á altura do corazón. Despois xa todo é un desexo que viaxa en avión ata un lugar de fantasía, de fábula. A bata branca brilla, reloce na miña memoria.

Finca Fierro. Venres, 27 de xullo de 2018

jueves, 26 de julio de 2018

POLAS GALAXIAS MÁIS AFASTADAS

Xa está ben de fochicar polo feisbuq. Toca facer algo útil desta vida miña. Por exemplo, dicir que seica hai auga salgada en Marte. O máis seguro é que proceda da Costa da Morte. Cando hai fortes treboadas, as pingas caen con tanta forza que rebotan e para alá marchan. Cae de caixón: se hai un galego na lúa, como non vai haber auga salgada en Marte. E da Costa da Morte! Aí é nada.
Tamén podo facer algo útil escoitando música. Por exemplo, a Miles Davis e John Coltrane xuntos. Isto é moito máis que aí é nada. Dous monstros. Queda unha hora para ver o resumo da etapa do Tour de Francia. Na Costa da Gándara non a proxectaron en director. Alí, en directo, deu pedal un viticultor ó ritmo do tractor para cuspir cunha mangueira pingas de sulfato, das cales, algunha, seguro que alcanzou Marte. Os galegos ou algo galego estamos en todos os lugares do mundial universo. E non digo nada cando eu me faga astronauta! Sei que serei astronauta! Viaxarei por todos os recunchos das galaxias máis afastadas. Na nave espacial (que levará o nome de Filomena) soará o impresionante “Under Fire” de Jerry Goldsmith. E xa poden aparecer todos os aliens do universo mundial, que eu... nin caso.

Finca Fierro. Xoves, 26 de xullo de 2018

miércoles, 25 de julio de 2018

UN CHISQUIÑO MÁIS DE CONCIENCIA

O día que oín algo sobre os incendios gregos foi simplemente iso: o típico titular que daban pola radio, o de uns grandes lumes. Xa pola tarde, camiño de Ramiras, comentou algo a muller de 60 mortos. Pedinlle explicacións, claro. E quedei alucinado. Precisamente o día en que facía 30 anos que eu estivera en Atenas. Recoñezo que me impresionou a cantidade, a cal, por certo, pola noite, xa aumentara a 74. Unha barbaridade!
Non obstante, o día da Patria Galega, puiden apreciar que segue habendo categorías nas formas de morrer e nos lugares nos que se morre. Este día lin dous xornais. Un empregaba un titular enorme e desenvolvendo a noticia en máis de media páxina sobre eses 74 mortos de Grecia. Pero xusto á beira, e nunha simple columna, viña outro titular: “Centos de desaparecidos ó derrubarse unha presa en Laos”. O outro xornal dedicáballe dúas páxinas ós incendios do país heleno, e “cero patatero” ó encoro de Laos. Imaxino que se preguntarían: pero onde está iso?, quen son eses? Doen os mortos gregos (eu simplemente pola visita que lle fixen, quedei cun cariño enorme cara á ese país), pero os de Laos tamén son persoas e moitos máis en cantidade. Deberiamos ter un chisquiño máis de conciencia.

Finca Fierro. Mércores, 25 de xullo de 2018

martes, 24 de julio de 2018

PAGAR AS FABAS

Hai xente que naceu para pagar as fabas, para cargar coa culpa do que fai outra persoa. Hai xente así. Como Macías Deus Variante. O pobre carga con todo. Coas súas culpas e coas dos demais. Macías Deus Variante é un pobre desgraciado que anda de bar en bar para que os seus propios veciños se rían del. Así de amable é a xente da súa aldea.
Veno un chisco diminuído e aprovéitanse, vaia se se aproveitan. Desde o cura ata o sacristán, desde o ricachón ata o máis pailán. O caso é que lle fagan pagar as fabas. Macías é fillo de Nadal Deus e de Edenia Variante, ambos os dous curmáns e residentes, desde cativos, no mesmo fogar. De aí pasou o que pasou. De aí, a burla, a mofa, o escarnio foron os comentarios máis suaves que recibiron, primeiro, da propia familia, logo, dos veciños, para rematar, con toda a contorna. Así de amable é a xente do seu concello. Menos mal que o pobre Macías non se decata de por onde vai a auga ó rego. El anda no seu mundo e non lle importa pagar as fabas. El nin sabe que está pagando as fabas. Macías sorrille ó seu amigo, ó seu parente e a calquera descoñecido. Macías tan só desexa que lle falen, aínda que sexa a berros, aínda que sexa a base de insultos. Macías Deus Variante senta no chan e espera.

Finca Fierro. Martes, 24 de xullo de 2018

POLA ESPERANZA DUN SENTIMENTO

Quere o asubío penetrar por entre as silveiras do monte perdido, pero o ruído é tan intenso que se afoga xa no carreiro da ignorancia. En moitos carreiros hai sinais para que saibas que un chisco máis alá pode estar o esquecemento dunha vida que quixo ser pero que quedou nunha simple páxina en branco, é dicir, en algo moi pobre, moi triste. Non hai maior tristeza que non saber que dicir. Ou que non saibas soñar.
Soñemos un percorrido por entre a néboa e co asubío nos beizos. Soñemos os soños nos brazos de Morfeo. Cae unha grosa galla dun carballo e atranca o carreiro. É aí cando dubidamos entre arrodear a galla ou volver para atrás, entre plantarlle cara ás inclemencias da propia vida ou pechar os ollos e recoñecer que somos inoperantes para loitar contra as adversidades dos soños. Case sempre queres amar pero, ás veces, non te deixan. Non queda outra que ser feliz á túa maneira. Así de simple e así de sinxelo. Quere o latexo do corazón percorrer a distancia entre un si e un non, pero hai pensamentos que non conseguen ir máis alá dun metro, máis alá do mar. Porque non te deixan avanzar. Non queda outra, entón, que asubiar pola esperanza dun sentimento. Asubía e espera.

Maceda. Martes, 24 de xullo de 2018