martes, 30 de octubre de 2018

A POMPOSIDADE DUN SOÑO

Pois si. Resulta que a pomposidade dun soño consiste en non crer o que soñaches. Ou crelo. Son tan complicados os soños! Poden ser coma bolboretas por entre as flores dunha lameira ou poden ser pesadelos por entre os toxos dun tormento. Non sei que che diga. Ás veces ata é mellor durmir cos ollos abertos ou navegar polo universo con eles pechos.
Quen máis quen menos quere vivir baixo a tutela duns recordos, aínda que sexan recordos incertos. Hai quen quere cruzar o mar para ir moito máis alá dun sentimento. E hai quen queda en silencio remoendo a soidade dun espectro. Así é que non queda outra que maquillar o instante, o momento, o tempo. Porque resulta que a pomposidade dun soño debuxa ás camisetas de tirantes campando sobre un corpo que fai emocionar o ritmo dun latexo. Que arrevesado é un soño! Pero non é un soño calquera. É ese que busca o niño dunha rula para aloumiñalo cun suspiro e catro bicos. Pois si hai soños que deixan os folgos cheos de felicidade, cheos de ventura e un pouco chispos. Porque hai borracheiras de alegría que non che queda outra que bailar sobre o sorriso dun alento que viaxa desde os confíns do universo. Do seu universo. Do teu universo.

Finca Fierro. Martes, 30 de outubro de 2018

lunes, 29 de octubre de 2018

PEGARSE COMO A LA DE GATO

Cando Landelina Corbacho Terra viu na distancia á súa amiga Macarena Beata Diosdado, marchou correndo cara a ela para preguntarlle por Narcisa, a filla do Sacho Redondo. “Hoxe non a vin nada, contestoulle Macarena; e mira que sempre a vexo con Zanín, que se lle pega como a la de gato”. De todos é sabido que Narcisa e Zanín son incluso algo máis que uña e carne. Desde cativos andaron sempre xunto. Buscaba máis Narcisa a Zanín que este a aquela. De aí que moitos dixesen que se lle pegaba como a la de gato.
Narcisa Servo Noia quizais fose a máis guapa da vila e da toda a contorna. Claro que para iso xa os seus pais Abdón Servo Iglesias, O Sacho Redondo, e Oballa Noia Falada, A Pala Cuadrada, eran guapos, pero guapos (os dous, non hai por que negalo). E Zanín tamén era un bo mozo. Sobre este ninguén sabía a quen saíra, porque Zanín, O de Fóra, aparecera un día pola vila sendo mesmo un rapaciño e, aínda que lle preguntaban, el dicía que non sabía dos seus pais, que desde que tiña uso de razón só coñecía unha carballeira que había polas Costelas. Tampouco ninguén sabía onde estaban esas Costelas. Á xente, ós homes principalmente, quen máis lles importaba era Narcisa e por moito que se lle pegara a Zanín como a la de gato. Era moi guapa.

Finca Fierro. Luns, 29 de outubro de 2018

sábado, 27 de octubre de 2018

BAÑISTA, METALÚRXICO, POLÍTICO E PRESO

De todos é sabido que no balneario de Baños de Molgas a maiores de curar os males, este, antigamente, acollía a membros de posicións altas, ben fosen políticas, sociais, culturais e demais. Por aí pasaron reis e ministros e duques e condes e médicos e filósofos. Por aí pasou tamén Justo Martínez Amutio, que a maiores de ser un simple metalúrxico e mecánico, ademais foi un gran político español. Este bañista (hai que lembrar que en Baños de Molgas, a todo aquel que vai tomar as súas augas termais, chamámoslles bañistas) nacera o 18 de outubro de 1896 en Rincón de Soto, na provincia da Rioxa. Marchou para Bilbao moi novo, aí ós 16 anos, e foi xa aí onde iniciou as súas actividades profesionais na rama da metalurxia; obtivo o título de perito industrial e posteriormente o de proxectista. No ano 14 afiliouse á UXT e ás Xuventudes Socialistas de Bilbao. Ingresou no PSOE o 18 de outubro de 1920, xusto ó cumprir ós 24 anos. O Gobernador civil-militar de San Sebastián desterrouno pola súa actuación sindical e política. Trasladou a súa residencia a Valencia, e alí foi secretario xeral da Federación Socialista. E foi compromisario por esa provincia para a elección do Presidente da República, don Manuel Azaña.
Durante a Guerra Civil foi Gobernador Civil de Albacete, máis en concreto, desde o 19 de decembro de 1936 ata o 13 de xullo de 1937. Tan axiña como rematou a Guerra, as autoridades franquistas detivérono e encarcerárono. Decontado o puxeron en liberdade, pero Justo Martínez como seguía erre que erre coas actividades políticas clandestinas (baixo os nomes de Perico, Soto, O Levantino e O Alicantino), levárono a prisión outras tres veces máis, “polos seus antecedentes políticos marxistas desde antes do 18 de xullo de 1936, e non propoñerse en ningún momento, peses ás súas actuacións excepcionais como Gobernador Civil `roxo´, axudar a servir á Causa Nacional, senón, pola contra, consolidar e prestixiar ó réxime marxista evitando asasinatos, `sacas´ de presos e desmandos”.
En 1974 ganou o II Premio Larra de literatura co libro “Chantaxe a un pobo”, que lle causou problemas dentro do propio PSOE, porque tal premio seica estaba promovido polo franquista Ricardo de La Cierva. Restablecida a democracia elixírono senador nas eleccións xerais de 1977 e estivo dous anos no cargo. Morreu en Valencia o 29 de maio de 1983, ós 86 anos de idade.

Finca Fierro. Sábado, 27 de outubro de 2018

viernes, 26 de octubre de 2018

TOCAN A DÓ NO RIBEIRO

Empezan a tocar a dó as campás do Ribeiro. A dó é un son triste, moi triste. Hai moito que tocan, pero... non sei, ó mellor o ruído do Miño ou o que fose non nos deixaba escoitar ben. Ou nós mesmos non queriamos escoitar ese son. Pero agora si, agora xa todo o mundo se decata de que os campanarios do Ribeiro choran pola viticultura.
Parece ser que a falta de relevo xeracional ameaza o sector vitivinícola. Ese é o gran titular dos xornais. Nos subtítulos, non obstante, a culpa é dos dous anos de baixa produción, do prezo da uva e das dificultades parcelarias, que son as que realmente afastan á xente nova. Estas si, estas son máis ameazantes que o relevo xeracional. A xuventude e calquera persoa racional non se mete en algo se ve que non hai futuro. E máis cousas. Como vivir angustiado todos os anos porque en calquera momento a bodega na que estás che di de súpeto que non che colle as uvas. E dálle grazas a Deus se cho comunica con meses de antelación para que busques outras. Un ano, a un servidor, comunicáronllo ós oito ou dez días de vendimar. Certo que tiven a sorte que me aceptou unha bodega. Sorte? Tiven que meter a esa bodega en mans de avogados para cobrar o ano 2015! Ós tres anos! Estou farto de que me doa a cabeza. Aí queda case unha hectárea de produción.

Finca Fierro. Venres, 26 de outubro de 2018

jueves, 25 de octubre de 2018

NUNHA VIÑETA, TODO UN ARTIGO

Empezo a ser un fanático das viñetas, dos ilustradores ou deseñadores ou humoristas ou debuxantes gráficos. Cunha simple frase ou con catro ou cinco palabras e un pequeno debuxo, deixan todo un relato, todo un artigo, incluso toda unha noticia. “O español é un idioma vivo que segue creando palabras novas, pero en inglés, naturalmente”. Eu mesmo, intentando escribir máis dun relato sobre a invasión do inglés no idioma castelán, e chega El Roto (Andrés Rabago García) e con esa simple frase déixame en ridículo.
Eu, necesitando varios escritos para criticar a Galicia Bilingüe polo temor que eles teñen de que o castelán está en perigo de extinción ante o galego, e eu poñéndolle de exemplo o inglés comendo ó galego e ó castelán; mentres que El Roto con catro palabriñas de nada sentenciou a realidade. Só para o castelán, pero podía moi perfectamente dicir o mesmo para o galego, ou mellor aínda, para os dous xuntos. O Carrabouxo (Xosé Lois González Váquez) cun pequeno xogo de palabras conta toda unha noticia que, ó mellor, ocupou unha páxina enteira dun xornal. Forges (Antonio Fraguas de Pablo) co seu costumismo e modismos léxicos resumía todo un país. Ou Luis Dávila, co que escacho coa risa a causa da súa espectacular linguaxe. Ás veces, cunha viñeta les todo un xornal.

Finca Fierro. Xoves, 25 de outubro de 2018

martes, 23 de octubre de 2018

NO MAZADOIRO DO TEMPO

Estou listo para correr de aquí para alá e para contemplar o reflexo dunha sombra nas augas do río Arnoia. Estou listo para escoitar a Vangelis e para deixar que a vida pase correndiño por entre as carqueixas do mes de xaneiro. Despois, no momento da verdade, a vida non pasa tan ás presas. E non che queda outra que armarte de paciencia. A paciencia non é a capacidade de esperar, é como nos comportamos mentres esperamos. Eu, para as esperas non sirvo. A min as esperas desespéranme. Así de simple así de sinxelo.
Por iso estou listo para brincar por entre os versos dun poema ou por entre os acordes dunha banda sonora, unha de, por exemplo, Ennio Morricone. Por iso estou listo para escapar deste mundo dos listos, que pensan que todo é liso e plano. Todo é liso e plano. E por moito que corra notarei o seu alento na miña caluga. Estou listo para sentar no mazadoiro da burga e aí falar do tempo que foi, do tempo que é e do tempo que non se detén. Cantos silencios houbo nese mazadoiro en certos momentos. Canto ruído nesas xuntanzas entre o lusco e fusco das migallas do inverno. Estou listo para esperar no mazadoiro do tempo a que volvan eses instantes que foron... para sentir de novo as pulsacións dos soños.

Finca Fierro. Martes, 23 de outubro de 2018

lunes, 22 de octubre de 2018

O BOUREO DUN FOGUETE

Lana Cachaldora Suárez ten a cara lavada e o pelo recollido nun moño. Lana Cachaldora contempla a paisaxe desde a distancia. Está sentada no alto de Sudalomba e a súa ollada tira cara á Tapada dos Ferreiros. Soña con aquel tempo no que, un día, bañándose no río de Tioira atopouse de fronte co seu príncipe azul. O seu príncipe azul ensinoulle un sorriso e para Lana xa foi como o boureo dun foguete. Non o volveu ver máis. Ó seu príncipe azul. Pero non hai un día no que non nade na imaxe que debuxou durante tan só uns segundos.
Lana Cachaldora Suárez é filla de Oalla Suárez, A Retorcida, e de Xacinto Cachaldora, O Dereito. É filla única. Ten 20 anos. É guapa, moi guapa. Dinllo todos e ela sábeo ben. Por iso non entende, aínda non asimilou que o seu príncipe azul lle ensinara tan só un sorriso e desaparecera. Desde aquel día sobe unha e mil veces ó alto de Sudalomba para contemplar a Tapada dos Ferreiros. Confía en que algunha vez volva asomar o seu príncipe azul, aínda que só sexa no título do conto. A filla da Retorcida e do Dereito deixa escapar unha bágoa, só unha, polo seu ollo esquerdo. Desfai o moño, solta o pelo e este bambea ó vento. Ela, Lana Cachaldora Suñarez, ergue e baixa o outeiro en silencio.

Finca Fierro. Luns, 22 de outubro de 2018