sábado, 5 de enero de 2019

CANTAR OS REIS POLAS CASAS

Agora si que é verdade que se acabou o que se daba. Agora si que é verdade que todo volve á rutina. Coa festividade dos Reis Magos remataron días de fartura, días de consumismo e días de moitos desexos coa boquiña pequena. Coñecemos ós Reis Magos porque con eles chegan os agasallos. Pero eles non son tamén os que traen a orde de que, ó día seguinte, aquí paz e despois... a traballar nugalláns? Pois iso, entra, entrou xa a rutina invernal.
Agora, xeralmente, os Reis Magos representan tan só as famosas cabalgatas e os sempre desexados agasallos. Pero na miña época, e máis en concreto ós que eran labregos coma un servidor, iso dos agasallos era un dicir. Ou, aínda máis, era case un día odioso porque ó ir á misa, vías a aqueles nenos acomodados cos seus cochiños ou as súas bonecas e caía a envexa por nós abaixo. Iso si era un calvario. Na miña época, a auténtica festividade dos Reis Magos era o día 5 pola noite. Ó andar no monte coas vacas semellaba que non acababa nunca a tarde para tanguer os animais e, logo de meter algo á boca, xuntarse tres ou catro amigos e ir casa por casa cantando as panxoliñas. Que nós nunca diciamos panxoliñas nin rabo de gaitas. Nós simplemente era: imos cantar os Reis.
E iamos. Coa vergonza nas meixelas das caras, pero empurrándonos uns ós outros para perder o medo, o pudor e chamar nas portas dos pobres e iniciar as panxoliñas. Porque nas portas dos ricos, a cousa non pintaba nada ben. Canto lles custaba soltar unhas cadeliñas! Algúns, nin a tiros. Dar non daban, pero tampouco se libraban do escarnio, da mofa: “Pelica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”. Así lles berrabamos diante das portas e das fiestras, para que nos oísen ben, eles e os veciños. Algúns ata saían de mala maneira para escorrentarnos.
As primeiras pesetas eran para o Peninsulares ou o Celtas. Que había que fumar o paquete enteiro para non levar nin un cigarro á casa. O resto dos cartos, eu polo menos, e de parviño, dáballe todo á nai e... adeus, moi boas; xa non vía un can. Ben podía deixar algo para tomar un Vila (refresco de laranxa) ó día seguinte, pero... a inocencia e o medo á nai... por se se decataba.

Finca Fierro. Sábado, 5 de xaneiro de 2019

viernes, 4 de enero de 2019

O LADO OCULTO DA LÚA

Raio de chinos, que listos son! E que agudos! Claro que non sabían aquilo de “hai un galego na lúa”, de Zapato Veloz. Hoxe os medios publicaron que os chinos conquistaron o lado oculto da lúa. Tanto os chinos coma os medios, moi mal! Nin idea! Ata Zapato Veloz creou a súa canción no verán de 1992 sen saber realmente quen era ese galego. Deixaron caer aquilo de un, un, pero sen poñerlle nome porque entendo que non o sabían. Algo oirían e fixeron simplemente a canción. Se viaxaran alá, ó noso satélite, verían que deixei dúas pegadas ben clariñas. Si, eu, e logo quen! Desde os anos sesenta xa.
Neses anos aterrei, días antes que os ianquis, no lado que se ve. Máis adiante falo da pegada, para que vexades que non minto. E nos setenta volvín ir alá, pero ó outro lado, ó lado oculto ou ó lado escuro. Tamén deixei pegada. Neste lado, a 10 luaxiños de onde aterrei (5 metros terrestres), gravei sobre unha pedra lunar, o meu alcume Chito. No lado que se ve, no lado que aterrei primeiro, e tamén a 10 luaxiños, e así como noutra pedra lunar, gravei Baños de Molgas. Agora, cada quen que pense o que queira. E se non, que vaia alá e o vexa. Onde vai que descubrín o lado escuro, o lado oculto da lúa!

Finca Fierro. Venres, 4 de xaneiro de 2019

jueves, 3 de enero de 2019

AQUELAS SESIÓNS CONTINUAS!

O rapaz non quixo ir ver o fútbol. Así é que toca un Pingas. Un Pingas rápido porque axiña hai que marchar para a televisión. Para ver unha película de animación. E despois desa, outra. Porque este comparsa, e grazas ás vacacións, ve todas as noites dúas películas, é dicir, ata as dúas ou as tres da madrugada. Porque este paisa ó día seguinte non madruga. Por certo, ó ver dúas películas seguidas, a miña mente trasládase ós anos oitenta de cando os cines aínda proxectaban en sesión continua. Aquilo si que daba gusto.
En Madrid había moitos cines deses, e eu tiven o privilexio de vivir á beira do chamado o Pequeno Broadway (un pequeno traxecto da rúa Fuencarral no que había unha ducia de salas), polo que case se pode dicir que estaba todos os días no cine. Lembro principalmente aquelas películas de sesión continua no Cine Quevedo. Ademais, botábanas por ciclos ou por xéneros. Ale, toda unha tarde vendo o Oeste americano, por exemplo. Porque nas sesións continuas podías entrar na metade dunha, rematar de vela, ver a seguinte, ver o principio da primeira e, incluso se che apetecía, volver ver a segunda. Polo mesmo prezo podías estar toda a tarde no cine. Eu estaba moitas tardes, case todas as tardes.

Finca Fierro. Xoves, 3 de xaneiro de 2019

miércoles, 2 de enero de 2019

COIDADO COS PETRÓGLIFOS!

Coidado cos petróglifos! Hoxe lin unha nova na que nun concello de Ourense descubríronse varios petróglifos. E fochicando agora mesmo no feisbuq, atopeime con que o amigo e actor Suso Lista subiu unhas fotos de máis petróglifos alá por Corme. Polo concello de Baños de Molgas tamén, ultimamente, se descobren petróglifos a moreas. Pois ben, digo coidado con eles porque eu sei dalgúns en Baños de Molgas, máis en concreto na Chaira e en Barricobos, que non sei se serán auténticos petróglifos. Poida que si. Non son un entendido na materia.
Pero lembro de rapaz que, ó andar no monte, estabamos dálle que dálle ós buracos ou pociños ou cazoletas ou coviñas para afondar máis os existentes ou para facer uns novos. Incluso faciamos como guías, como canaliños, como regatiños duns ós outros para así, cando chovese e se enchesen os primeiros, correse a agua para os seguintes. Entendo que moitos deses pociños ou coviñas poida que sexan da época de máis alá do coñecemento, pero tamén sei que algúns terían que pasar milleiros e milleiros de anos para ser considerados como petróglifos. Non son un entendido. Pero matabamos as tardes dándolle ós penedos da Chaira e de Barricobos.

Finca Fierro. Mércores, 2 de xaneiro de 2019

martes, 1 de enero de 2019

UN TRASPASO COMPLICADO

Moita alegría, moita barafunda, moito barullo no traspaso dun ano para outro, pero a non todos lles senta ben o ruído das badaladas ou o sabor das uvas. A Sabela Baal Pausa o traspaso semella que non foi do seu gusto. Axiña tivo a proba ó espertar; unha pequena xaqueca ameazou o seu día de Ano Novo. Estamos a botarlle a culpa á Noitevella, pero ó mellor son os aires do mar. Porque Sabela Baal Pausa vive á beira do mar.
E quizais é por isto polo que tamén, a iso da media tarde, empezou a notar unha dor forte nos cadrís. “Ai San Augustiño bendito, que non sexa o lumbago”, chegou a exclamar cando fixo un intento de erguese da cadeira na que estaba sentada. Pero era o lumbago. O maldito lumbago. Esa dor que, mentres non colles unha postura apropiada, faite ver algo así como as estrelas. Sabela Baal tan só pensaba no significado do día en si, no día no que se entende que deberían empezar os bos desexos da noite anterior, os antollos ou os soños que adoitamos realizar no momento en que escoitamos as badaladas das 12 da noite e intentamos mastigar ou tragar as famosas 12 uvas de cada ano vello. Sabela Baal Pausa contempla o mar desde a cama e non sabe a quen lle botar a culpa.

Finca Fierro. Martes, 1 de xaneiro de 2019

domingo, 30 de diciembre de 2018

AIRE EN SOIDADE

Xa estamos os que estamos. Os que non quixeron estar, non están. Isto enténdeo calquera. Mais a realidade amósame que estou só. Así é que o plural, mal asunto. Estou só entre catro penedos contemplando unha mancha escura na cara que se ve da lúa (xa sabedes que ten a súa cara oculta). A cara que se ve da lúa é bonita de raio. Bonita e grande. Como me gustaría estar alá! Sei que algún día chegarei e tamén visitarei a súa cara oculta. Quero saber a ver que ten, que agocha.
Sigo só entre eses catro penedos, pero axiña me boto a correr por entre os toxos do monte Medo. Algúns déixanme sinais nas pernas. Quéixome, pero tiro para adiante. Ata chegar á zona onde só hai carpazas. Aí sento de novo. E sigo só. Intento buscar a unha laverca polo son da súa melodía. Está no quinto ceo, a condenada. Pero consigo vela. Sorrío. Incluso hai un momento no que me boto a rir. Porque estou só. Sen ninguén ó meu arredor. Tamén o sei pasar ben en soidade. Por exemplo, non fago nada e é coma se non existira. Que mellor opción que non ser nada. Ou ser simplemente o aire que respiro. Son aire en soidade que emprende o camiño, con parsimonia, con moita pachorra, cara á Baños de Molgas.

Finca Fierro. Sábado, 29 de decembro de 2018

sábado, 29 de diciembre de 2018

POR PEDIR QUE NON QUEDE

Alá se vai o ano 2018. Que practicamente non me di nada. Levo uns días pensando que acontecementos puido haber para plasmalos precisamente neste Recuncho, e non me sae nada. Absolutamente nada. Nin tan sequera acontecementos deportivos ou cinematográficos, que xa é dicir. Minto un pouco; houbo un futbolístico que, para un servidor, é suficiente para vencer a todos os demais (se é que os houbo): a chegada a primeira división dun molgués, o fillo do Villar, don David Ferreiro militando no ascendido Huesca. O primeiro molgués que acada tal mérito. Pero fóra desa bomba, todo o demais, ou é que non mereceu a atención debida ou é que a min se me pasou tal acontecemento digno de quedar nos anais do 2018.
Donald Trump leva tanto tempo dándolle voltas ó muro que me dan ganas de mandalo a que xunte de novo a Pink Floyd. Sobre as desgrazas alleas, hai que diferenciar entre as acontecidas en países “desarrollados” e os outros. Que hai moita diferencia. Moita. Aínda hai pouco días asomou un tsunami por Indonesia e creo que só apareceu nos xornais dous días; un para dicir que acontecera e o outro para sinalar que aumentaran as vítimas. E acabouse o tema. Agora que se busquen a vida. Sobre Cataluña, ufff, aquí non opino nada. Porque sei que á inmensa maioría non traga, non comunga coas miñas opinións políticas. E como se adoita dicir, teñamos a festa en paz.
Que este día, o de hoxe, é para iso; para desexar todo o que se poida desexar, que despois, me cago no demo, case nunca se cumpre. Pero por pedir que non quede, non si? Así é que por iso rematamos sempre o ano vello con moita alegría, con moito barullo e con doce uvas ou doce badaladas nas que, en cada unha delas, adoita ir un pensamento, un desexo, un soño e, si, incluso tamén algunha realidade.
Ó momento xa empeza ese Ano Novo, ese ano 2019, que nos dará alegrías, frustracións, risas, bágoas, como calquera outro ano. Porque é lei de vida. Porque se miramos para atrás, vemos que todas as Noites Vellas sempre pedimos o mesmo e, despois, uns desexos cumpríronse e outros non. Mais como sempre temos esperanza (eu máis ca ninguén)... boa Noite Vella e Feliz Ano 2019!

Finca Fierro. Sábado, 29 de decembro de 2018