domingo, 30 de junio de 2019

A FELICIDADE DUN NENO

Lin no libro “El último barco”, do galego Domingo Villar, unha frase que lle soltaba un personaxe ó inspector Leo Caldas que me mandou de súpeto á infancia e, en concreto, a unha noite da infancia. A frase viña a dicir que “un neno só necesita dúas cousas para ser feliz: a primeira, un can e a segunda é unha nai que lle deixe ter un can”. É certo! É verdade! Ó lela asomou, coma un lóstrego no meu entendemento, o meu can Uriarte, que se debuxou ante os meus ollos coma se o acabase de ver na realidade. Era un cativo e queríalle tanto a este can (a realidade é que lle quero un montón a todos os cans) que unha noite pedinlle á miña nai de quedar a durmir xunto ó cadelo. A durmir nun espazo que tiñamos preto do cortello dos porcos, no que o chan era de cemento.
Ela, claro, intentou botarme para atrás; que se o cemento, que se o frío, que se as carrachas, que se saca de aí, que se tal, que se cal. Pero ante a miña insistencia, ante a miña ladaíña acompañada, por suposto, nuns xestos disimulados de querer verter bágoas, non lle quedou outra que chamarme parvo e que fixera o que me dese a gana. E deitei á beira do can, sobre unha gabardina vella que andaba por alí de cando abrazamos os feixes dos nabos. O que pasa é que a lóxica axiña imperou. Ás tres da mañá o corpo asimilou de que o cemento era demasiado duro. Subín para a habitación.

Finca Fierro. Domingo, 30 de xuño de 2019

sábado, 29 de junio de 2019

SOBRE SOLDOS E COMISIÓNS

Hai catro días escribín un relatiño para Pingas de Orballo (que no momento de escribir isto aínda non se publicara) no que falaba das dedicacións exclusivas nos concellos e deputacións, e dando a entender de que agora todo o mundo se quere meter na política (de aí a proliferación de tantos partidos) para mamar do teto da vaca.
Pois ben, non sei se foi ó seguinte día ou ós dous días cando asomaron publicacións sobre os soldos que empezaban a implantar os novos alcaldes e os presidentes das deputacións. Ante isto, corroboro aínda máis o meu malestar ou a miña denuncia sobre eses soldos que me parecen, non excesivos, senón estratosféricos en concellos que tampouco é que sexan tan importantes. Hai alcaldes que nun santiamén xa se subiron o soldo nun 30%. Cando para o paisano de a pé se algunha vez lle soben algo é, como moito, o 1 ou o 2 por cento. Como moito. Hai alcaldes que van ganar case 54.000 euros ó ano. Unha barbaridade! Para un servidor, ese soldo, nin tan sequera o merecería un alcalde dunha gran cidade. Alguén estará pensando na responsabilidade que implica, que supón tal posto. Como a dun bombeiro? A dun ATS? A dun mestre? A dun garda civil? A dun médico?
O alcalde de Vilanova de Arousa, o paspán ese de “chacha para todo”, seica ganará 53.065 euros, e resulta que di que aínda cobraría máis como médico. E digo eu, por que non se quedou de médico? Porque a min non hai quen me quite da cabeza de que, a maiores do soldo, hai comisións, favoritismos e “trapicheos” que axudan (e moito) a encher as arcas deles. Intúo que cada vez que aparece algún concurso para a adquisición dalgunha obra de certa envergadura, aí as comisións e favoritismos inician o baile de San Vito.
E xa que comentaba ó principio o das dedicacións exclusivas, agora xa se sabe que, en Ourense, por exemplo, máis da metade dos concelleiros vivirán á nosa costa. Ourense; que se pode dicir que é unha vila grande, nada máis. E todo o que acabo de comentar neste Recuncho multiplicado por dous. É dicir, o mesmo coas deputacións, claro. Digo o que dicía nese Pingas: somos os tetos da vaca.

Finca Fierro. Sábado, 29 de xuño de 2019

BAIXO A CANÍCULA

Tempo de esperanza. Esperanza de que? Se agora mesmo ásanse os paxariños. A canícula obriga a buscar unha sombra que non hai. Sombra que me asombras. Aquela Rosalía dicía cada cousa. Sombra que me asombras. A min asómbrame que non teñamos unha insolación. Este paspán quixo ir ás tres e media da tarde a arrastrar uns postes de cemento polas gabias da ex viña. Menos mal que as mulleres cando mandan... mandan. E menos mal tamén que mandan sempre. Para onde vas, toliño. E non fun. A ver, quen non lle fai caso a unha muller, á propia muller. Despois quedei pensando que ó mellor, ela, ata tiña razón. Que ó mellor podía darme unha insolación na Costa da Gándara.
Agora xa non aguanto o sol como o aguantaba. De mozo lía ás tres da tarde pola Pitediña de Baños de Molgas a peito descuberto e tan só cunha viseira na cabeza. Agora (a idade é o carallo) axiña noto un ruxerruxe nas tripas que, ou me bota para atrás ou busco inmediatamente unha sombra. Sombra que me asombras. Non me podo asombrar porque non hai sombra a tantos quilómetros á redonda. É unha esaxeración pero haille que dar señorío a esta canícula que está caendo e ó meu descanso por non ir arrastrar postes. Ó mellor tamén lle fixen axiña caso á muller porque algo de nugalla había no meu corpo.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Sábado, 29 de xuño de 2019

jueves, 27 de junio de 2019

BUSCANDO O TETO DA VACA


Empezan a asomar nos xornais as competencias, distribucións e dedicacións exclusivas dos concellos e Deputacións tras as eleccións. É aquí cando te dás conta de que, agora, é normal que a maioría dos mortais se queiran meter en política. Agora case ou sen case todos os concelleiros dos partidos que gobernan teñen dedicacións exclusivas, é dicir, que cobran. De aí que, cada vez, aparezan ou se crean partidos a esgalla. A ver se lle atopamos o teto á vaca. De aí que, a pesar de todos os medios que existen hoxe para publicitar o que sexa, sigan indo porta por porta para acadar o voto. Co paso do tempo ata pode ser un bo negocio. É un bo negocio. Demasiado bo negocio.
Tamén sigo opinando que a maioría destas dedicacións exclusivas son de escaparate, ou sexa, que cobran por non facer case nada. Levamos unha marcha que non me estrañaría nada que pasados uns anos os que tiveron dedicacións exclusiva se poidan retirar con pensións vitalicias. Polo que, ó final, entre as vitalicias e as exclusivas teremos que buscar máis tetos polos que poidan mamar. Non había moito, nos concellos, cobraba o alcalde, e grazas. Agora, que os concellos van a menos, cobra o alcalde, o tenente alcalde (ou tenentes alcaldes) e varios concelleiros do partido que goberna, claro.

Finca Fierro. Xoves, 27 de xuño de 2019

miércoles, 26 de junio de 2019

E A FISCALÍA... CALADIÑA

Hai accións de certos persoeiros que van moito máis alá do simple desprezo. En principio, para min, xa nin merece o nome de persoeiro; en tal caso de mequetrefe, de paspán, de parvo, incluso de subnormal. Subnormal profundo, ademais. Estou a falar do alcalde do Partido Popular de Vilanova de Arousa, un tal Gonzalo Durán, que seica non se arrepinte de chamarlle “chacha para todo” á socialista Carmela Silva. Ou o que é o mesmo: serva, escrava. E diría máis: con dereito de pernada. Porque no asunto das “chachas”, antigamente, había moito diso, de dereito de pernada. Ó non arrepentirse entendo eu que é como insultala por dúas veces. A primeira porque xa lanzou o insulto en por si, e a segunda porque o ratificou, porque o recalcou; é dicir, volveu a insultala.
Agora, a Fiscalía empezará a perseguir, a acosar a Guillermo Toledo, por exemplo, ou a certos caricaturistas ou cantantes de rap. Con estes politiquiños de a tres nun zoco, de mala morte pechan os ollos ou lávanse as mans. Máis ou menos o que pasará co portavoz de Vox en Murcia, Juan José Liarte Pedreño, que declarou que “De una p*** sólo puedes esperar putadas”, referíndose á ministra de Xustiza Dolores Delgado. Púxolle asteriscos á p. Sería para que fose tan só un pecado venial, ou para disimular ou para que pensemos que é outra palabra distinta da que pensamos. Ou sexa, que nos toma por idiotas. E a Fiscalía... caladiña.

Finca Fierro. Mércores, 26 de xuño de 2019

martes, 25 de junio de 2019

CONCIENCIA E PORVIR

Chove. Chove sobre a conciencia dun pobo. Acaso algún pobo ten conciencia? Conciencia: coñecemento que toda persoa ten de si mesma, que permite establecer un xuízo moral dos actos e distinguir entre o ben e o mal. Acaso nos coñecemos a nós mesmos. Pobres infelices que somos! Distinguimos entre o ben e o mal? Discernimos só o que nos convén. Aquí si, aquí non somos parvos. Aquí temos conciencia para analizar a mellor postura, a nosa postura. Un xuízo moral. Palabras serias. Palabras que te sitúan nun soño que pode ser real. Claro que, os soños, case nunca acadan a realidade. Pensando friamente, nin de adultos temos xuízo.
Chove. Chove sobre o porvir dun pobo. Acaso o noso pobo ten porvir? Porvir: Tempo que ha de vir. Estado ou situación futuros na vida de alguén. Na vida de quen? Do noso pobo? Nunca tivemos porvir. Claro que virá o tempo, non vai vir! Pero en que situación? Sempre estivemos de canga baixa, en decadencia. Fomos, somos, seremos un pobo amouchado, amorriñado e sen espírito para espertar. Somos un pobo sen porvir. Chove sobre a noite pecha dun pobo que deixa a conciencia descansando, sen remordementos, sobre unha almofada branca e con cheiro a señardade.

Finca Fierro. Martes, 25 de xuño de 2019

lunes, 24 de junio de 2019

POLA RÚA DO AGRO

Ti non sabes ben como as gasto eu, díxolle un ó outro, ó mesmo tempo que empurraba a viseira para adiante e miraba cara ó sol. O outro mirouno de esguello, sorriu e cando ía dicir algo quedou calado. O primeiro, que se chamaba Caio Gabián Gabián, botoulle a man polo ombreiro ó outro e, xuntiños, empezaron a baixar pola rúa do Agro. O outro, ou sexa, O Paspallao, ofreceulle un pito a Caio e el mesmo llo acendeu. Entre os dous deixaron escapar algo así como unha melodía que nin eles mesmos entendían.
O día escurecía e O Paspallao, é dicir, Dagoberto Brilante Brilante, díxolle ó seu colega que estaba a piques de asomar a noite por entre os canastros da aira do Trono. Ti sabes cando se fai noite?, lle preguntou de súpeto. Agora foi Caio Gabián, O Esperecido, o que o mirou de esguello e soltoulle a sempiterna pregunta do galego: cando non é día? Dagoberto Brilante riu a cachón. Tes cada cousa, lle dixo. Os dous amigos, cando chegaron á Barronca, optaron por seguir camiño da burga de Baños de Molgas. Foron con moito coidadiño, con moito sentidiño porque os seus corpos, ás veces, cimbrábanse un chisco. Seguro que ían pousar o cu no mazadoiro da burga, porque ese lugar é algo así como o confesionario ou o púlpito da vila, onde os segredos deixaban de ser segredos.

Finca Fierro. Luns, 24 de xuño de 2019