viernes, 9 de agosto de 2019

DÚAS RUTAS TURÍSTICAS

Sempre pensei que me sentiría divinamente sentado nunha nube de algodón. Pero para subir a ela foi como facer camiño ata o monte Calvario. Cheguei canso, claro. Porque xa me cansara hai ben anos cando realizara a ruta da cruz, é dicir, a ruta de Xesucristo coa cruz ó lombo. Eu fixera o mesmo: cargara coa cruz, cunha cruz de madeira de carballo (que non é o mesmo que se fora de piñeiro, por exemplo) e fixen todos os víacrucis do Noso Señor, os que marca a biblia, creo. A maiores de chegar cos ombreiros todo esfolados e practicamente en carne viva (porque a dor era tanta que tiña que cambiar dun ombreiro para o outro), ó final do camiño non sentía as pernas. Agora entendo o de Sylvester Stallone para interpretar a Rambo: tivo que realizar a mesma ruta turística. Ser será turística, pero é ben fodida.
Digo que subín á nube de algodón para sentar nela e contemplar o panorama. Pouco puiden axexar, guichar (outra nube gris ó lonxe, unha nave espacial fungando, unha estrela fugaz caendo e un avión de pasaxeiros que, estes, non crían o que estaban vendo) porque a canseira era tal que só se me pechaban os ollos. Non obstante, con forza, con consistencia, con vontade empreguei o meu tempo vixiando o espazo sideral e tramando algunha ruta turística semellante á do monte Calvario. Hai que ser sufridos!

Bar A Pedreira da Valenzá. Venres, 9 de agosto de 2019

jueves, 8 de agosto de 2019

MORDER SILENCIO

Quero morder silencio. Ás veces non queda outra que morder silencio. Para non berrar, claro. Cando a impotencia é grande, quero berrar. Cando a carraxe é grande, quero berrar. Pero moitas veces ó berrar ou por berrar sae un malparado, maltreito. Mellor estar calado, morder silencio. Aínda que doa. Aínda que esgacen as entrañas para deixar escapar o berro seco, o berro longo, o berro eterno. Dan ganas de cuspir o berro mollado, o berro sanguento. Pero teño medo de mollar, de salpicar a quen non debo. Así é que toca morder silencio.
Non, por Deus, non esbardallo contra ninguén. Simplemente que ás veces gústame esaxerar un pouco ou facer coma que levo o demo dentro. E solto todo ese ruxerruxe para que se pense que teño a xenreira furgándome na bile. Mais a bile cóspese e xa está. Eu, no fondo, son o propio silencio. Intento non facer ruído. E déixome levar polos regos que me abren outros. Para non ter que berrar, sabedes? Son coma ese canciño que vai sempre detrás do amo e dándolle ó rabo. Si, ás veces tamén mordo. Ou polo menos intento morder. Só de palabra. De palabra escrita, claro. A oral sería, pois iso, o berro que sae, o berro que estoura, o berro que intenta facer dano. Pero eu.. eu, que non mato unha mosca... Mellor morder silencio e non distraer a ninguén para que non se torzan os regos. Mordo silencio e non berro.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Xoves, 8 de agosto de 2019

miércoles, 7 de agosto de 2019

POLOS CONFÍNS DO UNIVERSO

Hoxe dá gusto andar polas rúas. Nubrado. Ás veces chovendo incluso. Non hai o afogo destes días. Saín a mercar cousas domésticas para a casa. Pero eu cada vez que saio, aproveito. Aproveito para facer algo. Ou varias cousas a un tempo. De primeira, iso si, vai o café. O día que falte o café ou se acaba o mundo ou rebento. Aínda que teño unha vantaxe sobre os demais: que como son astronauta, podo emigrar para outro planeta. Malo será que en algún non haxa café.
Como non pode emigrar un galego se somos emigrantes de por vida! Onde non está un galego! E o café ten que ser coma o galego: estar en todos os confíns do universo. E sendo de utilidade; o galego (o café tamén) Que esta é outra. Por moito que se fale das dúbidas dos galegos (que seica non sabemos se subimos ou baixamos), nós somos moito. Pero mira que lle preocupa á xente se imos ou volvemos! Só queren saber! Se se preocuparan das súas vidas... Que me desvío do asunto. De que asunto? O de aproveitar o tempo? Pois ó mesmo tempo que tomo o café leo os xornais. Se xa os lera intento escribir algo. Algunha vez é verdade que quedo de pasmón contemplando, por exemplo, a eses que queren saber se comemos ou pasamos fame. Interesados do carallo! Con café ou sen café, e ante esta xente, case dan ganas de emigrar polos confíns do universo.

Bar A Pedreira da Valenzá. Mércores, 7 de agosto de 2019

ANDAR DE CANQUILLEIRO

Bambeo unha e outra vez o terrón de azucre. Abro o sobre. Bótolle o produto ó café. Doulle o primeiro sorbo. Rico, rico. Miro o móbil por se hai luces acendidas. Nada. Vexo como pasan os coches; correndo. Algúns ata corren de máis. É igual. Os de Tráfico sempre pillan a un mesmo; nunca ós demais. Terceiro trago. Xa rematei o café. Son as sete en punto da tarde. Aínda quenta de raio. A estas horas é cando se debería saír da casa, e non volver a ela xa. Si, entendo; pero xa levaba moito tempo encerrado. Son home de andar por fóra. Máis coñecida a expresión como “andar de can”, ou sexa, “de canquilleiro”. Dicíamo sempre a miña nai. Unha nai sempre ten razón.
Estou a escribir porque xa tomei o café. E non vou estar a velas vir. Sempre me aburrín moito se non fago nada. De aí que escriba nos panos de papel das cafetarías. De aí que lea aínda que sexa andando. Non vou perder o tempo! Para min si que é verdade que o tempo é ouro. Son as sete e cinco, e súo. E iso que xa hai oito tempo que a esta terraza lle dá a sombra. Pois en concreto, toda a tarde. Aínda así, a calor é moita. Claro que isto, nesta época, non é novidade en Ourense. Isto remata e hai que volver outra vez para a casa. Aínda que me amole ben. Pero si, xa chegou de “andar de canquilleiro”. “Ben cho dicía túa nai”, sentenciarame a parenta ó chegar.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Luns, 5 de agosto de 2019

lunes, 5 de agosto de 2019

QUEDEI CANSO

Quedei canso. Quedei canso de andar por eses camiños que alguén vai deixando sen trello nin trambello, ou sexa, sen xeito nin dereito, é dicir, sen ton nin son. Unha cousa é que che poñan atrancos e outra é xa que inicies a carreira tropezando. Acaso ninguén se dá conta de que, ó tropezar, a maioría das veces, acabas caendo? Si, si, xa sei aquilo de que te levantas unha e cen veces. Pero, e os trompazos?, as rabuñaduras?, as roturas de tibia e peroné?, ou de cúbito e radio? A ver, hai que ter algo máis de coidadiño ou de sentidiño común co que se deixa nos camiños.
Só pensar nos obstáculos xa súo. Coido que cando unha persoa súa, axiña cansa. Porque rebenta cos golpes. Porque rebenta coa angustia. Porque rebenta cos sentimentos. Porque rebenta cos pensamentos. Sabedes que hai pensamentos que fan suar, non si? E que cansan, que cansan unha barbaridade. Quedei canso. Quedei canso de iniciar un camiño que, maldita a hora en que o principiei; non lle vexo a fin. Estou farto xa de ter o corpo cheo de chagas físicas ou de mágoas morais. Porque caio e, si, volvo erguer. Pero o carallo é que volvo caer unha e cen veces. Porque hai moito paspán solto e deixando atrancos, estorbos, obxeccións, impedimentos a máis non poder, a darlle cun sacho. Xa estaba farto dos sachos, e agora isto. Non hai dereito! Menos mal que agora descanso. Súo, pero descanso.

Bar A Pedreira da Valenzá. Luns, 5 de agosto de 2019

AS TATUAXES DE ZAIRA ACIBECHE

Zaira Acibeche Florida senta na terraza do café e pide unha cervexa, ó mesmo tempo que pensa nas 29 persoas que acaban de morrer nos Estados Unidos baixo os rifles de dous mozos: un na localidade de El Paso e o outro na de Dayton. Claro que axiña deixou que asomase un ricto de enfado, porque opina que, ás veces, ós ianquis todas lles son poucas. Non hai forma de que prohiban as armas! Eles mesmos buscan as súas propias traxedias. Zaira Acibeche Florida bebe un chisco de cervexa, ó mesmo tempo que a súa ollada se dirixe a un dos seus pés, máis en concreto ó esquerdo, para sorrir ante a tatuaxe dun reloxo de area. A Zaira gústanlle as tatuaxes. Tatuou os nomes da súa nai e do seu fillo. E dille ó seu amigo Galez Xentil Galego que aínda quere facer dúas tatuaxes máis: a do signo da arroba (@) e a tatuaxe dun toxo. O seu amigo Galez pensa que a do toxo non estará mal. Hai que lembrar que o toxo, para o noso país, é moito toxo.
Zaira Acibeche Florida fochica co móbil e como a conexión semella que non vai moi aquel, vénselle á cabeza un titular xornalístico que leu hai uns días: que Ourense anda á cola no uso da Internet. E dis ti e digo eu: cando non anda Ourense nos últimos postos do que sexa? Zaira deixa que apareza nos seus beizos un triste sorriso, mentres lle segue a dar voltas á cabeza con esas dúas tatuaxes ás que lle ten xa moitas ganas. Remata a cervexa e marcha.

Finca Fierro. Luns, 5 de agosto de 2019

sábado, 3 de agosto de 2019

UN PATRÓN, DOUS ALCALDES E MOITA CENSURA

Hoxe é Nosa Señora das Neves, patroa de Maceda, onde traballei máis de 25 anos. Pero mañá... mañá é San Salvador, patrón de Baños de Molgas, onde nacín, onde me criei e onde vivirei sempre aínda que non viva alí. O San Salvador, para un servidor, xa son palabras maiores. É dicir, procesión ó canto e festa a rachar. Moi católico non son (quizais porque me atormentaron con tanto catolicismo), pero a procesión non a perdoo. Nunca lla perdoei. Nin tan sequera cando traballaba; ou pedía o día por asuntos propios ou... (agora que estou xubilado, podo dicilo) me “escaqueaba” tan só un chisquiño, o tempo xusto da procesión. Quérolle moito ó Día 8 dos Milagres, pero o San Salvador... o San Salvador é o noso patrón, o día grande de Baños de Molgas, un día sagrado para a vila e creo que para os habitantes da vila. Agora que non traballo, podo botar máis tempo. Botareino. Pois aínda que xa non teño casa alá, eu mesmo me invito á dos irmáns, se é que antes non me invitan eles. Non creo que se me neguen.
Non hai moito chamámoslle tolo ou chalado a Abel Caballero, e deixamos escapar moita risa e moita crítica polo fastuoso alumado público co que nos obsequiou na época do Nadal. E agora vai e resulta que o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, quere seguir os pasos do vigués. Para iso xa aumentou a partida orzamentaria de 100.000 a 180.000 euros para o mesmo cometido. Aínda segue a ser ridícula en comparación coa de Vigo, que o ano pasado foi de 4 millóns e medio. Pero por algo se empeza. A risa xa empeza a converterse en tan só sorriso.
Alguén virá que bo te fará. Creo que di así o refrán. Aquí si que hai moito, moito tempo que acusabamos a Manuel Fraga das veces que metía a tesoira para censurar todo tipo de escritos ou opinións na súa época de ministro da Gobernación, é dicir, mediados dos setenta; cando agora mesmo, na actualidade, algúns están a vir que ata poden facer bo ó Manoliño. Andan por aí certos politiquiños que se dedican a censurar as actuación de Def Con Dos e de Pedro Pastor, o fillo do gran Luis Pastor. Porque non comungan coas leis básicas do pensamento deses presuntos políticos.

Finca Fierro. Sábado, 3 de agosto de 2019