martes, 5 de noviembre de 2019

DEBATE A CINCO

Non se fala doutra cousa que non sexa do debate a cinco. E eu, coma deus, vendo unha película na televisión. (Por certo, a cadea DMAX é a única que proxecta as películas desde o primeiro ata o derradeiro fotograma.) Cando rematou a película creo que aínda seguía o esperpento político, pero nin se me pasou pola cabeza cambiar de canle. Simplemente apaguei a tele e marchei á cama. Por min xa podían debater toda a noite e parte da madrugada, porque, un servidor, nin caso! Xa poden dicir misa que eu... ateo. Ademais, estaban, seica, os cinco partidos máis importantes de España; pero de todos debería ser sabido que sempre vou do lado dos débiles, dos perdedores, dos oprimidos. O que significa que eses cinco, a min, non me representan. Nin me convenceron nin me convencen nin me convencerán.

O debate. Imaxino que se botarían en cara certos asuntos, que prometerían outros que co tempo quedarán en borralla e que se insultarían incluso un chisco porque, ó inimigo, xa se sabe, nin auga! Mentres tanto, un servidor, gozando coma un anano coas cenorias de Clive Owen, coa infinidade de tiros nun pobre guión cinematográfico pero con acción espectacular, cunha sobreactuación de Paul Giamatti; pero, iso si, babexando, baballando de gusto ante a fermosura e a sexualidade que desprende a sempre espectacular Monica Bellucci. Esta si que se merece un debate: político, social, platónico... e, por suposto, físico.


A Cervexaría de Maceda. Martes, 5 de novembro de 2019

lunes, 4 de noviembre de 2019

CORRENDO

Corro. Paro. Non quero rebentar. Sento. Contemplo. Vexo a vida pasar. Ou o tempo. Asubío. Penso. Berro. Quedo en silencio. Ergutío. Escoito a Artie Shaw. Quero escribir, pero non teño con que. Memorizo. Uns versos? Unhas liñas? Patexo ou espernexo. É o mesmo, significa o mesmo. Escoito a Serrat. Berro por entre as carballeiras do Piual. Ergo. Boto a correr. Corro. Corro. E sigo correndo. Sufócome. Abafo. Xemo. Pero como sei que non vou rebentar, sigo correndo. Corro. Pingo gotas de suor que penso que son bágoas de orballo. Pero non choro. Como vou chorar... se son un home. Berro entón. Esgórxome. Asusto ós corvos. Que xa é asustar. No fondo río. Porque non quero seguir berrando. Quero escoitar a Conchita.
O cansazo faime tremer as pernas. Non quero rebentar. Sento. Abafo. Latexa o corazón con forza. O pobre está desbocado. Calma. Acougo. Moita calma. Ó lonxe, tocan as campás a dó. Alguén morreu. Silencio na tarde. Engurro o cello. Mal asunto. Toca correr outra vez. Hai que saber. Medo. Temor. Receo. Chego medio rebentado. Pero podo falar. Pregunto. Non coñezo. Calman os latexos. Pero o pulso segue frenético. A ver!, levo moito tempo correndo. Case son un profesional. Un profesional dun día tan só. Escoito a Tori Amos. Non sei que faga: se me bote a correr de novo ou se descanse xa dunha vez. Nunca correra tanto. Algunha vez tiña que ser a primeira. E postos xa... pois a seguir correndo. Corro. Non paro. Sigo correndo. Non sento. Corro. E berro. Corro. E berro. Berro. E sigo correndo.

Finca Fierro. Luns, 4 de novembro de 2019

domingo, 3 de noviembre de 2019

VELAR UN CADÁVER

Dentro duns anos a xente nova non saberá o que significa “velar un cadáver”. Agora o que fas é ir rezar, dar o pésame é asistir ó tanatorio. Pero antes, velar un cadáver, era estar con el practicamente todo o día e, por suposto, os máis achegados, toda a noite. Certo que o de vixialo deixaba moito que dicir. Sexamos sinceros, algúns dos que o velaban toda a noite era máis polo licor café que polo propio defunto (que en paz descanse). A máis dun vin saír zigzagueándose de mañanciña cedo do domicilio de defunto. Hoxe en día, os tanatorios teñen os seus horarios e aínda que algúns teñan bar, nin é gratuíto nin botas neles toda a noite.
Velar un cadáver tamén tiña o seu perigo en anos ha. O 29 de marzo de 1950 apareceu en dous xornais galegos a nova dun accidente mentres se velaba un cadáver. Este era o de María Dolores Rivas González, veciña de Almoite, en Baños de Molgas, que cando medio pobo estaba acompañando a familia e o defunto, derrubouse o piso da habitación. A confusión, por suposto, foi enorme e os feridos bastantes, aínda que, iso si, sen moita consideración, grazas a deus. Hai que lembrar que neses anos, as casas eran como eran e as súas deterioracións non tiñan arranxo así como así, e non porque non se soubese, senón porque non había cartos para gastar en reformas. Tamén se pode dicir o traballiño que levaban algúns para sacar, logo, o cadaleito de tal habitación ou de cal casa. Porque as portas ou escaleiras nunca se fixeran pensando nesas tristes ocasións.

Finca Fierro. Domingo, 3 de novembro de 2019

SÁBADO SEN LECTURA

Outro sábado máis sen ler tan sequera unha liña do libro “Recordos do futuro”, de Siri Hustvedt. Os sábados son horribles para a lectura! E iso que hoxe non traballei nada. Pola mañá fun ós cogomelos. Pola tarde volvín ós cogomelos, vin un partido de fútbol e púxenme co ordenador. Pola noite vin outro partido de fútbol e volvín a poñerme co ordenador porque non había ningunha película decente. Si, xa sei que alguén sorrirá con mala chispa e pensando no deporte das masas, no deporte da “incultura”, din. Pero creo que teño a escusa perfecta confesando que os demais días leo, como mínimo, unhas seis horas diarias. Tampouco se vai acabar o mundo porque non lea un día e porque me guste (moito) o fútbol.
Aínda que a vida é curta, dá o tempo suficiente como para bailar sobre un corno da lúa, como para soñar no bambán dunha folla de loureiro. Aínda que non lea nada, a fantasía ou o saber non son quen de escapar das liñas escritas por alguén que as deixou aí para que soñemos, para que riamos, para que suframos, para que choremos, para que berremos, para que rumiemos en silencio. Ata os propios autores estarán de acordo en que leamos a modo, para asimilar as súas ideas, o seu traballo. E para os que lemos moito, de cando en cando, necesitamos un descanso. Así tamén disimulo un pouco ante a muller, que pensa que me volverei tolo de tanto ler. E ponme exemplos de veciños que se volveron algo tarambainas de tanto que estudaron. Ah claro, pero unha cousa é estudar e outra gozar!

Finca Fierro. Sábado, 2 de novembro de 2019

sábado, 2 de noviembre de 2019

ELECCIÓNS NO OUTONO

A política cansa e moitas veces intento non falar dela, pero esta semana non queda outra, porque morto o can acabou a rabia (hai outro can solto por aí, pero este aínda segue a morder, por moito que lle pese a algúns). A política cansa pero vivimos baixo o seu xugo. Vivimos tan xunguidos a ela que xa empezaron de novo a bombardearnos con slogans, cartas, carteis e demais trapalladas para que intentemos asumir as súas mentiras e as súas promesas que, co tempo, non se cumprirán. Pero eles saben que somos parvos e tiran para adiante. Somos tan parviños que, o outro día, un medio de comunicación dixo que 1 de cada 3 estaba indeciso no seu voto. Iso só significa unha cousa: que a 1 de cada 3 dálle igual o que suceda no noso país. Se souberan o que realmente desexan votarían a quen deberían votar. Eu xa hai moito tempo, incluso anos, que sei a quen votar. Pero intentar convencer á xente sería como predicar no deserto, a maiores de que xa somos maiorciños como para saber ir coa cabeza ben alta. Si, este é o problema, que axiña agachamos a cabeza, non vai ser que...
Agachamos a cabeza coma o outono, que, pouco a pouco, vai deixando caer ese colorido que o goberna. É certo que é unha estación preciosa, fermosa en canto ás cores da paisaxe, pero tamén é verdade que deixa todo pingando. Pingando follas esparexidas polo chan que, ás veces, coa humidade, ata chegan a ser perigosas. Claro que, para ver colorido, non hai como achegarse ós cemiterios estes días e contemplar toda unha explosión de matices e cores que che fan murmurar o de todos os anos: a pena é que os cemiterios só luzan nestes tres ou catro días de principios de novembro.
Tamén hai diversidade de colorido nos cogomelos. Estes días saen ás moreas. De todas as clases e categorías. De todos os tamaños. A pena é que, eu, tan só poida aproveitar tres: os boletos, lepiotas e níscaros. Tampouco me queixo. Con estes tres chéganme para saborealos e incluso para fartarme. Para un servidor, o mellor deses tres é o níscaro: polo seu sabor e pola súa consistencia. O sábado, por sorte, pillei a darlle cun sacho: dúas cestas de boletos, unha de níscaros e media de lepiotas. Ceei mellor que un político.

Finca Fierro. Sábado, 2 de novembro de 2019

viernes, 1 de noviembre de 2019

O HOME QUE BERRA

O home deita entre as herbas do río Vello e berra ata que rebenta. Berra un desexo que o mata e un silencio que o atormenta. Deixa caer lágrimas de orballo e quere cruzar a fronteira portuguesa ou emigrar para o outro lado do planeta. Cospe celos que atravesan por entre as carballeiras dunha novela sen capítulo final. O home arrinca nas herbas coma latexos que esgazan o seu corazón e deixa que os seus xeonllos afirmen un reclamo a un ser poderoso que mira para outro lado. O home berra, arrabuña, gatea, arrástrase, xeme, berra outra vez, sofre, sangra, berra unha vez máis. E queda en silencio. Chorando. Xemendo. Sufrindo. Súa pingas de sangue que axiña chegan ó río de Tioira para desembocar no Arnoia.
O home ergue e corre para Barricobos. Alí dá coa cabeza contra os penedos e a pedra escama recordos que puideron ser pero que non son. Que nunca serán. Sobe ó alto da Chaira e berra, berra ata esgazar o tempo, ata esgallar o pensamento. Berra pola esperanza que está tan lonxe que ás veces a sente perdida. Pero ninguén é quen de fundirlle os soños. Antes fará rebentar o mundo en toda a súa extensión. O home nunca perderá a esperanza e será o reserva no xogo dos partidos que poidan quedar a medias. Sempre hai algún partido que non remata nunca e aí ten as súas opcións, defenderá as súas esperanzas. O home déixase caer polas barroncas de Barricobos e berra polas feridas da pel que se fai entre verso e verso. Hai poemas que berran a angustia dun momento.

Finca Fierro. Venres, 1 de novembro de 2019

jueves, 31 de octubre de 2019

HOXE NON QUERO...

Hoxe non quero xogar a nada. Só quero sentar sobre un conto que penso escribir cando a conciencia deixe de bailar ó outro lado do río. Só quero rir sobre un espantallo que está fixo no medio dunha leira e que xa non lle mete medo a ninguén. Hoxe non quero ulir as flores `porque lle teño medo ó esbirro que sae e que rebenta sobre o aloumiño dun bico. Que todas as bandas sonoras de Ennio Morricone retumben sobre a miña cabeza! Que todos os silencios compartidos acouguen sobre a varanda dunha ponte que se ve alá, no infinito! Hoxe non quero cerrar os ollos, que quero ver o esperpento choutando de estrela en estrela e durmindo no significado dun berro seco. Tamén eu durmo ás veces cando me entra o sono. Nun momento dado ergo a mirada do chan e vexo un fío eléctrico que atravesa o tellado dun espírito branco. Ese espírito que vai polas ondiñas do mar na procura dunha estrela fugaz. Ou dun universo sen fin.
Hoxe non quero berrar para non esgazar a gorxa con cancións que se quedan sen retrouso. Nin quero cuspir para arriba por medo a que a saliva me caia sobre o ollo dereito. Deixarei de predicar no deserto; que os lagartos busquen o seu propio sustento. Agora tan só quero deitar para que o corazón non se me saia do peito. Hai latexos que estouran por culpa do espanto, do pánico. Quero morrer en silencio para que me enterren entre os catorce versos dun soneto. E que ninguén chore a miña ausencia. Son algo así coma un cero á esquerda.

Finca Fierro. Xoves, 31 de outubro de 2019