domingo, 8 de diciembre de 2019

VER SEN MIRAR

Atravesaba o Pancracio bancos de néboa a 70 km/h. e o Celta perdía en Leganés. Non levanta cabeza. Miro o reloxo e son as nove e cuarto da noite. Wayne Shorter fai que o seu saxo deixe música celestial nos meus oídos. Libros e dicionarios sobre a mesa. Un bolígrafo sobre a mesa. Dous dedos que golpean as teclas. Quero escoitar o ruído do mar, pero estou nunha cidade de interior. Maldita sexa! Coa gozada que é escoitar o ruído do mar. Miro para fóra e vexo a noite pecha. É noite pecha. O móbil está no chan cargándose. Coa man esquerda refrego os ollos e deixo que sexa o pensamento o que vexa sen mirar algúns soños que, co tempo, sei que nunca serán realidade. Por moi bonito que sexa soñar, ás veces, tales soños quedan en auga de bacallau.
Cambio de música e escoito agora o tema “Brenda, Brenda” que asoma na película “Bagdad Café”, unha dos filmes máis bonitos que vin na miña vida. E vin xa uns cantos. Volvo mirar o reloxo e tan só avanzou dez minutos. Xa se sabe que, por veces, o tempo corre á présa e, ás veces, rende que nin o demo. O bolígrafo que teño sobre a mesa é de cor vermella; para puntear, para tachar, para anotar, para apuntar. Que dirán algúns se digo que o verme luceiro que vin no atallo ergueu sobre dous caxatos de carballo e ante os meus ollos bailou un fandango? Ou, ó momento, bailou ó ritmo que Arco da Vella marcaba co seu tema “Canción de berce”? Non digades nada, porque fun eu o que lle dixen que apartase se non quería que...

Finca Fierro. Domingo, 8 de decembro de 2019

SON UN EGOÍSTA, E QUE?

Sempre quero levar a razón. E discuto por elo. A ver, xa está ben de que outros queiran subir enriba de min. Son un egoísta, e que? Se digo que cruzo o río Arnoia montado nunha vaca, tedes que crerme aínda que non sexa verdade. O caso é que foi verdade. Había chea para cruzar cara Pinouzos, pero había que facelo para ir polos toxos que o pai rozara na Lagoa de Almoite. A auga ben se vía que cubriría o carro, así é que non quedou outra que subirme á Rubia (era a máis mansa, por ser a máis vella) para cruzar o río. É certo que para outras cousas intento esaxerar para poder levar sempre a razón. Fago que entendo de fútbol esaxerando noticias ou comentarios para que ninguén me poida rebater as miñas opinións.
Teño dereito a opinar o que me dea a gana! Con razón ou sen razón. Para iso boto sempre a lingua a pacer. A ver, xa estou farto de que opine todo o mundo do que lle dea a gana. Eu quero opinar dos nacionalismos e, maldita sexa!, non me deixan. Así é que esbardallo coma quen baila sen son con tal de poder levar a razón, con tal de que o egoísmo me suba polas entrañas arriba e me deixe máis orgulloso que a un campión de a tres nun zoco. Son egoísta ata comendo feixóns; primeiro como as patacas para, despois, picar co garfo a pracer e mirando de esguello para quen estea á miña beira... por se mos rouban. Os meus irmáns, de pequeno, dicíanme que mirase para arriba e eu, de pasmón, miraba e roubábanme os feixóns. Coa carraxe quería espetarlles o garfo no corazón.

Finca Fierro. Sábado, 7 de decembro de 2019

sábado, 7 de diciembre de 2019

O RURAL NON COMPENSA

O rural. O rural está de moda. Porque desaparece e porque, ó mesmo tempo, se intenta dinamizar ou recuperar. Como di a expresión: agora é tarde, Rosa. É tarde porque nunca se intentou parar o que se vía vir. Neste noso país nunca soubemos ver o futuro. Sempre fomos e imos dous ou tres pasos por detrás. O outro día asomaba nos medios de comunicación un artigo no que se daba conta de que máis de 3.200 pobos de Ourense e 80.000 veciños carecen da Internet. E carecen agora, precisamente agora, cando a Administración, tanto estatal como comunitaria, quere (e en algúns casos xa obriga) que se tramiten documentos ou solicitudes pola Internet. Imaxino ós veciños desas aldeas intentando conectar o ordenador ós cornos das vacas para dar de baixa un becerro, para solicitar un extracto da súa conta bancaria ou para remitir unha sinopse do seu currículo.
Agora mesmo o noso presidentiño Núñez Feijóo anda a predicar coa dinamización do rural, pero, ó mesmo tempo está a pechar o paritorio de Verín. Porque seica non compensa. Seguro que non, pois a familia da que vai dar a luz ten que desprezarse 100 quilómetros ou máis para poder estar con ela. Ademais, a administración debería saber que, por exemplo, 100 quilómetros non son o mesmo en Galicia que en Castela. O tempo para percorrer esas distancias varía unha “eternidade” dunha Comunidade á outra. Porque seica é por seguridade. Seguridade de que? O presidente da sección de Medicina Perinatal da Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia di que é complicado manter un paritorio con 60 nacementos, e que manter a un neonato de menos de 1.500 gramos custa 3.500 euros. Moi ben. A solución está en que a maioría dos políticos se rebaixen o soldo ou se eliminen as pagas vitalicias. Todos sabemos que hai moitos políticos que non merecen nin a metade do que están ganando. Ou sexa, que non fai falta quitarlles o soldo todo. Só que fose a metade de cada un xa daban para uns cantos paritorios. Pero, claro, o rural... que máis dá; total xa está desaparecendo. Ante os micrófonos predicamos pola súa recuperación, pero ás agachadas imos pechando de aquí, imos suprimindo de alá, e nun santiamén imos a Vigo ou á Coruña.

Finca Fierro. Sábado, 7 de decembro de 2019

viernes, 6 de diciembre de 2019

NERVIOS

Mastigo nas galletas para matar o tempo. Ó mesmo tempo que escribo para non quedar quieto. Escoito música e contemplo o sol que asoma. Non sei se é un sopro ou un simple músculo que se me contrae ós poucos, pero o caso é que me doe o peito. É venres, festivo, a Constitución. Esa Constitución que se queda vella e que non hai quen bote man dela. Debe haber medo a retocala. Si, non vaia ser que... Bato os pés contra o chan, e non polo frío, senón polos nervios. Son nervioso. Non sei quen me dixo hai un tempo que deixase en paz ás pernas. Estabamos de parola e eu dálle que dálle. Por iso sempre intento facer algo. Para que non me consuman os nervios. Mentres penso, abrigo as mans contra as pernas ó mesmo tempo que estas... dálle que dálle. Agora mesmo seguen tremendo polos nervios e polo ritmo da canción de Les Surfs.
Son as cinco menos cuarto da tarde. Tan axiña como remate de escribir, non queda outra que saír a dar unha volta pola Valenzá. Teño medo que me caia a casa encima. A maiores de que aínda me queda un xornal por ler. Agora é o Premio Nobel de Literatura Bob Dylan o que me emociona con “All The Tired Horses”. Esta emoción, e sen que sirva de precedente, déixame quieto coma un paxariño. Por pouco tempo; axiña me asaltan os nervios, que se as pernas, que se os pés, que se as mans rañando a cabeza, que se a cabeza seguindo o ritmo da música, que se os ollos bailando dun obxecto a outro, que se o pensamento furga que furga por entre a maraña do tempo. Nervios.

Finca Fierro. Venres, 6 de decembro de 2019

jueves, 5 de diciembre de 2019

O ASUNTO VAI DE PRISIÓNS

Esperei e arrefriáronseme os pés. Estiven de pé, quieto e sobre as baldosas arrefriáronseme os pés. Claro que, antes, xa se me arrefriara todo o corpo ante unhas declaracións do noso presidente Núñez Feijóo: que seica é imposible que España teña un bo Goberno se hai que pedilo en prisión. Pois ata poida que teña razón, pero polo menos eses están na cadea cumprindo unha condena que, para un servidor, si é política (e xa sei que vou en contra da maioría, pero...), mentres que outros -políticos- por maiores delitos (enténdase ladroízo) seguen soltos e incluso nos postos nos que realizaron as falcatruadas. É máis, a algúns ata os nomean para outros cargos de máis categoría.
Tamén se me arrefriou a alma cando souben de que o Estado indemnizará con 300.000 euros a un inocente que estivo encarcerado un ano. A indemnización débese, por suposto, a que fora denunciado e acusado en falso. Trescentos mil euros. Por un ano. Un ano preso, na cadea. En soidade. Sen familia. Ó mellor baixo coacción doutros presos. Ou ameazas. Ou maltratos. Aínda que, o peor imaxino que sería o bulebule, o ruxerruxe da súa conciencia pola situación de cargar coa culpa por algo que non realizou. Iso ten que ser horrible: pagar os pratos que esnaquizou outro. Agora o Estado lávase as mans con 300.000 euros. Sigo tendo frío nos pés. Tan só as asaduras, as entrañas están a ferver... coa rabia, coa carraxe.

A Cervexaría de Maceda. Xoves, 5 de decembro de 2019

miércoles, 4 de diciembre de 2019

DÍA DE LOITO NO CINE ESPAÑOL

Ás nove menos cuarto da noite e baixo a banda sonora desa obra mestra chamada “Taxi Driver”, do gran Scorsese, teño que confesar que hoxe é un día de loito para o cine español. Primeiro decateime do director de cine, produtor, guionista e director de fotografía Javier Aguirre, que finou ós 84 anos nun hospital madrileño, logo dunha longa enfermidade. Dáse a coincidencia que no pasado outubro concedéranlle a Medalla de Ouro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas, xunto á súa dona, que non é outra que Esperanza Roy. Nacera en San Sebastián e ós 15 anos escribiu a súa primeira crítica cinematográfica. Entre os seus máis de 80 filmes figuran “Unha vez ó ano ser hippy non fai dano”, “Perna crecente, faldra minguante” e “Esposa de día, amante de noite”, entre outras. Traballou cos Bravos, con Raphael e con María Jesús e o seu acordeón...

Non tardei en saber da morte, ós 86 anos, do actor de dobraxe Claudio Rodríguez que, para o gran público, é mellor dicir que era a voz de Burt Lancaster, Charlton Heston, John Wayne e Anthony Quinn. Dobrou a Willy Fogg da serie de debuxos dos oitenta e a Albus Dumbledore, da saga de Harry Potter. Zamorano de nacemento, chegou a acumular máis de dúas mil dobraxes.
E, por último, o actor Manuel Tejada, de Xaén, que morreu ós 79 anos. Máis actor teatral que de cine, pero famoso polas series de TV “Verán azul” e, principalmente, “Canas e barro”. Descansen en paz.


Finca Fierro. Mércores, 4 de decembro de 2019

martes, 3 de diciembre de 2019

AFECCIÓN SEN INTELIXENCIA

Baixo un bonito sol quero pensar nas actitudes do ser humano e tan só as noto atrapadas nunhas nubes tan negras que ameazan tormenta. A climatoloxía da nosa alma está ten un furacán tan forte que, se a liberamos, arrasa por onde pasa. A alma dos afeccionados atléticos, o domingo, estivo máis revolta ca nunca e máis podre, máis corrompida que en ningún outro partido. Un xogador dos seus (porque Griezmann foi dos seus, e moi querido, por certo) quedou crucificado a base de insultos e incluso con desexos de morte. Hai que lembrar que detrás dun insulto axiña asoma unha patada, e detrás desta xa aparece a propia violencia. Esa violencia que nos cega cando nos vemos apoiados pola masa, polo grupo. O ser humano, cando está só, tritúrao a covardía, pero se se sente amparado solta o demo que leva dentro.
Os fanáticos do Atlético crucificaron a Antoine Griezmann porque fichara polo Barça. Non tiveron a suficiente intelixencia para pensar que o Atlético de Madrid fichara ó xogador procedente da Real Sociedade. Polos motivos de sempre e de calquera (obreiro, xogador, médico, afeccionado...): a melloría económica no seu traballo. Que lembren que o seu neniño Torres tamén marchou para ganar máis. Agora tócalle actuar á Comisión Antiviolencia. Confío en que o castigo sexa exemplar. Nada de multas pequenas ou de pechar tan só esa grada dos energúmenos. Peche total do campo por varios partidos. Non se pode permitir que un club desa categoría lle desexe a morte a un dos seus.

A Cervexaría de Maceda. Martes, 3 de decembro de 2019