sábado, 1 de febrero de 2020

UNHA FARSA DE MANUEL MARÍA

Agora mesmo acabo de chegar da Casa da Cultura de Barbadás de ver unha bonita farsa, un agradable esperpento, unha alegoría incontrolable, unha parodia preciosa, ou sexa, unha obra marabillosa. A obra “O meu mundo non é deste reino”, da compañía Teatro da Ramboia, é a adaptación de “Farsa de Bululú, que Manuel María escribira no 1992. Dirixida por María Peinado, a obra acadou o Primeiro Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Con tan só dous actores e diversos tipos de monicreques o espectador contempla a realidade dun totalitarismo que espreme, que esmaga, que machaca; ou a parodia dunha ditadura franquista que conxelou e que aínda conxela o sorriso. Porque nesta... comedia?, hai risas duras, risas que doen, risas de carraxe, mesmo risas de medo.
A obra é un salouco que esgaza, unha queixa eterna, unha burla das marionetas que queren e conseguen controlar ós súbditos, ós submisos, é dicir, a autentica realidade. Unha realidade que semella que latexa na actualidade, que ten un fondo que produce un pouco (ou un moito) de medo. Porque todo o que se contou pode incluso volver. Ese é o medo! Penso que, hoxe mesmo, esa farsa, ese esperpento, esa alegoría, esa parodia está máis presente que nunca. Oxalá a apreciación sexa toda unha esaxeración. Oxalá. “O meu mundo non é deste reino” faise enorme grazas tamén á actuación de Anxo García e o lalinense Fran Lareu. Inmensos! Auténticos! Fixeron crible o incrible.

Finca Fierro. Venres, 31 de xaneiro de 2020

miércoles, 29 de enero de 2020

BERRANDO POLO TREN

Quero rebentar o mundo porque levo tempo intentando subir ó tren e este non para na estación. O tren é o tren da saudade. A estación é a estación da esperanza. Ó mellor é ó revés. Ás veces chafallo, embrollo os termos. Non sei se a saudade significa pretérito e se a esperanza é o mesmo que desalento. O tren ten rodas de ferro e vagóns cheos de sentimentos e de afectos. A estación asenta á beira dos raís ou das vías e por estas corre a infancia ata máis alá da ponte das Cepas. Quero rebentar o mundo porque vexo, alá ó fondo, o túnel e teño medo a cruzalo. A escuridade non deixa ver as carraxes que levamos dentro. Outros dirán que son os demos os que nos rillan as entrañas. Vai ti saber.
Pasa outro tren por diante da estación e tampouco para. A velocidade del non me deixa ver ben as caras pegadas ás xanelas. Aínda que a algunhas si lles noto o cansazo, o tempo transcorrido entre un alento e un berro. Hai xente que bota a cabeza fóra e berra. Eu tamén berro desde a estación porque non se detén a máquina dos meus desexos, o convoi da miña ambición. Berro e corro detrás do tren ata a mesma ponte das Cepas; sen decatarme, nun suspiro e sen medo de que cruzara o túnel escuro dunha vida que vai e vén por entre as travesas da memoria ou por entre os parafusos enferruxados. Pouco a pouco deixo a estación e baixo berrando por Baños de Molgas porque o maldito tren non se detivo. Eu só quería subir ó tren das ilusións e sentar nun vagón calquera para aloumiñar un sentimento.

A Cervexaría de Maceda. Mércores, 29 de xaneiro de 2020

martes, 28 de enero de 2020

VERDADES E MENTIRAS

Case sempre digo o que penso, aínda que ás veces penso que todo é mentira. Por momentos é complicado diferenciar unha verdade dunha mentira, e viceversa. Tamén penso nas mentiras piadosas... que seguen a ser mentiras. Os políticos teñen fama de mentir moito. Todos mentimos algo, uns máis e outros menos. Os que máis son os políticos. A ver, se dixeran verdades non terían esa fama de mentiráns, de falsos, de aproveitados. Minto sobre o tempo que transcorre desde a solicitude dun desexo ata o cumprimento do mesmo. Aínda que o desexo sexa verdade. Confeso que na infancia sempre pensei que sería o rei do mundo, pero na actualidade nin son DiCaprio nin me considero James Cameron. Soñaba con aquela verdade que non tardou en converterse en mentira.
É verdade que me emocionei por entre os palleiros da memoria, como é mentira que gozase feliz dentro da miseria, case na indixencia. Hai certas verdade que desexamos de corazón que sexan mentira, como hai mentiras que ansiamos asumilas como verdades. Xa se sabe que a esperanza, para as mentiras e para as verdades, é o último que se perde. Sempre tiven a esperanza en saber mentir ben e que ninguén desconfiase das miñas verdades. É moi difícil asimilar a mentira cabalgando sobre a autenticidade, pero por veces non queda outra que planear o engano para acubillalo, para encubrilo como veracidade. Case sempre digo que o tempo pasa e todo cambia, aínda que hai veces que, isto, tamén é mentira.

A Cervexaría de Maceda. Martes, 28 de xaneiro de 2020

lunes, 27 de enero de 2020

VOLVEU A CHUVIA

Volveu a chuvia e Kobe Bryant deixounos un pouco orfos. Volveu a chuvia e lembro unha nova que lin hai uns días sobre unha muller que afronta case tres anos de cárcere por pegarlle a un fillo que sacou malas notas. A verdade é que ó ler ese titular case me dá a risa; porque pensei en min e na miña nai. Sempre aparecín con suspensos na casa, incluídas as notas finais e ata as de setembro. Sempre arrastrei materias dun curso para o seguinte. E a miña nai, xa o teño dito, tiña a man moi lixeira, como lixeiros eran os obxectos que pillaba ó seu arredor. E nunca se me pasará pola cabeza que fose merecente dalgún tempo no cárcere, nin tan sequera de ningunha amoestación.
Claro que, despois, cando xa lin a fondo a noticia, cando xa a lin enteira cheguei á conclusión de que esa muller merecía máis dos tres anos de cárcere. Porque seica, a maiores de darlle labazadas, golpeábao cun cable nas pernas e dáballe puñadas nos ollos. Na consulta médica, ó neno descubríronlle o corpo cheo de hematomas. O que significa que non eran unhas simples lapadas de carraxe por suspender. Iso xa era maltrato puro e duro. Nun neno! Nun fillo! Dise que unha nai sempre é unha nai, pero tamén é certo que hai nais que nunca deberían parir. Volveu a chuvia, pero, por sorte, a borrasca Gloria xa nos deixou. Aínda que, iso si, deixou un rastro demoledor, con mortos, desaparecidos, neve, mala mar, desolación e gastos enormes. Volveu a chuvia e non queda outra que meterse no coche para poder ler un chisco. Imos alá.

A Cervexaría de Maceda. Luns, 27 de xaneiro de 2020

domingo, 26 de enero de 2020

O GOYA DE BENEDICTA SÁNCHEZ

Baixo “O mandil”, de Berrogüetto, imaxino a Benedicta Sánchez recollendo o Goya á mellor actriz de revelación. Non o recolleu co mandil posto, pero é fácil de imaxinala con el en “O que arde”. Que a gala dos Goya empece recibindo o primeiro premio unha mullerciña galega é algo que, a un galego, lle debería emocionar. A min, por suposto que me emocionou! Axiña tiven que botar a man ós ollos para limpalos. A emoción tamén se debeu a certas comparacións que furgaron pola miña cabeza: tiven unha tía chamada Benedicta (todo o mundo lle chamaba Benedita) e cun físico moi semellante á actriz. Claro que a miña, con menos anos (84 os da actriz) era moito máis vella cá Sánchez. Sempre a acordei cun caxato, dobrada e cunha fortisima artrose nas súas mans. Tamén hai que dicir que 84 anos nos anos 60 non eran os mesmos 84 na actualidade. Baixo o tema “Feel”, de Robbie Williams confeso que seguín a gala cinematográfica baixo a emoción da galeguidade. Este ano a nosa Comunidade estaba máis que representada no pavillón de deportes de Málaga. E foi polo que a aguantei, pois sigo dicindo e denunciando que deberían buscar outro método, outra maneira para o asunto das gabanzas, dos eloxios, dos agradecementos. Son cansados, aburridos, pesados. Sempre o mesmo: grazas ás familias e ós equipos técnico-artísticos. Iso xa se entende, por Deus! Se non fora pola familia, o premiado non estaría na tarima recollendo o premio. Se non fora polo equipo, non existiría a película. Non hai orixinalidade!

Finca Fierro. Domingo, 26 de xaneiro de 2020

sábado, 25 de enero de 2020

A BORRASCA DOS MODESTOS

O novo formato da Copa do Rei de fútbol está a ser defendible pola maioría dos afeccionados e, por suposto, polos equipos máis modestos. Estes nunca tiveron tantas opcións de facer grandes xestas como este ano. Antes, o modesto, podía dar a gran sorpresa no seu estadio ganándolle quizais a todo un campión, a todo un gran club, pero no partido de volta, a calidade e o poder adquisitivo puña a cada un no seu sitio. Si, é certo, houbo excepcións. Pero as de este ano aumentaron e xa desde a primeira eliminatoria. Ó ser a partido único, pois iso... non había segundas oportunidades. Eu encantado da vida! Só que sexa por unha vez, os pequenos teñen dereito a soñar. Claro que a algúns, este ano, nin lles deixaron esta opción. E non o digo porque perderan os partidos, senón polo famoso VAR. Aquí é onde o novo formato coxea dunha maneira escandalosa. Non se pode iniciar unha competición na que certos medios non se empreguen durante toda a súa duración. Señor Rubiales, non se pode facer uso do VAR tan só a partir dos oitavos de final! E os que se viron prexudicados antes? Porque os houbo, señor Rubiales. Que llo pregunten ó Elxe por quedar eliminado na quenda, na rolda de penaltis, onde o porteiro do Bilbao, se se descoida, co seu adiantamento en tres deles, aparece á beira, á altura do lanzador..
E xa que estamos, sigo criticando o detalle de que os clubs modestos teñan que buscar outros campos para poder enfrontarse ós todopoderosos. Imaxino que será porque igual as “estrelas” se poden mancar ó chocar cunha valla ou porque poden bolear por unha barronca abaixo ou porque torcen un nocello nun buraco do campo. Que lles pase isto todos os domingos ós “obreiros” da Segunda B é o de menos. Por Deus bendito, como poden arrastrarse por eses campos os Mesis, Benzemás e demais! A este respecto, ata o propio Zinedine Zidane puxo un pouco de cordura (todo un cabaleiro, e son antimadridista) ó confesar que todos os xogadores pasaron por esas, por xogar en campos de bulleiro ou incluso con algúns cañotos de toxos ou con pedras asomando aquí e acolá.
Quería falar da borrasca Gloria, pero a borrasca da Copa, dos modestos aínda arrasa máis. Non obstante, o meu recordo para esas vítimas.

Finca Fierro. Sábado, 25 de xaneiro de 2020

viernes, 24 de enero de 2020

ANDAINA A NIÑODAGUIA

De cando en vez é bo coller un descanso literario, ou sexa, deixar de ler por unha mañá. O outro día fíxeno. O outro día realicei unha desas andainas ás que eu lle chamo descoñecidas. É dicir, que sei máis ou menos por onde ando, pero tamén sei que ando medio perdido. No coche, que tiña aparcado xunto ó instituto de Maceda, quiteime de xersei, puxen de novo a cazadora e do maleteiro saquei un bonito caxato de cando fixera a ruta do Cares. Baixei pola pista que vai dar á do Alto do Couso e, ó cruzar esta, collín unha estrada pola que nunca fun e pola que nin tan sequera sabía que existía: a que vai a Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo. Saín ás dez da mañá. Ós tres quilómetros xa tiven que quitar o gorro da cabeza (aínda que en tramos brillaba ben a xeada), e un quilómetro máis tarde houbo que desabrochar a cazadora. Tamén, ós poucos, había que deterse un chisco para a correspondente foto (posteridade e feisbuq, faltaría máis).
O Pumar. Penediño. A Igrexa. O Maio. Niñodaguia. Aquí collín a pista que me levaría ás Cerámicas de Xunqueira. Boteille unha visual por fóra ó museo-taller de olería de Niñodaguia e axiña saquei do peto a parva de chouriza para fincarlle o dente (como se ve, ía preparado). Cando cheguei á estrada que vai de Maceda a Xunqueira, en Veigachá, axiña me apareceu esa recta que medio te fulmina pola súa lonxitude. Non obstante, ás doce menos cuarto, e logo de dez quilómetros e medio, xa estaba este paisa tomando café no centro da vila de Maceda. Aínda aproveitei dúas horas de lectura.

Finca Fierro. Venres, 24 de xaneiro de 2020