viernes, 6 de marzo de 2020

INMENSA ALEGRÍA Ó VELO!

Algunha vez eu, e imaxino que uns cantos, cando vemos a alguén ó lonxe que non nos cae moi así, ou ben baixamos a vista ou ben torcemos de beirarrúa para non ter que saudar. E iso que son dos que digo que un saúdo non se lle nega a ninguén. Pero, é certo, hai veces que non apetece, que non te queres parar porque andas con présa. O outro día levaba algo de présa, máis cando vin con quen estaba a punto de cruzarme no centro de Ourense, alegreime de tal maneira que non me importou o determe a saudalo. Ata non sei se non sería el o que me viu primeiro, porque notei como xa apartara o seu brazo dereito para darme a chocar a súa man. E vaia se lla choquei! Xa digo, inmensa alegría ó velo! Non digo o seu nome porque sei que non lle gusta saír nos papeis. É do Viñal, en Baños de Molgas, e deume clases de literatura nos Milagres. Un dos mellores profesores de literatura que tiven.
Lembro que unha vez deixou ó noso albedrío o de facer dous traballos literarios. Un fíxeno sobre Galdós (que se me quedou con el) e o outro versaba sobre os nomes de aparellos, lugares, leiras e vacas; conxuntándoo con outro sobre os “pecados”, insultos ou ofensas máis comúns. Sobre este das aldraxes non me matei moito; chegou con me poñer ante unha mesa de catro xogando ás cartas e aí rebenta sempre o mundo pola boca. Despois tivemos que ler algo na clase e eu soltei unha das frases que anotara e que fixo partir de risa a toda a clase. Non procede poñela aquí. Síntoo. Cada vez que vexo ou penso neste profesor, vénseme á cabeza eses dous traballos e a súa forma de ensinar.

Finca Fierro. Xoves, 5 de marzo de 2020

martes, 3 de marzo de 2020

CAVILANDO DESDE UN VALADO

Pois si. Estaba sentado no valado do Poulo da Deosinda, a muller do Chacaritas, cando vin como á miña beira pasaba un alacrán. Foi velo e... “se te pica un alacrán busca cura e sancristán que mañá te enterrarán”. Ante isto, sentín algo así como un arrepío. Pero, e non sei por que, deixeino ir. Outros, ó mellor, púñanlle un pé enriba e esmagábano. Eu... para que; se todos estamos aquí para algo, incluso para facer mal. Deixeino ir e deixei tamén que os meus pensamentos navegasen por outros mares. Aínda que estando no lugar que estaba, o mar quedaba abondo afastado; polo que cambiei as tornas e deixei que os meus razoamentos corresen por outros montes. E correron baixo a banda sonora de “A princesa prometida”. Que bonita película! Que marabilla de música! Que grande Mark Knopfler!
Os pensamentos versaban sobre a Cachorra, aquela vaca que cando miraba para min estaba a retarme a que a pillase. Quixen facer a proba e, a moi condenada, seguiu os desexos da súa ollada: que se botou a correr. Ó momento tamén pensei na miña nai, á que, sendo un cativiño e retándoa a unha carreira, ela facía que corría menos, pero cando eu empezaba a rir, esprintaba, pasaba coma unha exhalación e dicíame aquilo de “bícame no cu, que teño paxariños”. Eu, pobre de min, quedaba remoendo unha futura vinganza: anda que cando sexa grande! Axiña deixei de cavilar, polo que erguín e fun dereitiño para a leira do Toupeiro, o meu pai. Con desgana non quedou outro remedio que empezar a cavar no rego do millo.

Finca Fierro. Martes, 3 de marzo de 2020

lunes, 2 de marzo de 2020

A FERRAMENTA DO XUBILADO

Ata hai menos dun ano, unha das miñas ferramentas de traballo era un simple bolígrafo. Agora, de xubilado, unha das miñas ferramentas de traballo é unha simple bolsa da compra. É dicir, agora, ó non ter aínda netos, son o home dos recados. É certo que ergo tarde, entre as dez e dez e pico, pero despois collo a bolsa da compra e a procurar traer nela o máis esencial (por aquilo do peso; cando a compra é moita, para algo está o coche). De camiño, faltaría máis, non podo evitar ler o periódico ou periódicos tan axiña como atope o primeiro café aberto. Entro no súper. Entro na panadaría. Entro onde haxa que entrar. Coa ferramenta do xubilado colgada do ombreiro dereito. Menos mal que é pouco tempo, porque A Valenzá é pequena.
Despois si xa collo outras ferramentas que usei toda a vida. En primeiro lugar, un libro; este que non falte. Non falta, por suposto. A proba é que sempre andan tres comigo. Por se aquel. En segundo lugar, o ordenador. Para escribir cousas coma esta. Para escoitar música mentres escribo e mentres fochico por unha rede social. En terceiro lugar, outra vez o libro. Porque moito ordenador cansa e a imaxinación mentres les é eterna, milagreira, extraordinaria, fabuladora, marabillosa. O resumo desta miña nova vida é fácil: a mañá faise pequena e emprégoa nos recados, cafés e periódicos; a tarde, nos libros e ordenador. Que vivo coma Deus! Para máis aquel ata me coincide co abandono da viña. Que máis podo pedir! Nada; simplemente seguir facendo eses pequenos recados que me fan saír da casa. Non vaia ser que ma caia encima! Non quero morrer esmagado.

Finca Fierro. Luns, 2 de marzo de 2020

domingo, 1 de marzo de 2020

CALAMIDADES A TODO TREN

Todos os días da semana pasado amenceron coa pandemia do coronavirus. E en cada día que pase, estes abrentes estarán cheos de medo. Dixen sempre que, este, ou sexa, o medo, será o virus máis grande e máis temible co que nos atoparemos a diario. Moitas veces semella que a este respecto esaxeramos un pouco, pero visto o visto, o asunto empeza a coller unha certa seriedade, un aquel de angustioso. Si, xa sei que a gripe, por agora, mata máis, que outras enfermidades tamén matan máis, pero este COVID-19 está liquidando a sacho, a esgalla en moi pouco tempo, e xa se pode dicir que practicamente por todos os lugares do planeta. Confiemos que por aquí pase sen facer moito ruído. Que bastante temos coas nosas calamidades.
Ultimamente é a Renfe ou algo relacionado cos trens os que nos deixan unha que outra calamidade. Aquí, en Galicia, ou mellor aínda, en Ourense, en vez de avanzar, retrocedemos, recuamos. A chegada do AVE é xa o conto de nunca acabar; cada vez se pospón máis, cada vez o tempo vai en contra nosa. Empezo a desconfiar xa de que chego eu antes andando nunha hipotética viaxe arredor do mundo que o AVE á cidade de Ourense. Neste caso ata lle dou un chisco a razón ó noso Núñez Feijóo cando di que non nos enganen con que o AVE chegará no 2021. Ollo ó piollo!, dixen un chisco porque os seus tamén nos enganaron en todas as súas lexislaturas; e foron unhas cantas. En cuestións ferroviarias recuamos de tal maneira que hai uns días Renfe cambiou o tren diúrno que vai ó País Vasco por outro, pero 20 anos máis antigo, ou sexa, que puxo un que estaría xa para o arrastre. E tamén non hai moito que seica un tren hotel tardou 18 horas en chegar a Barcelona. O dito: moito máis rápido eu nas miñas camiñatas.
Como se ve que o asunto vai de calamidades, sigamos logo con outra. A Xunta de Galicia adxudicou por 276.000 euros (que pagamos todos, claro) as 86 ventás que se lle poñerán ó edificio xudicial do Couto, porque hai cinco anos a algúns listiños seica se lles esqueceu tal detalle.
Remato con dous apuntes esperanzadores: que Estados Unidos e os talibáns asinan a paz logo de 19 anos de guerra (loado sexa!), e que a asistencia ás salas de cine creceu un 37% nos últimos seis anos (bendita sexa!)

Finca Fierro. Sábado, 29 de febreiro de 2020

viernes, 28 de febrero de 2020

O HOME QUE QUERÍA CRUZAR O MAR

Con parsimonia achegueime co rapaz ata os penedos de Barricobos. Alí sentamos, miramos cara ó horizonte, ou sexa, para o Río Vello e logo dun tempo en silencio... deixa que che conte aquel conto que alguén lle contou ó escritor que o escribiu. Era sobre un home que quería cruzar o mar para chegar a unha das illas afortunadas. A verdade é que no conto non se conta o que foi buscar, porque case toda a acción se desenvolvía no mar. No mar sobre unha pequena barca que collera ás agachadas. O home remaba con ansia. O home remaba cun nó na gorxa. O home xemía en cada golpe de remo. E suaba. E soñaba con chegar. Aínda que el ven vía que se lle estaba facendo eterna a viaxe. Nunca pensou que lle custaría tanto alcanzar a recompensa. Que recompensa? O conto non o contaba, non a descubría. Pero, espera que sigo.
O home non deixaba de mirar ó lonxe. E remaba. E remaba. E remaba. Por momentos caía esgotado sobre a pequena barca. Os beizos xa os tiña gretados. Axiña se incorporaba e seguía dálle que dálle. Cando menos o esperaba, alá estaba: a terra da illa afortunada. O seu sorriso chocou contra o mar e un lóstrego de felicidade bambeou a barca. Pero chegou san e salvo á costa. O primeiro que viu foi unha rula. Sabías que nesa illa tamén había rulas? O home ó ver a rula empreñou de melancolía e tan só por iso soubo que a viaxe merecera a pena. Con todas as rulas que hai na súa terra... E aí precisamente rematou o conto. A ti paréceche que este conto se contou a medias?

Finca Fierro. Venres, 28 de febreiro de 2020

jueves, 27 de febrero de 2020

A NUBE NEGRA

Quero deitar sobre a nube negra que pasa, pero non consigo alcanzala. E non teño escaleira que me leve ata ela. Quero e non podo. O querer é un desexo que vén, que penetra e que, co tempo, se vai. Todo nesta vida vén e vai, ou vai e vén. Como debe ser. Miro para a nube negra e sigo estudando a maneira de chegar a ela. E se me atara a un foguete? E se me fixera amigo de Supermán? Non obstante, a mellor solución é soñar con subir polo aire. Para iso terei que buscar a alguén que me sopre e me empurre e me ice e me lance e me eleve. Empezo a buscar xa. Marcho polos carreiros perdidos da misericordia e non localizo a ninguén. Busco polas carballeiras atestadas de enxeño e sigo sen atopar nada. Desespero. Sufro. Súo. Quero deitar sobre a nube negra!
Chamo á porta de Supermán. Non está. Díxome Clark Kent que fora facer un recado. Busco un fogueteiro e seica está no Rosario das Antorchas dos Milagres. Agárrome dos pelos. Xemo de rabia, de xenreira. Chamo ó teléfono vermello de Donald Trump para que me deixe un vehículo espacial, pero non se me quere poñer. Non se rebaixa a falar comigo. Que seica son un cero á esquerda e, para máis carallos, nacionalista. Non o sigo intentando. Sento no alto dun palleiro e contemplo a nube negra. Ó mesmo tempo vexo unha táboa que sae dun canastro en forma de trampolín. Non o penso máis: desde o alto do palleiro chouto sobre o trampolín. Empezo a subir impulsado polo desexo dunha ambición. Aterro sobre a nubre negra. Que che dean, Donald Trump!

Finca Fierro. Mércores, 26 de febreiro de 2020

martes, 25 de febrero de 2020

PORQUE A VIDA SEGUE

Martes de Entroido. Catro menos vinte da tarde. Esperando o momento de que chegue a desfile da Valenzá. Mentres espero, escribo. Mentres escribo, escoito música. Mentres escoito música, penso. Penso no verme luceiro da aurora e naquelas mulleres que desexan un certo cariño dos seus. Non todas son felices no seu propio aniversario. A vida da paus cos ollos abertos. A vida pon a cada un no seu sitio cando a esperanza foi auga de bacallau. Non queda outra que tirar para adiante e pensar nos que si te aman. Agora que cada quen busque entre as matogueiras da súa conciencia, entre os carreiros da súa sensatez. Catro menos cuarto da tarde. O tempo pasa e todo segue igual. O sol asoma logo dunha mañá escura e un bolígrafo vermello tacha de cando en vez aquelas anotacións que xa se usaron, que xa foron, que quedarán para o recordo ou que se subiron ó feisbuq.
O móbil rematou de cargarse e queda preparado para arquivar a memoria dun desfile que será, que transcorrerá con parsimonia e baixo a atenta mirada de viandantes que aparecerán a moreas. Porque hai instantes na vida nos que hai que contemplar o que fan outros. Despois cada quen que xulgue se fixeron ben ou non. Como a vida mesma. Esta, por veces, bambéase sen ritmo; outras queda quietiña e esperando a que alguén a empurre; e case sempre tira cara á adiante. Porque a vida segue. Como a corrente do río Arnoia. Cos soños cumpridos ou sen cumprir. Catro da tarde. Bernard Herrmann pon a música nos meus oídos, e o tempo pasa. Nada se detén. Os aniversarios, menos.

Finca Fierro. Martes, 25 de febreiro de 2020