viernes, 3 de abril de 2020

ANALIZANDO O VIVIR

Suspiro porque recordo. Xemo porque me angustio. Asubío porque me alegro. Chouto porque non estou quieto. Bailo porque escoito música. Impo porque collo o frío. Todo pasa, todo ocorre. A nube branca avanza. A lúa vella sorrí e chíscame o ollo esquerdo. Moitas veces é complicado analizar a memoria que aniña na subconsciencia. Os que temos conciencia. Porque hai moitos que non teñen ningún raciocinio. Pecho os ollos porque durmo ou porque penso, vexo, debuxo, imaxino ou soño mellor. A vida é un asunto moi serio, tanto no plan nocturno coma no diúrno, ou sexa, durmidos ou espertos. A vida pode ser un cero á esquerda coma unha barra de pantrigo. A vida é ese suspiro que lanzamos cando o guión nos leva polo camiño recto.
Despois, sempre hai xente que di que chove onde hai sol, ou que hai sol onde non se ve un burro a tres pasos por culpa da néboa. Din que de todo hai na viña do Señor. Malnacidos tamén. E moitos. Patexo porque sigo o ritmo da música e moneo a cabeza para así soñar cun verme luceiro. Ese vagalume que me ensina o camiño para que evite a eses malnacidos que tan só saben poñer atrancos. Xemo neste momento dado, neste no que a noite asoma pola fiestra da esperanza. Asubío para afogar as penas e chouto do río para que non aprendan a nadar. Bailo para anunciar que ningún impo será quen de que freemos a esperanza dun mañá. Agora, con máis calma, analizo o vivir dun degoiro, dunha ilusión. Porque a vida é un suspiro.

Finca Fierro. Venres, 3 de abril de 2020

jueves, 2 de abril de 2020

RADIO MACEDA

Cando estaba lendo na cama, un chisco antes de xantar, chamoume por teléfono ou meu amigo Xavier Oviedo para facerme unha pequena entrevista para a emisora de Radio Maceda, que está máis operativa que nunca para facerlle a vida un pouco máis agradable a todos os veciños da contorna neste tempo tan crítico que estamos a vivir. A verdade é que me fixo ilusión, e non pola entrevista en si, que, a pobre, pilloume tan desprevido... Fíxome ilusión porque os recordos acumuláronseme tan axiña como vin e oín o nome de Radio Maceda. Foi o 24 de febreiro de 1992 cando lle mandei a esa emisora, por teléfono, a primeira crónica sobre Baños de Molgas. Fíxeno lendo, claro, pois os nervios facíanme tremer todo o corpo. Despois, pouco a pouco, o que se adoita dicir: a experiencia; a experiencia calmou eses nervios e collinlle gusto.
Tanto lle collín que lle propuxen ós da emisora facer un programa cinematográfico. Gravei o primeiro programa de Fábrica de Soños (nunha casete, creo) o 3 de abril dese mesmo 1992, que se emitiría ós seis día, o día 9. Foi a partir de aí cando empezaba a miña colaboración semanal con esa radio á que lle quero un montón. Tamén os primeiros programas eran gravados, porque aquilo de que en directo, uff, xa eran palabras maiores. Pero o que dicía antes... que a experiencia pon a cada un no seu sitio. Empecei co directo e aí caín na conta de que era verdade o que dicían sobre a radio: que engancha. Vaia se engancha! Cada vez me gustaba máis. E o directo aínda máis. Estabas en tensión por aquilo dos erros. Pero é bonito, moi bonito.

Finca Fierro. Xoves, 2 de abril de 2020

miércoles, 1 de abril de 2020

O BATMAN DESTE TEMPO ESCURO

Vou loitar contra as adversidades dun tempo que non remata, pero ó que vencerei. Vístome co traxe de Batman e voo polas noites escuras na procura dese inimigo invisible que nos está matando. De tellado en tellado chouto con xenreira e, ó mesmo tempo, cun sorriso nos beizos. Porque sei que como atope esa adversidade que nos amola penso rillarlle a alma. Son o Batman das noites sen ninguén polas rúas. É complicado atopar o mal. Pero buscareino por entre as antenas da capital. Acougarei nos balcóns para berrar, para cantar e para pensar nesa adversidade á que quero matar. Matarei por ti, por aquela e polo outro. Matarei porque teño armas sofisticadas. Porque son o Batman deste tempo escuro, deste tempo turbio, deste tempo que nin corre nin voa, deste tempo que non se move. Xa farei eu que se mova. Que se mova por entre as rúas do silencio, por entre os balcóns dos aplausos e por entre as tristes caras da ansiedade.
Vou loitar con forza e moita bravura porque todos temos dereito a un mañá, a un futuro sen practicamente adversidades. Subo ó batmóbil para percorrer as distancias entre o ben e o mal. Furgo en cada recanto para facer luz na escuridade e aproveitar para deixar un recordo en cada curruncho. No día de mañá, os recordos escribirán a historia dunha loita sen cuartel contra unha adversidade que nos pillou un pouco desprecavidos. Pero vencerémola, vencereina, que para iso son o Batman deste tempo escuro, deste tempo que, o maldito, non quere rematar. Rematará.

Finca Fierro. Mércores, 1 de abril de 2020

lunes, 30 de marzo de 2020

CAMBIOS

Teño frío nas mans porque vai frío. O tempo cambiou. Na vida cambian moitas cousas. Cambia, por exemplo, un tema musical de jazz a outro de blues. Cambian os políticos e cambian os adestradores deportivos. Cambia a eiruga para converterse en bolboreta. Cambian os sentimentos; do amor axiña pasamos ó odio. Cambian os leitos dos ríos cando manipulamos nestes. Cambia a froita de verde a madura. O domingo pasado cambiou a hora. Ata o propio tempo cambia; hai o tempo absoluto, o tempo compartido, o tempo composto, o tempo de paixón, o tempo de fortuna, o tempo xeolóxico, o tempo inmemorial, o tempo medio, o tempo morto, o tempo pascual, o tempo relativo, o tempo verdadeiro, o tempo simple e os tempos heroicos. Todo cambia.
Cambia o cuco o lugar da súa crianza. Cambia un resultado deportivo e os berros dunha afección. Cambia o ronsel dun avión e as agullas das vías do ferrocarril. Hai xente que cambia os reloxos dun pulso para o outro. Por veces cambiamos o chiscar de ollos; tan ben o facemos co esquerdo coma co dereito. Cambian de golpe as conversas; do ruxerruxe axiña nos plantamos no silencio. Ou ó revés. Cambia o ritmo dunha canción pola marcha dun atleta. Cambia o sexo cando se excita. Cambian as fases da lúa cada oito días. Oxalá cambiaran as guerras pola paz, a miseria pola fartura, a felicidade polo medo. Cambios sempre haberá. Tenos que haber. Porque o tempo pasa e todo cambia. Ata cambiou este relato; do principio chegou á súa fin.

Finca Fierro. Luns, 30 de marzo de 2020

domingo, 29 de marzo de 2020

SUPERMÁN

É domingo e quero voar coma Supermán. Pero estou gordo e non consigo nin tan sequera pegar un pequeno chouto. Estou gordo e case non teño intelixencia. Teño que pensar moito como facer para saltar. Sei que se estivera nunha azotea ó mellor desde alí si podía probar a voar. Coma Supermán. Gústame Supermán. Quero voar coma Supermán. Estou gordo, non teño intelixencia e tampouco sei asubiar. Se soubera asubiar, máis seguro que lle asubiase a Supermán para que me levase a dar unha volta. Que bonito sería ver todo un país desde as alturas. Nunca saín de Baños de Molgas. Pois vale, chegaríame con ver a miña vila desde uns cincocentos metros de altura, por exemplo. Que bonito sería!
Estou gordo, non teño intelixencia, non sei asubiar e son feo coma o demo. Por iso ninguén me quere. Ninguén suspira ou salouca por min. Eu... que quixen tanto e tanto quero. O Supermán é guapo. Moi guapo e moi ben feito. Quero ser coma Supermán e quero voar coma Supermán. Se fora guapo e voase coma Supermán, todos se volverían tolos por min. Estou gordo, non teño intelixencia, non sei asubiar, son feo e quedo de pasmón sentado á beira dun amieiro para intentar ver a esa troita que corre polo río Arnoia abaixo todos os días do ano. Quero botarme a chorar, pero noto así coma un aire frío que me fai erguer a mirada e aí está... Supermán aterrando á miña beira. E lánzame un ola cun enorme sorriso nos beizos. E cólleme no seu colo para ensinarme Baños de Molgas. Agora si que choro. Coa emoción. De felicidade. Quero a Supermán!

Finca Fierro. Domingo, 29 de marzo de 2020

sábado, 28 de marzo de 2020

O QUE BOTO DE MENOS

Por moito que busque e rebusque nos xornais para intentar escribir sobre outro asunto que non sexa o coronavirus, sinceramente, non sabería sobre que. Porque practicamente todos os medios de comunicación non mostran moitas máis noticias que vaian máis alá desta pandemia. É que nin tan sequera os propios Gobernos de todos os países semella que se dediquen a algo máis que non sexa erradicar dunha vez este bicho que nos está matando. E todo lles cómpre, toda dedicación parece que está sendo pouca. Porque isto parece que en vez de baixar, segue subindo.
Non me desespero ante esta corentena. Incluso podo dicir que a levo ben, moi ben; pois todo se basea en cama, lectura, ordenador e películas. Ou sexa, coma Deus! Non obstante, hai dúas cousiñas que boto de menos, moito de menos. O café, e non polo café en si, que o podo tomar na casa, senón por eses momentos nos que entras nunha cafetaría e saúdas con forza, cun sorriso luminoso, e falas, falas moito. Enténdese que adoitamos ir ás mesmas cafetarías de sempre, polo que xa nos coñecemos todos.
A outra cousiña é, como non, o fútbol. Porque co fútbol (neste caso que vou explicar, o de pago) saes e vas a esas cafetarías nas que saúdas amosas sorrisos e falas, falas moito, que, no caso deste deporte, en vez de falar discutes, alporízaste pero todos contentos e moi amigos. Pasas dúas horas ou máis divertíndote e vendo un deporte que, si, é de masas, pero gusta. Ata boto de menos, moito de menos eses partidos que proxectan nas canles televisivas que non son de pago e que adoito ver na casa. Pois incluso na soidade do salón gozo vendo principalmente ós equipos galegos e ó Huesca (todo hai que dicilo), porque neste xoga un tal David Ferreiro que seica é de Baños de Molgas.
O que non lle perdoarei nunca será ás televisións as súas programacións nocturnas. Non botan unha película con xeito! Tan só moi de cando en vez a 2 deixa caer algún que outro clásico. Pero as demais, as demais... nin compaixón deste encerro no que nos atopamos. Que menos que botar boas películas, ou polo menos de éxito, para que rematemos os días coa felicidade reflectida no noso rostro.

Finca Fierro. Sábado, 28 de marzo de 2020

viernes, 27 de marzo de 2020

HEROES DA PACIENCIA

Segue a corentena poñéndonos entre catro paredes para, de cando en vez, sentirnos heroes da paciencia. Somos heroes da paciencia! Como somos, por veces, criaturas que viaxamos por entre os versos de fantasías que se cumprirán. Cando chegue a fin dos encerros berraremos ben forte que resistimos con cacheira, con harmonía e con moita serenidade. Ningún bicho nos domeará, nos someterá nesta loita contra a sen razón. Porque somos heroes silenciosos que furgamos por entre as duras paredes do mal. O mal erradícase con paciencia e con orde, con moita orde. Somos a esperanza dun mundo ferido, dun mundo que se queixa, pero que loita e que acabará ganando esta guerra que nos acosa, que nos angustia.
Arrimaremos o ombreiro e, entre todos, flotaremos por entre nubes de rexouba para amosarlle ó mundo que sempre quedarán heroes. Estes, paso a paso, enlearán o desalento para metelo logo nun tubo de metal e cerralo hermeticamente. Non hai coma agarrarse á esperanza e que esta viaxe por entre as páxinas dunha odisea que foi, que é, pero que rematará. É certo que o tempo pasa lento, pero pasará e todo cambiará. Porque ten que cambiar. Ten que volver a rutina diaria. E aquelas olladas nas que se lía todo. Hoxe, estas, rexeitámolas con medo. Hai medo. Pero tamén hai a esperanza que latexa tras cada portal, tras cada habitación, tras cada silencio, tras cada separación. Porque nós, os heroes silenciosos, faremos que esa esperanza sexa toda unha realidade.

Finca Fierro. Venres, 27 de marzo de 2020