domingo, 3 de mayo de 2020

O ESPANTALLO ETERNO

Son o espantallo que asoma por entre a cortina do salón. Contemplo o horizonte e non vexo nada. Porque nada hai. Tan só está a claridade e o silencio. Tan só está o baleiro. Non vexo vida ningunha. Todo está morto. E se non erro son o único habitante do planeta. Porque levo xa días que non oio nada, que non vexo a ninguén. Non hai televisión porque xa ninguén asoma por ela. Penso que estou vivindo unha apocalipse. Quédame pouca comida. Cando a remate, non me quedará outra que saír e a ver que pasa, que acontece. Son o único e derradeiro habitante do planeta. E sígolle tendo medo a morrer. Sei que vou tardar en morrer. Síntome inmortal. Un espantallo, pero inmortal.
Deixo de contemplar o horizonte e sento nun sofá xa con algo de lixo. Teño todo o tempo do mundo para limpar, pero a nugalla é cabrona. Agora escoito música. Si, porque esta aínda a teño. Pero estou só, sigo só. A soidade é coma un alfinete que penetra pouco a pouco na pel da existencia ou coma unha lama morta que te espreme, suaviño pero con forza. Teño medo a que as bágoas queiran asomar pola miña cara de ferreiro. Porque empezo a botar de menos o ruído. Certo que, de cando en vez, xa noto que falo só, que lle boto unha reprimenda a algúns obxectos. Cada vez sorrío menos. Eu, que sempre me estaba rindo. É triste ser o único e derradeiro habitante do planeta. E son o espantallo que non sabe que facer ante tal situación. Ergo do sofá, ando polo corredor e ante un espello contemplo o reflexo dun espantallo eterno.

Finca Fierro. Domingo, 3 de maio de 2020

sábado, 2 de mayo de 2020

MESTURA DE ESTRAÑEZAS

A case dous meses do confinamento empezo a botar de menos varias cousas. En primeiro lugar están os famosos, malditos e queridos bares para poder tomar un cafeciño, e non polo café en si, senón polo ambiente, pola parola que supón o tomalo con xente coñecida. Boto de menos, por suposto, o fútbol; e tampouco polo fútbol en si mesmo, senón polo que comentaba dos cafés: o ambiente, a camaradaría. Estraño o ler andando. A proba é que, na casa, neste longo confinamento nunca lera tan pouco. Porque estaba máis tempo co ordenador ou porque ó ler na cama tenta o sono e ou me botaba a dar unha cabezada ou xogaba un chisco ó trivial. A maiores de que os dous últimos libros que pillara na biblioteca xa os tiven que ler amodiño para que me duraran algo máis. E aínda así tiven que botar man de libros que hai anos me mandaran por correo electrónico e que imprimira. Porque as miñas lecturas teñen que ser en papel, nada de dixitais nin de móbiles nin tablets nin rabo de gaitas. Tiven que saír todas as mañás por este periódico. Unha mañá non o fixen e aquel día case me poño enfermo, pois aínda que lle botara unha ollada na súa forma dixital, non che é o mesmo, non.
Outra das cousas que botei de menos, moito de menos foron as películas polas televisións. De 24 canles que podo ver (non me podo permitir o luxo das teles de pago), en todo este confinamento, non sei se vería unha ducia de películas con algo de categoría. E se non erro nos meus cálculos (levo un listado) vin 111. Á parte, iso si, de que esa ducia xa as vira, algunhas máis de tres ou catro veces. Ou sexa, que neste confinamento, que sería cando deberían proxectar auténticas obras mestras para entreternos, tan só botaron trapalladas e máis trapalladas. E moi repetidas. Porque hai canles que nos machacan unha e outra vez coa mesma película.
Menos mal que, pasiño a pasiño, empezamos a ver a fin do túnel. E alá, na súa boca, xa se aprecia, xa se sente e xa se ve a claridade dunha vida que, a moitos se lles arrebatou, e ós demais, case case. Emporiso, a base de sacrificios e con moita forza alcanzaremos, faltaría máis, esa boca do túnel. E máis alá dela estará a liberdade e a rutina. Si, a rutina, pero unha rutina bonita.

Finca Fierro. Sábado, 2 de maio de 2020

viernes, 1 de mayo de 2020

NON FAGO SOMBRA!

Cando quero perseguir a sombra que vai á miña beira, vexo con sorpresa que non hai tal sombra. Non fago sombra! Son delgadiño, pero algo de sombra debería facer, aínda que só fose un fío de negrura. Nada, non fago sombra. Empezo a angustiarme e a suar. Miro para arriba e vexo que o sol está no seu máximo esplendor. Dou uns pasos para adiante e para atrás, para un lado e para o outro e sigo sen facer sombra. Boto a correr, a ver se coa velocidade a sombra se desprende de min. Porque hoxe, co sol que vai, calquera obxecto ten que facer sombra. Non fago sombra, por Deus!
Encoméndome a san Romualdo e nada. Caio de xeonllos sobre o bulleiro do atallo e prégolle á santiña dos Milagres e tampouco nada. Intento calmarme cando sento sobre unha parede dos Poulos e deixo que o son das augas do río Arnoia cheguen con temperanza e parsimonia ós meus oídos, pecho os ollos e concéntrome no silencio do ruído (lembrade que no ruído tamén existe silencio) para, ó abrilos, buscar con calma e sen ansiedade a miña sombra. Sigo sen facer sombra. Non me queda outra que deixar escapar as bágoas. Lágrimas de impotencia e carraxe, lágrimas de tristura e desconsolo. Algo non vai ben; todos facemos sombra. Eu non fago sombra! Desde os Poulos volvo a correr cara á Baños de Molgas. Ó chegar á casa subo á habitación para meterme na cama. Acendo a luz e a miña sombra longa e, iso si, delgadiña atravesa a cama e sobe pola parede. Agora choro de felicidade e durmo coma un santiño.

Finca Fierro. Venres, 1 de maio de 2020

jueves, 30 de abril de 2020

TÚNEL SEN CURVA

Revolvo a cabeza, miro para atrás e vexo o ceo gris. Ameaza chuvia. Poida que chova ou poida que non. Máis seguro que chova. Escoito o “Cristo redentor” de Donald Byrd. É 30 de abril, ese mes que nos quitaron. Como a Joaquín Sabina. Pero é igual; mañá xa é maio. O mes das flores e, din, que das burras saídas. É xoves pola tarde e o bulebule das gallas dunha árbore dáme a entender que vai aire. Por iso digo que choverá. Porque despois do aire sempre asoma a chuvia. A natureza é sabia. Perdín a conta tamén dos días que levamos confinados. Pero tamén xa dá o mesmo; pouquiño a pouquiño xa estamos vencendo ó bicho. Agora xa é Leonard Bernstein o que asoma co “Prologue” da película “West Side Story”. Por certo, aquí titulárona “Amor sen barreiras”. Que terá que ver este co orixinal!
Dicía que empezabamos a ver a fin do túnel. Confío en que este carallo -o túnel- non teña alá no fondo unha curva. Próenme os ollos e ráñoos un chisco. Sempre hai que rañarse onde proe ou onde pica. Non sexamos parvos de aguantar a dor; sempre hai que evitala como se poida; se é rañándoa pois rañámola. O lugar onde pica, non outras cousas. Seguro que haberá alguén que colla polo camiño que non é. Quédanlle poucas horas ó mes que nos roubaron. Quen o ía dicir! Roubarnos dous meses de vida... A ver se polo menos aprendemos un pouco a lección. De quen aprendo é de Simon e Garfunkel con “The Boxer”. Ouh, que marabilla! Vaise o abril e entra o maio, a fin do túnel, do buraco, da negrura.

Finca Fierro. Xoves, 30 de abril de 2020

miércoles, 29 de abril de 2020

DÁNDOLLE A RAZÓN A SABINA

Poño que é mércores 29 de abril para saber en que día vivo. Nesta época que estamos vivindo, moitas veces teño que pensar intensamente para situarme no día exacto. Boto man dun calendario e de que me vale se non sei que día estou buscando. Que importa que sinale tal ou cal día se non sei se é martes, mércores ou xoves. E iso que non debería ter moitos problemas a este respecto, pois son deses que datan moitas cousas: se vexo unha película (e practicamente véxoa todos os días) levo un listado no que anoto o día, a canle e se a vin en versión orixinal subtitulada; levo algo así coma unha axenda ou diario no que vou día a día anotando o que haxa que anotar; e practicamente veño escribindo algo todos os días para este xornal no que, cando gardo os escritos para min, anoto onde os escribín e a data. Ou sexa, que debería non errar nunca na busca do día no que vivo. Pois hoxe tiven que pensar moito e preguntarlle a un fillo cando estabamos xantando se era mércores ou non.
É mércores, 29 de abril. Non queda outra que darlle a razón a Joaquín Sabina; que este ano roubáronnos o mes de abril. E a primavera no Corte Inglés. Non somos ninguén! Eramos felices e non o sabiamos. Non obstante, esta felicidade axiña volverá á nós. Como volverá a rutina á nosa vida e con esta non queda outra que programarse (estes días tan só nos programamos para asistir ás cociñas, ós salóns e ós dormitorios), e xa programados, que remedio queda en botar mellor man do pensamento para saber en que día vivimos.

Finca Fierro. Mércores, 29 de abril de 2020

martes, 28 de abril de 2020

ENTRE PASADENA OU BERKELEY

Raspado en matemáticas, suspenso en relixión, cero en conduta. A miña vida, así, non pode ser produtiva. Non me queda outra que marchar, que emigrar. Teño que optar entre Pasadena ou Berkeley, en California. Alá penso estudar Filosofía e Letras. Filosofía para inmiscirme, entremeterme no pensamento filosófico de Donald Trump e Letras para analizar as súas frases ó estilo de Mariano Rajoy, xunto coa análise química da lixivia. Sei que Estados Unidos dá moito de si. E Donald Trump é coma un libro aberto para examinar. Espero, confío e desexo que ós ianquis non lles importe nin lles altere moito a miña conduta. Son recatado por natureza, pero ás veces, algunhas veces confundo os cables do meu cerebro e intento conectar o azul co vermello. “La cagaste, Burt Lancaster”, como diría aquel.
Mentres preparo a maleta, opto por ir a Pasadena. Non sei, semella que a palabra é máis nosa que Berkeley. Por veces son así de raro, ou de ridículo. Noto un presaxio e, zas, xa está, isto fago ou para alá vou. Cando pise terra ianqui soñarei co Gran Canón, coa Ruta 66 e co Monument Valley de John Ford. A ver, tampouco é coma para poñerme a estudar ó momento. Os raspados, suspensos e ceros non se acadan polas ansias de estudo, todo hai que dicilo. Primeiro farei un pouco de turismo e logo, si, despois de dous ou tres meses, metereime a fondo na análise filosófica do remuíño cranial de Donald Trump. Este penso que dá para un bo estudo, para unha tese polo menos. Collo o avión e marcho a examinar a psicanálise ianqui.

Finca Fierro. Martes, 28 de abril de 2020

lunes, 27 de abril de 2020

SOMOS OS MESMOS QUE...

Somos os mesmos que gabamos á maioría dos colectivos que están a loitar contra a pandemia do coronavirus e os que, nos primeiros días, asaltamos os supermercados, polo que deixamos a moita xente deses colectivos sen produtos básicos. Somos os mesmos que aplaudimos a rabiar e, ó mesmo tempo, deixamos letreiros nos portais ameazando principalmente ós sanitarios que viven nel. Somos os mesmos que pedimos a berros que saian os nenos das casas e ó facelo, andamos como Xan polo outeiro ou como o cura pola igrexa, sen respectar normas nin rabo de gaitas.
Somos os mesmos que traemos en andas ás forzas da orde e ás que lles lanzamos insultos a darlle cun sacho cada vez que nos multan... porque a culpa sempre é deles. Agora mesmo loámolos, admirámolos e querémolos pero cando nos cruzabamos ante un radar disimulado, avisabamos a outros condutores dándolle as luces para que non caesen na trampa deses malditos (paréntese para dicir que nunca avisamos ós condutores polo ben destes, senón por amolar ós de Tráfico). Somos os mesmos que criticamos ó Goberno, sexa do partido que sexa, cando toma medidas drásticas; que se por que non o fixo antes, que se por que o fai pois ó mellor non é para tanto, que se arre que se xo. Somos os mesmos que saímos ós balcóns para dar forzas ante esta situación é, ó momento, saímos á rúa para ir dun lado para o outro mercando unha cousiñas aquí, dúas alá e tres acolá. Á hora da verdade, somos a hipocrisía feita realidade.

Finca Fierro. Luns, 27 de abril de 2020