miércoles, 3 de junio de 2020

SENTADA NUN BANCO

Apóiome contra un vello carballo que hai á beira do camiño e respiro fondo, respiro profundo. Esvaro amodiño e sento ante a sombra do tronco. Deixo que os folgos se acomoden ó compás do tempo. Nun instante, alzo a mirada e véxoa; un pouco ó lonxe, pero alá está. Sentada nun banco de madeira, con patas de ferro. A muller ten o brazo dereito descansando sobre o tamén brazo dereito do banco. Os esquerdo esténdeo sobre o respaldo traseiro. Sorrí cun sorriso inmaculado. Non sei a quen, pero sorrí. Ela a min non me ve. Detrás dela e do banco hai un pequeno tanque cunha pouca auga de cor verdosa, quizais polo reflexo das matogueiras e das árbores que o arrodean.

Ela, a muller, é guapa. Ela, a muller, viste unha blusa azul ceo e por enriba unha cazadora vaqueira; pantalóns axustados negros; zapatillas brancas e anteollos ós que non lles distingo a cor. Xa digo, estou un pouco afastado. Pero esta distancia non é quen de que deixe de apreciar unha certa auréola de fermosura que se ve, que se nota, que se sente. Ela, a muller, descruza as pernas e fai un intento de incorporarse, pero dubida e volve botar o corpo para atrás. Cando as súas costas premen sobre o respaldo do banco, volve sorrir. Sorrí cun sorriso tan aberto que a súa dentadura deixa escapar unha brillantez tal que abraia, que cega. Ela, a muller, xira un chisco o corpo e contempla o tanque da auga. No seu movemento noto un estremecemento que me corta incluso un chisco a respiración. Abrázome ás pernas e volvo respirar profundo. Ergo e marcho para non perder o meu rumbo, para non botarme a perder.


Finca Fierro. Mércores, 3 de xuño de 2020

martes, 2 de junio de 2020

O MOMENTO DE SAÍR

Desexando que chegue o momento de saír. Teño medo que me caia a casa encima. Sería un desastre, unha perda moi grande. Pola casa, non por min. Eu, á hora da verdade, son coma un lixo nun ollo. Ou como unha peneira, á que bambean ó seu antollo. Sei que me deixo abanear, pero non teño forma de evitalo. Hai circunstancias na vida nas que o silencio apaga os berros e nas que os berros afogan ante a indiferenza ou ante o desdén. Non obstante, non me vencerán tan facilmente. Ata son capaz de rexurdir dos cascallos. Porque, cando quero, a miña forza de vontade é moita. E que ninguén me tente porque boto a correr coma un lobo e póñome a oulear debaixo dun balcón. A verdade é que teño ganas de oulear polo que foi, polo que é e polo que será.

Ata case prefiro morrer esmagado por un simple balcón que por unha casa en condicións. Ás veces un é feliz con pouca cousa. Pero mentres non morra nin esmagado nin enterrado baixo pedrullos, intento recoller todo o que teño espallado pola mesa porque estou desexando que chegue o momento de saír. Quero ir tomar o aire. Sinto que abafo ante a ansiedade de querer o que non se ten. Ou o que non me dan. Sinto que necesito correr e buscar e latexar e matar o silencio berrando. Berrando coma un lobo doente. Aínda así recollo con parsimonia mentres a miña memoria debuxa sobre as miñas entrañas un sorriso que alegra, ou que mata, ou que dulcifica. Porque hai sorrisos que son eternos e divinos. Chegou o momento de saír. Saio coa felicidade petando, batendo no meu peito.


Finca Fierro. Martes, 2 de xuño de 2020

lunes, 1 de junio de 2020

DÁME CINCO MINUTOS

Teño cinco minutos para dicir que o sol aperta, que entrou o mes de xuño e que acaba de cantar Sarah Vaughan. Cinco minutos nos que un sapoconcho pouco pode avanzar, pero se quere avanza; nos que unha lebre si pode percorrer uns centos de metros, tamén se quere, claro. Hai lebres que se quedan quietas. Como as persoas. Hai persoas que en cinco minutos arman unha revolución ou quedan tombadas coa nugalla sobre a súa alma, sobre o seu espírito. En cinco minutos un espírito esperto pode abarcar toda unha vida de felicidade.

“Dáme cinco minutos”, díxolle aquela a aquel. E aquel colleu camiño dos sentimentos, deses que moitas veces van e veñen por entre as carballeiras dunha novela barata. Por certo, ollo ó dato, as novelas baratas son as que máis enganchan. Aquel, ó pasar polas carballeiras, collía de aquí e collía de alá algunha que outra flor de toxo. A flor de toxo é bonita. A flor de toxo é amarela. A flor de toxo é nosa. A flor de toxo sentaba ben nas mans daquela. Porque aquel ofreceulle todo un ramo a aquela. Que bonito. Dáme cinco minutos. En cinco minutos, o tempo fíxose sempiterno. Sábese ben que, en certas circunstancias, cinco minutos dan para moito. Como tamén se sabe que eses mesmos cinco minutos, noutras circunstancias, non alcanzan nin para un pobre suspiro. E hai suspiros que enchen toda unha novela... das caras. En cinco minutos tamén asoma a música de Vangelis e con ela podes percorrer o carreiro da ilusión. Desa ilusión que te deixa feliz e contento, pero sen ningunha medida do tempo. Porque este, ás veces, pode ser eterno ou efémero.


Finca Fierro. Luns, 1 de xuño de 2020

domingo, 31 de mayo de 2020

PORQUE NADA SON

Dulce Pontes di en “Lela” que lle dea alento coas súas palabras, que lle dea celme do seu corazón e que lle dea lume coas súas miradas. A iso pódeselle chamar moi perfectamente amor. Eu, vaia por deus, non lle podo dar nada. Porque nada son. E aínda que sinta, todo cae no baleiro máis inmenso dunha soidade infinita, eterna e enferma. Entón só me queda o navegar por entre unhas palabras que non sei ler ou quizais aínda mellor que non sei pronunciar. Só me queda apertar o meu corazón para que non estoure de ansiedade e deixar caer a mirada sobre un inferno, sobre un abismo baleiro e, por que non, inútil.

Non queda outra que conformarse con procurar as migallas que vaian caendo por entre as touzas dos sentimentos. Quen máis quen menos solta folgos que outros queremos. Así é que busco e rebusco algún que outro verso para engadir ó meu poema de amor; de cando no silencio unha palpitación de ansiedade enche o meu peito ou de cando nas noites escuras de inverno os meus soños flúen, discorren polas corredoiras dunha canción, quizais a de “Lela”. Quedo quietiño sobre a almofada do tempo. Aquela na que apoio, na que recosto a aspiración dunha vida chea de desexo ou de anhelo. Remata a canción de Dulce Pontes e asoma o infinito ante os meus ollos. Ese infinito que nada ten, que nada amosa, pero no que creo. Ese infinito polo que non perderei a esperanza e polo que intentarei encher o baleiro con espellos que reflicten as palabras, os latexos e as miradas da canción.


Finca Fierro. Domingo, 31 de maio de 2020

sábado, 30 de mayo de 2020

DO QUE NON ENTENDO

Aguantei coma os heroes. Aínda aguanto coma os heroes. Que en todo o confinamento e en todo o que vai de desconfinamento non falei para nada de política. Nin aquí nin polas redes sociais. Por estas xa hai moito tempo que non falo. Porque axiña descubrín que cada quen barrena como pode. E tanto na política coma no fútbol somos moi cerrados. Así é que como sei que non vou convencer a ninguén e tampouco me vou deixar convencer, a mellor solución é non meterse en camisa de once varas ou meterse ó mar sen roupa de augas, que é o mesmo. Non quero perder amizades polo valor dunha palla ou por unha mexericada, que tamén é o mesmo. Todos sabemos ou polo menos deberiamos saber que a política é moi traidora. Agora mesmo ata creo que o fanatismo por esta quítalle o posto a aquel fanatismo que houbo sempre polo relixioso. As relixións foron sempre as maiores propulsoras das guerras. Coidadiño entón coa política. E moito coidadiño coa nosa política. Non é a primeira vez que confeso que en calquera momento véxome en Portugal. Algúns ata poida que pensen que son algo pesimista (eu, que sempre tiven o optimismo bailando sobre o meu peito), pero vense e escóitanse detalles e cousas que non queda outra que pensar que isto pinta moi mal. Aínda estamos a tempo de rectificar.

Onde xa non hai rectificación son nas eleccións galegas. O noso presidente Feijóo anunciounas para o 12 de xullo. Vendo a situación e caendo na conta de certos pormenores dáme non sei que de que isto cheira mal, ou mellor dito, de que isto semella máis un “pucheirazo” ou fraude electoral que unhas auténticas, necesarias e legais eleccións. A non ser que foramos moi listos e que, con heroicidade, fixésemos que a Feijóo lle saíse a galiña choca ou que lle saísen as contas furadas, que segue a ser o mesmo. Certo, pedir isto nesta nosa Galicia é como falar para a feira. Pero, sabedes, aquí pásame o que comentaba ó principio: que eu xa sei quen son os meus e nin mitins nin acareos nin campañas me van convencer que vote por outros. E os que voten mal, que vaian logo a confesarse e a esbardallar ós bares, que aquí todos somos uns santos e ninguén meteu os pés na argola ou os pés polas mangas, que, vaia, tamén é o mesmo. Perdón por falar do que non entendo.


Finca Fierro. Sábado, 30 de maio de 2020

viernes, 29 de mayo de 2020

FOLIOS EN BRANCO

Coloco ben os folios e fago un paquete con eles. Os folios están en branco. Todos están en branco. Penso enchelos con palabras de orballo e con tinta de folgura ou de desafogo. Escribir, ás veces, libera a alma. Tamén o espírito, si. Para algúns, escribir é coma refuxiarse na covardía dun desexo. Por veces, non queda outra. Escribir tamén é percorrer un camiño cheo de atrancos; cada palabra chouta sobre un obstáculo, cada liña sobre un impedimento e cada parágrafo sobre unha prohibición. Por certo, a escritura debería ser libre. Ten que ser libre! Sen liberdade nunca alcanzaremos o edén dos soños, o paraíso da realidade.

Xa enchín unha ducia de folios; con palabras cuspindo unha ansiedade platónica que está aí, día e noite, eterna; con palabras que, algunhas veces, confunden pero tamén con elas clareamos o sen sentido do pensamento. E aínda que ás veces non nos saibamos explicar ben, seguro que cando cheguemos ó punto final todo quedou resolto, grazas á procura dunha boa colocación desas mesmas palabras que nos confundiron, que nos enganaron. Sabedes que hai palabras, moitas palabras con dobre sentido. Sigo collendo folios en branco para escribir sobre o alento dun encontro e sobre a boaventura dunha presenza. Porque hai sombras que se pegan e que nos levan ata o oasis da felicidade eterna. Un cento de folios xa están escritos. A covardía asomou logo de darlle a un teclado e logo de deixar caer pingas de orballo, estas pingas de orballo que xa serán inmortais. Hai sentimentos que hai que acochalos e arroupalos entre as liñas dun papel escrito.


Finca Fierro. Venres, 29 de maio de 2020

jueves, 28 de mayo de 2020

LUME QUE QUEIMA

Quero escapar do lume que me queima e só teño a opción de soprar para avivalo máis. Serei pasmón! Non obstante, tiven a opción de lanzarme de cabeza ó río Arnoia e, nel, para máis aquel, case afogo. Vou de mal en peor! Así e todo, vin como as lapas da conciencia bailaban por enriba da auga esperando a que asomase a cabeza. Maldita sexa! Tiven que facer de tripas corazón, aguantar a respiración e facer unha transfusión de aire cunha tartaruga ou sapoconcho que vin entre as carrancoñas dun amieiro da Pitediña. Por varias veces, por certo.

Porque as lapas do lume que me quería queimar non se apagaban. Eu ben sei que me querían chamuscar coma un porco no San Martiño. Pero de algo me ten que servir o saber como circula a mente polos perendengues dos soños e o desexo polas asaduras da alma. Alguén dirá que non teño alma ou que non preciso ningún anhelo. Eu ben sei en que fregado me meto. Ninguén me vai dicir que colla o camiño dos Poulos se eu quero ir polo carreiro do Piual. E non me fagades berrar polos sentimentos que levo dentro! Porque non teño ningún impedimento en deixarme abrasar mentres berro. As lapas semella que se van e pouco a pouco ergo das augas do Arnoia. Acordo, e somerxo de novo para darlle un bico na coiraza á tartaruga. Porque é de mal nacido non ser agradecido. Mais eu, por agora, son un corazón que se tende sobre a alfombra azul dun amor e sobre o branco sorriso dun agarimo. Marcho coa ollada perdida e cun pequeno asubío asomando polos meus beizos.


Finca Fierro. Xoves, 28 de maio de 2020