martes, 11 de agosto de 2020

POESÍA DE CAPA CAÍDA

Cando estaba escribindo uns versos, alguén me dixo que o deixase, que eu non era poeta. Mireino de esguello, mirei o que estaba escribindo e tiven que darlle a razón. Eu non son poeta. Tan só escribo sobre o bambán da miña vida, que vai e vén por entre uns palleiros dunha aira e por entre os canastros dunha infancia. Por veces sento á sombra dun amieiro, á beira mesmo do río Arnoia, e penso que a rula aniña no celme dun poema, do meu poema. E aínda que eu non sexa poeta. Volvín mirar de esguello a ese alguén e rompín os versos. Marchei só, a consolarme dunha realidade que non sei recitar. Ás veces chégame con contemplala e deixala pasar.

Tamén non sei quen me dixo que me conformaba con pouco. Normal, do pouco ó nada vai algo; pouco pero vai. Se pido moito e non me dan nada, e mellor logo conformarse coas migallas. Quizais por iso estaba a escribir versos. Porque son algo así como migallas daqueles namoramentos da infancia. Quen non se namoraba! Quen non escribía versos! Certo, na infancia. Agora, agora tan só toca escribir sobre o ruxerruxe dun latexo ou sobre o asubío dun anhelo. Pero non podo facelo en verso, para que ese alguén non me diga que non son poeta. Non son poeta; tan só recito os meus sentimentos. Sentimentos que escribo segundo me achego ata a Ponte das Cabras, lugar no que contemplo a unha troita correndo polo río arriba. Eu estou mirando para abaixo. A miña poesía está de capa caída ou de canga baixa. Volvo mirar de esguello a ese alguén e dígolle que o meu poema é coma un queixo cheo de buracos.


Finca Fierro. Martes, 11 de agosto de 2020

 

domingo, 9 de agosto de 2020

INCHANDO O PEITO

Incho o peito e deixo escapar un suspiro... longo e auténtico. Porque vexo, alá ó fondo, a esperanza colgada da galla dun piñeiro. Está moi alta; pero todo o que semella a imposibilidade de algo, adoita estar afastado das ansias de cada un. Por veces, síntome a Perla Negra sucando os mares polos que as ondas van e veñen coa bravura mesma dun desexo ou coa coraxe dun anhelo.

Incho o peito e reteño o aire durante un tempo. O suficiente como para que circulen ante os meus ollos aqueles momentos ou instantes nos que a miña vida se volveu apta para poder soñar. E soño cos dixomedíxomes dun encontro ou incluso dunha mirada. Porque hai miradas que din máis que mil palabras. E soño con finxir unha realidade que non chega e que, quizais, nunca chegará. Pero sei agatuñar polo tronco do piñeiro para abrazarme á esperanza colgada da galla. Din que non hai nada imposible. Sei que é moito dicir, pero...

Pero incho o peito de novo e, tras uns segundos, deixo escapar os recordos que se acumularon dentro. Poucos pero suficientes para conservar unha historia que foi, que é e que espero que siga sendo. Certo que a vida dá tantas voltas. Si, como unha buxaina. E se non hai peón, a monotonía asenta nese peito no que acocha un corazón amorfo. Non hai peor cousa nesta vida que un corazón que non sente, que non latexa.

Incho o peito e quero conter o aire. Cando empezo coas boqueadas, abro os ollos, abro a boca e deixo que as ilusións volvan ser donas e señoras da miña existencia.


Café Kibu de A Valenzá. Domingo, 9 de agosto de 2020

 

CRUEL, PENOSO E ANGUSTIOSO

Semella que a calor non abafa tanto. Ó mellor porque é domingo e Deus quere que teñamos a festa en paz. Ou sexa, que a suor non colgue polo noso pingallo. Mentres escoito un tema de amor que o gran Ennio Morricone compuxo para a película “Érase unha vez en América” podo dicir e digo que os españois seica tiramos cada día 3.700 toneladas de alimentos, segundo información deste propio xornal. Agora mesmo, se un neno africano (ou sen ser neno) le isto, é normal que se lle vaia a alma ós pés. A min non me quedou outra que dicirlle á muller: escoita, escoita; e linlle o titular. Iso é o mesmo que quedar así como medio fundido. Porque non é tan só que pense na estupidez humana, senón que, non hai moito, un servidor, non é que pasase fame; pero comía mal. Porque comía tan só aquelas catro ou cinco cousas fixas. Xa teño dito que produtos de tenda, nada de nada.

E agora vexo como, efectivamente, se tira moita comida, demasiado comida. Adoito ser eu o que recolle a mesa e sufro cando vexo que algún prato se dirixe cara ó cubo do lixo; porque eses restos aínda daban para unha boca. E iso que son dos que non me importa comer as sobras dun día para outro ou durante varios días. Se aínda tivese animais... Pero como non os teño e ver como certa cantidade de comida acabará nun contedor de lixo... ufff, hai que ter un pouco de aguante. Será mellor escoitar a John Lennon co seu “Imagine” para que a música me evada un pouco dun tema cruel, penoso e angustioso. E a seguir coa fartura aniñando na nosa vida.


Finca Fierro. Domingo, 9 de agosto de 2020

 

sábado, 8 de agosto de 2020

VIVIMOS COMA GALEGOS

Os galegos somos especiais. Hai un galego na lúa. Non sabemos se subimos ou baixamos. E agora, para máis aquel, somos os que máis gastamos en roupa, sanidade, alcohol e tabaco. E somos os que menos cartos lle dedicamos a comer fóra e viaxar. Ante isto, non queda outra que analizar mellor o asunto. E tal asunto está todo baixo o prisma da sanidade; pois vestimos ben para ir “ó médico”. Bebemos augardente e licor café a darlle cun sacho, que, transcorrido un tempo, lévate a un médico, a un hospital. Fumamos coma carreteiros, que, tamén co tempo, hai que desintoxicar eses pulmóns con tratamentos sanitarios.

Non comemos fóra para aforrar e así poder pagar con folgura, con desafogo a Seguridade Social. Ou para ir ós médicos de pago, que adoitan ser os mesmos que os da Seguridade Social, pero seica atenden mellor en consulta privada que na pública. Os galegos, como se ve, tamén somos desconfiados e, ó mesmo tempo, listos. E non viaxamos porque... para onde imos? Se nos afastamos moito da casa igual nos moven os marcos. Se imos lonxe, podemos enfermar e non son os mesmos médicos os de alá que os de acá. Os cataláns serán agarrados, pero nós somos aforradores. Polo que poida pasar. Ata aforramos para que nos enterren ben; non vaia ser que só nos canten os responsos dous ou tres curas. Hai que ostentar incluso despois de mortos. Así é que, esa publicidade de “vivamos coma galegos” ata poida que leve razón; que vivimos e bebemos coma Deus (sen saír practicamente da casa) ata que nos atopamos coa sanidade.


Finca Fierro. Sábado, 8 de agosto de 2020

 

O PAÍS DO ESPERPENTO

O rei emérito deulle sebo ós pés ou marchou coma quen leva o demo detrás. Non obstante, o Goberno di que nun fuxe de nada. Eu recalco o de nada. Marcharía porque si, porque aquí non sería feliz. Aquí vivía escravizado... da súa familia, da nosa situación, da nosa xustiza. Principalmente desta, pois de todos é sabido que a xustiza sempre, eh, sempre é igual para todos. E na nosa España moito máis. Outros deféndeno con unllas e dentes; ó rei emérito, a toda a familia real e a toda a monarquía. Non lles importa que a esta lle corresponda un presuposto que, por exemplo, deixa de ir para educación ou sanidade ou cultura. Aquí, todos a chuchar do teto da vaca ou comer da ola grande. Ademais, se temos un Goberno para que queremos unha sombra? Aquí todo vai a pares: Estado-Autonomías; Goberno-Monarquía; Deputacións-Concellos. Non queredes caldo?; tomade dúas cuncas. Non nos importa que nos metan as mans nas carteiras; o caso é ir con quen ordena.

Agora preocúpanos máis onde pode estar o rei emérito que o de seguir tendo practicamente as mesmas consideracións que tiña antes de fuxir. Pobriño, a ver se lle vai pasar algo. A ver se non vai ter con que vivir ben na República Dominicana, por exemplo. Ou a ver se non pode cazar elefantes.

Ah si, que tamén nos deixa un problemón do carallo: que a ver que facemos agora coas rúas e parques e pavillóns e centros sociais ou deportivos ou benéficos que levan o seu nome. Que se o rei emérito nos saíu peixe ou un bo merlo, haberá que facer un borrado de memoria polas localidades de toda España. E todo porque somos ineptos á hora de nomear as rúas e lugares, cando todos os sitios teñen xa o seu nome desde que o mundo é mundo. Somos moi propensos a cambiar segundo a comenencia. De todos é sabido que o ser humano baila ó son que lle tocan e de que moitos non somos o que parecemos, que todos levamos o demo dentro. Non vale ser heroe hai uns días, cando hoxe es un malnacido. Non che poden levantar un monumento por un simple acto, cando, despois, metes os pés polas mangas cada dous por tres e baixo os teus intereses, claro. Así é que non queda outra entón que... a borrar o escrito, a desfacer o feito. Somos o país do esperpento.


Finca Fierro. Sábado, 8 de agosto de 2020

 

viernes, 7 de agosto de 2020

O DEMO NA MOTO AMARELA

O demo quixo mostrarse detrás dos canastros da Aira do Forno, pero cando me viu optou por coller unha moto amarela que estaba por debaixo dun cabaceiro e fuxiu coma can con vincha ó rabo, ou marchou coma o peido do cu (que vén sendo o mesmo). En resumidas contas, que me colleu medo. Podo ser auga mansa ou mosca morta (que tamén é o mesmo), pero cando poño cara de ferreiro ou de acelga ata Superman me ten medo. E non son Deus nin levo unha capa que faga voar polo ceo de Baños de Molgas.

Cando intuín que o demo non volvería, sentei ante un dos pés do primeiro canastro, mirei para o forno, que o tiña á miña dereita, e pensei naquelas tardes noites nas que cociamos o pan centeo na década dos sesenta e setenta. Case sempre era o mesmo: oito pans para toda unha semana. Pois non estaban os tempos para quentar o forno cada dous ou tres días. Porque para quentar o forno facía falta un bo mangado de leña. E a leña, nesa época, non abundaba como abunda agora. Podedes imaxinar entón como estarían os derradeiros pans. Creo que nin o demo sería quen de lle meter o dente. Nin cos cornos conseguiría furar o oitavo pan. Non era de estrañar entón que, ás veces, houbese que meter na auga un codelo de pan. E case sempre se lle migaba ó caldo ou a calquera potaxe. E non tan só para que absorbese a graxa, senón para que abrandase. A culpa era do demo, que seguro que se alegraba, que se congratulaba da nosa miseria. Menos mal que escapou na moto amarela, que se non vaia se se atoparía coa miña cara de acelga.


Finca Fierro. Venres, 7 de agosto de 2020

 

jueves, 6 de agosto de 2020

A AGULLA NO PALLEIRO

Déixome levar polo refacho de vento que me empurra ata o infinito e máis alá. Máis alá está o desexo prohibido dun compromiso que non é e que nunca será. Nunca será nada o que se soña co imposible. Imposible non debería haber nada; nin tan sequera os sentimentos rotos, os sentimentos que alguén fai que bambeen dunha negativa a un rexeitamento. Rexeito a imposibilidade dunha relación. Dunha relación que flúe por entre as liñas dun relato e os parágrafos dun conto. Conto que a vida sorrí cando todo vai ben, que cando vai mal o sorriso conxélase nun simulacro de reacción. Reacción é o substantivo que poñemos ante unha resposta de cando nos fixeron unha pregunta que non sabemos contestar.

Contestar sen saber é como buscar a agulla no palleiro ou como instalar a trinta elefantes sobre a tela dunha araña, tan só para mirar se aguanta. Aguanta a intensidade da axada de vento, porque xa me vexo apartado das galaxias máis afastadas dese universo sen fin. Ese universo sen fin es ti. Ti es a nube branca que pasa e o raio de sol que queima, es o pomo da porta e a tecla do ordenador, es o infinito do que non ten fin e a sombra que me acompaña, es a ollada que se perde por entre os amieiros do río Arnoia e o xemido que se deita sobre a colcha verde dun lameiro. Dun lameiro que hai polo Río Vello e no que as miñas tardes se facían eternas ata que non levaba as vacas para Barricobos, onde alí andaban ás súas anchas e eu xogaba co Uriarte, o can que foi dono, señor e amigo da miña infancia. Infancia que foi e nunca máis volverá.


Finca Fierro. Xoves, 6 de agosto de 2020