miércoles, 7 de octubre de 2020

POBRES IDEAS

Ai que demo, que non me sae nada! Refrego a fronte con forza por se as ideas están algo atrofiadas ou medio conxeladas e, coa calor, a ver se espertan; pero me parece que nada. Demo de cabeza a miña! Seguirei a botar man da música, que sempre saca a un dunha apurada. Vaia!, pois non me vai tocar escoitar o famoso “Thriller”, de Michael Jackson. Este anima a calquera. Todo un clásico xa da música. Logo, para máis aquel, con ese videoclip que resucita ós mortos. Ata case me está resucitando o que non me saía. Tampouco é que saia gran cousa. Polos berros que estouran polos meus auriculares, xa andan os zombis de Jackson facendo das súas.


Sigo a r
añar na fronte por ver se sae algo máis. Non sei, ver unha matrícula de coche que me emociona porque creo coñecela ou contemplar un paxaro que voa por entre os lóstregos dunha tormenta. Lóstregos. A verdade é que eu sempre lles chamei alustres ou chispas. O de lóstregos... non sei, quizais porque é certo que é unha palabra que me gusta; é potente, rápida, seca. Si, coma un suspiro. Da miña fronte, se a sigo friccionando, tamén pode saír a imaxe dun sorriso que brilla na distancia, un deses sorrisos que son melancólicos coma os asubíos. Xa sabemos todos que un asubío se o colle Ennio Morricone é moito asubío. E mirade que eu asubío ben, principalmente cando hai néboa, pero ante o mestre Morricone quítome o sombreiro. Será tamén melancólica a néboa? Deixo de refregar a fronte porque algo xa saíu. Pobres ideas, pero... que me encheron un Pingas.


Finca Fierro. Mércores, 7 de outubro de 2020

 

martes, 6 de octubre de 2020

A SOMBRA QUE NOS ACOMPAÑA

Cos ollos a piques de caer vencidos á primeira hora da tarde, deixo que o corazón busque a nostalxia daqueles días que foron e, por que non, que poden incluso volver. Porque xa se sabe que o tempo pasa e que todo cambia. Do bo pasamos ó malo e deste volvemos ó bo. É lei de vida. Así, os recordos tamén veñen e van por entre o beiril dun balcón e ante a luminosidade do reflexo dun espello. Como dicía aquel, sempre nos quedará a sombra que nos acompaña ou a saba que nos abraza. Cos ollos xa vencidos deixo que os soños se acomoden sobre a herba verde dunha soidade que, co tempo, botará a correr.


Porque hai soidades que espertan e espállanse polas contornas da algarabía. Sei que a confianza asomará por entre as estrofas da novela ou os versos do poema, por entre os piornos das Costelas ou os codesos das Veigas. Agora que cada un lle busque tres pés ó gato ou que lle cate a alguén as pulgas.
Porque os gatos miañan e as pulgas saltan. Pasa o tempo e os soños bambean a conciencia dun sentimento; daquel que queda atado ou pexado a uns meses nos que a felicidade bailaba, por exemplo, sobre o niño dunha rula. As rulas voan e van desde as silveiras do Río Vello ata as matogueiras do Caneiro. Tamén os soños van e veñen polos días nos que un sorriso o dicía todo e as palabras quedaban colgadas sobre a cor vermella dunha esperanza eterna. Agora toca esperar a que o tempo siga pasando para que unha nube branca, ou mellor aínda, unha perla negra carrexe ou leve ou transporte a ilusión de todo un conto.


Finca Fierro. Martes, 6 de outubro de 2020

 

lunes, 5 de octubre de 2020

Á NOSA COMENENCIA

Cando se iniciou isto da pandemia do coronavirus empezamos a baduar contra os de Madrid porque se viñan para as aldeas e podían traer consigo ese bicho tan temido. E parecíalles mal. Agora son os de Ourense os que empezan a desprazarse para os concellos da contorna a tomar algo, porque na cidade xa non poden facelo con persoas non convivintes. Despois, claro, non asumirán moi ben que falemos mal deles. Estou seguro que lle sentará moi mal a crítica a un uruguaio que padeceu o Covid-19 e que apareceu neste mesmo xornal o pasado domingo confesando que lle parecía que as medidas que se tomaron na cidade eran insuficientes. E o paisano, sen andar con días santos ou sen torcer o rego, para escapar delas, achégase ata A Valenzá cuns amigos para instalarse nunha terraza a vivir a vida. Que máis dá se se contaxia alguén!.


Como dicía
un coñecido meu polas redes sociais: hai que ter uns collóns cadrados para dicir iso e ir tocar o nabo a Barbadás. Entendo que os hostaleiros estean contentos porque na fin de semana seica aumentou a clientela con inconscientes coma ese uruguaio. Non sei que dirán cando, ó mellor, nuns días xa nin tan sequera os propios veciños poidan saír a tomar algo porque chegou a orde de pechar todo de novo, pois coa marcha que levamos (empurrada pola inconsciencia de moitos) non tardaremos en atoparnos con restricións e máis limitacións. Ía dicir que somos uns inconscientes, pero non. Sempre sabemos o que facemos. O que pasa é que nunca nos interesou mirar para os demais. Nós... á nosa comenencia.


Finca Fierro. Luns, 5 de outubro de 2020

 

domingo, 4 de octubre de 2020

TARDE DE OUTONO

A pesar de ser as tres da tarde, a luz eléctrica reflicte sobre o ordenador, porque, fóra, a nebulosidade é tal que semella case noite pecha. Fáltalle o case, claro. Ou sexa, as tres da tarde. Ella Fitzgerald e Louis Armstrong deixan escapar as súas voces nunha preciosa canción e eu sigo o ritmo da música cos pés; e cando me poño a pensar, tamén coa cabeza. Hai temas musicais que levantan o espírito. Ó fondo está a porta da entrada ó piso. De cor marrón.


Sobre a mesa, a maiores do portátil, apousentan tres dicionarios e dúas carpetas cheas de listados con temas musicais. Á esquerda do portátil, un rotulador vermello para ir borrando os temas musicais que vou colgando no feisbuq. Máis á esquerda, o móbil. E sobre unha cadeira que tamén hai á esquerda, outra carpeta. Esta, cun listado de miles de películas que vin, máis ou menos, desde 1982 deica a actualidade. Debaixo deste listado hai outra morea de folios con centos de refráns que, tamén, pouco a pouco, vou subindo ou colgando no fe
isbuq. A nebulosidade está a darlle paso a pingas de auga que caen sobre o asfalto e os coches e as beirarrúas e as árbores e as papeleiras. Non sei quen dixo un día que as tardes de outono nas que chove algo vólvense morriñentas, tristes, melancólicas, aptas para pousar a cabeza sobre os cristais das ventás e mirar a vida pasar. Pero sen ver. Sabemos que cando as olladas quedan perdidas, non vemos. Eu si vexo que o Pingas chega á súa fin dicindo que aquí o remato e que axiña toca ver fútbol; o deporte das masas. Si, pero ás veces é bonito.


Finca Fierro. Domingo, 4 de outubro de 2020

 

sábado, 3 de octubre de 2020

QUE COUSAS!

Nove menos cuarto da noite. Pensaba eu que Bruce Springsteen cantaba tan só por cantar e que Mozart tocaba por tocar, e resulta que os dous facían música. Que cousas! Nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. Algúns non se deitan nunca ou tardan en deitarse porque semella que viven nos biosbardos. Despois, claro, andan como andan; ou sexa, que non andan, ou como moito andan como zombis perdidos. Un zombi é aquel que está morto e resucita. Ollo ó can!; non só resucitou Xesucristo. De todas as maneiras, temos moi asimilado o dos zombis coas películas que nos amosan, pero non adoitan ser así. O que é zombi é paiolo ou pasmón todo o día, incluso toda a vida. Non ten porque morrer e resucitar. Ás veces ata desconfío se eu mesmo non serei un zombi desde que me pariu a Lola da Amparo. Paspán non sei se serei, pero bocaaberta ou papaleisón ou papamoscas son un cacho. Porque mo din moitas veces. E cando o río soa...


Nove menos cinco da noite. Pensaba que Metallica era un grupo de flamenco que tocaba en Andalucía e que Ennio Morricone tan só compuña bandas sonoras cunha filharmónica, e resulta que os dous subíronse a uns vinilos para quedar asentados nos estantes dos salóns das casas. Que cousas! A mente, por veces, confúndeme, atrapállame. Tamén é verdade que non sei distinguir moi ben entre soños e realidade. E isto si que é un problema. É como estudar a psicoloxía dun loureiro ou dese fento que agroma logo dun incendio. Non obstante, a miña filosofía é sinxela: os soños son bonitos e a realidade é a que é. Así de simple.


Finca Fierro. Sábado, 3 de outubro de 2020

 

TODOS SOMOS IGUAIS (MÁIS OU MENOS)

Hai uns días acabei de ler o libro “Postais do Este”, de Reyes Monforte, que versa sobre as mulleres nos campos de concentración nazis. O libro, por suposto, é duro e como se baseaba en feitos reais (aínda que contados como ficción), non quedaba outra que analizar e pensar no exterminio e xenocidio do pobo xudeu a mans dos nazis. Pero, ó mesmo tempo, por eses días da lectura do libro, proxectaron na televisión a película “O heroe de Berlín” (2016), que amosa ó mítico atleta Jesse Owens acadando varias medallas de ouro nas Olimpiadas de 1936 desa cidade, dándolle na cara a ese xefe dos nazis chamado Hitler, pola supremacía dese negro con respecto á súa raza aria. Mais, neste caso, eu ó que vou é que cando Owens chegou a América como heroe e homenaxes e recibimentos, hai unha escena ó final da película na que cando quere entrar a un hotel, no que precisamente lle van a celebrar unha homenaxe, non o deixan entrar pola porta principal... porque é negro. Se quere entrar á súa propia homenaxe, o heroe, o mítico Jesse Owens ten que facelo pola porta de servizo. Entón, claro, aquí tamén se me dá por pensar que diferencia hai dos nazis ós brancos ianquis. Si, os nazis fixeron o que fixeron, pero, por exemplo, que fixo o Ku-Klux-Klan cos negros?

E rizando o rizo, que fixeron os españois na conquista de América? Este si quizais fose o maior xenocidio humano desde que o mundo é mundo. Que fixeron os serbios nas guerras iugoslavas? Como non sacar á palestra o xenocidio dos hutus sobre os tutsis en Ruanda. E se seguimos buscando guerras sempre aparecerán momentos de masacres, xenocidios e exterminios. Se ata na nosa Guerra Civil houbo o demo e moito máis; na propia guerra e, por suposto, despois da guerra; pois xa se sabe que o que sae vencedor, aproveita e machaca.


Todo isto leva á conclusión de que o ser humano, como o deixen, desbócase. E se non o deixan desbócase ata contra os seus. O ser humano ten ese demo dentro, esa carraxe, esa xenreira que se non a bota fóra pode comelo por dentro. Así é que será mellor que morran os outros antes que nós. Á hora da verdade, o ser humano deixa saír o animal que leva dentro. Todos, máis ou menos, somos iguais... nazis, españois, brancos, hutus, serbios, etc.


Finca Fierro. Sábado, 3 de outubro de 2020

 

viernes, 2 de octubre de 2020

DEZ DÍAS DESPOIS

Somos inconformistas. Somos imprevisibles. Somos bipolares. Somos coma os cambios de lúa. Somos felices co que temos e ós dous minutos xa botamos esa felicidade de menos. Ou viceversa: aborrecemos o que estamos facendo e ós dous días ansiamos esas labores. Cando hai moito fútbol chega o momento en que cansa, en que baduamos sobre el; pero no verán, como o estrañamos! Eu mesmo, con estes Pingas, ás veces chego a pensar en que preciso un descanso. Máis agora, que estiven dez días xustos sen escribir ningún (porque tiven que seguir o Festival de Cine de Ourense), estaba ansioso por rematar as críticas cinematográficas para retomar os benditos e malditos Pingas.


O de malditos só cando me sinto algo esgotado. Pois a realidade dime que gozo escribíndoos. Si, ás veces, custa poñerse sobre o teclado do ordenador na casa ou sobre a folla de papel nos cafés,
pero tan axiña como plasmo a primeira frase ou a primeira liña, xa todo sae, máis ou menos, de corrido. Sinceramente, botábaos de menos. Como o fútbol cando non o hai. Como as películas cando levo días sen velas; ou ben porque non podo (xeralmente, porque hai fútbol) ou ben porque as canles televisivas son un auténtico desastre en relación ás proxeccións cinematográficas. Queremos e non queremos. Temos e non queremos. Ansiamos e aborrecemos. Abominamos e anhelamos. Lembro que alguén me dixo un día cando empezou isto da pandemia de que eramos felices e non o sabiamos. Eu, dez días despois, souben que era moi feliz cos Pingas.


Finca Fierro. Venres, 2 de outubro de 2020