viernes, 6 de noviembre de 2020

O CHIBO EXPIATORIO

A orde creo que é a partir das 00:00 horas do sábado, 7 de novembro para que pechen os bares. Pero como desde as 23:00 horas hai toque de queda, significa que levamos xa dez minutos coa hostalaría pechada. A ver, toda esta segunda ola do Covid-19 víase vir, polo menos, desde o 31 de agosto. Entendo que pola economía non nos confinasen de novo a todos, aínda que creo que ese era o momento de facelo. Non quero ser agoireiro, pero, ó final, non sei se non caeremos de novo. Aínda que, iso si, mentres non volvemos ó cárcere, ten que pagar alguén o pato ou cargar co pandote. Falando claro, hoxe, os bares son o chibo expiatorio. Os que me coñecen un pouco saben que me gusta o café e que vou mañá e tarde ós bares, cafés ou cafetarías, polo menos da Valenzá, onde hai uns cantos, e digo con coñecemento de causa que eran os que mellor cumprían coas normas que lles ditaron. Polo menos, eu ía máis confiado a un café da Valenzá que, por exemplo, a un centro comercial. É máis, tíñalle máis medo á propia rúa, ás propias beirarrúas que ós bares. E non digo xa nada desde que estaban só coas terrazas: catro ou seis mesas como moito, separadas, limpas, case imposible que andase por aí solto o bicho ese.


Pois agora acaban de entrar as novas medidas nas que, xa digo, a hostalaría é a gran prexudicada, a gran vítima. Non hai moito que denunciei que pagarían xustos por pecadores. Empezan a pagar os xustos.


Finca Fierro. Venres, 6 de novembro de 2020

 

jueves, 5 de noviembre de 2020

CONFUNDIR OS TERMOS

Pintan bastos, dicía aquel. Na realidade pintaban copas. Pero xa sabemos que ás veces confundimos os termos. Tamén hoxe é xoves e eu penso que aínda é martes. Por cachos tamén penso que é venres. Cando as cabezas están atrofiadas dise ou escrébese calquera trapallada; parvadas hai para darlle cun sacho. Porque axiña pensamos que todo é liso e chan. Pero, que va, ás veces hai cada atranco no camiño que nin o demo. Ou hai montañas moi altas. Tamén é verdade que chega con dicir un outeiro. Calquera verruga ou espulla xa é suficiente para botar a perder a opción de liso e chan. Estou escoitando a banda sonora de “Blade Runner” e por veces penso que é a de “Cinema Paradiso”. Que terá que ver Vangelis con Ennio Morricone! Si, definitivamente estou a confundir os termos.


Escribo a toda velocidade para poder ver o final de etapa da Volta Ciclista a España, cando na realidade debería escribir a modiño para cocer mellor o relato, para buscarlle ese prebe, ese mollo que tan ben acompaña a certas comidas. Pero onde non hai substancia non che hai caldo; manda carallo! Agora mesmo xa pintan ouros e alguén segue dicindo que pintan copas. Mais, ante isto, axiña choutou o típico mirón da partida para dicir que nin pinta unha cousa nin a outra. Nunca tal dixera! Xa se armou a do demo e a mona. Foi tan grande a rexouba, a algueirada que ó final démonos de conta de que alí non había tal partida. Maldita confusión dos termos!


Finca Fierro. Xoves, 5 de novembro de 2020

 

miércoles, 4 de noviembre de 2020

TOQUE DE QUEDA

Once e vinte e cinco da noite. Como frechas viñemos de ver o partido de fútbol. Polo toque de queda. A ver!, a guerra estaba aí, está aí. Que non nos caia unha bomba encima. Coma lóstregos percorremos o camiño da Valenzá. No fora o demo que... Toque de queda nas ansias dunha carreira. Ou nas ansias dun tempo que corría. Agora o toque de queda instalouse na “Nocturne in C Sharp minor”, que está incluída na banda sonora de “O pianista”. Sempre a música polo medio! Ata nos toques de queda. A música é un bo bálsamo ou un tranquilo consolo para as guerras, para esta guerra.


Toque de queda onde o silencio é o rei e señor da noite. Desde as 23 horas. Nin unha alma pola rúa. Tan só os biosbardos dun soño furgarán por entre as estruturas duns cascallos. Toque de queda que se reflicte nun espello cuberto de bafo. Porque a auga quente dunha ducha caeu con certa ansiedade sobre o cristal. E a figura dunha perla negra debuxouse nun recanto do espello.

Doce menos vinte da noite. Silencio dentro da casa. Silencio fóra. Toque de queda nunha vida que se queda quieta, nun descanso dese guerreiro que loita por aquel tempo que foi. Non todas as batallas están perdidas. O esencial, sempre se dixo, é ganar a guerra. E as guerras gánanse a base de esperanzas que non se perden e de soños que manteñen a un esperto, moi esperto. Como pintar sobre o lenzo dun sentimento todo un sorriso moi aberto; e moi vermello. Sempre quedará o recordo bailando sobre a varanda dun balcón, e no toque de queda, ese recordo, brillará sobre a noite pecha, sobre esta noite pecha.


Finca Fierro. Martes, 3 de novembro de 2020

 

lunes, 2 de noviembre de 2020

CHEOS DE INCONGRUENCIAS

Dáme a risa cada vez que vexo as fotos das manifestacións en contra dos confinamentos e das medidas que se toman por esta pandemia que nos asola. Porque os manifestastes, por se aquel, por se as moscas, levan mascariñas. Non vaia ser o demo! Estamos cheos de incongruencias. Como a de empezar con esa crítica e choutar a un tema de música clásica que me enche de calma, de moita calma. Menos mal, porque o patio anda algo revolto. Pero esquezámonos diso. Pensemos nas fotos de Sebastião Salgado que están expostas na avenida de Pontevedra da cidade das burgas. Que marabilla! Que gozada!; e ademais en branco e negro. Eu descubrín a Salgado nos anos 80, cando un periódico nacional, no seu suplemento dominical, publicaba unha foto del a toda páxina. Alí xa me impresionara.


Son as catro menos vinte da tarde e desde o sábado non me sae da cabeza a imaxe de David Ferreiro meténdolle un gol a todo un Real Madrid. Non iniciara o partido de titular (mal feito!), pero víase que non quedaba outra que metelo se o Huesca se quería enganchar ó partido. Algo si que revolucionou o ataque. E foi no minuto 74 cando, zas, alí lle cravou un gol a un Courtois que hoxe está que se sae. Foi o segundo gol do molgués na primeira división. O primeiro acadárao na tempada 2018-2019 ante o Betis no minuto 73. A imaxe do sábado, con dedos cara ó ceo, está aínda na miña retina, porque entendo que era a homenaxe ó seu avó falecido hai uns días. O crack molgués segue facendo historia na nosa vila.


Finca Fierro. Luns, 2 de novembro de 2020

 

sábado, 31 de octubre de 2020

VALERÍA DE ALGO O CONFINAMENTO?

Creo que é hoxe ás doce da noite cando remata o confinamento das principais cidades galegas e dunha boa parte de concellos. Non sei se serviría, se valería de algo tal medida. Porque sigo denunciando que somos nós os que non cumprimos, por enriba dos erros que poidan cometer os que nos gobernan. Estes días vin como se vendían moitas flores. Estas levaríanas onte ós cemiterios (e non me refiro ós cemiterios da Valenzá, Barbadás e Ourense, non), porque non creo que as mercaran para telas nas casas.


Nas terrazas, agora, os clientes, ó non ser conviventes, teñen que sentarse por separado e ó falar, claro, sobe bastante o ton de voz entre amigos, e así escoitas diálogos polos que non queda outra que confesar que oxalá nos volvan encerrar a todos nas casas. Son partidario de que así se faga. E se queremos que esta pandemia remate, deberían confinarnos de novo. Por esta vez nin tan sequera me compadezo dos negocios. Porque nesas conversas de terrazas participaban xente que teñen os seus propios negocios. Que un amigo berráballe ó outro onde estarían situados máis ou menos os controis policiais polo traxecto que tiña que percorrer. Este contestáballe, claro, con certos exemplos desculpando a viaxe, no caso de que o parasen: que se comida para o can, que se penso para as pitas, que se o pai tal, que se a nai cal; pero dando a entender, por suposto, que nin tiña can nin pitas e ata poida que nin pais. Logo o máis bonito chegou cando o que estaba descubrindo os postos dos controis, confesou que había pouco que se atopara cunha parella de mulleres que estaban tomando café xuntas, polo que estivo a piques de chamarlles a atención. El, precisamente el, que estaba incumprindo as normas e facendo que outros as incumprisen.

Noutras conversas, algún ata se puña tan chulo que confesaba que lle importaba un carallo que o pararan, tamén dando a entender que, el, como chulo que era, pensaba saír do concello de Barbadás. Imaxino que sairía e imaxino que tería sorte de que non o pillaron. Porque case sempre sucede así: que os menos cumpridores son os que mellor parados saen. E tamén son, por suposto, os que máis critican, os que máis esbardallan sobre as medidas que alguén pon sobre a mesa. Non queren que pechen os seus negocios, pero son os primeiros que rompen as regras. Despois... pagan xustos por pecadores.


Finca Fierro. Sábado, 31 de outubro de 2020

 

viernes, 30 de octubre de 2020

ERRAR É HUMANO

Sentado nunha terraza para tomar un café. Como xa o tomei en tres sorbos xustos, agora non queda outra que contemplar os coches que pasan. Pasan. Agora mesmo pasa o autobús, en concreto o 7. É certo que outros están quietos; os aparcados. Pasa xente pola rúa de enfronte e pola que estou. Máis ou menos, todo está en movemento. Todo é movemento; as nubes que pasan, o aire que pasa, a rula que pasa... Incluso a xente que se atopa sentada noutras mesas. Porque moven os pés, moven as mans, moven a cabeza e moven a lingua. A esta, algúns, danlle moito. De máis incluso. Tanto que ata hai momentos nos que non consigo concentrarme. E para un relato coma este, hai que concentrarse. Non vaia ser que non saiba que dicir. Tampouco sería tan raro. Non sería a primeira vez que me quedo en branco. Co que custa despois volver coller o ritmo. Como o de algúns coches que pasan, que levan un ritmo como para matar a alguén. Si, hai moito tolo solto.


Soltos tamén andan os biosbardos, que noto, que aprecio, que sinto como queren deixarme a mente en branco. A ver!, non vou dicir continuamente que os coches pasan, aínda que si, que están pasando. Debería ter máis imaxinación, máis inventiva, máis metáforas, máis retranca para completar o relato. Tede compaixón de min; son humano. Erro máis ca ninguén. Pero é igual, sigo aínda que sexa a base de erros. Non se dixo sempre que errar é humano? De humano tampouco é que teña moito, pero...


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Venres, 30 de outubro de 2020

 

jueves, 29 de octubre de 2020

BAILANDO CON LOBOS

Hai quen baila con lobos sobre unha pantalla branca e outros facémolo sobre un outeiro de Sudalomba. Ou sobre o alto dos Currás. Podemos subir e oulear ata que esgacen os sentimentos. Porque hai sensacións que van moito máis alá dun simple suspiro ou dunha sinxela ansia. Hai saloucos que se esborrallan, que se ciscan polo monte Medo abaixo. E quen máis, quen menos deixa que os ouleos percorran todas as liñas escritas dunha novela ou, por que non, todos os versos dun poema. Lembrade que non hai poema sen versos.


Bailamos cos lobos por entre unhas sabas brancas mentres o sono non se mestura coa noite pecha. Entre voltas e reviravoltas ouleamos polo que foi, polo que é e polo que será. Porque hai refachos de vento que nos levarán a dar voltas polo firmamento. Entre volta e volta un ouleo rachará o silencio, un deses silencios eternos e preñados de certos pensamentos. E quen máis, quen menos veralle os dentes ó lobo. Ese lobo que está en nós e que nos fai oulear ata esgazar as entrañas, ata ferir as asaduras da conciencia, dos nosos sentidos.

Bailamos cos lobos neses momentos nos que deixamos que os ollos miren cara ó infinito e nos que non conseguimos ver nada. Porque hai instantes nos que miramos sen ver, ou como dicía Víctor Manuel: nos que quedamos cegos de tanto mirar. En cada ollada hai un ouleo, en cada latexo hai un bruído e en cada soño un berro. Un berro cheo de sentimento. E quen máis, quen menos queda durmido baixo o son dun ouleo eterno.


Finca Fierro. Xoves, 29 de outubro de 2020