sábado, 5 de diciembre de 2020

POR ENRIBA DO BEN E DO MAL

O venres, por fin, algo de vida volveu rexurdir en Barbadás: a hostalaría abriu de novo. Menos mal! Estaba medio consumido pola impaciencia e pola impotencia, ou sexa, polo cafeciño; e non polo cafeciño en si (tomábao na casa, aínda que, por suposto, non é o mesmo), senón polo propio ambiente. Desde o venres xa se ve, por exemplo, a rúa principal da Valenzá algo máis concorrida, algo que alegra a vista. Agora tan só queda pedir o que levo pedindo en varios escritos desde que empezou esta pandemia da Covid: sentidiño, moito sentidiño. Ou volvemos ós peches por terceira vez.

Quen non pecha é a mala conciencia de moitos. A de moitos que pensan que un semideus non ten os seus demos dentro. Pois tenos. Diego Armando Maradona tiña os seus demos dentro. E a ninguén lle debería doer que se falase deles. Pero dóelles. E pasan por enriba do ben e do mal. Resulta que ameazan de morte á galega que criticou ó semideus Maradona cando lle correspondeu gardar un minuto de silencio e ela, con razón, sentou e puxo as costas, ou sexa, renegou de Maradona. E renegou como persoa, non como xogador. Porque o que quizais sexa o mellor futbolista de todos os tempos vai camiño de ser considerada a peor persoa de todas as épocas. A sociedade leva anos condenando o acoso sexual, o abuso e a violencia de xénero. O gran Maradona, logo de driblar a todos os contrarios que lle saían ó paso, tamén acosaba e zoupaba (non digo xa nada da droga, porque ata el mesmo o recoñecía). Moitos desa sociedade que condenan esas aberracións, póñense agora á beira dun acosador, porque é Maradona e porque xogaba coma Deus. A rapaza non quere denunciar os feitos, e non ten por que; debería ser xa a propia Fiscalía a que se puxese mans á obra. Por cousiñas ben menos insignificantes furgan incluso debaixo das pedras para inculpar a alguén.


Rematei a semana lendo unhas novas sobre Venezuela que me deixaron un pouco pampo, principalmente ante a confesión dun profesor: que a última vez que mercou zapatos foi hai catro anos. E isto dío un profesor!, que quéirase que non, aínda ten un soldo. Imaxino polo tanto a situación doutras persoas con menos recursos nese país, onde para mercar un quilo de arroz alá se che vai o salario mínimo. E non só se vive con razón. Nin tan sequera os chinos.


Finca Fierro. Sábado, 5 de decembro de 2020

 

viernes, 4 de diciembre de 2020

MOI A MIÚDO

Oito e dez da noite. Se fora no verán diría que son as oito e dez da tarde. Pero como é inverno... Noite fría, con sensación de neve, algo que si aconteceu por diversos lugares da provincia de Ourense. Aquí choveu e chove ós cachos. Que chova é bo. Así a auga arrastra moita porcallada, ou sexa, moitas conciencias. Quen a teña, claro. Eu ben sei que hai xente sen conciencia. Moita xente sen conciencia.


Estou á espera do partido Athlétic-Celta. E mentres espero escoito a Chris Isaac con esa marabilla titulada “Wicked Hame”. De cando en vez escoito música; é dicir, moi a miúdo. Miro o reloxo que teño no pulso esquerdo e vexo que son as oito e dezaoito minutos. Da noite. No pulso dereito tan só o poño cando teño que lembrar algo. Coa idade, a memoria cada vez é máis efémera. Que carallo, xa me chega ben cos recordos. Porque recordar, vaia se recordo! E recordo os bos recordos. Que non son nada parvo.

Cambio de tema musical e agora tócalle a Sabina con “Non permita a virxe”. Música variada. Sempre. Para que non chegue a aburrirme, a cansarme. Sigo sen ser parvo. Acabo de esbirrar e púxoseme o coiro de pita. Estou arremangado; e non porque faga calor, senón para teclear sobre o ordenador sen que me estorben as mangas da bata. Vaia carallada... sempre se lle chamou albornoz. Será máis fino bata?

Terceiro tema neste relato. Case ouleo de gusto porque aí vai don Ennio Morricone con “Prohibition Dirge”, pertencente á banda sonora de “Érase unha vez en América”. Oito e vinte e cinco da noite. Xa está.


Finca Fierro. Venres, 4 de decembro de 2020

 

jueves, 3 de diciembre de 2020

O MUNDO NUNCA É SUFICIENTE

O mundo nunca é suficiente. E por iso ás veces penso que afogo nel, polo que quero subir a unha nave espacial e facer turismo polo espazo sideral. Xa teño o carné de astronauta. O mundo quédaseme pequeno, e case sen saír de Galicia; pero teño unha cabeza que ferve buscando aqueles planetas ou cometas ou satélites ou estrelas nos que poida correr e berrar e asubiar e cantar ó meu albedrío, á miña vontade. O silencio xa o conforma o infinito. O mundo máncame no calcañar do pé dereito porque intento pasear por eses camiños cheos de bulleiro. O mundo é todo un lamazal no que envorcallamos, no que vertemos as nosas conciencias.


O mundo nunca é suficiente. E por iso ás veces ou moitas veces quero fuxir del cara ó planeta do meu amigo extraterrestre. Hai moito que non sei del. Calquera día doulle a sorpresa. Estou canso de querer poñer os puntos sobre os is ou as cousas no sei sitio. Porque síntome impotente de querer e non poder. Non queda outra entón que desempoar o traxe de astronauta, meter a voz de Chavela Vargas, coma semente, na miña cabeza e deixar que frutifique logo por entre as órbitas do silencio. Dese silencio universal que me espera, que me abrazará e que me deixará soñar con esa ilusión que vai moito máis alá dun triste salouco.

O mundo nunca é suficiente dicíase en James Bond, e como non teño licenza para matar, o mellor é emigrar. E alá vou, a viaxar polo espazo infinito dos meus soños e folgar, en principio, no halo, na auréola, no nimbo da lúa vella.


Finca Fierro. Xoves, 3 de decembro de 2020

 

miércoles, 2 de diciembre de 2020

OS SEN NOME

Pertenzo ó mundo dos sen nome. Porque vou pola vida sen presentarme e furgando por entre as mantas dos desexos. Os sen nome somos aqueles que alcanzamos os soños sen soñar. Outros soñan toda unha vida e quedan a velas vir. É a lei xa xungla. Achégome ata unha circunvalación de pensamentos e atrapállome de tal maneira que non sei a cal prestarlle máis a atención. Case prefiro retroceder, ou sexa, deixar a mente en branco e non pensar máis. Sentirme coma un sen nome. Porque nada son e nada teño e nada quero.


Sento á beira dos que están sentados. Somos uns cantos os que pertencemos ó cosmos, ó universo dos sen nome. Miro para eles e véxoos tan paspáns coma un asubío perdido na néboa. Somos un reduto desnortado na infinidade do tempo; ou no medio dun verso solto. Sábese que hai versos soltos que enchen un poema; un poema acochado detrás dunha palleira. Despois, cada quen que o recite cando queira. Contemplo ós sen nome e penso que a vida está mal repartida; uns levan apelativos cariñosos en todo o seu peregrinar e outros non temos nome nin para nos presentar. Son o home sen nome, porque nada son e nada teño. Tamén é verdade que nada quero.

Os sen nome camiñamos en silencio polo medio da indiferenza dos demais mortais. Porque ninguén nos coñece. Porque non nos deixamos ver. Porque non somos nada. Claro que tamén é certo que só seguimos un camiño: o dos biosbardos con sensación a baleiro. Sorrío ante os sen nome e quedo tranquilo.


Finca Fierro. Mércores, 2 de decembro de 2020

 

lunes, 30 de noviembre de 2020

O INTRUSO

Son un intruso. Son o intruso que me meto nun dicionario para roubar as palabras da miña comenencia. Son o intruso que penetro nunha habitación para espiar o ritmo cardíaco dunha muller durmida ou dun soño acompasado. Achégome agachado polas corredoiras da inocencia para saber se a rula aniña nunha silveira ou nas gallas dunha cerdeira. Son o intruso que entra no cuco do reloxo para deter o tempo e para, desde a caixa, asubiar unha canción na que o silencio se sente esmagado por un berro seco e longo. Deixo que os meus ollos axexan ou guichen o vaivén do peito da muller durmida, para que o desexo dunha ilusión acompañe a felicidade dun ir e vir eterno. Son un intruso.


Son o intruso que se agarra ás sabas brancas dunha cama, onde a paixón dun momento queda suspendida no tempo. Nese tempo no que un sorriso vale mil versos e no que un poema se fai eterno. A poesía é o campo de batalla dos soños. Os soños acubíllanse debaixo dun balcón e esperan a que a realidade asome nun novo día. Son o intruso que me meto polas rúas ás agachadas para axexar quen vai, quen vén, quen quero que vaia e quen quero que veña. Son o intruso que me emociono cun tema de Pink Floyd e que sento nunha pedra para que me acariñe un pouco o sol. Son un intruso.

Son o intruso que corro polos montes dos Castros, desde os que berro ós catro ventos de que a vida é un cantar nos labios e un ramo de rosas na man. E quedo tan feliz. Son o intruso da miña propia canción, e da miña propia esencia, e das miñas propias palabras. Son a miña propia novela.


Finca Fierro. Luns, 30 de novembro de 2020

 

domingo, 29 de noviembre de 2020

FRÍO COMA O ACEIRO

Son frío coma o aceiro. Non sempre. Nin tampouco moitas veces. Pero cando me poño arrefrío de carallo. Ata me quedo frío algunhas veces escoitando algunha banda sonora, que xa é dicir. Pero nesta vida non todo consiste en sorrir, correr e bailar. Ás veces hai que poñer o grito no ceo para que algúns se decaten do que pasa, do que me pasa. Non é que me pase gran cousa. Non obstante, cando me pasa, son igualiño que o aceiro: frío. Tamén coma o carambelo. Son frío cando teño que tomar unha decisión que me pode custar algo; por exemplo, a vida. Eu á vida téñolle moito apego. Entón teño que temperarme para sobrevivir, ou polo menos para saber sobrevivir. Non sempre se sobrevive ben.


Son frío coma o aceiro cando vexo que unha acción non me gusta. Que alguén lle lanza unha mirada asasina a outra persoa. Claro, axiña penso que hai miradas que matan. Iso dixeron sempre. E eu non quero que morra ninguén. O máis seguro é que me achegue a ese presunto asasino e que lle diga “ti estás parvo, ou que”. Ditas así esas palabras non son gran cousa; pero se o presunto asasino me mira neses momentos e me ve a cara de ferreiro ou me nota que son frío coma o aceiro, creo que xa o pensaría doutra maneira; ou sexa, que dulcificaría a súa ollada para que non dese a impresión de querer matar a alguén.

Son frío coma o aceiro. Pero, xa digo, tan só algunhas veces. Pouquiñas veces. Teño o meu corazón e uns ollos que a maioría das veces brillan de felicidade. O que pasa é que hai momento que... Entendedes?


Finca Fierro. Domingo, 29 de novembro de 2020

 

sábado, 28 de noviembre de 2020

UN XENIO E UN AUTÓNOMO

En máis de oito meses pódese dicir que a semana pasada aconteceu un feito tan extraordinario que foi o único que conseguiu vencer á Covid nas portadas de practicamente todos os medios de comunicación, non só de España, Arxentina e Italia, senón de todo o planeta. A morte de Diego Armando Maradona puxo patas arriba os sentimentos de toda a sociedade, ata a daqueles que non aman o fútbol. Unha morte máis que anunciada e esperada. Penso que bastante el aguantou. Segundo foi xenial como xogador (si, case se pode dicir que foi Deus), foi o reverso fóra dos campos de fútbol.


Pros e contras dun xenio en tan só un partido: o famoso Inglaterra-Arxentina do Mundial de México en 1986, que estes ganaron por 2-1 e marcando, por suposto, os dous goles Maradona. O segundo gol que marcou creo que está considerado como o mellor de todos os tempos. Pero o primeiro, ó primeiro a prensa deportiva gábao como unha “pillería”, como unha algueirada do xogador arxentino, que foi capaz de metelo coa súa man esquerda. Sinceramente, iso nin é gol nin é nada; simplemente é unha ilegalidade que puido reverter o resultado dun partido. Se este gol o mete incluso outro xogador arxentino calquera, a prensa falaría dun gol que nunca debería subir ó marcador, pero como o meteu Maradona, foi unha xenialidade; a picardía dun xenio. E deixo ó que quizais sexa o mellor xogador da historia porque estes días bordáronse ríos de tinta sobre a súa vida e a súa paixón.


Paso a un xogador que temos en Ourense que, o domingo 22, conseguiu driblar ó confinamento que hai na cidade para marchar a comer a Froufe, en Baños de Molgas. Moi contento eu de que fose deixar os cartos ó Foxo, no meu concello, pero é certo que o puido e o pode facer noutras ocasións. Como seica é autónomo pode ir a onde lle dea a gana. Nin autónomo nin leite en vinagre!; como alcalde debería dar exemplo. Perdón, como alcaldiño. Toda unha vida pregoando que os domingos e festas de gardar son para descansar, e agora resulta que todo o mundo traballa en domingo. Cambiaron os tempos. E se non cambiaron, algúns si os fan cambiar. Agora tamén driblará á xustiza, porque, aínda que ningunha patrulla o detivo no seu camiño, aí están as fotos e datos que si demostran que saltou ás baroutas. Seica están estudando o asunto. Xa.


Finca Fierro. Sábado, 28 de novembro de 2020