sábado, 9 de enero de 2021

O GARDIÁN DAS DEMOCRACIAS

Estaba visto, Evaristo. Ou víase vir. Máis ou menos é o mesmo. O novo confinamento da capital ourensá e do concello limítrofe de Barbadás. As festas nunca foron boas para pillalas con calma, e moito menos as do Nadal; polo que significan e polo longas. E a Covid-19 púxose as botas. E o sentidiño común brillou pola súa ausencia. Aínda que isto non é de estrañar; o ser humano carece moitas veces de sentido común.

Claro que menos sentido común teñen os ianquis. O de estes é algo que... ufff, recoñezo que nunca me caeron moi ben. Nunca fun moi amigo do poder e os americanos se se senten orgullosos de algo é do seu poder. Orgullosos e testáns e únicos e presumidos e xenuínos e auténticos e vaidosos e cazurros. E mentalmente moi pobres, pero moi pobres. Sempre esbardallan do que poden facer e fan, do que non deixan facer e non fan. Sempre se sentiron os amos do mundo. Son os amos do mundo. Pero por moito amos que sexan, seguen a ser moi pobres. Repito, mentalmente moi pobres.


Non hai moito coincidiume ver dúas películas nas que esta carraxe que sinto por eles desbordoume de tal maneira que cheguei a sentir impotencia. Foi vendo “Arde Mississippi” e “Figuras ocultas”, nas que o racismo impera desde o primeiro fotograma ata o último. Cando acontece unha masacre ou algo que nos revolve as tripas, axiña dicimos que parece mentira que a estas alturas, que nestes tempos ocorran tales barbaridades. E o país que ten a fama de ser o máis gardián das democracias, en plena década dos 60 ou 70 (aí, á volta da esquina), acosara, desprezara, vilipendiara, asasinara ós seus propios habitantes negros. Creo que tan só se poden desvincular dos nazis pola menor cantidade de mortos. Porque, que diferenza hai entre o partido nazi e o Ku-Klux-Klan?

A min o de defensores da democracia sempre me tivo coa mosca detrás da orella. E algo de razón penso que teño; o outro día estiveron a piques de mandar dous séculos e medio de democracia a darlle cornadas ó tren. Case se pode dicir que foi un auténtico golpe de estado auspiciado por ese testán, chulo, inepto e estúpido de Donald Trump. Por certo, que pasaría se os miles de asaltantes do Capitolio fosen negros? Ufff... E estamos en pleno século XXI.

 

Finca Fierro. Sábado, 9 de xaneiro de 2021

 

viernes, 8 de enero de 2021

SE ESTIVERAS AQUÍ

Se estiveras aquí, berroulle el a ela. Pero ela estaba moi lonxe e el... el estaba sentado ó pé dun canastro e deixando que o tempo pasara. El sabe que o tempo pasa. E sabe tamén que, ó mellor, con sorte, ela aparece á súa beira. Pero ela está moi lonxe. Está tan lonxe que nin se ven nin se oen. Incluso ata poida que nin se intúan, por moito que el berre. El escoita a Chavela Vargas e furga na terra cun pequeno caxato. Chámase Delmiro Durán Durán. Os amigos, ás veces, mofan del preguntándolle: canto duras? El sorrí e segue ó seu. É fillo dos que viven no alto do outeiro, pero todos os días baixa a aldea tan só coa intención de atoparse con ela.


Ela chámase Ludivina Durán Durán. Os amigos, por veces, mofan dela preguntándolle: quen durará máis, se ela ou o irmán? Ela sorrí e segue cantando polo baixiño “Noites de voda”, de Chavela Vargas, e co pensamento na súa aldea. Principalmente de cando xogaba co irmán entre os canastros e os palleiros da herba seca que poboaban a aira da aldea. Ela marchara hai moito tempo e ninguén sabía para onde.

Nin tan sequera Delmiro sabía onde estaba a súa irmá. E cada tardiña marchaba a sentarse ó pé dun canastro para berrar por ela. Cada vinte minutos xustos berraba: se estiveras aquí. El sabía que se a súa irmá estivera alí, na aira, sería feliz. Ela tamén sabía que se estivera alí, con el, serían felices os dous. Mais as circunstancias eran o que eran e el estaba sentado na aira da aldea e ela estaba lonxe, moi lonxe. Tan lonxe que non oía os berros del; tan só imaxinaba o ruxerruxe da voz de Chavela Vargas.


Finca Fierro. Venres, 8 de xaneiro de 2021

 

jueves, 7 de enero de 2021

O QUINTETO DA MORTE

O frío era tan intenso que case ninguén andaba polas rúas da vila nin moito menos polos montes de Baños de Molgas. Tan só eu, o heroe perdido, fun capaz de achegarme ata Barricobos precisamente para escorrentar o frío. E alá, xusto no penedo no que algún paspán esculpiu o escudo do Real Madrid (que xa hai que ter o seu aquel para esculpir un escudo deportivo nun penedo que non ve ninguén), atopeime co quinteto da morte. Eran un escornabois que saíra dun buraco nun tristrás para aproveitar uns pequenos raios de sol; un lagarto verde coma el só, que tamén saíra ó mesmo; un sapoconcho que, intuíndo ese mesmo sol, axiña botou fóra a súa cabeza; unha lavandeira que andaba á espreita de pillar algo; e un gaio que, desde o primeiro momento, se vía e se intuía que ía á caza e captura dalgún bichiño pequeno, sen renunciar ó propio escornabois.


Houbo un momento no que o quinteto da morte coincidiu de tal maneira no penedo dese escudo futbolístico que, prometo, os imaxinei en asemblea para debater se seguirían ou non todos xuntos tomando eses poucos raios de sol que acababan de aparecer. Ata me pareceu ver que o gaio pactaba unha tregua co escornabois e que o lagarto non sería quen de meterse coa lavandeira. De súpeto, eles e eu, escoitamos algo así como un zunido forte e longo. Nin tivemos tempo de pensar en nada máis. Un cacho de asteroide aterrou sobre o penedo de tal maneira que alí nin quedou escudo do Real Madrid nin migalla de presenza dos cinco animais que protagonizaron este relato. Entendedes agora o nome de O quinteto da morte?


Finca Fierro. Xoves, 7 de xaneiro de 2021

 

miércoles, 6 de enero de 2021

O POMBO COXO

Cando cansei de escribir no ordenador e de recoller todos os apuntes que tiña espallados pola mesa da cociña, optei por dar un paseo pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres. Axiña me atopei cunha estampa que me deu algo de pena. Á altura da pasarela das Mestras vin entre dous amieiros que algo se movía entre as altas herbas que arrodeaban as dúas árbores. Achegueime con tento, amodiño, non fose o demo que andase por alí unha serpe desas ás que non lle teño medo, pero si respecto e bastante de arrepío. Pero o que vin foi un pombo que ás primeiras de cambio lle notei que estaba coxo. Non obstante, fixo todos os intentos posibles por escapar da miña presenza.


Non me apurei a botarme a el. Pouco a pouco funme achegando e falándolle. Por se aquel. Ó mellor entendíame. Cando estiven á súa altura tampouco fixen ningún intento de me agachar para collelo. Seguín a observalo e a soltar un pequeno sermón. Coma quen que non pasaba nada. El movíase e movíase ata que chegou o momento que cansou. Tumbouse todo e xuro por Deus que me mirou. Eu, por se aquel tamén, sorrinlle. Ó mellor entendía que era un amigo. Probei: agacheime con parsimonia, apoiei os brazos sobre os xeonllos e seguín dálle que dálle á lingua. Cada vez estaba máis convencido de que me entendía. Acariñeille a cabeza. Deixouse. Vinlle unha patiña rota. Non sei como fixen (non son veterinario nin nada polo estilo), pero arranxeilla. E non vai o tío, digo o pombo, e me dá un beizo. Co seu bico. Alí estiven con el ata que, nunha hora ou así, conseguiu emprender o voo. Díxenlle adeus de palabra e acenándolle coa man. Por se me seguía entendendo.


Finca Fierro. Mércores, 6 de xaneiro de 2021

 

DÍA DE REIS

Que nervios! A estas horas estaría máis que nervioso. A estas horas son as catro menos dez da tarde. A estas horas, algúns anos, ata quería estar xa no monte coas vacas e a pesar de ser festivo; con tal de non ver a felicidade doutros nenos cos seus xoguetes. Segundo onte analizaba a noite de Reis, hoxe toca o día. O día de Reis. Se algún ano deixei as chancas no balcón foi coa idea de saber que ó día seguinte tan só estarían encarambeladas por culpa da xeada. Sabía que os Reis Magos, nese balcón, non tiñan parada. Certo que a ilusión nunca a perdín e ás veces atopábame cun cachiño de turrón, que aquilo xa era gloria bendita.


O calvario, o suplicio, o martirio, o tormento chegaba cando había que facer acto de presenza na rúa ou na aira para ir á misa (porque á misa si que había que ir para rezar por eses Reis Magos que nunca se acordaban dun, pero...). O calvario, o suplicio, o castigo era ver ós demais nenos con xoguetes ou con roupas a estrear. Os que non tiñamos Reis, para a misa, si puñamos a roupa dos domingos, a roupa de todos os domingos. Logo, para máis aquel, sempre había o típico neno, o típico “pijiño” que alardeaba de tal maneira co seu xoguetiño que ata cho quería meter polos ollos. E polos nosos ollos -polos dos pobres, claro- tan só se nos ía a vida contemplando un imposible. Case se pode dicir que neses momentos a carraxe e a envexa aniñaban xuntas. Por iso non me estraña que, a pesar de ser un día grande, quixese marchar para o monte. Polo menos nel xogaba co meu can Uriarte, que si era un auténtico Rei Mago.


Finca Fierro. Mércores, 6 de xaneiro de 2021

 

martes, 5 de enero de 2021

NOITE DE REIS

Que nervios! A estas horas estaría moi nervioso. A estas horas son as catro menos vinte da tarde. A estas horas andaría no monte coas vacas nas décadas dos 60 e 70 e desexando que chegasen as cinco ou as seis, que, no inverno, era cando máis ou menos tanguías os animais para a casa porque a noite xa se botaba encima. Os nervios estarían á flor de pel porque, por suposto, estaba a chegar o momento de saír a cantar os Reis. Saír a cantar os Reis tiña o seu aquel, ou sexa, a súa apurada: eramos cativos e a vergonza, a timidez era moita e grande. Pero para iso nos xuntabamos tres ou catro para, entre todos, vencer esa covardía inocente que nos oprimía o peito. Moitos máis non queriamos xuntarnos porque á hora da repartición dos cartos que acadabamos cantando os Reis tocariamos a menos. E os tempos non estaban como para compartir céntimos ou cadelas.


Cando chegaba o momento empezabamos nunha punta da vila de Baños de Molgas para rematar na outra e levando todo de a feito. Entre veciño e veciño había o correspondente conclave para acordar de se lle cantar ó seguinte ou non. E non polo canto en si; senón polos medios económicos da paisana (a muller era a que máis saía ás portas). Se viamos que era moi pobre, intentabamos pasar de largo. Tamén é verdade que algunha sorprendíanos chamándonos ela mesmo para que lle cantásemos. Cos ricos si que era outro cantar: a maioría, agarrados, mesquiños, rañicas a máis non poder. Tamén é verdade que despois tiñan que aturar con aquilo de “pelica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”. Que tempos! Xa me pasaron os nervios.


Finca Fierro. Martes, 5 de xaneiro de 2021

 

lunes, 4 de enero de 2021

O XIGANTE DE PEDRA

Mide case 30 metros, din que en concreto 27, pero engadíndolle a cruz seica son 30. É a torre da igrexa de Baños de Molgas. É coma un xigante de pedra. Pedra de granito, claro. Pedra que movía o señor Oíncho, o meu pai e diversos veciños e obreiros máis da contorna. O señor Oíncho, na realidade, creo que se chamaba señor José. O de Oíncho quedoulle porque cada vez que tiñan que empurrar nas enormes pedras de granito, el, ó mesmo tempo que xemía coma se rebentase, lanzaba aquela exclamación que máis ou menos lanzamos todos cando empuxamos con moita forza: oooíiiiinnncho.


O xigante de pedra construíuse na década dos 60. Se non recordo mal, no 1963 operouse meu pai dun xeonllo e creo que foi cando andaba a traballar na torre da igrexa de Baños de Molgas. (Aquí fago unha pequena paréntese para dicir que, eu, precisamente eu, o fillo do Manolo da Lola, me alegrei da súa, porque, grazas a ela, foi a escusa perfecta para viaxar por primeira vez en tren. Eu tan só quería subir en tren e importábame un carallo a perna do meu pai que, despois, lle quedaría tesa para sempre. Pero hai que lembrar que este fillo tiña tan só catro anos).

Para chegar ó campanario do xigante de pedra hai que subir un chanzo tras outro ata completar 103, que non é moco de pavo. Arriba, catro enormes reloxos como as rodas dos carros, nos que as agullas son coma os estadullos da herba seca. E un chisquiño máis arriba, xa no propio campanario, catro campás que no día de San Salvador botan a repenicar. Despois, o xigante de pedra queda quietiño e en silencio.


Finca Fierro. Luns, 4 de xaneiro de 2021