viernes, 5 de febrero de 2021

MALAS INFLUENCIAS

Deixeime influír pola cor das súas flores (amarelas) e tireime ós toxos. Hai que ser un pouco ou un moito paspáns. As malas influencias son aquelas que te levan polo mal camiño ou polos pensamentos tortos. Disto acusábame moitas veces a miña propia nai: non vaias con aqueles porque tal, non te deixes guiar por estoutros porque non vaia ser o demo. As malas influencias teñen o seu tranganillo, o sei influxo. A algunhas persoas ata se lles nota o mal camiño no sorriso; se vexo a alguén co sorriso ladeado, desconfío un carallo. Moitas veces se me deixo levar polas palabras bonitas, pecho os ollos, tiro para adiante e seguro que me esnafro contra un carballo. As malas influencias están sempre ó axexo, á espreita e tras a curva ou reviravolta que menos esperas.


Malas influencias son aquelas que te tentan cando pensas nun universo enteiro. Ninguén abarcou nunca o universo! Non se pode cinguir o universo! Chega abondo con apertar, con premer un anaco de terra; desa terra que remexemos coas nosas propias mans.

Saín da toxeira todo rabuñado e coa confianza de escarmentar por un tempo. Claro que as malas influencias están sempre aí, á espera de que un bocaaberta, de que un apaiolado se fixe no seu sorriso ladeado. En principio, vou sentar á sombra dun codeso e esperar a que a rula cante e que o seu canto me traslade polos confíns do universo. Por un instante deixo de pensar nas malas influencias que me arrodean e que, por veces, creo que son moitas.


Finca Fierro. Venres, 5 de febreiro de 2021

 

jueves, 4 de febrero de 2021

MORRÍN MILES DE VECES

Si, aínda que pareza mentira, morrín miles de veces. Morrín cando estaba vivo e aquí estou. Morrín cando me negaron tres veces e, sen ser San Pedro, aquí sigo. Tamén morrín cando os versos me saían sen rima e cando os regos me saíron tortos. Morrín cando crucei o deserto cunha canoa ó lombo e cando afoguei no mar porque non sabía nadar. Morrín miles de veces pola contaminación das mimosas que me atopaba nos carreiros. Tanto cheiro amarelo marea ó máis recio. Cheguei a morrer soñando esperto e a resucitar voando cara ó ceo. Morrín cando me enfrontei ós extraterrestres que aterrarán nas Mestras e deume a vida o meu amigo alieníxena que pousara a súa nave case á beira, na Pitediña.


Morrín pola incomprensión de quen non me entende e pola indiferenza dalgúns dos que me arrodean. Pero como heroe que son, non hai quen me mate definitivamente. Sigo loitando contra o tempo e deixándome morrer cando proceda. Morrín xa tantas veces que ata chego a pensar que é bonito. Que é bonito morrer en silencio. Morrín en silencio o día que non había ruído. Morrín diante dun espello no que non me vía. Claro que agora penso que se debía ó bafo que o cubría. Morrín cruzando o túnel da ignorancia. Morrín ante un bomba nuclear e contemplando a miseria das vítimas. Morrín de amor e desconsolo. Morrín de xenreira e polas bravas. Morrín miles de veces porque miles de veces me mataron. Non obstante, sempre souben resucitar de entre os mortos e aquí sigo e seguirei dando guerra e ganando batallas. As miñas batallas.


Finca Fierro. Xoves, 4 de febreiro de 2021

 

miércoles, 3 de febrero de 2021

FRENÉTICO

No día de san Brais estou frenético. Frenético por alcanzar o universo, por alcanzar o imposible. Pero, hai algo imposible para min?, para este heroe dos tempos nos que a pandemia nos ten cun nó na gorxa? Para un servidor nada é imposible. Nin tan sequera o que non existe. Se algo non existe xa o inventarei. Estou coa ansia rabuñando na alma para alcanzar o punto neurálxico do meu soño. Ante isto, vivo frenético. Intento calmarme coa música de Ennio Morricone, pero axiña imaxino un Far West frenético, a base de pelexas e tiros e desbandadas e indios e vaqueiros. Estou frenético con ganas de leas, de marañas. Porque estou canso de ser o manso deste planeta. Non queda outra que viaxar ó espazo sideral para combater o que non se ve.


E chouto con frenesí de planeta en planeta, de cometa en cometa e de estrela en estrela. E alá, no planeta que queda no quinto inferno, ou mellor dito aínda, onde o aire dá a volta vexo nun dos seus mares a Perla Negra navegando por entre as nubes da liberdade. Póñome aínda máis frenético. Achégome rapidamente, como pirata deste mundo descoñecido, no que quero abranguer, cinguir todos eses tesouros desa carabela, que son moitos. A Perla Negra cabecea sobre esas ondas dese mar dese e, ó contemplala, souben ó momento que aí estaba o meu destino, a miña fortuna, o meu control. Pouco a pouco calmei e o meu frenesí acougou sobre a almofada do meu soño. Agora póñome frenético por esta calma que me mata. Quero guerra!


Finca Fierro. Mércores, 3 de febreiro de 2021

 

martes, 2 de febrero de 2021

O ESPECIALISTA

Ese son eu. O especialista. Especialista en contemplar os biosbardos desde Outeiro Barbeiro. Especialista en asubiar polo Uriarte, que anda a tornar as vacas no lameiro do Río Vello. Son un especialista en meter os parafusos polos buracos que non son e tamén en ler novelas baratas que non me din nada. Especialista en soñar esperto. E soño que cruzo pola ponte da Esperanza para, ó outro lado do río Arnoia, atopar a Realidade da Existencia. Si, porque non sei quen son, de onde veño nin para onde vou. Ás veces son algo así coma un cero á esquerda, pero outras son o heroe que se ergue sobre a miseria. Son especialista en seguir o voo dunha rula e en deixar caer catro versos sobre a area branca dunha praia, dunha praia calquera.


Son especialista de ver sen mirar e de tocar sen que me deixen. Especialista en escoitar a Miles Davis e en abrir a boca ante un sorriso branco, eterno e inmaculado. Especialista en perseguir ós pesadelos da conciencia para que reviren en soños de sensatez. A verdade é que sensatez teño pouco e conciencia ningunha. Cada un que asimile a súa. Son o especialista deses alieníxenas que de cando en vez aterran por entre os carballos das Mestras, na vila de Baños de Molgas. Non me custou facer de especialista cando Oliver Laxe rodou unha escena na que o protagonista se tiraba ós toxos na película titulada, precisamente, Os Biosbardos. Lembrade que son especialista en contemplar os biosbardos. Eu, se quero, son especialista en todo, ata de roubar sentimentos onde non os hai.


Finca Fierro. Martes, 2 de febreiro de 2021

 

lunes, 1 de febrero de 2021

A HISTORIA É DOS PODENTES

Na noite do 14 ó 15 de abril de 1912 fundiuse o Titanic ó chocar contra un iceberg. Na noite do 14 ó 15 de abril ese mastodonte afundiu en menos de tres horas e levou consigo para as profundidades do océano Atlántico a 1513 persoas. Bastantes desas vítimas eran ricachóns e importantes personalidades que realizaban unha viaxe de pracer.


Entre todas as noites dos dez primeiros meses de 2020, do ano pasado, o mar Mediterráneo tragou a 945 persoas inmigrantes. Negros, claro. Africanos, por suposto. Pobres, que dicir. Só en dez meses. E mirade que levamos anos co problema da inmigración.

O afundimento do Titanic deixou e aínda deixa ríos de tinta. E películas. E programas radiofónicos. E libros. Os mortos no Mediterráneo deixaron, como moito, a maldita imaxe aquela do neno kurdo Aylan Kurdi que asomou afogado a unha praia de Turquía e con tan só tres aniños de idade. Seica removeu a conciencia de Europa. Pero todo o que se remexe acaba calmando. Detrás da tempestade chega a calma.


Tanto as 1513 vítimas do Titanic coma os milleiros de inmigrantes afogados no Mediterráneo son, en definitiva, persoas. Pero iso é un dicir; xa que unhas son máis persoas que outras. Unhas encherán memorias e diarios e pantallas e libros e revistas, mentres que as outras furgarán de cando en vez nas conciencias dalgúns pamemiños que pensamos que ante estas denuncias imos arranxar o mundo. A historia é dos podentes.


Finca Fierro. Luns, 1 de febreiro de 2021

 

domingo, 31 de enero de 2021

CAZADOR DE FORAXIDOS

Espertoume o móbil ás sete da mañá para iniciar un novo día na caza de foraxidos. Xa sabedes que o concello de Baños de Molgas me contratou para facer de investigador privado ou detective barato, que vén a ser o mesmo que ser un cazador de foraxidos. E hai uns días que se sabe dunha partida de malfeitores, de delincuentes que andan a agocharse polos montes de Pinouzos e do Medo. Ó mesmo tempo que almorzaba unha cunca de leite con migas de pan, limpei e carguei a miña Magnum por se aquel. Non son partidario das armas, pero eses malnacidos seica non tiñan boa fama. E eu de parvo non teño nin un pelo, que tamén é o mesmo que dicir que vale máis previr que curar, non si?


Na carreira das Lamas xa me atopei cun bandoleiro e como se me repuxo descargueille dous tiros sen que a conciencia me dese nin un chío. A min con esas fanfurriñas non me entra ninguén, eh. Seguín logo camiño de Pinouzos e xusto ó cruzar o río Arnoia, entre unhas silveiras da Porfía, oín coma un ruxerruxe que xa me fixo manter os seis sentidos á espreita (os cinco que coñecedes máis o outro, o da intuición, que para algo presumo de investigador ou detective) e non tardei en descubrir a dous que, tamén, como empezaron a dispararme, respondín, claro. Xa digo que non son parvo.

Quedaba un. Avisteino nun outeiro de Sudalomba, xa no Medo, e detrás dunha toxeira. Tampouco quixo entrar en razoamentos. Non me quedou outra que facer uso da Magnum. Cando cheguei a Baños de Molgas, outra placa conmemorativa. Onde se viu outra que recompensen a un por matar!


Finca Fierro. Domingo, 31 de xaneiro de 2021

 

sábado, 30 de enero de 2021

A CONCIENCIA DURMIDA

Que tristeza! A do sábado pola tarde. Saín a dar un paseo moi rápido pola Valenzá entre as catro e media e as cinco da tarde e o ambiente era triste, moi triste. Entre o mal tempo e esta pandemia que nos está amolando non se vía unha alma pola rúa. Nin tan sequera a eses pais que saen cos nenos a dar unha volta. Esta cuarta onda está matando por completo o ambiente das vilas e cidades. Ó mellor, cando saian estas liñas á luz, a curva xa se dobregou un chisco, pois crin ler o mesmo sábado que semellaba que empezaba a facelo. A ver se de algo valeu este novo confinamento co que nos sentenciaron. Confinamento, por certo, bastante estraño. É complicado asumir que pechen unhas cousas e outras non. Que as que non pechan, unhas o teñan que facer despois nuns horarios e outras noutros. Polo uso que fixen deles (ou das terrazas), sempre defenderei ós bares, pois vía que xeralmente se cumprían as normas e as mesas desinfectábanse continuamente. Despois, non entendía que, por exemplo, polo centro comercial Ponte Vella circulase unha morea de xente.


Neste novo confinamento que padecen os concellos, a maiores dos bares, e no meu caso, boto de menos as bibliotecas. E iso que sabendo do peche, conseguín sacar uns cantos libros que xa eu procurei que foran voluminosos (un, por exemplo, pasa das mil duascentas páxinas) para pasar entretido esta nova corentena. Non obstante, aínda as boto de menos porque facía uso diario delas para ler outros xornais que non hai nos bares ou cafetarías.

Logo destes dous parágrafos a min pásame como á gran maioría: que falamos de todas as incomodidades, que criticamos cada dous por tres e que incluso asumimos a situación, pero non nos paramos para nada nos mortos. Falamos das normas, das mascariñas, das vacinas, do Goberno, da oposición, dos controis, das distancias, dos peches... Menos dos mortos. Estanos a pasar o que xa nos pasou coas corrupcións políticas: que as temos tan asimiladas que ata xa nos parece mal que un partido político non estea corrompido. Xa temos tan asumido o das mortes pola Covid-19 que nos dedicamos a falar tan só das medidas que se tomaron ou que aínda hai que tomar. Temos a conciencia durmida.


Finca Fierro. Sábado, 30 de xaneiro de 2021