viernes, 12 de marzo de 2021

O PAN DEBAIXO DO BRAZO

Alguén me dixo unha vez de cativo que eu trouxera o pan debaixo do brazo. Penso que era para meterse comigo. Porque eu moito miraba debaixo dos sobacos, das axilas e non vía nada, non atopaba ningún pan centeo (naqueles tempos o pan trigo era o dos señoritos). Despois quedei pensando e empecei a mirar ben as mangas da camisa por se me quedara algunha argana de cando estivera na aira no momento de facer a malla ou de cando lle axudaba ós meus a apañar os mollos. Pero tampouco atopaba nada. Tes o pan debaixo do brazo. Aquilo xa empezaba a amolarme. Cheguei incluso a ir correndo ó forno comunal, nos días en que cocía o pan a miña nai, por se por un casual nos caera algún pan ou aínda só que fose un pouco de masa. Tampouco. Tampouco atopei nada raro polo camiño.


E xa cando empecei a ter un pouco de entendemento ou de coñecemento (recoñezo que aínda hoxe me pregunto se teño tal), déuseme por buscar nos libros algo relacionado co que me dicían. Atopei unha frase que dicía que para as familias máis pobres significaba o nacemento dun fillo varón, pois supoñía un par de mans máis para traballar e levar diñeiro á casa ós poucos anos do seu nacemento. Pobre infeliz! O que escribiu esa frase, digo. Ós poucos anos aínda lle causei máis gastos que ganancias a Lola e o Manolo porque se lles deu por estudarme. Aí a única definición posible sería a dunha boca máis para comer. Ás veces hai expresións que non proceden. O pan debaixo do brazo. Si, e o traballo na alforxa.


Finca Fierro. Venres, 12 de marzo de 2021

 

jueves, 11 de marzo de 2021

A PEZA DO ESPERPENTO

A peza solta do vertedoiro necesitaba dun profesional. Así é que boteille a man e mireina de esguello. Non son fontaneiro. Por non ser nin tan sequera son escritor. Pero si teño que deixar constancia do esperpento que me causou a puta peza durante toda unha tarde. Como non era fontaneiro, púxenme en plan filosófico en cuestión de análise da maldita peza. Por certo, unha simple peza que non valía un carallo. Pero tampouco son filósofo. Díxenlle á muller de chamar a un historiador para que me explicara ben a procedencia e colocación desa cousa que me empezaba a matar a cabeza. Non sei, pero como que me mirou de mala maneira. Virei un pouco a encarnado, pois intuín que non estaba procedendo ben. Claro que a testán non hai quen me gane. Polo que volvín coller a peza, deille voltas e máis voltas na man, seguín a mirala de esguello, de fronte, por arriba, por abaixo e vin o parafuso que estaba roto. E por moito que intentei sacalo, nada de nada. Aquilo estaba máis que podre. Sería polos corenta anos ou máis que tería.


Non me quedou outra que botar man da profesionalidade automobilística. E como tal, precisaba dun copiloto polos futuros estacionamentos en dobre fila. E que mellor copiloto que a muller! Baixamos á rúa, pillamos o Opel Astra do 72 e lanzámonos ó esperpento: ferraxaría tras ferraxaría. Nunha, porque a peza era máis grande. Noutra, porque era máis pequena. Nunha terceira porque non tiñan. Nunha cuarta porque non sei que. En total, seis ou sete. Na última pillamos a peza... que era algo máis grande cá orixinal. Menos mal que en principio está valendo.


Finca Fierro. Xoves, 11 de marzo de 2021

 

miércoles, 10 de marzo de 2021

O LOBO É O ESTADO

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, esbardallou o outro día como quixo e puido ó declarar que o Goberno pon en perigo o futuro das explotacións gandeiras por culpa do lobo. Hai que ter perendengues. Desde que o mundo é mundo sempre houbo lobos (e máis cans asilvestrados que agora), sempre houbo gando e sempre conviviron uns e outros. Señora conselleira, asegúrolle que o lobo non é nin será o culpable do futuro dos labregos. Por certo, deberían de saber xa que o vocábulo “futuro” nunca existiu para o labrego. A agricultura e gandaría neste noso país nunca tivo futuro nin nunca o terá, por suposto. Desde que o mundo é mundo sempre se menosprezou, sempre se lle deu para atrás. Non me veña agora con que a culpa é ou será do lobo.


As explotacións gandeiras non teñen futuro porque as administracións, todas as administracións, nunca se preocuparon por elas. E non me queira meter por medio o asunto das subvencións, que aínda escribín o outro día un relatiño no que comentaba que cando hai subvencións... malo, moi malo, algo non cadra. As subvencións son como risas de crocodilo nunha empresa, nun colectivo, nun produtor, nunha actividade. É querer tapar dous ou tres buracos tan só dunha gran peneira. O que hai que analizar é por que un gandeiro vende o seu produto a céntimos de euro e ten que mercar outros a euros; leite a céntimos e penso ou abonos a euros. Non se pode vender hoxe un becerro ó mesmo prezo que se vendía nos anos 60-70. Señora conselleira, o lobo témolo nós, o lobo somos nós, é o Estado.


Finca Fierro. Mércores, 10 de marzo de 2021

 

lunes, 8 de marzo de 2021

OS CEROS Á ESQUERDA

Son as catro da tarde. Fóra hai sol. Dentro estou co ordenador e escoitando música. Penso, logo existo. Ou non. Ata eu mesmo recoñezo que algunhas veces, ou moitas veces, son un cero á esquerda. Que tamén xa é dicir. Hoxe é o Día Internacional da Muller. Quéroas a todas. E todos os días tiñan que ser delas. Porque sen elas, nin cero á esquerda nin o carallo bendito. Dixen que chovía? Non. Claro, porque non chove. Ó mellor a min si me chove. A ver, non sempre vou estar cordo. Tamén me falla a sensatez moitas veces Máis das que eu quixera.


Cambio de música. Agora é Juan Pardo quen lle canta a Rosalía. A nosa Rosalía. A el, a Juan Pardo, bícano dúas nais e lle dan arrolo. A min bicábame a miña... das dúas maneiras: cos beizos e coas mans. Con estas, xa se entende, labazada vai e labazada vén. Pobriña, eran outros tempos. E grazas a elas, ás mans, foi polo que saín tan boíño. O de boíño dígoo e
u, claro. Para os de fóra... Pero por que me vou meter en camisa de once varas? Mellor dicir que son as catro e sete minutos da tarde. Que se pensaba, existía; tamén é certo que aínda que non pense, existo igualmente. Os ceros á esquerda existen, que para iso se poñen á esquerda. Quero afogarme nunha lagoa de desexo, ou tirarme desde un balcón, ou realizar paseos á luz da lúa vella. Paseos á luz da lúa é moi bonito, moi poético. Din que o amor é poesía. Será. Un rap que sae na película “Gran Torino” fai que mova a cabeza ó seu ritmo. Definitivamente, tamén me gusta o rap. A ver, os ceros á esquerda temos que buscarnos a vida, e o ocio, e a nostalxia e unha historia para contar. Esta? Pois mira que é ben pobre, pero...


Finca Fierro. Luns, 8 de marzo de 2021

 

domingo, 7 de marzo de 2021

ÉXTASE

Estou en éxtase porque estou escoitando música ou porque estou a facer tempo para que empece a película noitébrega da televisión? Estou en éxtase porque quero contemplar o ceo en azul pero tan só o vexo negro. É noite pecha. Hai éxtases que deixan a un como apampado, pero non podo dicir iso, para que ninguén pense que son un pouco bocaaberta ou un moito pasmón. Case é mellor dicir que hai éxtases que me levan por entre as carballeiras da inocencia ou por entre os carreiros dos latexos.


Quedo en éxtase escoitando o jazz de John Coltrane e, por que non, o “mi carro” de Manolo Escobar. Porque ó pensar no carro tamén penso no que temos na palleira, que me leva a aqueles tempos no que o simple eixo dun carro facía un jazz eterno polas rúas de Baños de Molgas. Hai sons que, sen ser musicais, deixan a un nunha éxtase eterna e inmensa. Máis ou menos coma se flotara por entre esas nubes de algodón que non se ven arestora.

Estou en éxtase desde que sigo o ritmo cardíaco dun poema que, verso tras verso, di o que ten que dicir. Ás veces con mensaxes subliminares e outras con significados recónditos. Todo está en cada un e dependendo de como o mire, de como o lea. A éxtase é un substantivo feminino que amosa o estado de conmoción espiritual no que alguén está como fóra de si, sen consciencia do mundo sensible. Menos mal que eu estou dentro de min, porque o meu mundo si é sensible. Pero, iso si, déixome levar igual pola inercia dunha éxtase sen fin. Éxtase neste tempo que xa foi.


Finca Fierro. Domingo, 7 de marzo de 2021

 

sábado, 6 de marzo de 2021

UN ASENTO EMBLEMÁTICO

Os ianquis engánannos como queren. Principalmente coas películas. Nestas, a CIA (esa Axencia Central de Intelixencia con licenza para facer e desfacer ó seu albedrío) é coma un ser supremo que domina todo e que dobrega a todo o mundo. Non obstante, despois, á hora da verdade, non son tan farrucos. Polo menos co que respecta a Galicia. Resulta que deste país noso só saben que temos unha lingua propia (nisto, e aínda que me pese, teño que darlles un tanto ó seu favor, pois hai galegos que nin saben iso: que temos lingua propia), que temos o faro máis antigo do mundo, que polas nosas costas atlánticas asoma moita fariña e que hai unha planta de gas natural na ría de Ferrol. E xa está.


Os moi cabritos non saben do mazadoiro da burga de Baños de Molgas! Aínda estou alucinado. Con todo o que se tramou nese mazadoiro, desde guerras sen cuartel por entre as airas da vila ou polos montes da contorna, ata amores efémeros e eternos. Nese mazadoiro xuntábanse as hostes, principalmente polo luscofusco ou incluso pola noite, para estudar, debuxar e distribuír os lugares a asaltar ou conquistar. Tamén é certo que, aí, nese sitio que a espelida da CIA non ten nin idea de que existe, acontecía despois o descanso do guerreiro para, claro, contar as batalliñas de cada un. No mazadoiro da burga debatéronse leis e normas e eventos e políticas e asaltos e conspiracións que nin a propia axencia americana sería quen de descubrir. Só Deus e o propio mazadoiro saben todo o que se falou, todo o que se tramou nese asento emblemático para a vila de Baños de Molgas.


Finca Fierro. Sábado, 6 de marzo de 2021

 

O SUSTENTO DO MUNDO

Día da Muller. 8M. Vaia por diante que non quero entrar en polémicas con respecto ás manifestacións. O único que aconsello é moito sentidiño naqueles lugares nos que se leven a cabo. Levamos un ano intentando erradicar esta pandemia da covid-19 e non o estamos conseguindo. As mulleres quizais sexa o colectivo que máis dereito ten a manifestarse, pero vendo como se comportan unhas dez persoas que están nos bares ou nas súas terrazas, a verdade é que lle teño medo a centos ou a miles de seres humanos. Oxalá todo transcorra divinamente. Elas o merecen.

Non obstante, para min é moi triste que haxa un Día da Muller. É algo así coma unha alegría falsa. Loitan polos seus dereitos cando xa tiñan que telos. Algo moi semellante ás subvencións, que semella que é unha alegría recibilas, cando a realidade nos está poñendo na máis completa miseria. Se recibimos subvencións é porque non conseguimos saír adiante. Se as mulleres se manifestan é porque lles estamos quitando ó dereito á igualdade ou a todos os dereitos que lles corresponden. Que son moitos, practicamente todos. Porque onde estea unha muller... Son o sustento da familia, do mundo.


A muller que mellor coñezo é a labrega. A muller que mellor coñecemos é a nai de cada un. A miña era nai e era labrega. E segundo en moitas familias labregas, cando estas traballaban no campo, o máis normal era que, por exemplo, ás doce da mediodía a muller marchara para a casa facer o xantar. Na miña casa, que eramos catro homes e ela, a Lola non marchaba do eido ata que marcharamos os demais ou ata que acababamos de cavar a leira. Logo chegaba á casa e púñase co xantar, ó mesmo tempo que acomodaba os porcos. Certo que das vacas encargabámonos os homes. Algunha vez, por mandato matriarcal claro, era eu o que me encargaba de darlle de comer ós marráns, pero, repito, por mandato; que por iniciativa non era. Logo, mentres os demais ou tomabamos café ou durmiamos a sesta, ela seguía dálle que dálle coa casa. E non digo xa nada dos domingos, dos que ela sempre confesaba que era o seu peor día da semana... porque lle tocaba a limpeza da casa e todas as tarefas que implica a roupa

Ante todo iso, como non vou defender e admirar á muller, en xeral, e á labrega, en particular. Por iso digo que é unha falsa alegría isto de loitar polos seus dereitos. A muller tiña que ter todos os dereitos do mundo, e máis. Vai por elas.


Finca Fierro. Sábado, 6 de marzo de 2021