viernes, 9 de abril de 2021

NON CHORES POR MIN, BALBINA

Non chores por min, Balbina. Pero Balbina chora os catro chorares, porque tres parécenlle poucos. Balbina chora tanto, que chora nos ríos e estes desbordan, chora nas lagoas e estas reverten e chora nos mares e estes rebentan. Balbina chora por min. Porque pensa que marcho. E eu levo practicamente toda a vida sen me mover do sitio. Balbina é a filla máis nova da Dionisia, a neta da Minisaia. Semella que a súa avoa foi a primeira en usar a minisaia antes da Guerra Civil, aínda que agora quérennos vender que esa prenda apareceu nos anos 60. Balbina chora por min, e eu son o fillo do Esclerósis. Nunca ninguén me chamou Emiliano. Sempre o fillo do Esclerósis. Nin tan sequera o fillo da Inclusa, que é miña nai.


Non chores por min, Balbina. Pero Balbina chora xa moito máis alá dunha ducia de treboadas. Chora de tal maneira que non hai roupa que lle chupa tantas bágoas, nin almofía que as acolla ou que as reciba; esta desborda xa con tan só dous chorares. Balbina quéreme moito e pensa que me vou. Pero eu non me movo, nunca me movín de onde estou. E aínda que pareza mentira, houbo un instante no que Balbina deixou de chorar e miroume ós ollos con bastante intensidade. Non obstante, pouco viu; porque axiña se lle esbagoaron de novo ante a tristura da miña presunta partida. Mais eu nunca pensarei en partir. Para onde vou ir, pobre de min! Así é que lle pido unha vez máis a Balbina que non chore por min. Non me fai caso, claro; ela sen chorar non sería feliz.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Venres, 9 de abril de 2021

 

jueves, 8 de abril de 2021

SEMPRE HAI ALGO

Cheguei. Cheguei onde tiña que chegar. E, ó chegar, alguén me dixo que escribise. Fágolle caso. Escribo sobre o verme luceiro da aurora e sobre un sentimento que se escapa, que fuxe, creo, que dun poema. Agora anda ese verso solto choutando dos esperpentos dos soños ós biosbardos dos desexos. Escribo sobre un dos cornos da lúa nova e sobre as antenas parabólicas daqueles que se cren demasiado listos. Sempre haberá xente que pensa que estará por enriba do ben e do mal. Claro que un servidor loitará, como heroe en soidade, contra aqueles que pensan que dominarán o mundo e que poderán camiñar sobre as augas. Sobre as augas, todo aquilo que é pesado, afonda. Como afondan as carraxes de ferro e os ruxerruxes que conteñen veleno.


Escribo sobre o coche vermello que pasa e sobre o aire que levanta algunhas saias. Escribo sobre o asubío que traspasa carballeiras e montañas, lagoas e casas; e certos pensamentos que caeron en novelas baratas. Non hai como escribir a historia ó dereito, pois ó revés ninguén a entende. Escribo sobre o tema musical que escoito e sobre o sorriso enorme e branco que sae por un balcón nun momento concreto. Escribo sobre o demo que levamos dentro e sobre aquel verso solto que aínda anda perdido e, quizais, buscando un latexo. Escribo sobre o momento no que teño que marchar, porque todo ten a súa fin, o seu reverso, a súa contra. Chegar e marchar. Ir e volver. Correr e parar. Escribir e ler. Empezar e rematar. Escribo porque sempre hai algo para contar.


Café Kibu da Valenzá. Xoves, 8 de abril de 2021

 

miércoles, 7 de abril de 2021

A PATACA VERDE

Mirei para a pataca verde. Non estaba soa. Á súa beira había moitas patacas verdes. Todas elas fixéronme pensar naqueles tempos nos que se botaban á man as leiras máis grandes. Quixen dicir leiras enormes, pero en Galicia, na contorna de Baños de Molgas e de Castrelo de Miño, o minifundismo era e aínda é o rei e señor da miseria agrícola. O daqueles tempos si que é un dicir, pois mesmamente onte, este labrego andou botando patacas co sacho. Aclarar tamén que, onde as botei, en Macendo, ó sacho chámanlle peta e ó que eu lle chamo aixada, eles si lle chaman sacho. Como son eu quen escribo, queda en sacho... e non ten máis volta.


Sigo mirando a pataca verde que atopo nunha finca da Valenzá, xusto ó rematar o atallo da Finca Fierro, e, véndoa, é bonita de carallo. Pero se deixo remexer un pouco ó pensamento, tal fermosura empeza a esvaecer ante o traballo que dá para poñela e vela, máis tarde, verde. Non, non especifico aquí os pasos que se levan a cabo ata o momento actual porque, máis ou menos, sabémolo todos. Aínda que é certo que, algúns ou incluso unha boa cantidade de xente, non saben moi ben o que é un sacho, polo que moito menos saberán que hai que facer para sementar unha pataca e conseguir que chegue a verde, a semellar fermosa.

A pataca verde é certo que está aí e que é bonita. Pero atrás deixou suor e case bágoas. Deixou dores nos riles e nos brazos. E deixou tamén unha frase para a eternidade: que Dio-las aumente. En plural porque, lembrade, á beira había varias patacas verdes.


Café A Pedreira da Valenzá. Mércores, 7 de abril de 2021

 

martes, 6 de abril de 2021

FENÓMENO

Desde sempre, desde que nacín, desde que o mundo é mundo son un fenómeno. Corro, corro e nunca chego. Son coma o pan centeo, que corre e corre e nunca encobre. Consigo bailar sobre o índice da man dereita e sentarme no furabolos da esquerda. Son o fenómeno que perseguiu, acosou e derrotou ó Rambo que andaba solto polo monte Medo. No monte de Pinouzos faría aterrar ó Falcón Milenario naqueles tempos de cando Ronald Reagan empezou coa esperpento da guerra das galaxias.

Son o fenómeno que un día me tirei desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, a uns trinta metros de altura, e non me pasou nada. É máis, cheguei abaixo en cámara lenta, ó ralentí, coma se fose o mesmo Supermán cando volve do planeta Krypton. Algún ata pode pensar que me quería suicidar. Que va; tan só quería probar que se sentía. Sentín o aire sobre a miña pel, sentín como se me abrían os ollos, sentín algo de medo, pero sobrepúxenme a unha futura desgraza e, xa digo, aterrei coma un santo. Son un fenómeno!


Unha tarde de agosto tamén me tirei ó mar sen saber nadar, e non vai un puto delfín que me levou correndo e con alegría ata a praia. E tampouco me quería suicidar, pero pensaba que, por min mesmo, era capaz de volver á orela. Sigo sen sabelo por culpa dese maldito delfín. En principio, seguirei bailando sobre un dedo e contemplando o correr do pan centeo. Son ese fenómeno que digo que estou aínda que non estea, ou que vou aínda que non vaia. Por en canto, quedo quieto.


Finca Fierro. Martes, 6 de abril de 2021

 

lunes, 5 de abril de 2021

O BOSQUE

Por unha vez, e sen que sirva de precedente, non me deteño na terraza dunha cafetaría a tomar café e deixo que os pasos me leven ata o bosque que hai xusto un pouco antes de chegar a esa lagoa chea de ilusións que están aí precisamente para que goce con todos os anhelos que me ofrece esa ansia que me escaravella por dentro. Cando chego ó bosque o primeiro que noto é a humidade que reina dentro del. O bosque cheira a húmido. E nel sei que aniña o desexo dese animal que levamos dentro. A espesura do bosque abriga eses versos que se escribiron en silencio e que saen espallados dos recantos da memoria. A espesura dá calor. O bosque está moi quente e o desexo do animal ferve.


Sento ó lado dun carballo vello, contemplo o voar das bolboretas e escoito as melodías das rulas. O cheiro a humidade empeza a ser agradable; ten o seu aquel que penetra con gusto e con ansia nas entrañas, na miña intimidade. Cando canso de estar sentado boto a correr por entre a maraña de flores e plantas e herbas e toxos e xestas e árbores ata que a ansiedade pouco a pouco acouga nos suspiros do tempo, do meu tempo. Os meus saloucos.

O bosque envolve as miñas aspiracións, o meu afán e enreda nas circunstancias que me levaron a el e non a unha terraza. Na escuridade hai luz divina e na humidade esvara o aparato reprodutor das ansiedades que levan secas desde hai moito tempo. O bosque é o colchón no que me tumbo para soñar que non todo é deserto nesta existencia calada; que o tempo, cando corre, ás veces, faino para ben. Pecho os ollos e espállome polo bosque da salvación, da miña salvación.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Luns, 5 de abril de 2021

 

domingo, 4 de abril de 2021

JOHNNY COLLEU O SEU FUSIL

Si, hai unha película, unha marabillosa película que se titula así, pero tamén hai un Johnny na vila de Baños de Molgas. Porque, por veces, sempre hai alguén que quere espallar máis o seu entorno ou simplemente porque quere chamar a atención. Menos mal que o tal Johnny é fillo da Parrocha e do Albardas, que xa semellan moito máis enxebres. Digo que Johnny colleu o seu fusil, aquel que tiña colgado no faiado desde hai moitos anos. Pois Johnny, nun principio, máis ben cando era rapaz, gustáballe cazar ras, e segundo os seus amigos as collían coas mans ou a base de vareazos, el aproveitaba o fusil que trouxera o seu pai da guerra e simulaba que lles disparaba, pero na realidade, matábaas a culatazos. Non podía disparar porque non tiña balas, claro.


Digo que Johnny colleu o seu fusil e marchou correndo para a Lagoa de Almoite, lugar no que había ras a darlle cun sacho, aínda que el, como dixemos, lles daba coa culata. Cando ía xusto no alto da Chaira, asomou por alí a parella da garda civil. O encontro era inevitable. Johnny descolgou o fusil do ombreiro e os gardas botaran as mans ás súas cartucheiras. Un gandeiro, o fillo da Carracha, que andaba por alí con tres vacas e un burro puxo un CD de Ennio Morricone. A simulación da morte tiña un prezo palpábase no aire.

E xusto a uns cinco pasos de cruzarse, alguén espertou do seu soño (quizais o fogar de Breogán, non sei) e, alí, no alto da Chaira, tan só había corvos que andaban á prea das ras que deixaban os rapaces logo de cortarlles as patas para asalas e comelas. Johnny estaba na casa mirando para o fusil.


Finca Fierro. Domingo, 4 de abril de 2021

 

sábado, 3 de abril de 2021

A NUBE GRIS

Corrín baixo a protección dunha nube que, pola contra, me perseguía. E corría en silencio. Tan só os meus pés facían algo de ruído. Pouco; porque intentaba amortecer os saltos. Cando quero sei correr ben e sen facer moito ruído. Como tamén sei mirar de esguello á nube. Gababa a súa protección, pero xa me amolaba ben o de que non me deixase nin a sol nin a sombra. Claro que, ela mesma, cubríame do sol e dábame sombra. Por certo, a nube nin era branca, nin era moi negra; quedemos entón en que era gris.


Corrín uns metros baixo a protección dun túnel, e foi aí onde, efectivamente, deixei de ver a nube gris. Quedaramos en que era gris, non si? Non a captando, non sabendo dela detiven a miña carreira para elucubrar sobre algunha opcións para cando saíse do túnel: desaparecería a nube gris?, quedaría atrás?, desprazaríase moito para a parte esquerda?, para a dereita? Seguín esperando para darlle opción á propia nube de que fixera algo, de que actuase por si soa.

Tan só foron uns minutos os que estiven parado por debaixo do túnel. E sabedes por que? Porque xa botaba de menos á maldita nube gris! Perseguíame, pero sabía que me facía compañía. E a compañía en soidade sempre se agradece. Así é que saín do túnel e, mesmamente, alí seguía, xusto por enriba de min. Xa non a mirei de esguello; fíxeno de fronte e díxenlle: imos alá. E seguín correndo baixo a súa protección.


Café Sports Century da Valenzá. Venres, 2 de abril de 2021