sábado, 14 de agosto de 2021

VERÁN DEPORTIVO

Quen dixo que este non era un verán normal? Acaso son normais os case ou sen case 40 graos que están caendo nestes momentos (sábado pola tarde)? Asfíxiase o mundo! Ou sexa, Ourense; que é o noso mundo.

Xa fóra da broma, é verdade que este non foi un verán normal, e sen poñer de exemplo o tempo climatolóxico nin mesmo a maldita pandemia que non se vai, pois ata incluso no deportivo non foi moi común. Xeralmente os veráns son para os descansos futbolísticos e demais eventos deportivos, pero este ano, é certo, non foi normal. E, por certo, bendita sexa esta anormalidade. Nunca pasei un verán tan entretido, deportivamente falando. Houbo a Eurocopa, seguiu o Tour de Francia, continuou cos Xogos Olímpicos e agora, dunha sentada, na mesma fin de semana, empezou a Lila e a Volta Ciclista a España. Que máis podo pedir!


Ante eses acontecementos é moi normal que pase, que ignore todo o relacionado coa política (polo menos non me cabreo) e que a Covid-19 asome tan só, de cando en vez, no bico dos pés. Para que a carraxe altere o entendemento e os sentimentos chega ben o resto do ano. Así é que, bendito este verán tan anormal! Si, incluso climatoloxicamente falando. Non me digades que non se andaba mellor sen tanta calor. Os das praias...; sei que o aire da montaña aínda pon a un máis moreno, e moito máis san. Ou sen subir mesmo á montaña; chega con coller un sacho ás tres ou catro da tarde e xa veredes vós que moreno máis bonito e máis duradeiro. Repito: verán estupendo. Certo, boto de menos o ruído do mar.

Intentarei cambiar ese ruído polo ruído dos bares e das bancadas animando a uns ou outros equipos da Liga e a uns ou outros xogadores. A partir de xa! volveron os seguimentos de tales ou cales xogadas, daqueles penaltis que son ou non son, daqueles declaracións que aclaran ou cabrean e, por suposto, o seguimento ás actitudes humanas e persoais que, no fútbol, é onde mellor se notan. Moitos odian o fútbol, pero eu sei que é o evento onde mellor se pode apreciar a conduta ou o proceder ou o comportamento do xénero humano. E sigo insistindo en que non lle quita espazo á cultura. A proba é que, co fútbol, gozas dúas horas; cun libro gozas algo máis e incluso días. É igual; como dixo aquel grande Vujadin Boskov no seu inestable castelán: “fútbol e fútbol e gol e gol”. Que este é a salsa do fútbol.


Finca Fierro. Sábado, 14 de agosto de 2021

 

viernes, 13 de agosto de 2021

A CULPA

Carguei coa culpa ó lombo e seguín andando. Que culpa? Ah, non sei; ningunha. Pero a frase é bonita, non si? Dalgunha maneira hai que empezar. Unha veces emprego tempo para o encabezamento e outras sae ó momento e case sen querer. O da culpa ó mellor apareceu porque quedei farto de cargar feixes ó lombo. Tamén é verdade que cargar coa culpa... Puiden haber empezado con que carguei o silencio ó lombo (ou ás costas) e seguín andando. Ata creo que sería máis bonito, pero...; non din sempre que o primeiro pensamento é o que conta? A culpa saíu de primeiro e xa non hai volta de folla.


A frase é bonita, pero a culpa pesa de carallo. Seino polo que leo, ás veces, e polo que escoito, outras. Case me atrevería a dicir que, por referencias, a culpa pesa moito máis que un feixe de nabos ou un saco de patacas. Non obstante, como eu non teño ou non sinto culpa ningunha, non me importa cargar con ela e seguir andando e andando. Os que teñen culpa terán que andar ata o cume da conciencia, descargala alí e sentirse liberados, ceibes. Claro que, ben sabemos todos que, onde hai cúspides custa unha barbaridade chegar a elas; están moi altas e sempre costa arriba, ou sexa, subindo e subindo.

Carguei a culpa ó lombo e seguín andando. A min, como non me pesa, sigo e seguirei camiñando, mesmo remexendo. Cos feixes de ferraia, e cando a distancia era moi grande, por veces podía descansar. Coa culpa, como non me pesa (porque non a teño), sigo andando.


Cafetaría La Carabela. Xoves, 12 de agosto de 2021

 

jueves, 12 de agosto de 2021

AS PERNAS DELA

El mira para as pernas dela. Case estiven a piques de dicir que mira con disimulo, pero non; el mira directamente para as pernas. O de disimulo sería porque fai que está lendo. Pero non le. Mira. El está a uns dous ou tres metros dela na piscina que a moza ten na súa finca. El é un convidado. Por amizade, con respecto a ela. Por amor, por parte del. El, que de cando en vez semella que le en serio (incluso fai que bisba ou que borboriña as palabras coma se fora un vello rezando o rosario), non sabe o que le porque ata por entre as liñas se lle aparecen as pernas dela.


El, aproveitando que está por detrás dela, mira, agora xa, sen disimulo para as súas pernas. E pensa que a felicidade consistiría en percorrelas bico a bico, caricia a caricia, e subindo. Pero el sabe que a súa felicidade é efémera; dura o que dura ese instante e ese pensamento seu. Ante isto, el fai un xesto de desconsolo, de afliximento, pero non se desanima; segue soñando co que pode chegar, e aínda que non chegue nunca. Mentres soña e pensa e imaxina e confía segue mirando para as pernas dela e detense un chisco nunha tatuaxe situada no astrágalo dun pé, na que adiviña algo así coma o paso do tempo. El sabe que por ela nunca pasará o tempo. E ela sabe que el está espiando (“perdón, mirando, pois gústame que me mire, e espiar, neste caso, é unha palabra fea”) mentres pinta con parsimonia e con moito tento, con moito tino as uñas dos pés coa cor vermella. El pensa se ela saberá que a felicidade e o desexo consiste en subir bico a bico, caricia a caricia por esas pernas que o elevan ó universo da ilusión ou dos soños. Segue mirando para as pernas dela.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 12 de agosto de 2021

 

miércoles, 11 de agosto de 2021

NON PODO TRABALLAR TANTO!

Non podo traballar tanto! E non polo esforzo físico (que, ás veces, si o realizo), senón porque o traballo que fago eu non o realizan outros. E con todo o paro que hai... Dúas horas xustas nas que pensei que xa remataba con todo. É moito traballo para un pobre xubilado. Din que o traballo dignifica e que mesmo é bo para a saúde. Será. Pero as putas silvas esgazáronme toda a pel do brazo dereito e os malditos toxos penetraron deica as entrañas dos sentimentos. Ós vinte minutos xa pensaba que levaba media mañá. O traballo máis ben mata que dignifica.

Non podo traballar tanto! Porque as seguintes dúas horas, as que transcorreron logo dese gran esforzo físico, fixen o demo de cousas e máis. Fun á praza, á da Alameda de Ourense. Despois fun á Valenzá, a de Barbadás, a tomar un café, a ler este xornal, a comprar unha barra de pan nunha panadaría e catro cousas nun supermercado. E tiven que marchar para a casa andando. Cantas cousas e canto traballo, meu Deus!


Non se pode ir pola vida quitándolle de comer a ninguén. Un xubilado debería vivir tranquilo (lendo), tomar os paseos con parsimonia e, ó cansar, sentar nunha terraza (para escribir), botar unha boa sesta (soñando) e ver algunha que outra película nocturna e sen pensar para nada no día seguinte. Que dúas horas de traballo, de esforzo físico non son aptas para esa nugalla que aniña nun. Co ben que se vive sentado á sombra dun castiñeiro e imaxinando que contemplo a Venus do espello.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 11 de agosto de 2021

 

martes, 10 de agosto de 2021

FALAR E FALAR

Algunha que outra vez dáseme por falar. A ver, non son calado; pero é que agora levo dúas semanas seguidas falando case sen parar. Creo que só deixo de falar cando durmo; e como durmo pouco... Eu entendo (e sei) que falar moito cansa, mesmo esgota. Cansa e esgota ó que ten que escoitar, claro. Pero non podo evitar falar. Falo incluso cando estou calado! Porque noto como a miña cabeza traballa e traballa e traballa.

Falo coas lagartiñas que asoman polo atallo e coas cirolas que hai á beira do camiño. Falo co paisano ó que non coñezo de nada e falo sentado ante unha roda de carro e tamén desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Falo cara ós balcóns mirando para arriba e fálolle baixiño á flor do toxo. Quero cubrir a boca coas mans, a ver se así calo, mais non hai maneira. Sigo coa verborrea aínda que non haxa ninguén á miña beira. Vaia por diante que nunca me preocupou falar só. Moitas veces falo só.


Falo baixo o influxo da lúa vella e durante o ruxerruxe das mareas. Falo por Cristo bendito e polos confíns do universo, pola hipotenusa do triángulo dos carballos das Mestras e pola altura dos piñeiros que se erguen cara ó ceo dos Castros. Falo co can da tía Aurora e coa ducia de ovellas que pacen pola Tapada Nova. Falo co reflexo espido dun espello e co sorriso aberto e vermello de quen retratou o momento. Falo en primeira persoa do presente de indicativo e multiplico os segundos que levo falados desde que o mundo é mundo. Unha eternidade de tempo. Unha verborrea de trapalladas.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 10 de agosto de 2021

 

lunes, 9 de agosto de 2021

A GRAZA

“A bamba” é unha canción tradicional mexicana que asomou polo ano 1863, de autor descoñecido, e que, ó longo dos tempos, tivo diversas versións. As máis coñecidas son as de Ritchie Valens, Los Lobos e Trini López. Polo atallo, camiño da Valenzá, escoitei a de Trini López, que dicía que para bailar a bamba necesítase un chisquiño de graza. Non sei bailar a bamba e creo que tampouco teño graza. Non sei se é difícil bailar a bamba, pero si sei que é moi complicado ter graza. Non a ten calquera. A graza é como a comedia. É moi difícil facer rir. Eu incluso o noto moito na miña afección cinematográfica: que moi poucas películas e moi pouquiños autores teñen o seu aquel para facernos rir ás gargalladas e a esgalla diante dunha pantalla branca ou televisiva.


Ó ser humano creo que lle sae máis de súpeto o demo que leva dentro que a graza que se nos presupón. Si, é verdade, ás veces chega un simple sorriso para facer despegar o noso ego con certa graza. E sei que hai sorrisos que fan rebentar os corazóns. Pero tamén hai miradas que matan, claro. Certo que a graza non ten porque estar nos sorrisos ou nos chistes (é máis, non está); a graza ten que levala xa un dentro de si. Hainos que a teñen; pero moi poucos.

Trini López tamén di que se precisa, a maiores dunha pouquiña de graza, “outra cousiña”. Aquí, na “outra cousiña” é onde podo ter eu algo, onde podo ter opcións. Que, realmente, non sei a que se refire, pero... eu sempre intento tirar polo lado da retranca.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 9 de agosto de 2021

 

domingo, 8 de agosto de 2021

COMO A CALDA DO POTE

O sol queima pero á sombra estase ben. Un profesor portugués non lle deu un exame a unha alumna porque seica ía “moi destapada”. Como nos gusta meternos nas vidas dos demais. Cada un debería ir como lle dea a gana. Unha pomba intenta meterse por debaixo dunha mesa na procura de algo para picar, pero as pernas duns clientes espántana sen compaixón. Tanto falar de Federer e Nadal, de Nadal e Federer e, de manseliño ou á cega lagarta, Djokovic xa está aí, pegadiño a eles. Como se pegan estas letras ó caer no pote da calda. De cando en vez é bo mesturar invencións reais con realidades ficticias. Si, como a calda do pote. Empezo a admirar ós xabarís. Pola forma que teñen en conquistarnos. Así, coma quen non quere a cousa, introdúcense polas rúas das cidades, sen medo e ás súas anchas. O mundo é noso!, exclamarán. E levan camiño de conquistalo. Eu tamén xa conquistei a resolución dun problema capital, que consistía en saber cal era a raíz cadrada dun castiñeiro partido por dous valados que o circundan. O resultado é unha leira de trinta áreas.


O PP di que Sánchez marxina á nosa provincia. Seguro que si. Coma eles. Porque Ourense, desde que o mundo é mundo, sempre estivo marxinada. Lembrade a miña sentenza: Galicia é o cu do mundo e Ourense é o ollo do cu. Agora cada quen que se mire a un espello e que soñe co que quere ver. Eu, se miro para el, e aínda que estea cheo de bafo, vexo o reflexo dunha esperanza que nunca desaparece; e vexo a silueta dunha ansiedade cargada de desexo. Mesturo nabos con cebolas ou nabizas con allos, pero no pote todo se coce.


Café Sports Century. A Valenzá. Domingo, 8 de agosto de 2021