miércoles, 1 de septiembre de 2021

A FEIRA DE FÓRA

Uns días antes da celebración das novenas, a correspondente deste xornal na comarca Allariz-Maceda, titulaba unha das súas crónicas da seguinte maneira: “Os Milagres recupera a feira xunto ó santuario”, en clara alusión ás chamadas novenas. Non sei, pero ó mellor ó mundo eclesiástico igual lle pareceu algo mal o de comparar as novenas cunha feira. A ver, a correspondente algo de razón ten, xa que as novenas sempre tiveron algo de feira e, eu, particularmente, creo que cada ano que pasa teñen máis de feira que de evento relixioso.


Se collemos a palabra feira como diversión, como ocio, como intercambio de produtos si hai moito diso fóra do recinto do santuario, ou sexa, da explanada do mesmo. Cando eu era rapaz os postos ambulantes xa imperaban por todos os arredores e, principalmente, por toda a estrada que vai de Maceda a Vilar de Barrio. Durante os domingos e os dous días máis transcendentais do evento relixioso (días 7 e 8) as ringleiras de postos case alcanzaban ata o cruce de Baños de Molgas. Aquilo si que era unha auténtica feira de ver, tocar e, moitas veces, mercar. Intercambio de produtos: a min dáme esa gaita galega para cravar as agullas de coser e eu douche estas pesetas (agora, euros) por ela.

Pegados á explanada estaban os típicos postos dos churros e, faltaría máis, dos xeados, que nesa época do ano, ben que se botaba man deles. Os que podían, claro; que, para un servidor, pasaba o mesmo que lle acontecía cos churros e que puidestes ler onte. Despois deses postos estaban os das rosquiñas, pan, froitas e demais garapiñadas. A continuación, e xa postos incluso polo chan, os típicos postos dos xoguetes para os nenos. Estes sempre polas beiras da estrada para que os nenos chocasen con eles. E ante a insistencia dos nenos, xa se sabe... Os toldos baixo os que se comía seguían a continuación. É nestes onde se vía máis movemento, principalmente o día 7 pola noite, xa que a xente intentaba ir á última novena, a das 20:30, para quedar alí á celebración do rosario das Antorchas, que era e é ás 23:00 horas. Nese intervalo era onde había que alixeirar, apurar para atopar un oco e poder cear. E xa, para rematar, e baixando por toda a estrada, estaban os demais postos: calzado, roupa, cacharros, etc. Agora, todos estes trasladáronos á Glorieta, onde penso que saíron perdendo. Á xente quedáballe máis a man a propia estrada, pois segundo ía ou viña, botaba unha ollada. Á Glorieta xa hai que ir ex profeso.


Finca Fierro. Mércores, 1 de setembro de 2021

 

martes, 31 de agosto de 2021

A RUTINA DOS CHURROS

A comarca dos Milagres ou do Val do Medo ou do Alto Arnoia sempre foi agrícola, labrega. Hoxe segue a ser o mesmo, pero con moitísima menos xente. Nas décadas dos 60 e 70, un labrego, para poder asistir ás novenas dos Milagres, maioritariamente tan só tiña unha opción, a de asistir á primeira novena do día, á das sete e media, xa que despois tiña todo o día ocupado co seu gando e coas súas leiras. Certo que, se había algunha ocasión (ou ben porque algún día se podían permitir o luxo de non traballar moito, ou ben porque se repartían o traballo cos cónxuxes ou fillos), optaban, por suposto, por outra hora calquera, por aquilo de non madrugar moito. Pois para ir, polo menos desde Baños de Molgas deica o santuario, cumpría sobre unha hora, o que significaba que, entre preparación e camiño, non quedaba outra que erguerse ás seis da mañá.

Debido precisamente a este madrugón, moitas veces os pais compadecíanse dos cativos (aínda que, estes, á noite anterior pedisen e pregasen que os chamasen para ir á novena) e deixábanos durmir. Pero algunha que outra mañá, ou varias, si que nos levantabamos porque, non sei, facía así como certa ilusión o madrugar e ir de parola polo Medo arriba. Ou simplemente o detalle ese de “ir á novena, á primeira novena”. Así tamén podías alardear ante os amigos que madrugaras. Eramos así.


Non obstante, se saquei á palestra a primeira novena do día foi pola rutina dos churros. Resulta que ó saír do santuario e xa de volta para a casa, algúns, moi pouquiños, mercaban media ducia, ou como moito, unha ducia de churros na sempiterna Churraría Lolita. Sinceramente, iso era un calvario para min! Porque a miña familia (e como moitas) todo o que se relacionase con tendas, é dicir, con pagar por algo, estaba máis que prohibido. De cando en vez, algunha alma caritativa ofrecía algún churro (ós nenos tan só, que non había que desperdicialos) que, para máis aquel, eu rexeitaba por vergonza ou pola ladaíña aquela de non coller para non ofrecer. E nós non tiñamos nada que ofrecer. Maldita sexa, íaseme a vida vendo como os comían e tiña que rexeitar o que me ofrecían! Neses momentos era cando pensabas se realmente a Virxe facía milagres. Que ía facer! Como non ía perder entón a fe! Agora ata te agasallan con algún churro cando tomas un café. Agora. Porca miseria!


Finca Fierro. Martes, 31 de agosto de 2021

 

lunes, 30 de agosto de 2021

O ROSARIO D´AURORA

Un dos acontecementos máis interesantes que se realizaban nas novenas dos Milagres era o Rosario d´Aurora. Este acontecemento era máis local que provincial ou rexional, xa que era un rosario que levaban a cabo as parroquias de toda a bisbarra e efectuábase de mañanciña cedo, para presentarse no santuario á primeira novena, á primeira misa. Como eu vivín o da parroquia de Baños de Molgas, alá vou coa descrición ou experiencia do mesmo.


O dito; había que madrugar. O espertador na vila de Baños de Molgas, ese día, eran uns poucos fogos artificiais coas súas bombas de palenque e o repique de campás desde a igrexa da vila. Iso acontecía aí sobre as seis da mañá, aínda noite pecha, para podernos xuntar todos na Cagalla, á saída mesma da vila. E como o propio rosario non empezaba ata que chegabamos ó cruce coa estrada de Maceda a Vilar de Barrio, durante os tres ou tres e pico quilómetros da estrada de Baños de Molgas iamos máis ou menos de parola e, os rapaces, máis ou menos divertíndonos coas típicas bromas de que “aí sae o lobo”, “aí escoitouse algo”, etc., e caendo algunha que outra labazada das nais (as mulleres eran as que predominaban no rosario, dado que os homes ou ben saín a traballar ou ben quedaban preparando o gando para saír) polo mal comportamento na que se pode chamar “procesión” máis ou menos silenciosa e aínda que neses momentos non se rezase nada de nada. O cura párroco don Manuel Pulido, de cando en vez, deixaba caer algunha frase de respecto ó evento, pero, ó mesmo tempo, defendía ó rapaz amoestado cun simple “déixao, muller” a esa nai coa man lixeira ou coa man levantada.

Cando o rosario entraba no seu aspecto serio, ou sexa, cando se iniciaba a uns cincocentos ou seiscentos metros do santuario, xuntabámonos todos ante don Manuel e iniciabamos o percorrido, en silencio e rezando, á beira da cuneta esquerda. Coches había poucos, pero sempre había, e non fose o demo que... Ó chegar ó santuario, o normal: novena e misa e deica o ano que vén.

Dicir que cando, eu ou calquera rapaz, deixamos de ser rapaces, o rosario deixou de ser unha das obrigacións porque o madrugar non lle gusta a ninguén. Pero seguimos, sigo a recordalo con cariño.


Finca Fierro. Luns, 30 de agosto de 2021

 

domingo, 29 de agosto de 2021

DESCALZOS E DE XEONLLOS

Falaba onte da preparación ou arranxo dalgunhas pistas, camiños e estradas con destino ó santuario dos Milagres e con motivo da súa peregrinación mariana. Tal preparación debíase a que entre o 30 de agosto e o 8 de setembro aumentaba de maneira demasiado considerable a circulación polas mesmas, tanto de vehículos motorizados como de cidadáns a pé. E quizais estes últimos fosen os que máis agradecesen ese amaño nas pistas da contorna. Porque, antigamente, moitos peregrinos e romeiros realizaban os seus percorridos a pé e descalzos. A xente “ofrecíase” á Virxe dos Milagres con tal fervor que daban por bo o sacrificio a base de sangue, suor e bágoas.


Por iso sempre me deu tanta rabia, tanta carraxe escoitar a xente baduar ou esbardallar contra certas relixións (principalmente a islámica), cando a nosa mesmo cometía ou deixaba cometer actos que se saen do común. De neno impresionaban as imaxes de peregrinos vendo como lles sangraban as plantas dos pés ou vendo a eses mesmos pés envoltos en farrapos de roupa para amortecer a dor e cortar o derramamento de sangue. Aínda que naqueles momentos case entendías esa fe porque, o ser humano, cando se ve contra as cordas bota man do imposible. Case podo asegurar que a fe era e é a angustia do medo. Porque hai medo ante certas situacións e axiña nos achegamos a alguén (neste caso a Virxe dos Milagres) para que nos axude a vencelo. O que ía descalzo estaba convencido de que tal sacrifico curaría a un enfermo terminal ou de que tal fillo aprobaría grazas á Virxe dos Milagres, como lle acontecía a miña Lola, que se eu aprobaba era grazas á Virxe, pero se suspendía, era culpa miña (neste último caso a Virxe, pobre, non tiña nada ver).

Ás veces, o fanatismo ou esa angustia ó medo ía moito máis alá da lóxica, cando, algúns, non chegándolles co sacrificio de ir descalzos, se deixaban caer de xeonllos á entrada da explanada ou mesmo desde a, hoxe, rotonda e facían desa maneira o percorrido ata o mesmo santuario. E sigo dicindo que, naqueles tempos, pensábase que era fe; hoxe, eu, máis ben catalogaría ese acto como flaxelación. Porque si, porque por moi ben que quedasen arranxados os camiños ou por moi limpa que estivese a explanada, sempre pillabas areíñas que che laceraban a saúde. Pero que importaba un regueiro de sangue ante a imaxe da Santiña do Medo!


Finca Fierro. Domingo, 29 de agosto de 2021

 

O PRIMEIRO INDICIO DAS NOVENAS

En Baños de Molgas o primeiro indicio da celebración das novenas no santuario da Nosa Señora dos Milagres acaecía xa algunhas semanas antes do 30 de agosto, e non polos carteis que así pregoaban tal acontecemento, nin polo coñecemento dos propios veciños (creo que estes, ó rematar as novenas de cada ano, xa estaban pensando nas do ano seguinte), senón polas ducias de camións de terra que cruzaban a vila cara á estrada ou, naqueles tempos, pista que vai desde a vila molguesa ata Os Milagres. Esa estrada ou pista, nos anos 60, non estaba, por suposto, asfaltada; e isto significaba que todos os invernos ou primaveras, cada vez que había unha chea do río Arnoia (e habíaa e haina todos os anos), a auga limpaba de tal maneira a estrada desde a ponte das Cabras ou ponte do Medo ata a propia vila, que os coios asomaban a moreas e tan afiados que mesmo as propias vacas construían os seus propios carreiros para evitar as dores nos seus pezuños. E onde non había coios, formábanse grandes buracos que facían imposible a circulación (por certo, a circulación nesa década era bastante escasa, pois case se podían contar cos dedos das mans os coches que pasaban con dirección ós Milagres), polo que ano tras ano o concello empezaba co ritual de preparar a pista cada vez que estaban a piques de empezar as novenas e a base de camións e camións de terra. Agora xa hai moitos anos que se lle botou cemento ó cacho máis castigado e o resto asfaltouse, e que eu recorde, non se lle volveu tocar.


Pero ir ás novenas os primeiros días, despois do “lavado de cara” da estrada, era botarse de cabeza a unha poeira molesta e porca, porque, aínda que, como dicía, había poucos coches, algún sempre pasaba e cando o facía xa podedes imaxinar o panorama. Imaxinade tamén o panorama se se lle daba por chover durante uns días... evitaríase a poeira, pero o bulleiro facíase dono e señor da peregrinación ó santuario. Porque naqueles tempos, a maioría, a inmensa maioría trasladábase a pé desde calquera punto da contorna ata o alto do monte Medo. Algúns é certo que botaban man dalgunha moto ou dalgunha bicicleta, aínda que o transporte maioritario (fóra, por suposto, do coche de san Fernando, un pouquiño a pé e outro pouquiño andando) eran os burros. E aproveitando o arranxo desa estrada e doutras estradas da contorna, mañá falarei desa xente que ía descalza ata Os Milagres.


Finca Fierro. Sábado, 28 de agosto de 2021

 

sábado, 28 de agosto de 2021

VERDE

Din que o verde é a cor da esperanza. Eu esperanza sempre tiven moita. E téñoa. E sempre a terei. Sempre. García Lorca dicía: “verde que te quero verde”. O outro día vin dúas películas case seguidas de Hulk, o home que se pon verde cando se cabrea, cando se enche de carraxe. Eu, coa carraxe, non sei se non me porei gris. Ou sen cor, que tamén. Verde é o vestido dunha muller que pasa á miña beira. Verde é o personaxe da “Lanterna Verde”. Verde é a outonada ou o trevo dun lameiro e verdes son as agullas dos piñeiros. Lorca ata dicía que o vento era verde.


Verde é a froita antes de madurar. Tamén a experiencia dun rapaz. Verde é o asunto ou materia ó que lle falta aínda moito por desenvolverse, por solucionarse. Verde é o fento antes de secar e o loureiro para que o bendigan o domingo de Ramos. Verde é a selva do Amazonas e verdes son as gallas dos carballos do parque das Mestras, en Baños de Molgas.

Verde segue a ser o vestido da mesma muller que cruza de novo ante min. Cae por todo o seu corpo ata uns poucos centímetros dos seus xeonllos. “Verde que te quero verde; verde vento verdes ramas; o barco sobre o mar; o cabalo na montaña”, seguiu dicindo Federico García Lorca. O meu burro pacía os toxos verdes do Río Vello e trouleaba ante a burra do Dositeo, o muiñeiro. Verde queda a opinión, ou a crítica, ou o parecer, ou a sentenza cando non madura. Verde que te quero verde. O que sexa.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 27 de agosto de 2021

 

viernes, 27 de agosto de 2021

AS NOVENAS DOS MILAGRES

Este recuncho adoita ser para comentar cousas que aconteceron a semana pasada ou para escribir sobre asuntos do pasado. Hoxe este hebdomadario irá sobre o futuro, ou mellor aínda, sobre o presente xa. Porque hoxe, precisamente hoxe, 30 de agosto, empezan as novenas en honor á Virxe dos Milagres, no santuario do Medo, en Baños de Molgas. E como abarcarán ata o día 8, inclusive, pois de aí o de futuro. A intención é comentar algo de todos ou sobre todos eses días.


É certo que a pandemia da Covid-19 bota para atrás aínda a presenza dos peregrinos, pero aínda así intúo que a fe (?), ou quizais máis ben a tradición non son quen de facer recuar á maioría. O ano pasado estabamos en peor situación e houbo novenas. Este ano teñen que ir a máis. Pero, iso si, por favor, con moita prudencia; que a pandemia aínda anda por aí moi solta.

As novenas, xa o día a palabra, son nove días, aínda que nós sempre lle sumamos os dez polo famoso Día 8, que é o día grande, o día da Virxe. Pero ese día, claro, non hai novena. Todos os días están dedicados a certas intencións (emigrantes, anciáns, enfermos, xuventude, etc) e sempre había o chamado Rosario d´Aurora, no que, cada día, e por parroquias da contorna, saían en procesión de mañá cedo cara ó santuario rezando o rosario.

Como toda celebración longa sempre hai uns días especiais que merecen algún comentario á parte. No caso das novenas dos Milagres, son dous; ademais os dous últimos: o día 7 e o día 8. O día 7 pola celebración do Rosario das Antorchas, un rosario nocturno (ás 23:00 horas) no que miles de velas e cirios acendidos iluminan a noite nun espectáculo realmente bonito e impresionante. Logo do rosario, e se as autoridades o permiten (polo asunto dos incendios), outro espectáculo cheo de luz e son a causa dos fogos de artificio segue alumeando o monte Medo. E ó día seguinte, o famoso Día 8, o espectáculo baséase en milleiros de panos das mans bambeando ó vento, despois da correspondente procesión da Virxe pola explanada do santuario. Ó rematar todo isto, empeza unha tradición que, co tempo, semella que vai a menos: a de espallarse polo monte, por entre os piñeiros, para xantar sobre uns manteis ou mantas que se estenden polo chan. Agora (unha pena), a xente empeza a afastarse cada vez máis do recinto; ou ben para comer en parques das vilas dos arredores ou ben para facelo en restaurantes das mesmas vilas.


Finca Fierro. Venres, 27 de agosto de 2021