sábado, 9 de octubre de 2021

NIN RACISTAS NIN INTERESADOS

A maioría da xente pon a caer dun burro ós inmigrantes porque din que lles veñen a quitar o traballo. Que traballo? Non lles queda outra que coller o traballo que nós non queremos. Por certo, eu sempre lles botarei máis a culpa ós empresarios que ós inmigrantes. Estes búscanse a vida e aqueles... coma voitres buscando man de obra barata. Ás veces é tan barata que se pode moi ben dicir que lle sae gratis. En La Seca, localidade e concello de Valladolid, detiveron a tres malnacidos por escravizar a inmigrantes na vendima. Resulta que seica os facían traballar dezaseis horas e sen practicamente salario. A ver que españoliño se apunta a esas labores e nesas condicións.


Ademais, sempre me causou moita carraxe esa xenreira, ese odio que destilamos cara ós inmigrantes, porque nós (os españois), precisamente nós (os galegos) sempre fomos, somos e imaxino que seguiremos sendo un país emigrante. Despois, mirade como somos, que tamén noto a diferenza entre un inmigrante latinoamericano, por exemplo, e un africano. Esa xenreira e ese odio só se dirixe ós africanos. Por que?; se uns e outros son o mesmo. O que me fai intuír que aquí tamén entra o racismo. Si, xa sei que o español non é racista, nunca foi racista. Que va! O racismo só existe nos Estados Unidos de América.


Nin somos racistas nin somos interesados. Seguro que o alcalde de Agolada (Pontevedra) tan só quixo gastar unha broma ó solicitar un pleno para fixar como festivo local o día que ganou as eleccións. Nada interesado. E como non lle chega coa poltrona que ten, imaxino que para outro pleno pedirá o nome dunha rúa ou dunha praza, e así ata que se proclame santo e mártir por todo o que se sacrificou polo seu concello. Hai noticias que deixan a un medio pampo. Que digo!; pampo enteiro. Sinceramente, cando lin esta mirei arriba, no xornal, a data, por se era o 28 de decembro. Pero non, era de hai tres ou catro días. O que demostra que, aquí, neste gran noso país, o que non chora non mama. Ó final seica botou atrás a súa propia solicitude, pero xa sabedes aquilo de que “o que a segue, conséguea”. E se non foi nese pleno, noutro será. E se non acadou a súa festividade, seguro que algunha rúa ou praza ou aínda que só sexa unha canella, ó final conseguirá algo... que para iso é o alcalde, o gran alcalde que merece todo o recoñecemento dos seus veciños. Como dicía aquel: vivir para ver.


Finca Fierro. Sábado, 9 de outubro de 2021

 

viernes, 8 de octubre de 2021

AS MÁQUINAS

As máquinas furgan na terra e sacan das súas entrañas, dos seus fondos as porcalladas que levamos dentro. Que, aínda que nos pese, son moitas, e noxentas e repugnantes. Como moito é o ruído que fan eses mastodontes e as molestias que causan pero que hai que aguantar. Eu, como sabedes, aguanto coma os heroes; porque aguanto todo, a todos e con todo. Sempre fun un soberbio polas leiras da melancolía. Ó mellor era polas corredoiras da nostalxia ou da señardade. Máis ou menos é o mesmo.


As máquinas, e sen saber por que, quedan en silencio. E o silencio, neste caso, neste momento, é raro, faise raro. Faise raro despois de tanto ruído, de tanto estrondo. Quizais quedasen en silencio porque atoparon o que andaban buscando. Ou porque rebentaron as veas abertas dos sumidoiros noxentos. Hai sumidoiros que son coma fogares para os pobres de espírito e para moitos malnacidos.

Agora mesmo quero deixar de ser o heroe de todos para fumigar a conciencia duns poucos. Ou de moitos. Pois chegados a este punto, tería que facer un estudo filosófico, profundo e incluso longo sobre o proceder daqueles que se senten humanos pero sen saber vivir. Para saber vivir hai que ter o ego achumbado, sereno, calmo. E, despois, deixar que a vida pase. Que pase ante un espello no que se reflicte o latexo dun corazón perdido ou desbocado ou acelerado. Agora, a ver que heroe atopa ese latexo invisible.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 27 de setembro de 2021

 

jueves, 7 de octubre de 2021

A MULLER DO SUXEITADOR VERMELLO

El é un detective de película barata. Ela é unha estrela de novela premiada. El carga coa culpa no sofá de non saber resolver os seus sentimentos. Ela está perdida en algún recanto da memoria del. A el víbralle o móbil sobre a mesa. Ó iluminarse a pantalla ve un número demasiado coñecido. Atende a chamada e ninguén fala. El queda co xesto preocupado e marcha á casa dela. Estráñase ó ver a porta entornada. O xesto de preocupación del acentúase e pensa se realmente esa non será unha escena dalgunha película barata.


Entra e vea tombada sobre a cama, cun suxeitador vermello e con dous enganches. Deixa percorrer con parsimonia a vista polas costas dela. Xusto ó chegar a onde as costas perden o seu honesto nome, unha saba cobre, tapa, oculta o prohibido. Ela nótase ás leguas que está profundamente durmida. Pero axiña, como en soños, dá media volta e queda boca arriba. Agora o fermoso axustador cubre uns peitos de agarimo. El, con coidado, sobe a saba ata esconder a zona do desexo. El, moi amodiño, achega os seus beizos ós dela, abertos nun sorriso marabilloso e vermellos coma o suxeitador. Déixalle caer un bico suave e breve, para non espertala e... para non caer na tentación. El sae e deixa tamén a porta entornada. Sae do portal e arrastra a nostalxia pola beirarrúa camiño da súa casa. Xa nesta, deixa o móbil á súa beira. Soa un pouco máis tarde. É ela. “Deixaches a porta entornada”. Unha bagoa de orballo (ou de melancolía) esvara pola meixela esquerda del.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 27 de setembro de 2021

 

miércoles, 6 de octubre de 2021

TAMÉN SEI ANDAR AMODIÑO

Segundo algunhas veces corro máis cá velocidade da luz ou que corro tanto que a xente nin me ve, tan só senten o ronsel que deixo; outras veces tamén sei andar amodiño. Moi devagar. Hai xente que engarra, que emprende o camiño e nunca chega ó seu destino. Eu non engarro, pero, se quero, ando moi pero que moi amodiño. Chego sempre ó destino pero, sinceramente, non sei dicir cando.


Poño un pé detrás do outro, moi xuntiños e, claro, pé a pé, paso a paso, camiñante faise camiño. Si, xa o dicía aquel. Máis o problema meu está no momento de levantar o pé ou de erguer a perna. Fágoo tan devagariño, tan devagariño que nin unha cámara lenta desas pillaría o movemento. Se correndo me puña do Polo Norte ó Polo Sur nun verbo, nun airiño, poñer un pé por diante do outro lévame unha eternidade, un sen fin. Se eu quixera ata me chegaría o momento da morte sen conseguir poñer o pé diante. E, ollo!, que penso vivir aínda moitos anos.

Sempre fun uns mestre en todo: en saber correr e en saber perder ante unha tartaruga, ou mellor aínda, ante unha lesma. Son mestre en berrar en silencio e en notar o silencio no medio e medio do ruído. Son mestre en dicir cousas que ninguén cre e, non obstante, saber que digo a verdade. É que como vou tan amodiño en todo, axiña vos dades por vencidos e dádesme a razón coma os parvos. Menos mal que non escribín tan amodiño, senón non deixaría de dicir trangalladas e máis cerelladas.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 23 de setembro de 2021

 

martes, 5 de octubre de 2021

A MIÑA INTELIXENCIA

Custoume unha certa experiencia, ou sexa, anos, saber a que se debe o silencio. Á falta de ruído! O caso é que cando caín na conta quedei algo así coma pampo, coma un pasmón. A ver, non sempre consigo ver o que me poñen diante, nin consigo entender o que me explican de pe a pa, de punta a couce. A miña intelixencia sei que é raquítica, escuálida, pobre e que, cando ás veces chega, faino cun certo atraso, ou mellor aínda, con moita demora. Que queredes, non son o rei do mundo!


Despois tamén entendín, claro, que cando hai ruído non pode haber silencio. Aínda que eu moitas veces penso que berro en silencio ou que sinto o silencio no ruído. Si, é algo rara a miña intelixencia. Se a teño, que tamén o dubido. O de berrar en silencio ó mellor é por influencia da película “Os gritos do silencio”. Vai ti saber. Eu só sei que, principalmente polas noites, que é cando se entende que hai máis silencio, é cando máis berro. Berro polos vivos e polos mortos e polas almas do purgatorio. E cando berro sei que estou berrando, que non estou en silencio, porque me escoito a min mesmo. Que non son parvo, que ata aquí chega a miña intelixencia. Tamén a intelixencia me dá para saber que desde onde mellor se berra é desde os outeiros, desde as alturas, por exemplo, desde o alto dos Castros. Porque canto máis alto, o son máis se espalla, non si? Igual erro aquí. Xa digo que a miña intelixencia, por veces, ou mellor dito, moitas veces é curtiña e efémera. Que queredes, non dou para máis.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 22 de setembro de 2021

 

lunes, 4 de octubre de 2021

ATRANCOS Á AGRICULTURA

Aínda que hai xa dous anos que fixen a última vendima (aí atrás axudeille a un tío da muller a vendimar pouco máis de 30 cestos), sei que os viticultores estiveron días atrás en plena faena. Pero co gran problema de que non conseguían atopar vendimadores. Normal. A administración sempre puxo e pon todas as pégas habidas e por haber. As mallas, as matanzas, as vendimas e diversos traballos máis agrícolas sempre foron unha labor máis social que profesional. Eran traballos familiares, de amigos, de veciños, de coñecidos e a administración sempre puxo atrancos ata que acabou desfacendo esas marabillosas xuntanzas, esas impresionantes colaboracións. Que algúns traballos si que se realizaban grazas a esforzos físicos descomunais, pero que se levaban máis ou menos ben grazas a esa harmonía humana.


As administracións sempre lles puxeron tachas ás labores agrícolas, a toda a agricultura. Non hai moito multaron a un labrego do norte de Lugo porque lle andaba unha vaca solta na estrada, sinalizada precisamente como zona de gando. Non podes transportar esterco porque deixa certo risco polos camiños ou estradas. Tampouco podes espallalo polos eidos e lameiros porque seica deixa un certo cheiro molesto (cando, en xeral, o ser humano está podre por dentro). Tes que levar as vacas de ramal porque, soltas, molestan ós coches, ou sexa, ás máquinas. E a máquina ten preferencia sobre o animal. Como debe ser! Claro que, despois, os políticos saen moi compunxidos nos medios de comunicación dicindo que o rural desaparece... Como non vai desaparecer!


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 21 de setembro de 2021

 

domingo, 3 de octubre de 2021

UN BÓLIDO DOUTROS MUNDOS

Lembrades o meu amigo alieníxena? Si, ho, aquel que aterrou xa por varias veces na Pitediña, en Baños de Molgas, e que, na primeira viaxe os veciños ataran a un carballo das Mestras e que obriguei a que o soltaran polo meu bo corazón, porque eu son unha boa persoa? Pois ben, estou á espera de que me volva visitar para cantarlle as corenta. Ata serei capaz de darlle unha tunda.


Resulta que, días atrás, por medio de La Región, e lendo a súa sección Historia en 4 Tempos, vin que o 22 de setembro de 1921 (hai 100 anos!) “unha auréola luminosa semellante a un bólido” achegábase a Baños de Molgas con risco de caer sobre a vila. E vaia se caeu! Seguro que caeu na Pitediña! Ata son capaz de meter a man no lume confirmando que era xa o meu amigo. Lembrade que nun dos meus relatos sobre el falaba que no seu planeta vivían moitísimos anos.


Agora mesmo o que máis carraxe me dá é que, o malnacido, nunca me comentara nada. De aí que o estea esperando con ansia, que vai saber o que é bo, o que vale un peite. Non confiar en min! Precisamente en min, que o liberei das hostes dos meus veciños. Ademais, agora mesmo xa estou ansioso por saber como o trataron nese 1921. Tamén que me conte a reacción dos meus paisanos ó ver baixar do ceo esa auréola luminosa. Seguro que fuxirían espantados para o Outeiro do Corno ou para o alto da Chaira, aínda que logo peregrinasen a ver ese bólido galáctico, ese bólido doutros mundos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 20 de setembro de 2021