sábado, 6 de noviembre de 2021

OS RETROUSOS DE GEORGIE DANN

Chuck Norris penso que non ten película algunha con xeito en toda a súa filmografía. Non obstante, hoxe pódese dicir que case é unha icona cinematográfica ianqui. Fernando Esteso e Andrés Pajares facían películas que chamarlles esperpentos sería demasiado bondadoso pola miña parte. Non obstante, enchían as salas de cine. Georgie Dann sacaba todos os veráns cancións que, coa boca pequena, polo baixiño, diciamos que iso nin era cultura, nin era arte e nin era música. As súas cancións pódese dicir que eran de usar e tirar. Non obstante, todos, absolutamente todos moviamos algunha parte do corpo seguindo o ritmo dos seus temas musicais; ou mellor dito, dos seus retrousos. Dáme que ninguén coñecía as letras das súas cancións, pero si sabiamos de memoria os retrousos. As cancións de Georgie Dann eran un simple retrouso e con iso bastoulle para converterse no que se converteu: o rei do verán musical.


Georgie Dann morreu o pasado martes día 3 á idade de 81 anos. En realidade chamábase Georges Mayer Dahan e nacera en París o 14 de xaneiro de 1940. E aínda que pareza mentira (por iso desas pobres cancións que facía), el sabía de música, xa que tocaba varios instrumentos e mesmo se chegou a formar como músico clásico. Pero optou por tirar polo camiño máis fácil, o das letras sinxelas e con coreografías que, ó final, todo o mundo sabía de memoria.

Eu, hoxe (e realmente sempre), véxome incapaz de escoitar todo un repertorio seu ou un simple álbum. Pero tamén recoñezo que cando me toca escoitar un dos seus éxitos, pois fágoo incluso con alegría e, como non, seguindo o ritmo da súa música, ou sexa, dos seus retrousos.


Ritmo e marcha tamén temos os de Ourense, que seica estamos entre as provincias europeas de maior lonxevidade. E iso que aínda non me teñen a min en conta, que penso ir deica os 123; e despois xa falaremos. Cando chegue eu a esa idade fulmino todas as estatísticas. E chego, vaia se chego; porque o rural ourensá encabeza a taxa de centenarios de España. E eu son do rural. Sempre fun da Galicia profunda. E sempre seguirei sendo labrego, mesmo xubilado. E con cento e algo de anos marcarei o ritmo de “o bimbó”, “o africano”, “o chiringuito”, “a batidora”, “a cervexa” e todo aquilo que saia polas ondas de Georgie Dann. Descanse en paz.


Finca Fierro. Sábado, 6 de novembro de 2021

 

viernes, 5 de noviembre de 2021

O CASO DA RUBIA PLATINO

Sabina é moito Sabina. Pero este paspán ganoulle a partida no caso da rubia platino. Sabina investigou entre bares e copas, pero eu, coa licenza de investigador privado acabada de sacar, fun ou metinme directamente no ollo do furacán. Esperei a que a rubia platino marchara a mercar o pan para introducirme na súa casa. Onde mellor me podía esconder para esperala era nese lugar no que calquera muller se prepara para unha realidade máis bonita: o cuarto de baño. Conseguín esconderme nun pequeno oco que había entre un armario e a parede. Esperei.


A espera non foi longa, como tampouco foi longo o espazo de tempo entre a entrada na casa e a visita ó cuarto de baño. E para ser un principiante tiven a gran sorte de que a rubia platino se puxo como Deus a trouxo ó mundo para darse unha ducha. Menos mal que o ruído da auga ó caer sobre o seu corpo amorteceu, debilitou o son dos latexos do meu corazón. E xa no momento de enxaboar o corpo tiven que pechar os ollos para que o meu desexo non se subise ás nubes. Saíu da ducha e cando se dirixiu ó armario para coller unha toalla, prometo que aí se parou o mundo. Que o verso, de golpe, fíxose poema e que a felicidade consiste en ascender ó ceo sen esforzo ningún. Xusto ó erguer o seu brazo esquerdo para agarrar a toalla foi cando vin o corpo do delito, o motivo da miña investigación: debaixo do seu peito esquerdo figuraba unha tatuaxe na que todo estaba escrito, na que todo estaba resumido. Agora que presuma Sabina.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 4 de novembro de 2021

 

jueves, 4 de noviembre de 2021

PISTOLEIRO COVARDE

Son as catro da tarde e estou escondido detrás dunha simple xesta. Sen sombreiro e caendo unha canícula que me atravesa o cerebro. Nunca me vira en tal situación. Pero dúas ou tres ducias de indios non estaban moi lonxe. Ó mellor eran máis. Case é máis fácil dicir que unha morea de peles vermellas andaban na procura da miña cabeleira.


Son o pistoleiro Johnny O Rápido, pero con fama de ser o máis covarde de todos os pistoleiros con certa fama, tanto a un lado como ó outro do Río Pecos. Aínda que algunhas veces uns din que é o Río Grande e outros o Río Bravo. É igual, covarde son ata para facer o intento de levan a man ó revólver. Non sei que me pasa, que se me paraliza e nunca chego. Moi a miúdo dáseme por pensar que será o medo. De aí que todos aqueles ós que matei fíxeno polas costas, por detrás, a traizón. Que queredes, o medo é libre.

Non sei como saír de detrás da xesta. O meu cabalo Saleroso está no quinto carallo porque foi á busca de mellores pastos. Se lle asubío para que veña, os indios descubriranme. E entón si que xa non me salva nin Calamity Jane. Se boto a correr calquera frecha é moito máis rápida ca min. Penso no que lle escoitara un día a un pobre periodista: de que os indios sentían moito respecto polos lobos. Así é que empecei a oulear coma un lobo, ó mesmo tempo que me arrastraba polo chan. A min sempre se me deu ben oulear. Ouleei ata chegar xunto a Saleroso. Subín a el e, fuxindo, aínda tiven tempo de matar a un indio polas costas, por detrás, a traizón.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 1 de novembro de 2021

 

miércoles, 3 de noviembre de 2021

SANTOS E ANIVERSARIOS

Acabo de ler o libro “Volver a onde”, de Antonio Muñoz Molina, no que fala do espertar do confinamento e ó mesmo tempo lembra a súa infancia campesiña. Tal infancia vin que fora moi semellante á miña. Lóxico, tan só é tres anos maior ca min. Claro que, el, por suposto, cóntaa moito mellor que este paspán que escribe (este bastante fai con deixar cuspir tinta). Lembrar que Muñoz Molina é un dos grandes observadores e narradores que hai hoxe no noso país.

Nas primeiras páxinas xa tiven que anotar nas miñas notas particulares algo que sempre quixen explicar: “era o día do Santo cando se daban agasallos, non no aniversario”. Efectivamente, na miña infancia non se celebraban os aniversarios. Cumprías tantos anos, e acabouse. Mentres que os Santos estabas esperando por eles como auga de maio. Claro que despois celebrar case só se celebraban os dous grandes: Xosé e Manolo. O que se chamase Antonio, Xoán ou Evaristo, por exemplo, e aínda que non fose con moito a bombo, tamén o celebraban moito mellor que o aniversario. Este empezou a ganar terreo desde as grandes cidades, e de tal maneira que, hoxe, xa conquistaron a vida de cada un.


A Muñoz Molina, no seu Santo, un ano o seu pai agasallouno cun reloxo. O primeiro que tiven eu creo que foi na mili ou cando empecei a traballar, pasados xa os 20 anos, e porque o puiden pagar. Naqueles anos era un obxecto de luxo. Non o tendo, rexíame, guiábame polo reloxo da igrexa de Baños de Molgas, que se escoitaba perfectamente a uns cinco quilómetros á redonda.


Café Kibu. A Valenzá. Domingo, 31 de outubro de 2021

 

martes, 2 de noviembre de 2021

CRUCE DE MIRADAS

Aquilino Salitre Graña non é que se estresase moitas veces, pero cando o facía, facíao tan a conciencia que se puña realmente malo. Non obstante, tiña tres formas para tranquilizarse, para botar fóra iso que o corroía por dentro. Unha era subir a un outeiro e berrar; berrar tan forte que mesmo semellaba que esgazaba a gorxa. A segunda forma era coller un sacho ou un fouciño e deixar a alma nun esforzo físico descomunal. E a terceira era coller o coche e facer quilómetros e quilómetros por estradas secundarias. Conducir relaxábao.


Como Aquilino Salitre hoxe estaba na cidade, non había outeiro ó que subir nin eido no que cavar ou poula na que rozar, polo que non lle quedou outra que coller o coche e botarse a circular. Foi ata máis alá dun cento de quilómetros do seu punto de partida. No regreso, é ó cruzar unha aldea, atopouse con esas bandas sonoras que semellan muros ou valados e que hai que cruzar, como moito, en segunda. Xusto cando chegaba a ese, tamén, paso de peóns facíao ó mesmo tempo outro coche que el coñecía moi ben. Era o coche dela. Ela era Ludivina Formoso Salerosa, a muller pola que suspiraba nas noites de silencio e nos días eternos; pola que suspiraba sempre; e pola que devecía en todos os segundos do seu tempo. Como cruzaron os dous tan amodiño, miráronse dous segundos tan só. Pero sobre eses dous segundos poderíase rodar perfectamente toda unha película. Porque foi un cruce de miradas intenso, romántico, preñado de desexo, curtiño pero eterno. A Aquilino Salitre Graña esfumóuselle de súpeto todo o estrés.


Café Sports Century. A Valenzá. Venres, 29 de outubro de 2021

 

lunes, 1 de noviembre de 2021

QUEDAR ABSORTO

Quedei absorto contemplando o ceo. Había nubes. Nubes medio grises, medio negras e mesmo medio brancas. Máis alá delas non había nada. Ó mellor era porque non sabía mirar máis. Seguro que algo máis haberá. Tamén é verdade que non me apetece moito perforar, rachar as nubes para saber o que hai. Así podo imaxinar eu o que me dea a gana. Imaxinación creo que non me falta. Tampouco me sobra, todo hai que dicilo.


E mira que é bonito imaxinar. Aínda que algunhas veces me enrede ou me embrolle sempre no mesmo. Claro que se imaxinas sempre o mesmo será porque interesa, porque gusta, porque se desexa moito. Desexo involucrarme nuns sentimentos que van máis alá duns consellos, polo que uso a imaxinación e divírtome con eles, déitome con eles e soño con eles.

Quedei absorto de quedar eu mesmo absorto, pois unha cousa é pasmar e outra moi distinta e facer o abraio eterno. Non me quedou outra que moverme e negarme a contemplar por máis tempo as nubes, aínda que, iso si, deixei que a imaxinación seguise voando; como cando intentas traspasar ou descubrir ou adiviñar a figura que está detrás dun cristal medio escuro ou dunha cortina branca. Imaxinei que, aínda que non volvese mirar para as nubes, máis alá estaría ese universo sen fin: azul, brillante, silencioso, nostálxico, eterno, inmenso, fermoso, duro... Seguín andando para intentar calmar estes esperpentos, estas extravagancias que me asoman na cabeza.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 28 de outubro de 2021

 

domingo, 31 de octubre de 2021

A ROTACIÓN DO MUNDO

Robustiano Tizón Tazón, O TT, mirouna intensa e profundamente ós ollos. Tan intensa e profundamente que non atinou a dicirlle nada, aínda que ela, Lucrecia Salud Comporta, soubo lerlle todo. Incluso sen mirarlle ós ollos, pois a cara de tomate de TT era como un libro aberto. Os dous levaban un bo cacho xuntos, sentados, pero sen pronunciar palabra; el porque non se atrevía e ela porque non quería romper o feitizo, o meigallo. Gustáballe estar con el aínda que fose en silencio.


Robustiano, cando quería ir máis alá dunha profunda mirada, ela axiña lle paraba os pés. Lucrecia faláballe moi filosoficamente sobre certos principios que quería respectar. El deixaba escapar un leve xesto de contrariedade ou un pequeno sorriso doente e alentábaa a que os rompese. Todo se rompe. Os principios, as promesas, os segredos, as normas, as verdades... están para romperse. Pero Lucrecia seguía recta polos sucos da súa conciencia e polos carreiros das súas crenzas.

Non obstante, nun certo momento, tocáronse as mans nun pequeno despiste. El non separou a súa. Ela sabía que lle predicaba cos principios, pero tamén deixou a súa quieta. Miráronse de novo ós ollos, intensa e profundamente, e nuns segundos esquecéronse da covardía del e dos principios dela. A partir de aí foi como se o mundo dese voltas e máis voltas, no que Robustiano Tizón Tazón rotou con el e Lucrecia Salud Comporta bailou sobre o celme da filosofía dos seus principios.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 27 de outubro de 2021