sábado, 11 de diciembre de 2021

AS MATANZAS XA SON HISTORIA

A semana pasada deixounos unha ponte de festivos na que a moitos porcos chegoulles o seu san Martiño. Tal ponte, e principalmente nas aldeas, estase a converter na única etapa invernal na que os renchos caen a esgalla. Porque é precisamente neses días cando se pode botar man daqueles familiares que se achegan, xa que, agora, ata para coller un marrán, a ver onde consegues axuda.

Non obstante, e vendo fotos nos xornais, cae un na conta de que as matanzas xa non son o que eran. É que cambiaron practicamente o cen por cen. Deixou de matarse o porco co coitelo para que non berrase, para que non sufrise. Non sei se saberán algúns que é bo que o porco berre. Ó berrar, no esforzo, expulsa o máximo de sangue, polo que as carnes son moito mellores. (Paréntese para dicir que non comentarei nada sobre o sufrimento porque entón non me chegarían dous Recunchos para tal asunto). Agora mátanse cunha pistola, cun simple disparo. Métese igual o coitelo para sangralos, pero xa non expulsa o sangue como o expulsaría berrando.


Matar o porco ó coitelo tiña o seu aquel, pois facían falta varios homes para pillalo e tombalo no carro das vacas (era o que máis se usaba, xa que ó ter o pinallo no chan estaba moi inclinado e iso era bo para que o porco sangrase ben). Tamén había que saber agarralo: un home polo menos por cada pata e intentar cruzarllas, é dicir, o que collera a pata de abaixo erguela todo o que puidese para arriba e o de arriba para abaixo, e así o porco non podía facer tanta forza nos seus forcexos; porque moito coidadiño se chegaba a soltar unha pata! Algún home máis calcaba todo o que podía na cabeza do porco contra o pinallo do carro para que o matachín puidera estar máis libre e con menos perigo. E agarrarse ó rabo, iso deixábaselle ós nenos que querían ser xa mozos; coma quen que axudaban. Algo sempre axudaban, claro.

Antes, ós porcos, queimábaselles o pelo con fachóns de palla e axiña ía un por detrás rascando no porco con anacos de pedra de granito, canto máis ásperos mellor levaban eses pelos e esa pel queimada. Agora quéimanse os porcos con sopretes e a base de gas. Para lavalos usábanse cubos e cubos de auga (os de Baños de Molgas usabamos a auga quente grazas á burga), mentres que agora vai todo a base de máquinas de auga a presión. Aquela festa das matanzas hai que recoñecer que xa é historia.


Finca Fierro. Sábado, 11 de decembro de 2021

 

viernes, 10 de diciembre de 2021

O CAFÉ COMERCIAL

Hai uns días morreu a inmensa escritora Almudena Grandes e todos os medios de comunicación axiña espallaron opinións, comentarios, entrevistas e ruxerruxes a darlle cun sacho. “Para min, a Glorieta de Bilbao sempre foi e será o verdadeiro centro de Madrid”, confesou nunha entrevista. Cando lin isto case me emocionei. Porque, para un servidor, tamén o foi. Principalmente o seu Café Comercial. Que penso que tiña menos categoría que o famoso Café Gijón, pero aínda así era local de referencia de artistas e escritores. Eu mesmo vivín moito máis tempo nese Café que na propia pensión. Cada vez que quedaba con alguén a iso da noitiña, xa marchaba para el despois de xantar. Para pillar unha boa mesa, xeralmente ó lado das cristaleiras, pois desde esa posición podías contemplar o movemento existente pola Glorieta e mesmo a saída da xente por unha das bocas de Metro. Houbo días ou tardes nas que cheguei a tirarme máis de seis horas dentro del, o que significaba que caían cafés e cigarros ata máis non poder. Cada media hora ou así, un café. Entre café e café, non sei cantos cigarros. (Agora mesmo levo 26 anos sen fumar). Tamén había días (principalmente as fins de semana) nos que entraba pola mañá, pola tarde e pola noite, e a pesar de que o café era caro de carallo.


Nese Café escribín todo o que se pode escribir. Escribín tanto que, agora mesmo, non sei cantos libros cheguei a escribir (sen publicar, por suposto), e facendo constar que cada “libro” tiña uns 200 folios. O que si sei fixo é que pasan de 100 e bastantes máis. Significou tanto ese Café para min, que un dos “meus libros” tituleino “Gloria no Café Comercial!”.


Finca Fierro. Venres, 10 de decembro de 2021

 

jueves, 9 de diciembre de 2021

TRES PÉS Ó GATO

Alguén me dixo (sempre hai alguén, maldita sexa, que manda nun) que lle buscara tres pés ó gato. Pola zona na que vivo hai bastantes gatos, pero hoxe, imaxino que polo frío de neve que impera neste día da Concepción, non se ven. Non obstante, o do atallo non falla. Máis arriba ou máis abaixo sempre está. E estaba. Pero cando pasei á súa beira vin que tiña catro pés. Isto desarmoume un pouco. Porque o asunto estaba no dos tres pés. Como mirar para tres se tiña catro? Para cales miraba? Cal deixaba fóra de xogo? Cal se sentiría discriminado? Non é broma. A cousa ten o seu aquel. Entroume unha dúbida tan grande que cheguei mesmo a sentar no valado para estudar ou asimilar ben a situación.


Non é fácil escoller onde hai abundancia. Os pés dos gatos non é que sexan moi abundantes, pero suficientes para, se lle sacas algún, deixalos coxeando. É o mesmo que se pode dicir na realidade dunha persoa feliz: como vas escollerlle ou describirlle o sorriso dos beizos se vas deixar fóra o brillo dos seus ollos ou os latexos do corazón. Non sempre é sinxelo coller o camiño correcto. A ver como se busca unha pinga de auga no medio do deserto.

Logo de intentar poñer no seu sitio certas elucubracións relacionadas con esas dúbidas que me atenazaban, erguín e despedinme do gato. Seguín buscando máis para atoparlles os tres pés, pero xa planificando ó mesmo tempo o engano que lle comunicaría a ese alguén que manda: que ante o día frío no que estabamos, non atopara gatos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 8 de decembro de 2021

 

martes, 7 de diciembre de 2021

A VOLTA Ó MUNDO

Veño de darlle a volta ó mundo. Saín hai tempo xa. Porque arrodear o mundo leva o seu tempo. Non é moco de pavo. Lembro que cando saín, chovía. Agora mesmo está chovendo; e ben. Como quería rematar no cabo Fisterra, por aquilo de que aí seica era a fin do mundo, tiven que saír desde unha provincia andaluza para cruzar o Mediterráneo a nado. Botáralle pulmóns ó asunto porque sabía que tragaría moita auga; pero nun amén xa baixara ás boleiradas por unha duna do Sáhara. Leváballe medo ós caníbais africanos, mais non atopara ningún. Digo eu que, ó mellor, xa non os había.


Non chegándome cruzar o Mediterráneo a nado, desde a illa de Madagascar tamén me botara ó océano Índico para cruzalo ata a mesma Australia. Por sorte non me atopara con tiburóns. Ó mellor era porque tampouco os había. En Australia fixera parada e fonda durante uns días por aquilo de que sempre foi un país que me fascinou. Faltaría máis: choutara cos canguros, mesmo ás veces me sentín canguro. E no Xapón pensara que me partira da cruz con tanto que me dobregara ante os saúdos.

Antes de que cruzara o Pacífico, tamén a nado, para aparecer en América, primeiro fora dar unha volta pola Siberia. Sempre quixen saber se aguantaba o frío. E aguantárao ben, coma un auténtico heroe. De América non digo nada porque, grazas ó cine, de aí coñecemos todo. Total, que cruzaría o Atlántico (a nado, faltaría máis) para chegar san e salvo ó cabo Fisterra. Agora que, iso si, non me importa confesar que cheguei rebentado. Estou descansando.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 7 de decembro de 2021

 

lunes, 6 de diciembre de 2021

Á PATA COXA

Acabo de cometer unha tolea, pero déuseme por aí. Quizais igual o fixen como unha homenaxe á Constitución (hoxe é o seu día), que creo que está algo coxa. Resulta que desde a miña casa ata a cafetaría na que estou, a uns catrocentos ou cincocentos metros, fíxenos á pata coxa. Por certo, sóame que de rapaz, a esa forma de andar ou correr, chamabámoslle “á conchilipierna”. A palabriña ten o seu aquel, pero era o que diciamos.


Recoñezo que, hoxe en día, unha persoa que pasa dos 60, e que se dedica a esas trapalladas, pois case non procede. Pero de cando en cando tamén é verdade que gusta cometer algunha loucura. Ou chamar a atención. Porque a chamei, claro. Xa que tan axiña como entrei na Valenzá, a xente quedaba mirando. Algúns, cando notaban que andaba á pata coxa sen verme ningunha ferida, querían saber. Eu entendo que o preguntan con boas intencións, pero...; sabendo que non estaba ferido, a que esa curiosidade, a que ese interese? A xente como é ás veces...

Eu, sen andar con días santos, contestáballes co mesmo: déuseme por aí. Como a Constitución está coxa, eu tamén teño dereito a estar ou facer o coxo. E podo facelo durante os capítulos ou artigos que me dea a gana, non si? Dábanme a razón, pero eu ben lía e entendía os seus propios pensamentos: que algúns chocheabamos, simplemente, para ter que dicir, para chamar a atención. No obstante, non lles fixen nin caso; seguín ó meu, ou sexa, a rematar o traxecto á pata coxa. Agora que, tamén é certo que chegue canso á cafetaría.


Cafetaría La Carabela. A Valenza. Luns, 6 de decembro de 2021

 

domingo, 5 de diciembre de 2021

DE MAL EN PEOR

Non quero caer pesado nin insultar a ninguén, pero creo que somos bastante mongólicos. Vai para dous anos que andamos a voltas coa pandemia da Covid-19 e seguimos dálle que dálle cos contaxios, porque facemos e desfacemos ó noso antollo. Tamén porque xa nos acostumamos a vivir co virus e “pasamos” xa olimpicamente del. Algo moi semellante ó que nos pasa coa corrupción política; que a temos á orde do día e xa non nos preocupa. Como nos estamos acostumando ó ditado dos bancos e das caixas de aforros; que, a maiores de xogar cos nosos cartos, empezan a poñer horarios para calquera asunto que queiras tratar con eles. Por exemplo, agora, en algúns, para sacar cartos, tes que facelo antes das once da mañá. Outros, para pagar certos recibos, pois ata as dez e media. Non tardarán en obrigar ou anunciar que entres ás súas oficinas co pé esquerdo. E se es un coxo... a tomar por aquel sitio!


Mentres tanto, o Goberno do outro lado do Padornelo e este Goberno noso seguen de brazos cruzados neses asuntos. Se se sabe que a mellor solución para vencer ó bicho ese é a vacinación, non entendo por que non obrigan. Por que uns países si o farán e nós non? En que somos especiais? Por certo, a eses negacionistas que se poñen como unha brasa, que se lles pode dicir agora cando se sabe que un bo tanto por cento deles si empezan a vacinarse para poder obter o certificado co que poderán entrar a bares, cafetarías e restaurantes? Deica agora negábanse porque tiñan medo a que os envelenaran. Agora xa non o teñen. Vese que, para eles, é máis interesante o licor que a vacina.

Tampouco entendo por que os Gobernos deixan que a Banca e as grandes empresas fagan e desfagan ó seu capricho. O dos bancos xa é de escándalo e aquí ninguén protesta. E sobre o das grandes empresas case entendo que miren para outro lado, pois ó día de mañá eses politiqueiros acabarán instalándose nelas, como elefantes que se retiran a esperar os seus derradeiros días.

Odio a violencia, odio a pena de morte, odio o terrorismo, odio as guerras, pero hai veces ou situacións nas que case desexaría coller un fouciño e facer todo iso que odio. Díxose sempre: a base de paus, apréndese. Necesitamos moitos paus. Porque isto vai de mal en peor.


Finca Fierro. Sábado, 4 de decembro de 2021

 

sábado, 4 de diciembre de 2021

ESTAR A GUSTO

Empezo a estudar a posibilidade de como podo levantar da cadeira na que estou sentado e marchar. Estou tan a gusto! Nunha terraza dun café da Valenzá. E iso que o tempo ameaza chuvia. E iso que vai bastante frío. E iso que teño que marchar. Pero estou tan a gusto! Co cafeciño que me acaban de traer. Coas medias negras da protagonista da canción de Sabina. Con dúas pombas que andan ó redor, a ver se pillan algo. Pobres! Para máis aquel, non teño nada que lles dar.


Levantarse dunha cadeira na que se está moi a gusto, por veces, é bastante complicado. Queres pero non podes. Como moitas accións da propia vida. Tamén é verdade que moita ansia non hai por intentar cambiar a situación. Pero é que se cambio, se ergo agora e marcho, non queda outra que facer algo; aínda que só sexa andar. E co ben que se está de nugallán! Quietiño, parado, sen facer nada. Porque, agora mesmo, escribir estas catro parvadas é coma non facer nada. Ademais, como estou só na terraza (a xente escápalle ó frío; mais como xa sabedes, eu aguanto coma os heroes), estou na gloria. Nunha terraza case sempre se está na gloria, pero, ás veces, asoma alguén que... xa sabemos o ton de voz que usamos neste noso país nas conversacións, que no canto de falar, berramos.

Sigo estudando a posibilidade de como erguer desta cadeira na que estou coma se fora no ceo, e tan só me aparece unha: que aínda que non queira, marcho porque teño que marchar.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 3 de decembro de 2021