viernes, 4 de marzo de 2022

A DISTANCIA SILENCIOSA

El mirou para ela desde a distancia, e rachou o silencio cun berro. O significado do berro é difícil sabelo. Nin era un berro seco nin longo nin potente nin calmo; era un simple e único berro que rompeu o silencio. Ela como que quixo retroceder un paso, pero ó final mantívose firme e pouco a pouco suavizou o seu xesto. Pero el seguiu berrando. De impotencia. Case de carraxe.


Agora si; agora o berro tiña un significado. Porque todos os berros o teñen. Ese segundo del era de impotencia pola realidade que estaba a ver, pola realidade que sabía, que intuía. Porque hai realidades que só teñen un parecer, un sentido, un rego. Se se quere hai tantas realidades coma berros. Os berros furgan ou escaravellan no silencio e as realidades rebentan ou estoupan os soños. Ou as esperanzas. Case máis as esperanzas.

El achegouse a ela, e seguiu berrando. Agora si retrocedeu un paso; ela. El notou a humidade nas meniñas dos seus propios ollos. A ela case lle latexa o corazón de tristura. El quixo berrar máis forte. Xa non lle saíu nada. Tan só lle tremía a súa papada. Deu dous pasos atrás, pegou media volta e botouse a andar. Ela quedou en silencio, quieta e sen saber como actuar.

A realidade amosa como a distancia os vai separando. El remoendo uns soños que tan só son iso... soños. Ela pensando na realidade, que é a que é. Non hai volta de folla. Nin para el nin para ela. A distancia é cada vez máis silenciosa.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 4 de marzo de 2022

 

miércoles, 2 de marzo de 2022

CONTRADICIÓNS

Quere chover, pero non chove. Quero asubiar, pero canto. Se canto non podo asubiar. Non quero pensar, pero penso. O mundo está cheo de contradicións. A vida tamén. Ninguén quere guerras, pero hai batallas. Todos somos moi bos cara á galería, pero cando non nos dá o sol rebentamos e deixamos escapar o demo que levamos dentro. Quero ver como pasa un coche, pero non circula nin unha alma. Quero sentir o universo de Amaral sobre min e o único que noto é como me pican os toxos. Do dito ó feito vai un treito. Digo que quero ver a lúa en cuarto minguante e nin tan sequera sei para onde mirar; está moi nubrado. Quere chover, pero non chove.


Por moito que me miro ante un espello, non me vexo. Son a esencia dun baleiro e a esperanza dun imposible. Cando quero filosofar, fágoo; aínda que sexa a base de contradicións. Falo dos espíritos puros cando a carraxe viaxa en ascensores de cor violeta. Ou de cando o silencio non deixa penetrar ningún ruído. Todos lles temos medo ás bombas nucleares, pero andan a aflorar nas mentes duns miserables. O lobo, para falar, oulea. O can, para berrar, ladra. O home, para dicir, cala. Tan só berramos ou ladramos ou ouleamos cando non nos escoitan. Quere chover, pero non chove.

Son o espírito da contradición. Digo branco e visto de negro. Digo amor e sinto a labazada. Digo poesía e son un poema sen versos. Digo gol e non xogo ó fútbol. Digo ilusión e sei que acabo de dicir unha carallada. Digo paz e as tropas rusas avanzan. Digo que chova, pero non chove. Non chove.


Finca Fierro. Mércores, 2 de marzo de 2022

 

martes, 1 de marzo de 2022

NA PASARELA DAS MESTRAS

Sentei na pasarela que cruza o río Arnoia á altura das Mestras. Sentei cos pés colgando e mirando para abaixo, para Baños de Molgas. Mirei como corría a auga. Descubrín que a auga corría para abaixo. Para arriba pasou unha rula tan cerca que case lle toco. E preto da beira dereita vin como un sapoconcho se botaba a correr (o que se entende por correr) para deixarse caer sobre as carrancoñas dun amieiro.


Mirei para As Mestras e lembrei aqueles tempos de cando se realizaban alí as Xornadas Folclóricas. Un evento cultural que o concello deixou escapar por... alá eles. Mirei para Os Campos, ou sexa, para a esquerda e desde alí adiviñei o que fora meu Campo, unha finquiña de moi pouquiños metros cadrados. Case se pode dicir que era o típico terreo dun saquiño de patacas e dous ou tres regos de horta, é dicir, verzas ou fabas. Unha finca pequena que, por certo, estaba moi mal situada. Porque desde ela vía a todos os que facían uso da piscina, a todos os que facían uso das canchas de tenis e a todos os que se divertían polo parque Ansuíña e, tamén, polas Mestras. Vía a todos eses mentres, eu, sachaba eses poucos metros cadrados que, precisamente, por ser poucos había que baixar as costas e forzar os riles. E vendo a todos eses amolaba ou xiringaba de carallo.

Sigo sentado na pasarela e deixo que a música de Jean Michel Jarre se impoña por enriba do ruído da auga. Pero, para non perder ningún son, ergo e marcho para o barrio da Igrexa.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 28 de febreiro de 2022

 

lunes, 28 de febrero de 2022

A RAE, CRUZADA DE BRAZOS

Resulta que agora, para as oposicións a policía nacional, non fai falta escribir ben. Admítense todos os erros ortográficos que se cometan. Isto, para min, sinceramente, é moi grave. E a Real Academia Española debería tomar cartas no asunto. Creo que ten potestade para facelo. E se non ten, que lla dean. Non se pode permitir tal esperpento lingüístico! Eramos poucos e pariu a avoa. Non nos chega xa cos anglicismos e coa linguaxe, chamémoslle dixital, esa que se espalla, que se esparexe polas redes sociais, como para que agora se una tamén a linguaxe escrita, pero a normal. Entre unhas e outras medidas e usos están liquidando a lingua española (a galega xa hai moito que a están crucificando).


Postos a imaxinarnos, que pasará agora se un recibe unha comunicación policial chea de erros gramaticais? Temos dereito a rexeitala, non si? Por incomprensible. Porque se escribimos mal sabendo, que pasará non sabendo e usando mal as normas básicas da linguaxe? Sabendo seguimos cometendo erros coa “v” e a “b”, por exemplo, cos acentos e xa non digo nada coas comas. Pois agora, ale, a ler unha comunicación ou denuncia ou multa que nos manden á casa; a min a Barbadas en vez de a Barbadás. Por suposto que devolverei tal carta!

Xa hoxe temos unha gran pobreza ortográfica, principalmente nas redes sociais, como para non pensar como escribiremos dentro de dez ou vinte anos. E a RAE, cruzada de brazos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 27 de febreiro de 2022

 

domingo, 27 de febrero de 2022

BAIXANDO A COSTA

Quixen baixar por unha costa tan empinada, tan empinada, tan empinada que pensei que afociñaba, que me esnafraba. E o peor era a sensación de que en calquera momento tería que botarme ás boleiras, porque os pasos cada vez se me aceleraban máis. Tamén notaba como se tensaban os músculos das pernas e como chegaban mesmo a doer. Díxose sempre: que é máis difícil baixar que subir, e por moito que se diga tamén que, para abaixo, todos os santos axudan. É mentira! Os santos non axudan nada. Se axudaran, pois por exemplo santa Lucía non deixaría que ninguén perdera a vista. Pero non me vou meter cos santos porque sería o conto de nunca acabar. Sigo coa costa.


Baixar baixeina. Mal a gusto, pero baixeina. Antes de chegar ó medio dela xa estaba un pouco arrepentido de iniciar a súa baixada. Non obstante, non me volvín, claro. Tampouco era plan de subir de novo o cacho que baixara. É peor baixar que subir, pero... Pero retroceder nunca! Os heroes nunca retroceden. Mesmo me están entrando ganas de ofrecerme voluntario para ir combater ó malnacido este do Putin. Se non fora porque queda tan lonxe... Ó mellor calquera día vou e zorrégolle unha labazada que o mando á Siberia.

Cando cheguei ó fondo da costa, xa se me aliviaron todos os males. Aínda que, iso si, durante un cacho tiven que coller folgos debaixo dun balcón onde daba un pouco de sombra. E xa descansado, volvín a cabeza cara á costa e fíxenlle as pascuas, é dicir, “a puñeta”. Para que entendades mellor. Que vos hai que dicir todo.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 25 de febreiro de 2022

 

sábado, 26 de febrero de 2022

ENTROIDO E GUERRA

O Entroido é unha guerra? A guerra é un entroido? O Entroido é unha auténtica guerra de camuflaxe e persecucións, principalmente cando corriamos uns detrás doutros para pintarnos con carbón e cando batallabamos cos farelos. Aínda que isto último ‒o de pintarse uns a outros e o de botarse farelos‒ era máis ben antigamente. Agora o Entroido volveuse máis artificial, máis turístico e máis de desfiles. O Entroido é unha guerra ficticia, sen mortes nin feridos. Como moito, algún que outro coma etílico e para de contar.


A guerra, a auténtica guerra que se está desenvolvendo en Ucraína, esa si que é real. Esa iniciouna un auténtico entroido chamado Vladímir Putin. É difícil analizar tal cuestión, porque as guerras teñen moi pouco que analizar, por moito que enchan páxinas e máis páxinas nos libros e periódicos ou por moito que saian noutros medios de comunicación. Penso que tres palabras son suficientes para tal análise: destrución, dor e morte. Iso é a guerra. A propia guerra. Porque, despois, tamén é verdade que as secuelas case adoitan ser peores que a mesma guerra.


Vendo fotos xa desta contenda, a un non lle queda outra que armarse de valor e asimilar as adversidades que aparecen nos lugares dos feitos: xente resgardada no cubil dos metros para evitar esas bombas que caen sobre as súas cidades. Seguro que despois, cando saian, moitos atoparanse sen fogar, sen nada. Xente intentando subir ós trens ou autobuses para fuxir dunha masacre iniciada por un estafermo ó que todo lle dá igual. Ten que ser un malnacido cando encarcera á súa propia xente porque se manifesta, simplemente porque se manifesta, en contra da súa arroutada.

A guerra do Entroido, aínda que non sexa como era antigamente, é unha guerra retranqueira, fácil de asimilar e gozosa na súa loita. Mesmo cando algúns se converten en guerreiros, ou ditadores, ou criminais ou mercenarios fano con retranca ou incluso con reivindicación a que nunca máis nos vexamos sorprendidos por eses mafiosos ós que só lles interesa o poder. O Entroido é unha bonita guerra, mentres que a propia guerra é un entroido de calamidades e penas, moitas penas. Oxalá rematara axiña, pero visto o visto, non sei que dicir... Oxalá quede nun pequeno intento no que Putin se vestiu de entroido porque non sabe convivir coa festa dos demais.


Finca Fierro. Sábado, 26 de febreiro de 2022

 

viernes, 25 de febrero de 2022

ESPERANDO A UNHA ESTRELA

Levo tres días esperando a que caia unha estrela do ceo. O primeiro día, o que caeu foi unha xeada de tres pares de narices. No segundo, caeron chuzos que pensei que me abrían a cabeza. E neste terceiro, en principio, está caendo unha canícula que aplana. Hai para dar e tomar. Como teña que esperar moitos días máis, ó mellor acabo esmagado por unha nave espacial.


A estrela non cae. E iso que me dá igual unha que outra, que veña do norte ou do sur, do leste ou do oeste, que empurre Superman ou que lle dea un toque o asteroide XLM33. Necesito ver caer unha estrela! Pero non quero que sexa a estrela de David de Juan Bau, non porque non me guste ‒que me gusta‒, senón porque non sería nada orixinal. Eu quero unha estrela descoñecida. Para facela miña. Para que brille como unha rosa e a todas as horas.

Tampouco quero unha estrela fugaz. Por iso, polo nome. Porque o nome xa o di todo: que será fugaz, efémera, pasaxeira. Eu quero unha estrela que me dure sempre e que poida gardala nun faiado ou nun balcón. Mellor nun balcón, por se quere estar á luz do día. Pobre, tampouco quero tela escondida. Quero que brille. Que brille no firmamento e en calquera lugar no que a asente. Brilla. Ten que brillar á forza; é a miña estrela!

Tres días esperando a que o soño se faga real, a que a fantasía atravese todo o universo. Quero ter unha estrela na palma da miña man. E no bico, un cantar.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 24 de febreiro de 2022