viernes, 8 de abril de 2022

BALLÓNS CLIMATOLÓXICOS E FAMILIARES

Chove. E apetéceme notar e ver como escorrega a auga por min abaixo. Así é que saio de debaixo do balcón e, como non teño paraugas, deixo que a chuvia me empape. Ás veces cometo actos que non son normais. Pero tampouco quero ser unha prenda na que se deixen caer aloumiños. De cando en vez é bo facerse o duro ou saír un pouco do rego.


Claro que, ó mollarme, venme á memoria aqueles días nos que andaba no monte Medo coas vacas, que chovía e chovía e facían de paraugas os amieiros ou piornos que houbese á beira. Aínda que se dixo sempre que o que está debaixo da folla, dúas veces se molla. Eu, naqueles días, onde si me mollaba era nos pés. Porque as zapatillas estaban furadas por abaixo e, case seguro, non tiña outro calzado. Así é que non quedaba outra que aguantar a chaparrada ou ballón e tremer de frío. Porque aínda que chovese moito, quen era o chulo que marchaba para a casa á media mañá ou á media tarde, sabendo que para a Lola da Amparo a auga non era escusa para tanguer xa as vacas. Axiña imaxinaba a miña nai dicíndome que volvera por onde viñera. E, o que era peor, a forma de dicilo, claro. Que aínda non eran horas de recollerse, que se un se mollaba xa se secaría e se un tremía de frío xa entraría en calor. Unhas labazadas dela eran como ferros candentes.

Chove. Escorrega a auga por min abaixo. E, agora, sorrío ante os recordos, pero... pero naqueles anos si que había que aguantar os ballóns climatolóxicos e os familiares.


Café Sports Century. A Valenzá. Venres, 8 de abril de 2022

 

jueves, 7 de abril de 2022

DETRÁS DUN SAPOCONCHO

Corrín moito. Corrín como nunca correra na miña vida. Detrás dun sapoconcho. E o asunto tivo o seu aquel xa desde o primeiro momento. Porque non entendía nada. Como un maldito sapoconcho corría a aquela velocidade! Porque a súa velocidade, sinceramente, daba vertixe. Sei que as tartarugas son lentas como sei que aquela fábula da lebre que se deixou ganar polo sapoconcho debeuse a que aquela ou era parva ou foi de lista pola vida. Creo non ser parvo, como tampouco creo no que me está a suceder, pero sucede. Aínda máis, o condenado bicho, cando colle unha certa distancia, espera por min e nótolle nos ollos como me reta.


Chegou o momento incluso no que tiven que sentar para coller folgos. De tanto correr, suaba como un carneiro. O sapoconcho tamén parou e levou a cabo a burla máis grande que me fixeran nunca: nun saltiño deu a volta e púxose co bandullo para arriba. Ou coiraza para abaixo. Prométoo, bágoas de carraxe baixaron polas miñas meixelas.

Nun instante fixen mesmo que topeneaba, que cabeceaba coa intención de a ver se a tartaruga se durmía tamén. Pero a condenada pegou unhas reviravoltas como se estivese bailando unha muiñeira. E cando eu estaba a piques de desistir, de deixar de correr detrás del; o sapoconcho, con parsimonia, moi lentamente, achegouse deica os meus pés e miroume con cariña de inocente. A pesar das que me fixo pasar, collino con moito agarimo e vin que lle meteran un petardo no cu.


Café Sports Century. A Valenzá. Xoves, 7 de abril de 2022

 

miércoles, 6 de abril de 2022

O RAPAZ CANTOR

Non sei se alguén coñece a Dionisio, O Escarranchado. Non? O fillo da Concha, A Pasionaria e de Ceferino, O Ditador. Tampouco? Que pouco mundo tedes, carallo! É igual. Resulta que O Escarranchado é un rapaz moi particular: polo día, asubíalle ó sol e, pola noite, cántalle á lúa. O de asubiarlle ó sol case é o de menos; o gran problema é o de cantarlle á lúa. Porque Dionisio, O Escarranchado, bota boa parte da noite cantándolle ó noso satélite e como ten unha voz aínda mellor e máis bonita que as de Nino Bravo e Camilo Sesto xuntos, alporiza o galiñeiro nocturno, ou sexa, que non deixa durmir ben ós veciños.


Nunha asemblea extraordinaria que realizaron os veciños hai uns días acordaron, ante a súa voz tan impresionante, metelo no coro parroquial para telo, máis ben, entretido e a ver se trasladaba os seus cantos ós fregueses e deixaba a lúa en paz (e durmida). Non obstante, os veciños non contaron coa fobia que O Escarranchado lle ten ás igrexas; e non porque non sexa católico, que o é, senón porque lle ten así como certas alerxias ós santos. Uso o plural porque, efectivamente, ten dúas alerxias: cada vez que pasa por diante dos santos, nun santiamén, aparécenlle vinchocas na cara e cando pasa por diante das santas bota polos menos dez minutos soltando esbirros. Cando a parroquia soubo do inconveniente, optaron por instalarlle un palco de música no alto dun outeiro e a dous quilómetros da vila. Agora, como din os veciños: que lle cante á lúa e que o escoiten os lobos.


Finca Fierro. Mércores, 6 de abril de 2022

 

lunes, 4 de abril de 2022

O AUTÉNTICO MÉRITO

Fácil e bonito é xogar con ganas e contentos cando os trunfos relocen nos marcadores e nas clasificacións. Non obstante, e para un servidor, o auténtico mérito está naqueles que insisten e insisten e insisten tras derrotas e máis derrotas. E o que é peor aínda, que, no caso do fútbol, a maiores das derrotas, non cheguen os goles. Podes perder, pero algún gol no teu marcador sempre remexe o galiñeiro, como se adoita dicir. Cando un equipo leva 20 partidos xogados, os 20 perdidos e tan só un gol a favor, e ves que vai xogar o partido 21 e 22 e os que lle caian, entón non queda outra que exclamar: chapó! E comparalo co Alcoiano. Por aquilo da moral.


Hoxe, na nosa provincia, hai dous equipos (na derradeira categoría, que non sei como se chama porque, agora, para seguir as categorías cómpre un máster) que acadan case os mesmos números negativos: o Mugares e o Vilardevós. Aquel algo peor en cuestión de goles.


Segundo o suplemento de Deportes de La Región, o Mugares e o Vilardevós levan 20 partidos xogados e os 20 perdidos. O Mugares leva tan só un gol a favor e o Vilardevós seis. Ó equipo do concello de Toén metéronlle 151 goles e ó que linda con Portugal, 102. Ante estes números, ten ou non ten mérito seguir dálle que dálle? Equipos dos que estou seguro que haberá fins de semana que lles custará completar o cadro de xogadores para saltar ó campo. Pero aí seguen. Ganar é fácil, pero o mérito é saber cuestionar a derrota, e máis cando chega unha detrás doutra e doutra e doutra. Ánimo, Vilardevós! e bravo, Mugares!


Café O Pedreira. A Valenzá. Luns, 4 de abril de 2022

 

domingo, 3 de abril de 2022

TODO SON CONTRADICIÓNS

Quere quentar, pero vai frío. Quere chover, pero hai sol. Todo son contradicións. Quero subir, pero como din que para abaixo todos os santos axudan, pois baixo. Quero cruzar a lagoa de Cospeito, pero... e se afogo primeiro na lagoa de Almoite? Mellor sentar no medio do bosque es esperar. Claro que como as esperas desesperan, case é preferible seguir buscando contradicións. Quero ver o ceo de azul, pero as nubes empezan a cubrilo á velocidade do vento que zoa. E aseguro que o vento zoa con forza.


Quero mirar para un espello, pero teño medo que ante o meu propio reflexo me asuste. Ou que o desexo se esnafre contra el. Porque hai espellos que reflicten aquilo que non podes ver. Case é mellor pechar os ollos e soñar. Soñar é bonito. E soñar esperto aínda o é máis.

Contradígome a min mesmo cando digo que a soidade é bonita, e tamén é esa enfermidade que corroe a alma. Que hai silencios con ruídos e ruídos cheos de silencio. É complicado buscarlle tres pés ó gato ou filosofar sobre un asunto barato. O asunto das contradicións; de que se digo si, ti dis non; de que se quero voar, acabo afogando; de que se quero escoitar jazz, asoma polos auriculares esta música actual na que as súas letras... As súas letras din e non din.

Todo son contradicións. Mesmo aquelas que teñen razón de ser. Ou non. As dúbidas atenazan o discorrer do tempo. E xa sabemos que o tempo tamén é contraditorio: que se corre, que se se detén, que se voa, que se non pasa. Si, será segundo as circunstancias.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 3 de abril de 2022

 

sábado, 2 de abril de 2022

SOBRE A LECTURA DOS PERIÓDICOS

Con dúas horas de antelación entrei no bar para ver o Celta-Real Madrid; e non polo partido en si, senón que, como é sábado, aínda non lera ningún xornal... ás catro e media da tarde! Iso case é un crime! A ver, ós sábados sempre compro polo menos un para lelo na aldea. Hoxe non o fixen porque sabía que non tería tempo. Ando ás voltas coa sementeira das patacas. Como as semento á man, ou sexa, co sacho leva máis tempo e, logo, non hai ganas para ler nin para bromas.

Xa teño confesado que ler os periódicos polas tardes, para min, xa non ten aquela cousa que engancha. Eu mesmo sei que non os leo coa atención e intensidade das mañás. Non presta, non apetece. Logo, para máis aquel, nesas mañás nas que non os leo, noto como un formigueiro no estómago (mellor dito, na cabeza) por non saber canto antes o que aconteceu polo mundo adiante. Os periódicos sonme coma un virus, como unha enfermidade que só me alivia se consigo lelos polas mañás.


Agora xa os lin (desa maneira, por iso de facelo pola tarde) e sigo á espera de que empece o partido citado. Mentres non empeza, escribo. Mentres escribo, e segundo penso algunha frase ou palabra ou expresión, miro para o Levante-Vilarreal. Acaba de marcar o Levante. Cando deixe de escribir seguirei mirando para este último partido e poida que fochique no móbil (a verdade é que agora os móbiles sácannos de moitas esperas... que desesperan), ou tamén podía seguir escribindo. Non sei, quedan aínda 40 minutos que poden dar para moito.


Café Sports Century. A Valenzá. Sábado, 2 de abril de 2022

 

AS PORCALLADAS GANDEIRAS

Moitos (eu mesmo) nacemos por enriba da corte das vacas e tirámonos media vida fochicando na propia corte: cando soltabamos as vacas para que saíran ó monte, cando prendiamos as vacas ó volver do monte, cando lles dabamos de comer e beber, cando estrabamos, cando sacabamos o esterco e mesmo, algunhas veces, cando se durmía na corte por se había que axudar a algunha vaca no seu parto; ou no cortello para que a porca non esmagase ó deitarse ós renchiños que acababa de parir. E todo iso baixo un forte cheiro e, por suposto, arrodeados de merda, de merda de todos os animais que estivesen na corte e no cortello (coellos, galiñas, ovellas, burros, cans, gatos; unha auténtica mestura de animais domésticos en moi poucos metros cadrados). E, non obstante, vivín feliz entre fortes cheiros e porcas bostas, e paso xa dos 60 anos, ou sexa, que non morrín con tanto “malestar”. Nunca sentín mareos, nin náuseas, nin reneguei (e sei que non renegarei nunca) desa vida “emporcallada”.


Mentres que, agora, hai xente que busca e rebusca a forma de facerlle a vida imposible a algún labrego que aínda ten a súa explotación no medio dunha aldea. Porque se tiveron sempre aí. Porque, agora, non hai medios para facer outra corte ou granxa e trasladar a explotación ás aforas. A esa xente parece que lles fai dano o cheiro dos animais e, faltaría máis, luxan os zapatos cos excrementos das vacas (din excrementos porque lles queda máis fino que dicir merda; o nome de bosta xa non saben o que significa)

Pasou aí atrás no concello de Castrelo do Val e volveu pasar na aldea de San Xulián, na Rúa, onde dúas “señoritas” se queixan dunha explotación de 30 cabras, 46 ovellas e 11 vacas, segundo este propio xornal. Dúas persoas ás que as pulgas seica lles fan un pouco incómodo o seu bo vivir, os excrementos importunan os seus paseos e os malos cheiros xirínganlles, amólanlles a súa estancia. Porque, iso si, tales señoritas viven fóra, pero, claro, ó visitar unha ou dúas veces a aldea pásano mal. Por experiencia, sei que os que veñen de fóra, os que veñen cun mes de vacacións son os que máis protestan das incomodidades. E axiña se poñen a ordenar e dicir como hai que levar ou xestionar tal aldea ou cal vila; que se esta aira hai que reformala, que se este camiño de carros hai que asfaltalo, que se, Deus bendito, como se cisca este xurro que apesta, que isto noutros lugares non pasa, que se foran eles quen mandasen... as ladaíñas de sempre.


Café Sports Century. A Valenzá. Luns, 28 de marzo de 2022