sábado, 11 de junio de 2022

DIMISIÓN

Metinme na política porque, como me gusta protestar, quería facer oposición. Tiven a mala sorte de que me metín no partido ganador. Non obstante, nos Consellos de Ministros, aínda metía baza de cando en vez. O que pasa é que axiña me miraban de mala maneira e non me quedaba outra que recuar.

Nomeáronme ministro do Universo porque sabían do meu traxe de astronauta no faiado da casa. Entenderon que sería un lince na materia. Eu, na realidade, botaba boa parte dos días mirando se me caían os pans cocidos do ceo. O que caeu foi un meteorito no río Arnoia, xusto á altura das Mestras, que provocou tal cataclismo que as augas anegaron ou alagaron A Acea.


Ante iso, foi a oposición a que se botou a min coma lobos, porque non soubera intuír a catástrofe. Quixen dimitir ó momento. Non me deixaron. O meu propio partido non me deixou. Dicían que iso non era bo para o partido; que era como admitir o fallo, a derrota e darlle azos ó inimigo, é dicir, á oposición. A verdade é que tanto uns coma outros metéronme no cuarto de estudo. Podía protestar ante os ataques da oposición, pero levaban razón. Podía protestar ante o meu propio partido confesando a miña ineptitude, pero axiña me miraron mal e soltaron aquilo de “viches dimitir a alguén neste país?”. Quedei calado e rezando xa para que non volvera pasar nada de caótico e para que chegasen axiña outras eleccións. Sairía da política. Que é o mesmo que dimitir dela. E se me deixan, claro.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 10 de xuño de 2022

 

viernes, 10 de junio de 2022

POR QUE?

Estou namorado! Namorado dun pelo do meu brazo dereito. Dun simple pelo. É que fai por dous ou tres dos demais. De longo, se entende. Nunca tal vira. É tan simpático que lle collín (e lle teño) cariño. Estou tan namorado del que o collo moitas veces e estíroo unha e outra vez para ver tal portento. Iso si, fágoo con moito coidadiño. Por nada do mundo quero arrincalo ou simplemente que rompa. É unha xoia! A miña xoia!


Cando o miro dáseme por pensar no día que sementei as patacas. Ó mellor, cando manipulei no mineral, igual expuxen un tempo o antebrazo ó contacto de tal fertilizante. Eu que sei, puido valerlle de abono.

Realmente non sei por que está aí, por que creceu tan desmesuradamente. Cal é o motivo que ese pelo si e os demais non, nin tan sequera un ou dous máis. Tan só un, tan só ese. Isto faime recordar a eses nenos que están sempre co “por que” na boca. Porque non entenden. Pero os adultos, se o pensamos friamente, tamén estamos cheos de por ques. Por que se move un dedo ou un ollo ou a lingua? Si, xa sei que o mecanismo seica está no cerebro, pero estamos na mesma: por que o cerebro manda esas ordes e por que sabe distinguir unha perna dun brazo ou o dedo matapiollos do furabolos?

Por que ese pelo do que estou namorado é tan longo e os outros non, cando están no mesmo brazo, na mesma zona do brazo? Non quero pensar máis neses por ques, debido a que son moi feliz co meu peliño e oxalá non me caia nunca.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 9 de xuño de 2022

 

jueves, 9 de junio de 2022

SEN SUFRIR

Non sufrín nada. E iso que me mancaron de carallo. Catro tipiños que me asaltaron na carreira de Vazcovaz. Un mesmo cunha catana, que pensei que era a puta yakuza que viña por min. Eu, que nunca tiven relación algunha co país nipón. O caso é que mallaron en min e non sufrín nada. Certo que os heroes sabemos aguantar todo o que nos cae ou nos botan encima.


Coa catana cortáronme por completo o brazo esquerdo. Nin un lamento soltei. É máis, sen pensalo dúas veces, collín a parte do brazo que estaba no chan e cosino ó cacho que me quedara no corpo con arame de espiño. Tamén me rebandaron unha orella. Fixen o mesmo: collín unha subela e cosín a orella co fío de atar os chourizos. Pouco a pouco empezaba a semellar un robot destes de ciencia ficción, ou mellor aínda, un zombi das películas de terror. Pero nin ó golpearme nin ó coserme sufrín nada. Iso si, de cando en vez rinchaba os dentes. Pero nada máis.

Os tipiños, cando viron que a malleira se lles saíra de nai, creo que se asustaron un pouco e largaron fuxindo. Non obstante, eu ben que quedei coas súas caras. E non penso quedar de brazos cruzados. Sen présa pero sen pausa, saberán o que é bo e saberán como cicatrizaron as miñas feridas. Por certo, a que máis tarda é a do brazo. Porque o puto arame de espiño creo que estaba algo enferruxado e, claro, infectouse un pouco o corte. Pero se non sufrín antes, menos vou sufrir agora, por unha simple e pequena infección. Repito: quedei coas súas caras. E non tardarei en dicirlles que onde as dan, as toman. Son eu o tal...


Café O Chicote. A Valenzá. Mércores, 8 de xuño de 2022

 

miércoles, 8 de junio de 2022

NON SE TIRA NADA!

Que susto! Xa abrira a porta da casa para saír cando caín na conta de que non collera o caderno para escribir. A ver, tampouco pasaba nada. O outro día saín sen el e escribín igual. Teño de reserva, no peto da camisa, un caderniño que fago eu mesmo de papel reciclado. E como último recurso tamén están os panos de papel que poñen os bares nas mesas e nos mostradores. E se por un casual me falla todo, non sería a primeira vez que pido un folio ou un papel calquera no que poder escribir. Estou falando de cando escribo nos cafés, que é case sempre. Sobre o propio ordenador fágoo cando xa non me queda outra.


Ultimamente intento facelo sobre ese caderno que comentaba (o que deixaba na casa) porque hai un mes ou dous regaloumo Alán. A el déronllo no traballo e como non o usaba ía tiralo. Aínda que, primeiro, como sabe que escribo, díxome se o quería. Como non ía querer! Como o ía tirar! Na miña casa non se tira nada do que se poida aproveitar. E dicindo isto, sorrío porque se me veñen á cabeza as sobras das comidas e cada vez que alguén dos meus comenta de tiralas ou non, axiña respondo con que sería un pecado que se decataran diso os neniños de África. E non se tira nada! Como dixo unha vez miña nai nun restaurante á beira de Silleda: “como isto aínda que rebente”. Estaba farta, pero non quería que se tirara nada... polo que custara e porque naqueles tempos de verdade que era pecado.

Vedes?; pillei o caderno e escribín nel. Escribiría igual, pero queda máis bonito dicir que era de Alán.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 7 de xuño de 2022

 

martes, 7 de junio de 2022

NON ME PASA NADA

O que non me pase a min, non lle pasa a ninguén. Que non me pasou nada. Esa é a cuestión, o quid. Xeralmente, sempre nos pasa algo. A todos. Eu levo moito tempo esperando, e nada. Quería que me pasara algo. Para contalo. Gústame contar as cousas. Sabedes que me gusta ser como un libro aberto. E para vós sei que son toda unha novela. Quizais unha desas baratas, pero novela. Tamén podo dicir unha película. Mais hoxe, nin hai película nin hai novela. Porque non me pasa nada.


De cando en vez pasa un coche ou rolda unha rula ou canta un pardal ou berra un animal. Onda min tan só hai silencio porque non me pasa nada. Podía asubiar por un puñado de euros, pero ninguén me vai pagar a actuación. Se ma pagaran xa pasaba algo, pero... Pero tampouco quero parodiar a música do mestre Morricone. Así é que sigo quedando en silencio e esperando a ver se me pasa algo. Non confío moito; porque xa levo tempo esperando e... nada.

Agora mesmo acaba de pasar un avión ó que tan só lle vin unha á. Porque unha nube negra o cubriu ó momento. Negra si que a teño eu: mira que non pasarme nada. Nin tan sequera que me manden unha foto, por exemplo, ou que me digan ola, ou que me traian un café. Nada. E levo tempo esperando polo café. Ó mellor é porque a xente tampouco quere que me pase algo. Non sei, igual queren deixarme de lado. Co que lles conto sempre... Hoxe non hai nada que lles contar. Porque nada me pasa. Case é mellor que marche, a ver se me pasa algo.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 6 de xuño de 2022

 

lunes, 6 de junio de 2022

DEIXAR CAER O SILENCIO

Deixei caer o silencio sobre a nugalla dos pensamentos. Porque, estes, ás veces, non están pola labor. Aínda que, eu, axiña lle fago ruído para que escapen da gaiola na que están presos. Non sería a primeira vez que os teño encerrados. Os pensamentos, digo. Porque, eu, eu mesmo, cando quero e se quero, non penso. Deixo a mente en branco e aboio pola nostalxia dun naufraxio. É difícil, moi difícil deixar a mente en branco. Seino. Por experiencia. E porque case é imposible quedarse sen pensamentos.


Deixei caer o silencio sobre a almofada dos sentimentos. Porque, estes, moitas veces, asoman cando o silencio é moito silencio, cando a luz do día dorme no leito dun tempo. A noite é moi propensa para soñar. E como soñar é tan bonito...

Deixei caer o silencio sobre a folla en branco dos meu latexos. Porque, estes, case sempre, están dálle que dálle ó significado do que se amosa ante un espello cheo de alento. Que é, que di a imaxe que se reflicte en silencio? Un silencio no que dá a sensación de que se escoita un adagio de Albinioni. Un silencio no que a imaxinación voa por un faiado cheo de luz.. e de silencio.

Deixei caer o silencio sobre a adiviñanza duns ruxerruxes. Porque, estes, moi a miúdo, van e veñen por aquel tempo que foi, polo que é e poida que tamén polo que será. Porque con silencio ou con ruído hai que estar á espreita do que se anda a dicir. Poden ser pensamentos, sentimentos ou latexos que marcarán toda unha existencia. En principio, deixo caer o silencio sobre o meu propio silencio; para rumiar todo isto.


Café Bamboo. A Valenzá. Domingo, 5 de xuño de 2022

Finca Fierro. Domingo, 5 de xuño de 2022

 

domingo, 5 de junio de 2022

ALERXIA

Levo uns sábados nos que, no momento da sesta, me doe tanto a cabeza que me dá esa sensación de que me furgan cun trade. Apuntar, antes de nada, que na aldea da muller as sestas eran de campionato. Segundo na miña casa son de 10-20 minutos, na aldea pasan da hora. Pero, xa digo, levo uns sábados que nada de nada.


O anterior sábado a muller comentou que igual era de andar agachado (cavando as patacas). Hoxe, aínda que fochiquei algo (limpei un valado coa fouce e rocei unha poula de fentos coa gadaña), non é que andase moi agachado. Pero a dor apareceu.

Agora, de camiño, volvemos falar do tema e buscamos algo, algún motivo e nin tan sequera a almofada podía ser a causante, pois, hoxe, notei como me empezaba a doer xusto xa ó sentarme na cama pero aínda sen apoiar a cabeza na almofada. Entón, xa en plan de meterme coa muller, cheguei á conclusión de que tiñan que ser os apeiros de labranza os causantes de tal dor. Fixo que era alerxia ós aparellos. Que con tan só presentilos, zas, a broca furgaba e furgaba no meu cerebro, para que así, á próxima, non botase man deles. Non vou poder tocar nin tan sequera un sacho. Rimos, claro.

Brincadeiras á parte, o asunto ten o seu aquel. Porque estou na Valenzá e xa non me doe a cabeza. A ver, aínda noto algo, pero non é aquel trade que me fundía. Convencido entón de que o cerebro asimilara o dos apeiros. Conclusión: alerxia a eles. Solución: non tocar nin unha aixada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 4 de xuño de 2022