domingo, 10 de julio de 2022

REXEITAMENTO Á SEITURA

O meu pai sempre falaba (e xa moito antes a propia Rosalía de Castro) das penalidades coas que se atopaban os galegos ó chegar a Castela na época da seitura. Un veciño de Francos de Vide, do concello de Baños de Molgas, un tal Juan Movilla Cid, debeu intuír que outro veciño seu, rapaz aínda, se decatou ó momento desas penalidades e que, estando xa na sega en Camarma de Esteruelas (un municipio madrileño a uns 40 quilómetros da capital) escapou como ánimas que leva o demo.


Ante iso, Juan Movilla, que vivía accidentalmente nesa vila madrileña mentres durase a sega, presentouse o día 17 de xuño de 1932 nese concello madrileño para denunciar que ás seis da mañá desaparecera do lugar de onde estaban segando ese rapaz chamado Camilo López Conde.

O alcalde, don Fulgencio García, non tardou en poñer sobre aviso ás autoridades competentes para que procederan á súa busca e para que o puxeran a súa disposición e así devolverllo, san e salvo, ó encargado. Para iso deulles toda unha auténtica descrición que nin tendo presente ó propio rapaz, sería tan exacta. Xa que o encargado, ou sexa, Juan Movilla comunicara que era pequerrecho pero forte, moreno, beizos grosos, pelo negro, de trece a catorce anos. Que vestía pantalón de pana negra e, ollo ó dato, remendado; chaqueta de tela forte, de cor; sombreiro de palla branca, ancho; chancas e botas de goma; que levaba un saco branco de tela cheo de roupa.

Confío en que fose tan só unha desaparición e que o rapaz estivese de volta a Francos de Vide.


Finca Fierro. Domingo, 10 de xullo de 2022

 

sábado, 9 de julio de 2022

O MELLOR BÁLSAMO

O sábado, este mesmo xornal informaba de que mañá, martes, alcanzaremos os 43 graos de temperatura, de que o mércores subirá xa ós 44 e de que o xoves aínda seguirá subindo deica os 45 graos. Como se adoita dicir: moita calor de Cristo. E moito coidadiño con ela. Principalmente esa xente que xa ten a súa idade e que lle pode afectar abondo. Eses días, creo que nin indo pola sombra se irá ben. O mellor: un río, unha piscina ou a propia casa.

A este respecto teño sorte, xa que nas horas de máxima canícula este servidor estará pendente do Tour de Francia, o que me obrigará a “saír de can” algo máis tarde do habitual. Tamén grazas ó Tour xa me liberei dunha preocupación que empezaba xa a asumir: a da falta de fútbol.


Sempre pasa, ou polo menos me pasa igual: que cando estamos cara ó final da Liga de fútbol, desexamos de corazón que remate porque tanto fútbol de Deus esgota, satura. Non obstante, ós quince días de rematada esta, xa nos empeza a entrar o mono de fútbol e desexamos que chegue canto antes o agosto, o inicio dunha nova temporada. Por certo, aínda queda un mes!

Pero como dicía, este pequeno viacrucis vese un pouco aliviado grazas a eses rapaces ós que se lles dá por subirse a unha bicicleta de carreiras e dálle que dálle, sube que baixa, baixa que sube, e así ata sentir unha verdadeira devoción por eles. Porque hai que ter aquilo que hai que ter para realizar as fazañas que ás veces realizan. Por exemplo, o outro día que vin a etapa do famoso pavés, esas estradas con lastrado que, realmente, non sei como aguantan enriba da bicicleta. Ou xa cando chegan á alta montaña, que nos deixan estampas nas que non queda outra que pensar que... os futbolistas ganan o que ganan, mentres estes esforzados da ruta botan os fígados, ou esperan con ansia esas bombonas de oxíxeno cando xa se senten afogados. Porque hai etapas de montaña que, algúns, cando chegan á meta mesmo dá un pouco de arrepío ver a forma en que chegan.

Tamén hai que ter aquilo que hai que ter cando caen e, con algo roto ou con rabuñaduras que doen ou coa cruz ás costas, seguen dálle que dálle para intentar botarlle unha man ó seu xefe de filas. É certo que teño xa mono de fútbol, pero esa hora ou hora e pico do ciclismo televisado é o mellor bálsamo, o mellor consolo que teño hoxe contra ese deporte de masas.


Finca Fierro. Sábado, 9 de xullo de 2022

 

O FÓSIL DO DÍPTERO

Volveu o afogo, o bochorno, o puto sol facendo das súas. En principio, fíxome vir pola sombra. E onde non houbo sombra... o outro día mercoume a muller unha bonita gorra branca para cubrir a miña madurez. Agora xa sei que ata os 74 anos non son vello; son maduro. Pero aínda así, con gorra ou sen gorra, pola sombra ou ó sol a suor asoma en cada poro da pel. Mesmo se fai incómodo o escribir. Porque o antebrazo dereito humedece o papel do caderno.


Pero como non me detén nada; nin o sol, nin a calor, nin a suor, nin a nugalla, sigo. E xusto á esquerda de todo desta liña, zas, atópome co fósil dun mosquito deses pequeniños. Eu, como detective privado e intelixente que son, intúo e sei seguro que, onte, ou un día destes, ó cerrar o caderno, o bichiño tivo a mala sorte de estar onde non debía. Requiescat in pace pola súa equivocación. A quen se lle ocorre meterse entre as páxinas do caderno. Ó mellor quería escribirme algo, porque apareceu de fósil nas páxinas en branco. Que me quere dicir ou que me pode dicir un mosquito? Se aínda fora aquel arado ó que lle chamabamos mosquito... igual quería avisarme de que había que ir arar o Caneiro. Pero un díptero, que pinta un dos culícidos no meu caderno. Agora que, así lle foi. Pobre.

Hai que rematar para non seguir mollando o papel ou a páxina con esta suor que escorrega por cada poro da miña pel. E seica temos uns dous millóns. Cantas pingas de suor, meu Deus!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 8 de xullo de 2022

 

viernes, 8 de julio de 2022

FURGAR NO IMPOSIBLE

Eu ben sei que algunhas veces cometo actos que non proceden. Ou que é imposible tal realización. Pero tamén é verdade que para certos asuntos non son normal. Que non é dicir que sexa, raro, non; simplemente que levo a cabo accións que ninguén entende. Eu o primeiro. Pero aínda así, dálle que dálle, volta e dálle, veña e dálle.


Resulta que o outro día quixen e estudei mil formas de meter a Perla Negra nun pendrive. Xa sabedes, un lapis da memoria deses con certa capacidade de almacenamento. O que pasa é que a Perla Negra é moito almacenamento de cristo. Como meter toda unha carabela nun aparello de nada? Mesmo alucinei co meu propio pensamento. Pero intenteino. Foi imposible, claro. Mais non desespero.


O fillo da Ludivina, a muller do Toupeiro, ou sexa, eu, non desespero nunca. Nunca. E como Toupeiro que me chaman a min tamén (O Toupeiro Pequeno), furgo e furgo na escuridade dun soño, dun imposible, pero ata que non consiga introducir a Perla Negra no pendrive non penso desistir. Aínda que me ocupe toda a vida.

Chámome en realidade Lucero Santás Pontellas e nacín nunha pobre aldea nunha casa aínda máis pobre, pero da que saíu unha mente... si, pódese dicir que esperpéntica, pero con afán de acometer imposibilidades. Imposibilidades para a maioría, que para min son tan só pequenos furúnculos ós que penso rebentar cos meus desexos e coas miñas ansias. Ó mellor mañá a Perla Negra xa está encaixada no lapis de memoria.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 7 de xullo de 2022

 

jueves, 7 de julio de 2022

CINCO DÍAS DE PASMÓN

Botei dous días seguidos pensando na forma de chegar ó lugar que quería ir. E tiven que botar outros dous pensando cal era ese lugar. Aínda sigo nas mesmas. Porque sigo sen saber a onde vou, a onde quero ir. Sei de fixo que estou sentado na carreira que leva á ponte das Cepas e ó muíño do Dositeo. Pero tamén sei que a eses sitios non quero ir. Porque aí xa fun moitas veces. Principalmente ó muíño do Dositeo. Lembro unha vez que non fun cando me mandaran ir. A nai, por castigo por algo (seguro que polas notas ou porque perdera algunha vaca), mandoume ó muíño do Dositeo cunha saqueta de millo ou centeo ás dez da noite. A esas horas, sabendo que tiña que cruzar unha carballeira e que a volta sería aínda máis noite pecha, optei por deixar a que o medo se apoderase da miña mente e fixen tempo a cabalo do burro, ó lado da estación do ferrocarril, para non ir. Ó volver á casa coa mesma carga que levara, díxenlle á nai que o Dositeo non estaba.


Agora, anos despois, moitos anos despois, levo, con este, cinco días de pasmón porque non sei a onde quero ir. Menos mal que por esta carreira practicamente xa non pasa ninguén. Non sabería que dicirlles se me preguntan. Antonte mesmo ben oín como berraban por min pola zona da estación. Mesmo intuín que me estaban a buscar polo embarcadoiro. Tamén oín as campás tocar a arrebato. Sei que era por min. Eu, nin caso. Sigo aquí, contemplando os biosbardos e pensando a onde ir. A ver se me decido axiña porque empezo a ter fame. Levo cinco días sen comer.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 6 de xullo de 2022

 

martes, 5 de julio de 2022

A RODA DA NOSTALXIA

Rematou a etapa do Tour de Francia e saín. Porque saír hai que saír. Xa empezaba a ter mono de fútbol. Xa teño mono de fútbol. Menos mal que o ciclismo chega para cubrir un pouco un recanto da miña selva. Pero quen me enlea agora con palabras de nostalxia é a “canción pra adurmiñar a lembranza” de Fuxan Os Ventos. Déixame un pouco tristeiro. Menos mal que eu axiña me animo. Non me importa pintar o tolo ou falar só. Tampouco me importa berrar desde o alto dun outeiro. Son moito de berrar desde os puntos máis altos. Un dos mellores lugares para facelo é o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Tamén podo berrar ante o túnel da Ponte das Cepas.


Desde a Ponte das Cepas penso tirarme un día ó río Arnoia, a ver se afogo. Creo que xa me tirei unha vez, pero non lembro xa que pasou. Non debeu pasar gran cousa porque aquí sigo. E iso que a altura da Ponte das Cepas ten o seu aquel. Por iso creo que tivo que ser unha caída milagreira. Para seguir aquí, contando o conto.

Logo de berrar moito, calo un pouco. Para asentar a gorxa. Para coller folgos. Por se hai que volver berrar. Nunca se sabe. Pode pasar algo gordo ou grave, e berro. Poden cruzárseme os cables, e berro. Non obstante, cando contemplo unha roda do carro que leva anos á beira da palleira vella, aí asubío. Asubío de admiración e de gozo. Porque a vexo bonita e porque penso en todos aqueles camiños que trillou, que rodou. Leva anos aí, exposta, apoiada na parede e sendo coma un recordo do tempo que xa foi. A nostalxia empreña melancolía e a melancolía pare soños. Ou recordos.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 5 de xullo de 2022

 

lunes, 4 de julio de 2022

NO CUMIO DA MADUREZ

Como cambia o asunto! Moitas veces dinme, e eu mesmo me digo, que vou vello. Porque a idade ou os actos non perdoan. Pero este mesmo periódico descubriume hoxe que os españois sitúan o inicio da vellez a partir dos 74 anos de idade. E tanto que cambia! Aínda me quedan bastantes anos para ser vello. A estas alturas, e por moito que digan que o tempo voa, once anos non pasan tan facilmente e podo sentirme, hoxe, feliz e contento. Case podo asegurar que, desta maneira, estou no cumio da madurez.


A min, por un lado, xa me parecía raro que se me empezase a catalogar de vello, mesmo que eu me considerase xa vello. Cando vexo, noto e sinto que a miña cabeza responde igual que cando andaba no monte coas vacas, ou cando xogabamos ó fútbol na Carballeira, ou cando iamos ós niños á Parrumeira, ou cando goldrabamos o río Arnoia para cruzar a Pinouzos.

Si, tamén é certo que ás veces, só ás veces, me fraquea, me mingua todo algo... que se a vista xa non é o que era, que se o oído xa hai que berrar algo, o que significa que, como non se oe ben, berro porque penso que o interlocutor está como min; que se os reflexos xa tardan en reaccionar e que se a memoria, ai a memoria! A memoria, tamén me quero enganar dicindo que como agora non trato con... pensando neses actores dos que xa non lembro o nome, porque, ó non ler tanta revista cinematográfica, pois xa non estou tan ó día. Unha escusa barata. Pero aínda así, repito: no mellor da madurez. En principio, de vello, nada, eh.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 4 de xullo de 2022