martes, 9 de agosto de 2022

O VERSO INFINITO

Subín a un recanto da nostalxia e pensei que afundía no pozo escuro do verso infinito. Porque certos poemas bambean no ir e vir do tempo. Quero, agora, agatuñar pola rima dunha corda que ata pero que noto frouxa, bastante lene. O verso infinito acocha nun sentimento que colga da varanda dun balcón. Dun balcón cheo de poesía.


Sentei na cadeira de vimieiro para notar o silencio. Ese silencio que resultou do ruído que deixou o verso infinito. Ese silencio que carga de morriña o roce, o frufrú dunha faldra azul... ou verde. Ese silencio que asenta no rímmel duns beizos vermellos. Sempre haberá silencios nas batallas platónicas dos latexos.

Contemplei as nubes brancas da miña conciencia, que como é pequena, non pesa. As nubes eran poucas e compoñían o verso infinito do ruxerruxe matemático en quendas de dez en dez. A melancolía empreña en cada unha delas, en cada nube branca que anda polo ceo dunha realidade sinfónica. Hai sinfonías que deixan certo sabor a felicidade.

Seguín o ritmo dunha canción que tan só me fixo mover os pés. Non hai como unha composición na que o verso infinito se mesture coa tinta azul (ou negra) nun conto no que as fadas bailan unha muiñeira. Non hai como troulear por entre as carballeiras dos soños. Ou acougar entre os bicos do peito da musa do poema. O verso infinito non ten fin.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 9 de agosto de 2022

 

domingo, 7 de agosto de 2022

O PASMÓN QUE PASMOU

A el coñecíano polo Pasmón, porque seica pasmaba ante calquera situación que se saíse un pouco da normalidade. El estaba agora mesmo sentado na terraza dun café e pasmando ante a chegada dunha rula mensaxeira. O pasmo debíase, claro, a que as mensaxeiras adoitan ser pombas. Esta situación saíase da normalidade; era rula.

A mensaxe colgaba da súa pata esquerda. Estaba dirixida a el, ó Pasmón. “Vou tomar o sol en roupa interior”. Non pasmou; quedou coa boca aberta. Pagou o café, ergue e botouse a correr. E correu coma nunca correra na súa vida. Correu choutando valados e cruzando regatos. Correu por rectas e atallaba nas curvas. Correu suando a chorro e correu coa lingua fóra. Correu atravesando veigas e á sombra dos piñeiros.


Axiña viu. A ela. E, O Pasmón, vaia se pasmou. Pasmou un tempo, mentres a contemplaba no medio do xardín e... en roupa interior! A el o universo fíxoselle un mundo e o mundo deu voltas coma unha buxaina. Vía aquela barriga subir e baixar a causa da respiración. Vía aquel peito que rebentaba o suxeitador. Vía como ela espallaba crema e máis crema por todo o seu corpo.

El, O Pasmón, deixou de pasmar e creu ser as mans dela espallando a crema por cada milímetro da súa pel. Mellor aínda, creu ser a propia crema. E cando a baba lle chegaba ós pés, el deu a volta e marchou coa cabeza gacha. Ela notou unha sombra que fuxía e un vermello sorriso asomou ós seus beizos.


Café O Liñar. A Valenzá. Domingo, 7 de agosto de 2022

 

sábado, 6 de agosto de 2022

UN TITULAR ESTÚPIDO

Por fin xa está aquí, xa chegou! A temporada futbolística. É certo que a Liga non empeza ata o venres, pero como pasado mañá xa temos a final da Supercopa Europea, pois xa podo dicir que, por fin, empeza o seguimento do fútbol. Si, levamos xa uns días con bastante fútbol, pero estes partidos de pretemporada non causan emoción; é máis, nin os seguimos. Creo que nin o famoso clásico de Las Vegas causou sensación. O venres, o venres é cando empeza xa a seriedade do xogo e a emoción, a algarabía, a carraxe, o nerviosismo do afeccionado.


Certo que, ó pouco tempo, axiña empezamos a esbardallar xa contra tanto fútbol e coas falcatruadas do fútbol. Porque con estas vese que tan só hai dúas varas de medir: o Real Madrid e o Barcelona. Nos programas deportivos, nos faladoiros e na prensa tan só asoman con forza ese dous clubs. E os que teñen o poder fan e desfán á súa maneira. Nin tan sequera o VAR é quen de repartir xustiza.

Ós demais afeccionados sempre nos queda o aliciente de implantar as nosas propias metas, porque as oficiais xa sabemos quen as van cruzar: os dous grandes. Si, ás veces, asoma algún club máis que lle dá emoción á Liga. Pero é raro, é algo así como de figos a béveras, de tarde en tarde. Os nosos alicientes, as nosas metas? Pois, por exemplo, que o Celta salve a categoría, ou se alcanza postos europeos xa sería como ganar a Liga de Campións. Ou que o Atlético de Madrid lle faga fronte ó bipartidismo. Ou que un equipo modestiño chegue a entrar na Liga Europa.

E pouco máis hai. Porque mesmo na procura de grandes xogadores, hai moi pouquiño para dar e tomar. Se exceptuamos a Karim Benzema, a verdade é que... Pois nin o Lewandowski ese ten iso de estrela, carisma como para decidir partidos ou Ligas. Pode decidir un ou dous, pero... Pero xa hai uns cantos anos que “a mellor Liga do mundo” é tan só un titular estúpido ou unha significación esperpéntica duns comentaristas ou periodistas que eu penso que o din máis pola vergonza aquela de recoñecer que non temos nada, que, a nosa, xa é unha Liguiña pobre, moi pobre, demasiado pobre. Tan pobre que mesmo empezamos a ver case máis partidos da Liga inglesa que da nosa propia. Non obstante, e aínda así, a vivir con tensión esta Liga que empeza! E oxalá que o Celtiña me dea esa gozada da Liga de Campións, ou sexa, entrar en Europa.


Finca Fierro. Sábado, 6 de agosto de 2022

 

viernes, 5 de agosto de 2022

MOITA CALMA

Quixen librar unha batalla contra min mesmo. Pero axiña me preguntei por que e para que. Eu, que non quero pelexar nunca con ninguén, por que vou a facelo comigo mesmo? Sei que se inicio tal batalla, podo saír mal parado ou co rabo entre as pernas. Porque repito por enésima vez: todos levamos un demo dentro. Se se manifesta o meu, pódeme deixar coa alma no papo, co rabo entre as pernas. Sabemos todos que a conciencia, cando quere, arrabuña e furga e manca e doe. Mellor non facer nada. Contra ninguén e, moito menos, contra min.


Non facendo nada, quedo quieto. Coma un paxariño no niño. O meu niño, agora mesmo, é esta terraza, esta mesa sobre a que estou escribindo e, ó mesmo tempo, debuxando e proxectando na mente unha conciencia que se durma nas ansias de loitar. Calma, moita calma. Preciso de moita calma. Se me subo á Perla Negra en alta mar, non estaría mal. Pero as ondas do mar... as ondas do mar igual me arrastran ós acantilados dos desexos imposibles e das carraxes non desexadas. Preciso moita calma. Deixar de pensar en batallas.

Deixo entón que o ruxerruxe da ansiedade se durma sobre a almofada da señardade. Así, para que rime un pouco. Para que as batallas se volvan poemas e os poemas espallen os versos por esa conciencia que, pouco a pouco, se axuste, se acomode á miña auténtica realidade: esa de vivir sen lle facer mal a ninguén. Nin a min mesmo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 4 de agosto de 2022

 

jueves, 4 de agosto de 2022

VAI SER QUE SI

Pois ó final vai ser que si; que penso nos acordes dunha canción de Leonard Cohen e que bailo claqué sobre a banda sonora de A Chorus Line. Aínda que o que soa nestes momentos sexa Melendi. Tamén penso no día que descubrín o Bolero, de Ravel; foi na película “Los unos y los otros”. Nunca asistira con tanto gozo a uns títulos de crédito finais! Quedara só na sala cinematográfica porque aquí temos a costume de non ver os títulos de crédito, cando, con eles e neles, hai todo un mundo. E non falo daqueles que ás veces son mellores que a propia película.


Pois ó final vai ser que si; que cantaruxo un tema de Sabina e que asubío, como non, unha composición de Ennio Morricone. Porque todas as composicións deste mestre son para asubiar. Ó mesmo tempo podo converterme e quero converterme en Gene Kelly bailando baixo a chuvia. Aínda que, hoxe, certo, pegan máis Os Resentidos con Fai un sol de carallo. Porque o fai. Sobre os 40 graos andaremos.

Pois ó final vai ser que si; que me rebelo, que me sublevo baixo as letras de Fuxan os Ventos e que sigo cos pés o ritmo dun Milladoiro celestial. E dentro dun cacho non quedará outra que andar pola Negra sombra de Carlos Núñez e Luz Casal. Porque segue a facer un sol de carallo. Non obstante, volve o pesado de Melendi a buscarme as beiras ou a catarme os piollos.

Pois ó final vai ser que si; que a vida é un baile nos pés, unha canción nos beizos e moitos latexos no peito. Viva a vida!


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 3 de agosto de 2022

 

martes, 2 de agosto de 2022

O RÍO QUE NON É TAN CALMO

Alguén dixo unha vez que o río Arnoia era o máis importante de España, dentro dos de menos de 100 quilómetros de lonxitude. A santa wikipedia di que ten 84,5 e, iso si, é o máis longo da provincia de Ourense. O río Arnoia, como é ben sabido por todos os que me seguen algo, pasa por Baños de Molgas. E por esta contorna xa teño contado tamén en algúns Pingas de Orballo casos de afogados neste río á finais do século XIX e principios do XX.


Que parece mentira que, sendo un río pequeno, bastante calmo e, por que non, algo inocente se cobre as súas non tan poucas vítimas. Creo recordar que nos casos que contara de afogados, algúns debéranse a caídas das cabalgaduras cando cruzaban tal río. Tamén lembro o caso dunha muller á que os veciños a salvaron no último suspiro.

O outro día atopeime cunha nova do 20 de outubro de 1934 na que uns veciños de Vide, pertencente, claro, ó concello de Baños de Molgas, saíron de pesca e un deles tivo a desgraza de caer ó río e, a pesar dos esforzos que realizaron os seus compañeiros para salvalo, non houbo maneira. En concreto eran tres veciños: Amadeo Mazaira García, de 50 anos; Teófilo Martínez López, de 19 e Manuel Amadeo Cid, de 59. O afogado foi o primeiro, Amadeo Mazaira.

Ante todo isto, non me estrañaría xa nada que me siga atopando con noticias nas que se faga constancia de máis afogamentos nese río que, a pesar da súa presunta inocencia e dos seus remansos calmos, de cando en vez quere chamar a atención... drasticamente, iso si.


Finca Fierro. Martes, 2 de agosto de 2022

 

lunes, 1 de agosto de 2022

DESDE O MONUMENTO DA FAMILIA

Eufrasio Osorio, O Mosquito, senta na cabeza do home do monumento á familia, en plena A Valenzá. Antes de nada, aclarar que o alcume do Mosquito non se debe a ese bicho traidor e covarde que se vale da escuridade para cribarnos polas noites, senón ó antigo arado de ferro. Feita a aclaración, chega a pregunta do millón: por que se empoleirou aí e a tanta altura? Simplemente para contemplar o panorama. O Mosquito é ás veces así de chulo e categórico. E, ollo ó dato, que aínda non o dixen: subiu en plena canícula. Así, de primeiras e sen esaxerar, andaremos polos 42 graos. Ó mellor só son 40, pero a estas alturas... grao arriba, grao abaixo pouco é.


Eufrasio Osorio, O Mosquito, subiu cun caderno para deixar constancia de todo o que contemplaba. Por exemplo, á súa dereita, unha terraza dun café na que non hai ninguén, e non pola calor, senón porque tal café pecha os luns. É luns. Á súa esquerda, outra terraza doutro café con catro ou cinco mesas ocupadas, á sombra (menos mal), desde as que a xente non deixa de mirar para o Mosquito. Teñen que pensar á forza que tan só a un tolo se lle ocorre apoleirarse aí, a estas horas.

Eufrasio Osorio, O Mosquito, anota que pasan coches facendo ruído co motor e coa música. Anota que pasa outro coche cunha muller que lle ensina un sorriso enorme e inmaculado, e que, ó momento, para máis aquel, o saúda con alegría. Tamén o momento preséntase a policía local e dille: “anda, baixa de aí, pasmón do carallo”. O Mosquito pechou o caderno e baixou suando.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 1 de agosto de 2022