miércoles, 31 de agosto de 2022

O COLGADO

Os primeiros en chegar foron os periodistas locais, pero non tardaron e facerlle compañía as televisións, desde as locais ata as nacionais, con algunhas autonómicas, por suposto. O asunto semellaba que daba para moita algueirada. Dun balcón colgaba un home cos brazos en cruz e atados ós barrotes. O home seica era Saturnino, o fillo da Aguillada e do Sabugueiro. O paisano xubilado que levaba a voz cantante estaba a cantarlle todo ós medios de comunicación.


Que levaba xa catro días colgado. Que iniciara a acción no balcón porque, ante as persianas medio subidas ou medio baixadas, pensou que ela estaba na casa. Aquí, o paisano xubilado baixou a voz para dar a entender que ela sería o amor del, de Saturnino, O Escalambrón. Que ela, onde realmente estaba, seica era no Caribe, de vacacións e sen intención de volver axiña, segundo a chamada que lle fixo o mesmo paisano para explicarlle o asunto.

Alguén dos medios cortou a prédica, o sermón do paisano para saber o motivo ou motivos de tal proceder do Escalambrón. O xubilado, como non, sabíao. Que pensaba botar alí colgado o tempo que fose mentres ela non lle dese un bico. Aquí volveu baixar a voz para... “enténdese que será nos beizos”. Emporiso, ela seica lle berrou por teléfono (ó paisano xubilado) que lle podía trasladar a mensaxe “ó colgado” de que xa podía apodrentar, que non pensaba darlle tal bico a tal elemento. Non obstante, e como se ve, Saturnino espera. Colgado, pero espera. Pobre, a espera semella que vai ser longa... no tempo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 31 de agosto de 2022

 

martes, 30 de agosto de 2022

TODOS PARA UN, UN PARA TODOS

E todos nós coñecemos este famoso lema dos tres mosqueteiros, esa famosa e marabillosa novela de Alejandro Dumas. Pero o que descoñecedes todos, a excepción dun fillo meu e dun servidor, é que os mosqueteiros existen na realidade e na actualidade. Como tamén existe o d’Artagnan. Os catro viven xuntos na mesma casa. No mesmo lugar: Parada de Piñor.


Xoel e este paisa que escribe levamos unha temporada que se nos deu polas andainas. E subimos moitas veces por Parada de Piñor para achegarnos ata San Bieito da Cova do Lobo. O principio colliamos a pista de Parada desde o seu inicio, pero xa hai tempo que atallamos polas rúas da aldea. Pola rúa que subimos e cara ó final axiña nos atopamos cos tres mosqueteiros e d’Artagnan.

Os tres pequenos cans saúdan cos seus ladridos desde detrás dunha cancela de ferro e d’Artagnan dando voltas polo patio, atusmando, guichando. Para min que, León (d’Artagnan) dille ó Patrás (Athos) que se coloque na esquerda, ó Faustino (Porthos) que se poña no medio e ó Lesi (Aramis) na dereita, e que se fagan anunciar. Vaia se o conseguen. Quizais porque como levo sempre a vara do Cares, que na punta leva unha protección de metal, esta mete o ruído suficiente como para anunciar a nosa presencia desde a distancia. Así é que esperan en posición e facendo uso do coro, dos seus ladridos ou ouleos. Sempre os mesmos tres ladrando e d’Artagnan á expectativa. Como xa nos gusta velos, agora sempre pasamos a propio intento por alí. E alí están todos para un e un para todos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 30 de agosto de 2022

 

lunes, 29 de agosto de 2022

A MULLER DA FOTO

O fillo da Asunción é deses que fai e non fai, que tan ben se lle dá por un movemento frenético como quedar quieto, é dicir, que a nugalla non lle deixa facer nada. Acaba de ler en algún lado sobre unha exposición de fotos moi cerca da súa casa. Optou pola opción do movemento frenético. Nun chiscar de ollo entraba na exposición. Eran fotos diversas, sen temática, mesturadas as de cabalos co mar, as de nubes con alcohólicos, as de santos con diaños. E xusto no medio da sala foi cando a viu. A foto. E a muller da foto. Quedou coma cravado no chan, co corazón petándolle tanto no peito que mesmo o mancaba. Ela, a muller, deixa ver un peito e parte do outro. O que se vía, axiña o asimilou coa inmensidade do océano, onde o bico do peito representa unha illa de esperanza e a aréola é a praia que arrodea. A cor da aréola é como a area quente que se pega á pel; e a negrura do bico do peito é como a escuridade nocturna do desexo.


No outro peito tan só alcanza a ver media mamila, pero suficiente para que o fillo da Asunción soñe co que non se ve. Sábese que o que está oculto, o que está prohibido é o que máis tenta, o que máis excita, o que máis se ansía.

Logo de pasmar ante a foto da muller, deixa que os seus ollos percorran o enorme sorriso dela e mesmo lle gusta a gorra militar que leva sobre a cabeza, e unha cadea de ouro baixando en forma de V polo seu peito. O fillo da Asunción, naquel momento, quixo ser cadea e a suor que baixa por entre os dous seos. O fillo da Asunción visitou a exposición todos os días. Perdón, visitou a foto da muller. Ou a muller da foto.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 29 de agosto de 2022

 

sábado, 27 de agosto de 2022

SEN METER AS MANS NO LUME

 

Falar unha terceira ou cuarta vez sobre os incendios sería repetirme, porque nesas tres ou catro veces penso que xa dixen todo o que tiña que dicir sobre esa eiva que está a deixar a nosa terra chea de negrura e miseria, sobre ese cabalo de batalla dos pirómanos. Pero hoxe asoman de novo a este Recuncho Hebdomadario porque, sorpresa, vou a comparalos coa Liga de Campións futbolística. Que terán que ver os allos cos bugallos? Moi sinxelo. Se para os incendios dicía que aqueles que se producían practicamente todos os anos pola mesma zona, non era por casualidade. O mesmo vale para aqueles que empezaban a causa de varios focos. Tampouco é casualidade. É dicir, provocados.


Pois tamén xa me parece que non é casualidade ningunha que ó Real Madrid, todos os anos, lle toquen equipiños practicamente descoñecidos na fase de clasificación. Sempre (ou case sempre) escapa do ou dos grupos da morte. Así é que, que non me veña ninguén dicindo que é casualidade. E seguro que se alguén o di, serán aqueles que, nos incendios, si confesan que non é casualidade que os haxa sempre no mesmo lugar. Non meto as mans no lume, pero... Pero hai sorteos que empezan a cheirar a certa manipulación. Seguro que será algunha man divina que fai bailar ás bólas ó seu antollo, ó seu capricho. Certo, xa non vive o Franco, pero a sombra de don Florentino é moi longa.


Tampouco quero meter as mans no lume sobre a guerra de Ucraína, porque son o primeiro que digo que moito non entendo, pero sempre me ronda na cabeza que motivos pode haber acochados para que, logo de seis meses de guerra, ninguén solucionara nada, que todo siga coma o principio. Perdón, peor que ó principio. Cando empezou, polo menos, falouse e acordouse e realizáronse certas medidas que, co paso do tempo, pódese dicir que quedaron en borralla, en auga de bacallau. É que xa nin se fala de buscar algunha forma de parar esta contenda, que, polo que semella, aínda ha de chover. Que siga constando que levamos xa seis meses de guerra, que non son cagallóns que se encamban, nin son moco de pavo. Mesmo os medios de comunicación xa están tamén asimilando a rutina da ignorancia. Están a seguir o dito aquel de todo cansa.


Finca Fierro. Sábado, 27 de agosto de 2022

viernes, 26 de agosto de 2022

O SOÑO E A REALIDADE

Soñei que o vento era auga, pero non che era así; que va. O vento era aire que fungaba. Agora, por certo, xa non é nada. Porque todo está en calma. A realidade e a ficción, ás veces, queren diverxer en algo, e o único que conseguen é mesturarse para que non entendamos nada. Sempre queremos que os soños sexan reais, mais a realidade, ó final e como sempre, pon a cada un no seu sitio, no seu lugar. E iso que soñar é ben bonito, pero...


Pero sigo soñando que a luz era un trono; mais tampouco era así. A luz era o lóstrego que racha o espazo en silencio. O que mete ruído é o trono. O lóstrego é coma ese latexo que zumba, que zorrega e que rebenta de ansiedade porque, neste caso, a realidade vai moito máis alá do soño. Mesmo do soño bonito. Hai lóstregos ou latexos que fan choutar moito. E non hai como o brinco que excita.

E por moito que diga, que faga e que deixe de facer e dicir, sei que seguirei soñando coa lúa en cuarto minguante facendo ruído. Non obstante, a noite amósame a lúa chea (ou vella) nun completo silencio, no que non queda outra que simular ou finxir a voz de Amaral para que o universo flote sobre min. Entre o silencio e o ruído hai un compás de espera no que non pasa nada; nin o soño é máis soño, nin tal soño se volve pesadelo. Porque a realidade é o tempo que pasa en silencio e facendo ruído. O soño é ese sorriso aberto, moi aberto e eterno, sempre eterno. A realidade tamén é o réquiem, o requiescat in pace do soño. Pobre soño. Maldita realidade.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 26 de agosto de 2022

 

jueves, 25 de agosto de 2022

A BANDA DE MÚSICA DE GUAMIL

Agora a xente dálle moita pompa, moito bombo á Panorama e á París de Noia porque arman un belén ou un desencravo nas noites de verán e, como moito, durante dúas horas. Que mérito ten iso? Non se mollan, usan tráiler, teñen todo practicamente preparado. Como se adoita dicir: chegar e encher.

Mérito era o do antes. Poño un exemplo: en pleno inverno, máis en concreto, os días 2 e 3 de febreiro de 1936, celebrando o san Brais en Piñeira Seca, lugar e parroquia de Xinzo de Limia, a banda de música de Guamil, pertencente ó concello de Baños de Molgas, actuou durante eses dous días. E segundo contan as crónicas contando con numerosos fans forasteiros. Recalcar, iso si, que a palabra fan en 1936 nin migalla do seu uso. A proba é que a RAE non a incluíu no seu dicionario ata 1984. Entón, naqueles tempos, usaban público ou concorrencia ou afluencia; e vai parando.


Baixo a batuta do “culto director”, don Manuel Pérez Outeiriño, a banda de música de Guamil seguro que estivo dálle que dálle, sopra que dálle, zumba que dálle durante dous días. E, ollo ó dato, unha banda non é unha orquestra. Os músicos desta sabemos que se quentan bastante ben a base de saltos e movementos, polo que os fríos do inverno non lles afectarán tanto como ós músicos dunha banda; aí, quietiños, sentados, como moito, seguindo o ritmo cos pés. As crónicas remataban, como non, augurándolles éxitos a moreas á banda do concello molgués. Se o público daquela época estivera agora mesmo diante da Panorama, seguro que botaría de menos á banda de música de Guamil. Aí queda iso!


Finca Fierro. Xoves, 25 de agosto de 2022

 

miércoles, 24 de agosto de 2022

RACHANDO O SILENCIO

Racho o silencio cunha acción abondo escandalosa. Non, non foi cun berro. Gústame berrar, gozo berrando; pero esta vez foi unha figura de porcelana que estaba no medio do corredor. Como me estorbaba, rachei o silencio no momento da patada que lle metín e estourou o ruído escandaloso no instante en que se esnafrou contra a parede. No chan, o ruído xa chegaba algo amortecido.

Rachei o silencio de forma escandalosa porque me deu a gana. Ás veces son así de besta e de inconsciente. Xa de rapaz andaba a esgazar o que pillase por diante coa vara de tanguer as vacas. Non se me esquecerá un día que andaba Detrás das Poulas coas vacas, nunha parcela do Trono e estudando un exame que tiña de recuperación, da materia Historia da Arte. Sabía que ese profesor, nas recuperacións, adoitaba repetir as cinco preguntas do exame orixinal ou caía a vida e obra dun pintor, nese caso, Goya.


O estudo sobre o pintor collino tan a peito que, as súas obras, asomaban na miña memoria a base de zorregadas coas que castigaba ás xestas e silvas que aparecesen no camiño da vara. Cando non me saía un título, zas, alá crebaba unha xesta cun golpe cheo de carraxe e mala uva.

Aí, nese caso, ese día, si rachei moitas veces o silencio con berros. Andaba só, polo que ninguén me oía, algún dato biográfico de Goya non saía e a forza do berro saía do meu peito. Hoxe non houbo berros, simplemente unha acción louca que pagou unha figura de porcelana.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 24 de agosto de 2022