domingo, 2 de octubre de 2022

PURO NERVIO

Quixen vir moi amodiño ó lugar no que estou... e botei a correr. Son un home moi apurado. Sempre fun un home moi apurado. De alcume xa me chaman O Apurado. Pero bautizáronme na igrexa de san Salvador de Baños de Molgas co nome de Alfonso Roxo Ruipérez. A verdade é que padezo un chisco cos apelidos porque, os máis vellos, ó saber do Roxo sempre me soltan algo da Guerra Civil, e os máis novos tamén deixan caer algo do Ruipérez. Semella que o ven algo raro. Seguro que quererían que o meu segundo apelido fose Pérez, a secas. A min dáme igual; como case non os uso. Para os descoñecidos son simplemente Alfonso e para os demais son O Apurado. Eu mesmo me presento moitas veces como O Apurado.


Non adoito usar os apelidos porque nin pido subvencións nin presento solicitudes para algo nin rabo de gaitas. Se algunha vez teño que dar os apelidos presento o carné de identidade e cada un que os tome como lle dea a gana. A miña vida transcorre tan apuradamente que non teño tempo de pensar no que meditarán os demais. E iso que máis dunha vez quero andar amodiño. Non hai maneira; son puro nervio!

Nin tomando café estou quieto. Teño que ler o xornal ou escribir parvadas parvas parviñas. Non son capaz de desconectar. Apuro os feitos e os pensamentos ata que non podo máis, ata caer esgotado sobre a almofada dos soños. Porque nesta, precisamente, é onde máis apurado me sinto. Soñar é tan bonito...


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 23 de setembro de 2022

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 23 de setembro de 2022

 

ERROS DE VULTO

A semana pasada caeron nas salas cinematográficas da nosa cidade sobre un cento de películas que nos fixeron pasar por todos os estados de ánimo habidos e por haber. E aínda que seguín tal acontecemento diariamente neste xornal coas correspondentes críticas na columna A Claqueta, quedoume un asunto que quero tratar neste Recuncho. Non fixen mención del nas críticas, máis en concreto na crítica da película que inaugurou a 27 edición do Festival, “O home e o can”, porque me pareceu tan bonita que ata quedaba feo falar do fallo que lle vin. Por certo, un fallo (sobre o mundo labrego) que xa lle vira a dúas máis e que paso a comentar.


En “O home e o can”, cando o protagonista, Manuel Manquiña, volve á aldea, a cámara amósanos as flores dunha cerdeira para darnos a entender que entraba a primavera (unha escena anterior mostrara a Manquiña arrodeado de neve), logo a imaxe da cerdeira perdeu nitidez pouco a pouco para recalcar, remarcar a Manquiña arrincando nas patacas (por certo, boas patacas). Ó ver isto sorrín e comenteillo á muller: mira, arrincando as patacas na primavera, xusto na etapa, na estación na que se sementan, non na que se arrincan. Adoitamos a arrincalas no mes de agosto, incluso ás veces no setembro, pero nunca no marzo ou abril.

Cando vira, creo que fora, “Divinas palabras”, de José Luis García Sánchez, con Ana Belén e Francisco Rabal, tamén había unha escena na que andaban a cavar nas patacas. Pois ben, alí sachaban e sachaban no mesmo pé de patacas e non avanzaban un carallo.


Non obstante, a máis estrambótica escena labrega que vin nunha película foi en “Romasanta, la caza de la bestia”, de Paco Plaza, na que tamén hai un momento no que se ve como uns cantos labregos andan na seitura... con gadañas! Onde se viu outra!


Son erros que case se pode dicir que están á orde do día en moitas películas, o que pasa é que hai erros e erros nos que o especialista correspondente debería de estar un chisquiño máis atento. Así vemos reloxos en películas de romanos, vasos que tan ben están cheos como practicamente baleiros, reloxos de paredes que marcan sempre a mesma hora aínda que a cámara bote alí minutos e máis minutos.


Finca Fierro. Sábado, 1 de outubro de 2022

 

viernes, 30 de septiembre de 2022

TIRAR DO CARRO

Tirei con forza do carro. E tirei eu só. Porque, aquí, como non tire eu, non hai quen o faga. E agora menos, que xa non hai xugadas de vacas. A maiores de que vivimos nun país cheo de nugalláns. Moito bar, moita parola e polo demais, a ver quen tira do carro! Por certo, agora mesmo o café está rico de carallo. Si, estou no bar, pero eu traballo. Ou polo menos digo que traballo.

Menos mal que o carro tan só está cargado con herba, con herba seca, que non é que pese moito, pero... Pero é un bo carro. Poucos hai que carguen coma min. Mentres o terreo sexa liso ou chan, pois o típico: todo sobre rodas. O peor será cando chegue á vila de Baños de Molgas e colla a rúa que me leva á miña casa, alá no barrio da Igrexa. Toda ela é subida, en costa. Por vergonza e por chulería non penso pedirlle axuda ós veciños. Seguro que están todos nos bares. Repito: moita nugalla de Cristo.


Xa cruzando a presa da Porfía me custou bastante. O leito do río Arnoia, aí, é moi irregular. As forzas miñas son as que son. Aínda así, conseguino. A proba é que xa vou pola Pitediña, onde, aí si, dá gusto ver rodar o carro. Tamén grazas ás miñas forzas, claro. Porque son o único que tiro del.

Non me importa ser o único en moitas cousas. Mesmo o desexo a maioría das veces. Si, por presumir, e que? Ademais, aquí podo dicir aquilo de mellor só que mal acompañado. Agora, cando chegue a Baños de Molgas e por moita chulería que teña enriba, sei seguro que botarei de menos unha boa xugada de vacas. Ó entrar na Cagalla tomo un descanso e... alá vou, a tirar con forza do carro. Eu só.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 22 de setembro de 2022

 

miércoles, 21 de septiembre de 2022

O ACUBILLO DO COVARDE

A mentira é o refuxio, o acubillo do covarde. Así de claro. Así de simple. Así de sinxelo. De cando en vez gústame soltar estas sentenzas. Podo ser medio pampo pero non parvo enteiro. Díxolle Luciano á súa amiga Garbajosa. A esta todos lle chaman Garbi, porque seica semella algo máis feminino. Pero Luciano é moito Luciano e non anda con chafalladas. Descobre as mentiras envoltas en feixes de palla. Ou de ferraia. Algunhas veces é a súa amiga Garbajosa a que lle descobre aquelas que están envoltas en feixes de hipocrisía. Ou de finximento.


Luciano e Garbajosa sempre se levaron ben. Desde nenos. Non teñen segredos. E descobren os de outros. Nada, tan só para poñerse ó día. Cando cansan de resolver certas mentiras, bótanse a rir. Rin moito. Ó Luciano chámanlle O Showman e a Garbajosa tan só Garbi, non vaia ser que se enfurruñe. Certo que os que non queren ben a Luciano (uns cantos) noméano como O Pallaso. El, por aquilo da profesión do alcume, ri. E ri moito para darlle na cara ós que o insultan. Xa digo que Luciano é moito Luciano.

A mentira é o acubillo do covarde porque, este, non sabe ir coa verdade por diante. Co sinxelo e bonito que é ser auténticos, veraces. Por iso a amizade de Luciano e Garbajosa é tan eterna. Desde os tempos da infancia. Nunca menten entre si. Adícanse máis ben a descubrir as mentiras, os embustes, as trolas doutros. Despois bótanse a rir. Porque imaxinan que o mentirán non se sabe descuberto, que está convencido das súas mentiras. Pobre.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 20 de setembro de 2022

 

martes, 20 de septiembre de 2022

DURO COMA UN PENEDO

Deitei sobre unha gavela de toxos e non sentín dor. Son duro coma un penedo. E teño a pel negra. Negra do sol e do vento, non da negrura africana. Case digo a de Vinicius, pero non está o tamborileiro para gaitas. Na gavela dos toxos eu mesmo facía máis forza para calcarme nela e as espiñas, en vez de atravesarme a pel, rachaban, partían. Duro coma un bloque de cemento. Sei que hai xente que se tira ós toxos. Para “pincharse”. A ver se nos entendemos.


Sempre fun moi botado para adiante. O outro día metín a man nun niño desas avespas que veñen do quinto inferno, as velutinas esas, e fuxiron. Tivéronme medo. E ós quince minutos xustos chanteime diante dunha manda de xabarís e non sabería dicir cal era o que máis corría. Xa de rapaz me puxera unha vez diante do lobo cando me quería levar a única ovella que tiña e non o deixei, claro. Calquera lla deixaba levar! Como para chegarlle a nai á casa sen a ovella! Era ben mellor que me comera o lobo. Pero nin me comeu o lobo nin levou a ovella. Como se adoita dicir: liscou co rabo entre as pernas.

Eu medo só teño a afogar no mar. Porque o mar é moi grande e, para máis carallos, non sei nadar. Por que pensades que uso tanto a Perla Negra? Porque non son parvo e con ela aboio e navego. Sei que o medo é libre, mais eu, quitando o afogamento, non lle teño medo a nada. Nin á nostalxia e tristura da negra sombra que cantan e tocan agora mesmo Luz Casal e Carlos Núñez. O medo é libre, pero eu tírome e déitome nos toxos porque me dá a gana. Porque nos lles teño medo. Porque son duro coma un penedo.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 19 de setembro de 2022

 

lunes, 19 de septiembre de 2022

ACCIDENTES AGRÍCOLAS

Os grandes accidentes agrícolas, hoxe en día, adoitan ser os dos tractores e os da corta de leña. Antigamente non había tractores. O vehículo por antonomasia dos tempos antergos era o carro. E si, o carro tamén producía accidentes. E graves, que parece mentira, pero... Como que lle aconteceu a Felicidad Quintas, de 63 anos, e veciña da parroquia de San Estevo de Ambía, no concello de Baños de Molgas, alá polos primeiros días do mes de novembro de 1954. Levando o carro por unha pendente moi pronunciada, a muller sufriu unha caída e unha das rodas pasoulle por enriba dunha cadeira, polo que tivo que ingresar no sanatorio de Ourense. Menos mal que ó final o golpe tan só lle causou feridas de prognóstico reservado.


E a miña nai sempre me contou a vez que rompera os dous pulsos ó ter que agarrar do carro no lugar da Parrumeira, no monte de Pinouzos. O sitio polo que pasaba o carro da herba seca procedente do lameiro do Río Vello eran tan pronunciado, lateralmente, ou máis coma o da señora de Ambía. Para que os carros non ganaran a volta había que agarrarse ó sedeño pola parte de arriba, claro, para facerlle algo de contrapeso e así evitar tal envorcadura. Pero as forciñas da miña nai (como as miñas, que para iso somos do mesmo sangue e a mesma raza) eran o que eran, polo que o carro deu a volta e ela, no esforzo, axiña notou como os dous pulsos facían crac. Aquel lugar padecino ben (con carros de herba seca e con carros de toxos) e sempre lle tiven medo. Agora xa hai pista asfaltada é a esas zonas de Pinouzos xa se vai por outra carrilleira; pero antes... antes eran outros tempos.


Café Kibu. A Valenzá. Domingo, 18 de setembro de 2022

 

sábado, 17 de septiembre de 2022

O ATLÉTICO PRECISA UN CAMBIO

A xente xa empeza a estar farta de toda a trangallada que se está a desenvolver sobre a morte e enterro da raíña británica. Bota as mans á cabeza sobre esas colas e sobre ese tempo (algúns máis de 30 horas) para visitar a cámara mortuoria de Isabel II. A esa xente non se lles dá por pensar que nós, non hai moito, fixemos o mesmo ante o Caudillo e Xeneralísimo Franco. E iso que era un ditador. Pero claro, xa sabedes iso de a palla no ollo alleo.


Non obstante, esa xente ten algo de razón. Eu mesmo xa nin recordo cando morreu e, a condenada, aínda anda por aquí. E como tamén estou xa algo farto, dou fin aquí a esta trapallada e... a outro asunto, por exemplo, o fútbol.

Falar de fútbol no noso país é falar sempre do mesmo, ou sexa, do Real Madrid ou do Barcelona (aínda que hoxe quen se leva a palma é Luis Enrique). Hoxe vou cambiar, xa que tamén empezo a estar farto do binomio futbolístico. Hoxe tócalle ó Atlético de Madrid, máis en concreto ó seu adestrador Diego Simeone. Ninguén lle vai quitar mérito a este home que levou ó equipo colchoeiro ós seus maiores éxitos. Pero, sinceramente, e baixo a miña humilde opinión, o Atlético de Madrid necesita un cambio. Porque tanto o ano pasado coma este ano, e tendo o cadro de xogadores que ten, ninguén se explica como non arrasou na Liga española nin como non conquistou a Liga de Campións. O outro día ante unha imaxe dun partido seu e vendo os xogadores que tiña de suplentes, foi cando pensei que necesitaba un cambio.


Os cambios, en España, sexan políticos, económicos, sociais, deportivos... son malos de realizar porque, no caso do fútbol, os directivos, líbreme Deus!, non van dimitir, e tampouco mandas ó paro a once xogadores, polo que, o de sempre, quen as paga é o adestrador. Simeone é un gran adestrador, para o Atlético é un Deus, pero, hoxe en día, tendo os xogadores que ten, non pode practicar ese fútbol co que nin a un modesto o consegue vencer con fulgura, con amplitude. Non son afeccionado do equipo madrileño, pero si me dá carraxe que ande polos campos europeos como alma en pena. E co cadro de xogadores que ten!

Para rematar, que Luis Enrique lle dea as grazas á falta de espazo, que tiña bastante metralla para lanzarlle. Só dicir que é moi listo: leva a parvularios que nunca se lle subirán á chepa.


Finca Fierro. Sábado, 17 de setembro de 2022