lunes, 31 de octubre de 2022

A QUEIMALOS!

A xente ás veces non regula ben, ou o que é o mesmo, que barrena un pouco. Hai persoas que se tiran ós toxos, outras que bailan unha polca diante dun escornabois, algunhas máis botando a cambadela ou poñendo atrancos, e moitas ás que lles chove na cabeza. Estes días, aquí, chove moito. Pero en Brasil aínda chove máis. A proba está en que o deputado Bibo Nunes non se andou con lerias, con voltas ó declarar que os estudantes universitarios que apoiaran a Lula da Silva merecían a fogueira. Así o dixo, sen reparo ningún. Agora mesmo Brasil estará ardendo: como ganou Lula as eleccións...


E non sei se non sería por telepatía ou porque son da mesma ralea (confirmo que son da mesma ralea), un presentador dunha televisión rusa tamén pediu ante as cámaras que se lanzaran ós ríos ou que se queimaran (de aí a telepatía da fogueira brasileira) ós nenos ucraínos. Este, por certo, moito peor que o deputado brasileiro. Dentro do malo, Bibo Nunes falaba de mozos, mentres que o ruso facíao de nenos, ou sexa, máis inocentes. Se ó brasileiro lle chove, ós ruso arróialle, dilúvialle.

Aínda que os españois non somos moito máis honrados que eses dous personaxes esperpénticos; xa que non hai moito tempo liberaron a trece chinos escravizados nunha nave sevillana. Escravizados! En pleno século XXI. E seguro que non tardarían tamén en botalos á fogueira. A alma humana vese que está podre en todos os lugares do mundo. Podrecerá a causa de tanta chuvia, de tanto que lles chove.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 31 de outubro de 2022

 

domingo, 30 de octubre de 2022

CHOVE SOBRE O GUERREIRO

Chove. Boa falta fai. Leva todo o día chovendo. Quieto parado! Aí xa cansa, xa aburre, xa molesta. Non deixa facer nada. Pero, que raio, que siga chovendo.

Chove sobre a conciencia... dos que a teñen. Que seremos poucos. Si, métome nese plural. Porque sempre a tiven. A ver, se non teño eu conciencia, quen a vai ter? Tamén chove sobre os que non a teñen... que sodes moitos. Moitos.


Chove sobre as ventás dos faiados ou das bufardas e sobre os coches vermellos. Hai coches vermellos que estarán nos garaxes, pero xa choverá, xa. Porque vai seguir chovendo. Non sei se hoxe, se mañá, pero durante todo inverno algún ou algúns días caerá. Deica agora tivemos seca, mais xa caerá sobre nós o diluvio universal. Oxalá! Merecemos afogar.

Estou guerreiro hoxe. Será porque chove. E aínda que desexaba que chovese, xa estou de chuvia ata... E aínda que desexo o gran diluvio, a gran chea non quero afogar. Porque non quero morrer.

Chove sobre a muller do vestido azul e sobre o ruxerruxe do ruído. Tamén chove sobre os silencios e sobre o bambán dos recordos. Os recordos van e veñen impulsados polo aire do tempo. Chove sobre a folla do carballo e sobre a páxina en branco dun caderno cuadriculado.

Chove na noite escura na que se afogan os soños... e certas conciencias. Chove sobre o guerreiro que batalla contra si mesmo.


Bar Paco. O Vinteún – Ourense. Venres, 28 de outubro de 2022

 

DEBERÍAN SER COMA BÚNKERES

Uns rapaces comentan que o muro que se derrubou o outro día no instituto Julio Prieto Nespereira e que matou a un neno tiña certas deficiencias. Os bombeiros sinalan o contrario e que algo o derrubou desde o lado das duchas. É igual; aínda que todos os alumnos do Sexto Instituto empurraran nese muro, este nunca debería virse abaixo. Nunca. E se se derrubou –como así o fixo-, é porque aí si había deficiencias. Nun recinto deses no que existen tantas vidas en xogo, nunca na vida se deberían dar eses accidentes. Por certo, a este non o considero accidente. Aí houbo neglixencia. Polo que acabo de dicir: porque ese muro tivo un fallo moi grande, con empurrón e sen empurrón; simplemente que se veu abaixo e matou a un neno. E nun colexio non pode pasar iso.


É máis, todos aqueles recintos ou lugares nos que hai moita concentración de xente, chámense colexios, chámense pavillóns, chámense hospitais ou auditorios ou cines ou teatros deberían ser auténticos búnkeres. Porque se pasa algo, a catástrofe pode ser demasiado numerosa. Pois semella que é todo ó revés. Fixádevos nun temporal, por exemplo; cales son os máis castigados? Os colexios e polideportivos. Ou sexa, onde hai moita concentración de xente, principalmente nenos. O motivo? Que esas obras fanse como se fan. Quen as manda facer? A Xunta.

A Xunta é a máxima responsable do acaecido (négome a chamarlle accidente) no Sexto. Porque os colexios dependen da Xunta. Porque as instalacións deses recintos, repito, coma búnkeres. Pero non; un simple muro (de ladrillo) que, se de verdade se veu abaixo porque alguén o empurrou, pois vaia muro do carallo!

Case podo asegurar que non tardarán días en botarse as culpas uns ós outros; que se o colexio arre, que se a Xunta xo, que se os nenos son uns cafres, que se o construtor lle escapou ós materiais, que poida que si, pero seguiría sendo culpa da Xunta por non andar con cen ollos. E mentres se lavan as mans uns e outros, a seguir rezando para que unha aula non se afunda ou para que a bancada dalgún pavillón non se veña abaixo.


Finca Fierro. Sábado, 29 de outubro de 2022

 

viernes, 28 de octubre de 2022

O CHIFRE DE SABUGUEIRO

El sentou moi cerca do balcón dela. Deixou que o tempo pasase devagariño. Porque as présas non conseguen pasar ou adiantar case nunca ás esperanzas. Contemplou o ir e vir da xente, dos coches e mesmo do aire que, de cando en vez, fungaba e facía remuíños. Nun momento dado, el sacou un chifre de sabugueiro que levaba sempre consigo, de cando o tempo xa se perdía na memoria. Asubiou. Asubiou por ela, se entende. O asubío rachou o ruído dos vehículos que pasaban e do vento que fungaba.


Ela non asomou. El, de cando en cando, seguía a asubiar por ela. Tras cada asubío o silencio sentaba á súa beira e, este, de esguello vía a señardade brillando nos ollos del. El xogaba co subiote. Ela non asomaba. As nubes negras pasaban. O aire fungaba. A calma xa non era tan mansa.

El cambiou de sitio e de postura. Achegouse máis ó balcón. De pé volveu meter o chifre de sabugueiro na boca. Asubiou. Viu movemento nunhas cortinas. Volveu chifrar con máis forza. En cada asubío, o silencio. En cada silencio, o desespero. El empezou a pensar que todo era unha quimera, unha ilusión, que tal espera podía dar paso a unha misa de réquiem. El díxose que asubiaría por última vez. Asubiou e meteu o chifre no peto do pantalón.

Ela asomou. Sorrindo. As nubes pasaron e o ceo quedou azul. Os latexos del alzáronse sobre o ruído. O ceo seguía de cor azul. El colleu o chifre de sabugueiro e lanzou as notas do son do silencio, de Simon & Garfunkel. Ela sorriu. El sorriu e marchou detrás do aire que fungaba.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 27 de outubro de 2022

 

jueves, 27 de octubre de 2022

PERIGO NAS FEIRAS

Antigamente moitas veces ir ás feiras tiña o seu perigo, a súa aventura, o seu aquel. No meu caso era ir á feira de Maceda, que distaba cinco quilómetros de Baños de Molgas. Polo camiño, ou ben se escapaba unha vaca ou becerro, ou ben eran algúns porquiños que se separaban da manda e cada un tiraba por onde lle daba a gana, por cada cada camiño ou carreiro que houbese pola Follateira.


Tamén había cousas peores, moito peores. Como o que lle aconteceu na feira do 4 de decembro de 1962 a Antonio Carnero Blanco, de 39 anos e veciño de Meamán, Baños de Molgas, que se lle achegaron catro homes de raza xitana coa intención de cambiarlle unha burra por outra. Non aceptando Antonio o trato, os xitanos aproveitaron un despiste deste e marcaron o animal coma se o compraran. Naqueles tempos, marcar un animal ou chocar as mans era lei de Deus; era o mellor notario que existía.

Antonio Carnero non se engurrou, non se achandou e pasou o que tiña que pasar: que das palabras pasaron ós empurróns, é dicir, loita nun nadiña. Ó final resultou que a vítima acabou con feridas leves, pero non así José Ramón Carrero Blanco, de 26 anos e irmán de Antonio, que tamén se metera na refrega (lóxico, era seu irmán), e ó que lle deron cun cantazo na cabeza que lle causou unha boa ferida, algo así como uns cinco centímetros de longo, segundo contan as crónicas. Cando chegou a garda civil os xitanos xa lle deran sebo ós pés, xa marcharan coma o peido do cu.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 26 de outubro de 2022

 

martes, 25 de octubre de 2022

A VIDA É MOVEMENTO

Estudei a posibilidade de non moverme do sitio, pero non procedía. Quería bailar ó compás do universo e berrar ata esgazar a gorxa. Así é que me movín. E subín ó outeiro máis alto para berrar con dirección ós catro puntos cardinais: polo que fun, polo que son, polo que serei e por estar no lugar. O baile sería eterno; coma o universo.


Tiven que moverme de novo para baixar do outeiro. Fíxeno ás boleiradas. Para chegar máis rápido ó caixón dos recordos ou ó regato dos pensamentos. Porque nunca me importou mollarme. Teño todo o tempo do mundo para secar. En movemento ou parado. En movemento seco a ritmos musicais e parado fágoo baixo o bater de ás da rula que me rolda.

Sigo a moverme. Chouto de planeta a planeta e de estrela a estrela. Sinto como levito por entre os meteoritos do silencio e baixo a brillante luz dos cometas do universo. Cando deixo de pensar en quimeras afogo as penas polos parágrafos dunha novela. Agora cada quen que pense ou que faga o que queira. Eu sigo a bailar ó compás dos latexos.

E bailo baixo a luz da lúa vella. E berro desde os faiados que dan para o leste. E corro tras as ansias do desexo. E procedo a non quedar nunca quieto. Porque a vida é movemento. E o movemento é un ir e vir, un bambeo de adrenalina que fai inchar as veas. E as veas amosan todos os devezos ou os folgos que se levan dentro. Agora cada quen que asuma esta lenda, este invento.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 25 de outubro de 2022

Finca Fierro. Martes, 25 de outubro de 2022

 

domingo, 23 de octubre de 2022

SON UN BENDITO!

De camiño ó café estudei a posibilidade de cantarlle as corenta a alguén. Pero resulta que saíra da casa sen a baralla. Non obstante, no medio do atallo, díxenme que... malo será! E, efectivamente, empecei a esbardallar ou latricar contra todos os que se me puñan por diante. Menos mal que a maioría tan só se cruzaban comigo, é dicir, que cando me vían, e para non chocar, apartaban eles e arredaba eu. Unha cousa é baduar con palabras e outra engancharnos fisicamente.


Aínda que os hai que merecen moito máis que unha rifa, mesmo, sen abusar do abuso (perdoade a redundancia), unha pequena labazada (ou unhas cantas, pero só como caricias) non lles sentaría nada mal. Como se adoita dicir: as cousas claras e o chocolate espeso. Emporiso, tampouco son eu de botar man da forza física. Pola sinxela razón de que son pouquiña cousa e sairía sempre perdendo. Sempre.

Mentres que, iso si, esbardallando ou laretando son do que non hai. A cantar máis palabras groseiras máis alzo a voz, ou sexa, máis berros. A berrar non hai quen me gane. Imaxinade se berro desde o alto dun outeiro. E as bocaladas, blasfemias ou grosarías... estas, xa sabedes, son coma aqueles famosos pecados veniais que o cura nos perdoaba cun Noso Pai e tres Ave Marías, que nunca rezabamos, claro. Digo que por moito que esbardalle, que blasfeme penso que son un bendito. Digo, non o sei.


Café O Liñar. A Valenzá. Venres, 21 de outubro de 2022