jueves, 1 de diciembre de 2022

ROUBO NUN FUMEIRO

Case seguro que durante uns días non se falaría doutra cousa. Pero un servidor, aínda sen cumprir os seis anos, non se decataría de nada. Ou aínda que oíse aqueles días algo, o paso do tempo foi como unha trituradora que mandou ese suceso ó limbo do esquecemento. O que aconteceu a principios de febreiro de 1965 foi un roubo en Baños de Molgas de carne, chourizos e mesmo unha burriña.


Os veciños molgueses Manuel Rodríguez Villar e Darío Fernández Formoso, de 31 e 56 anos respectivamente, denunciaron ante a Garda Civil tales feitos. Estes leváronse a cabo nunha cociña provisional, ou sexa, nun fumeiro, que estaba pegado a unha casa en construción. Para elo, o ladrón tivo que practicar un buraco e por aí arramplou co que puido. Segundo as crónicas da época, o valor do adquirido consistiu nunhas 2.000 pesetas en carne e chourizos e 1.500 o que custaría a burra.

Menos mal que o subtraído non durou moito nas mans do garduño. Exactamente, vinte e catro horas. Porque os veciños de Moreiras, unha aldea de Xinzo de Limia, ó ver a burra cargada con dous grandes sacos, desconfiaron do paisano e, por medio do alcalde pedáneo, axiña lle deron conta á Garda Civil da vila da Antela. O malandrín quixo darlle sebo os pés; como se a Benemérita fora parva.

A min o que me asombra de toda a crónica é a sagacidade deses veciños de Moreiras. Que lle verían ó individuo para que lles dera mala espiña? Porque un burro cargado neses anos haberíaos a moreas. Ó mellor viron a acción ou a desconfianza reflectida nos ollos do ladrón. Ó mellor.


Café O Chicote. A Valenzá. Martes, 29 de novembro de 2022

 

lunes, 28 de noviembre de 2022

ENDEXAMAIS

Sempre lle hai que facer caso ós profesores. Porque son os que saben. Eu voulle facer caso ó profesor Alfonso Vázquez-Monxardín. Endexamais volverei usar a expresión nunca máis. A non ser que o alzhéimer faga das súas. Pero, en principio, endexamais voarei sen ás. Porque a última vez que o fixen levei o bo trompazo. Endexamais pecharei os ollos para non sentir pesadelos; con eles abertos é bonito soñar esperto. Endexamais quedarei de pasmón contemplando a luz da lúa vella, cando podo moi ben subir ó faiado, poñer o traxe de astronauta e despegar ata ela.


Endexamais semella que é unha negativa moito máis nosa. E todo o que é noso debemos ter a obriga de usalo. Endexamais asomará polos meus escritos un nunca máis petroleiro. Endexamais direi desta auga non beberei, cando sei perfectamente que, ó ser auga, bebo da que sexa. Se mesmo cheguei a beber daquela auga que corría pola rodeira dun carro. Cando a sede é moita, a cabeciña pouca e a infancia foi o que foi, adoitábanse facer cousas desas. E non morrín. Nin tan sequera collín unha cisca.

Endexamais cruzarei o Atlántico se non é subido á Perla Negra. A nado non, que afogo. Endexamais deixarei de escoitar bandas sonoras ou calquera música que asome ou que choute ó aire. Endexamais deixarei caer sobre un papel en branco ruxerruxes sen fundamento, nin deixarei que as palabras se bambeen sobre unha realidade hipócrita, ficticia, falsa. Endexamais.


Finca Fierro. Luns, 28 de novembro de 2022

 

sábado, 26 de noviembre de 2022

MUNDO ANANO

O mundo é moi pequeno. É tan pequeno que, para nós, tan só comprende Europa e Estados Unidos. E de Europa, máis ben a Europa Occidental, que a do Este, se quitamos Rusia, todo o demais é borralla. É algo triste que todos os medios de comunicación se consagren tan só ós do gran poder económico. Era o que dicía xa a semana pasada sobre a celebración do Mundial de fútbol en Qatar: que poderoso cabaleiro é don diñeiro. Os países pobres están moi ben onde están, que así serven para o escarnio e a explotación dos ricos.


Vén todo iso a conto porque, ultimamente, estou vendo moito cine independente, moito cine de algúns países que moitos de nós nin sabemos que existen. E as películas penso que son as mellores leccións de historia que hai hoxe. Certo que algúns filmes quizais esaxeran un pouco ou que deixan que a ficción vaia algo máis alá da realidade. Pero creo que o fondo, o quid da realidade de tal ou cal país amósano todas sempre algo. E así, en algunhas, pois vexo, por exemplo, conflitos bélicos que non temos nin idea de que existían. Ou a corrupción de certos Gobernos. Ou o maltrato ou a falta de dereitos humanos ou as explotacións en varios países.

Todo iso, a prensa, a televisión non adoita reflectilo porque, repito, só conviven no planeta Terra Europa e Estados Unidos. E as películas, pobres, a ver que cadea do noso país se atreve a proxectar cine independente, cine africano ou asiático ou latinoamericano. Moi de cando en vez La 2 emite algunha, pero esa canle, e por moito que digamos todos que é a mellor, case ninguén a ve. As demais van ó negocio: cine ianqui e de acción.

Europa e Estados Unidos. Varios países de África están en guerra, pero que máis dá, se nin tan sequera sabemos situar onde están Somalia ou Sudán do Sur ou Chad. Aquí chéganos ben coa guerra ruso-ucraína que, por certo, xa ninguén se acorda dela e a pesar de que aínda está aí.

Somos de punto de mira fixo. O que nos metan polos ollos; e todo o demais non existe. Mesmo no fútbol temos o exemplo: Real Madrid e Barcelona, que o Elxe ou o Xetafe xa nin sabemos se están en primeira ou segunda división. É igual, non se está nada mal vivindo neste mundo anano.


Finca Fierro. Sábado, 26 de novembro de 2022

 

viernes, 25 de noviembre de 2022

DE GANCHETE

Case sempre confundo o termo ir por volver. Hai unha diferenza abismal, insondable. Coma do branco ó negro, do día á noite ou da luz á escuridade. Aínda que se o penso fría ou profundamente, a disparidade non é tal. Porque se vou, teño que volver. Non queda outro remedio. Xa sabedes aquilo de que todo o que entra, sae.

Moitas veces o que parece imposible é posible. Si, máis seguro que teña que dar unha morea de voltas, pero a recompensa estará aí, ó final. A meta á que nunca pensei chegar. Pero vai se o fixen; aínda que botase os folgos. Que os botei.


Se vou, veño. Se marcho, volvo. Se entro, saio. Se escribo, poño punto final. Ó final, claro. Agora acabo de poñer punto e seguido porque sigo. Sigo filosofando sobre termos contrarios ou imposibles que rematan sobre a realidade auténtica, certa, verídica, real. Sigo analizando que entre a cor branca ou a negra hai outras cores; por exemplo, as sete do arco da vella. Que entre o día e a noite está o luscofusco, a bocanoite, a noitiña. Que entre a luz e a escuridade está a penumbra.

Fría e profundamente non existen diferenzas ou contradicións. Ó final todo é máis sinxelo do que se pensa. Somos nós os que lle queremos poñer atrancos a todo o que nos arrodea. Co fácil que é coller de ganchete calquera termo e pasear con el polos proles e os contras da nosa existencia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 25 de novembro de 2022

 

jueves, 24 de noviembre de 2022

DE SACHO E FOUCIÑO

Saín coma un foguete a facer os meus recados. Os meus recados case só consisten en tomar café e escribir... polas tardes. Polas mañás sería tomar café e ler os periódicos. En ocasións, tanto pola mañá como pola tarde, igual toca algo de compra; algo no supermercado, algo nunha tenda, algo en calquera outro negocio. E saín coma un lóstrego porque hai que volver axiña para a casa. Para ver o fútbol. Porque andamos co Mundial a voltas.

Tamén é certo que, aínda que non tivera que volver axiña, sempre saio ás carreiras. Xa teño explicado aquí que, a min, a casa, coma que non, coma que pode virse abaixo, coma que pode caer e esmagarme. Mellor estar fóra. Aínda que, ó estar fóra, logo queira volver; pero non para meterme na casa, senón para saír de novo cun libro e dedicarme ó meu gran vicio; se á lectura se lle pode chamar vicio.


Con présas ou sen présas, sempre teño que estar en continuo movemento. Mesmo cando estou sentado, como agora mesmo, que non me chega con tomar o café tranquilo, con pachorra, con parsimonia. Non, que me aburro. Mellor entón coller o bolígrafo e matar o tempo escribindo. Si, xa sei que agora a xente mata o tempo co móbil. Pero eu... eu son da vella escola, máis ou menos do neolítico. Xa no trato, na forma de usar o móbil se nota que son de sacho e fouciño. Os propios fillos mo din: como lle dás así ó teclado? Que queredes; ou obedece ou racha.

Saín coma unha chispa e volvo xa a paso de cadela.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 24 de novembro de 2022

 

miércoles, 23 de noviembre de 2022

DEMASIADA NEGRURA

O xinete vestía de cor negra, cabalgaba sobre un cabalo negro e á súa beira camiñaba ou máis ben trotaba un can negro. Estaban atravesando unha chaira completamente negra a causa dun incendio de dous meses atrás. O pistoleiro chamáballe Negro ó can e Branco ó seu cabalo. Era galego e sabía usar a retranca. Ó mellor era polo que lle chamaban O Retrancas. Ninguén sabía o seu auténtico nome.


A negra e estraña (ou orixinal) comitiva estaba a piques de entrar na localidade de Río Negro. O galego soubo que se chamaba desa maneira porque así o anunciaba unha táboa colgada dun traveseiro que cruzaba a carreira que se metía no pobo. E aínda que pareza de risa, sobre tal travesa pousaban uns cantos corvos negros.

Foi entrar no saloon da localidade (o home e o can, que o cabalo quedou fóra) cando non tardaron en buscarlle as voltas ou catarlle os piollos. Que se de onde viña, que que buscaba, que tumba que dálle, que dálle que vai. E foron, por suposto, ó enfrontamento, ó duelo. E iso que el ben que lles anunciou que a morte tamén era negra. Non atenderon a razóns. Non quedou outra que o can se encargase dun e o revólver do pistoleiro (con cachas negras) dos outros tres. Tiña razón el: a morte era negra.

Logo dese instante negro, non esperaron a que chegase o shériff; marcharon baixo un ceo negro e cruzaron o Mississippi na Perla Negra.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 23 de novembro de 2022

 

martes, 22 de noviembre de 2022

SOBRE O COLCHÓN DOS ANHELOS

El subiu á Perla Negra e navegou ata alcanzar a lúa vella. Colleuna e presentoulla en bandexa de prata a ela. Ela emocionouse tanto que lle colleu a el unha man. Para el foi coma un lategazo, como unha sacudida. A ela, o sufoco facíalle subir e baixar o peito. A el, o acoramento era o causante de que o seu corazón bombease de présa e con forza. Hai momentos nos que é bonito que se deteña o tempo. E que o silencio acabe amortecendo ou debilitando o sufoco dela e o abafamento del.


Sentaron un á beira do outro. Ela mirando para o chan e el alzando a ollada cara ó ceo. O silencio era tal que se oían os suspiros, as ansias, os desexos. O ruído destes rachaba ese silencio compartido. El mirouna de esguello. A ela treméronlle os beizos. Os saloucos brotaron do peito del. A cor vermella da cara dela foi en aumento. E ningún foi capaz de frear os movementos. O único que se detivo foi o tempo.

Abrazáronse e iniciaron un bico profundo, intenso e eterno. Deitaron no colchón dos anhelos. Ela regou cos seus fluídos todo o desexo del e el sementou os latexos de tal devezo no máis profundo do océano dela. Despois, bastante tempo despois, os dous subiron á Perla Negra. A navegación foi constante e fluída e calmada e eterna por un mar en calma no que tan só se arrolaba esa felicidade que sentían moi dentro. Ela (ós poucos) amosaba un enorme sorriso. El (sempre) rosmaba e asubiaba a canción daquel encontro.


Café O Chicote. A Valenzá. Martes, 22 de novembro de 2022